Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 25 de maio de 2021 Páx. 25793

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 22 de abril de 2021 pola que se aproba e publica o acordo sobre un réxime transitorio para a aplicación das listas de aspirantes a nomeamentos temporais de persoal estatutario licenciado sanitario do nivel de atención hospitalaria.

Tras o consenso acadado na Comisión central de seguimento do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia (Diario Oficial de Galicia número 123, do 30 de xuño de 2016), foi ratificado na mesa sectorial de negociación do persoal estatutario, pola Administración sanitaria e polas organizacións sindicais CIG, CC.OO., CSI-F, SATSE e UGT, o acordo sobre un réxime transitorio para a aplicación das listas de aspirantes a nomeamentos temporais de persoal estatutario licenciado sanitario do nivel de atención hospitalaria.

Este acordo unánime contou tamén coa aprobación dos sindicatos CESM e O’MEGA na súa condición de membros da devandita comisión de seguimento.

A negociación foi realizada de conformidade coas previsións que ao respecto conteñen o artigo 38 da Lei do Estatuto básico do empregado público (texto refundido aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro), o artigo 154 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e os artigos 79 e 80 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco de persoal estatutario dos servizos de saúde.

Con base na normativa citada,

DISPOÑO:

Aprobar e publicar, para o seu xeral coñecemento e efectividade, o acordo sobre un réxime transitorio para a aplicación das listas de aspirantes a nomeamentos temporais de persoal estatutario licenciado sanitario do nivel de atención hospitalaria.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

Acordo sobre un réxime transitorio para a aplicación das listas de aspirantes a nomeamentos temporais de persoal estatutario licenciado sanitario do nivel de atención hospitalaria

I

Mediante a Resolución do 20 de marzo de 2019 (Diario Oficial de Galicia número 77, do 23 de abril) iniciouse o prazo para a inscrición de aspirantes nas listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais de persoal licenciado sanitario de atención hospitalaria no ámbito do Sistema público de saúde de Galicia. Para a primeira xeración de listas, esa resolución abriu un prazo que finalizou o 30 de xuño seguinte.

Ese primeiro proceso de xeración de listas, que chegou ata o trámite de publicación da relación provisional de personas admitidas e excluídas e os resultados provisionais de baremación (Resolución do 24 de agosto de 2020; Diario Oficial de Galicia número 187, do 15 de setembro), e debería finalizar coa publicación dunhas listas definitivas para a súa entrada en vigor, foi e está a ser problemático e condicionado por diversas circunstancias (máis aló da previsible resistencia a un cambio tan relevante na organización e dos impedimentos propios dunha situación de emerxencia sanitaria). Entre elas:

– A existencia dun número relevante de prazas do cadro de persoal pendentes de provisión.

– A constatación de que, malia as medidas adoptadas en execución do Plan de estabilidade do emprego publicado no Diario Oficial de Galicia número 85, do 4 de maio de 2017, aínda existe un número relevante de nomeamentos eventuais que responden a necesidades permanentes e estables.

No que respecta á primeira circunstancia (a existencia dun número relevante de prazas do cadro de persoal pendentes de provisión), debe indicarse que, como se pode constatar coas sucesivas convocatorias anunciadas no Diario Oficial de Galicia, nos últimos tempos estase a impulsar a súa cobertura polo procedemento de concurso de méritos actualmente vixente (artigo 67 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde). Sendo así, e para evitar a coincidencia no tempo e as interferencias entre os dous sistemas de provisión (concurso de méritos e listas de aspirantes) neste acordo considérase oportuno outorgar un prazo razoable –ata o próximo mes de setembro– para a finalización deses procesos de provisión.

En consecuencia, será nese mes de setembro de 2021 cando se elevarán a definitivas, coa súa publicación, as actuais listas provisionais, e iniciarase inmediatamente un novo proceso de xeración de listas que, ademais da actualización de méritos das inscricións admitidas no anterior proceso, incluirá as novas solicitudes presentadas ata o 30 de xuño de 2021.

No que se refire á existencia dun número relevante de nomeamentos temporais que responden a necesidades permanentes e estables, e atendendo ao principio de estabilidade no emprego, considérase preciso adoptar medidas de transición que garantan a permanencia no emprego, máis aló da entrada en vigor das listas de selección temporal, das persoas que estean a cubrir esas necesidades. Estas medidas de estabilidade aplicaranse a quen veña prestando os mesmos servizos, de modo continuado, por un período igual ou superior a dous anos. Obviamente, sempre que, como manifestación da súa vontade de ser empregado público do sistema, figure na actual lista provisional de aspirantes ou teña participado ultimamente nalgún concurso de méritos para o acceso a prazas de cadro de persoal da correspondente categoría/especialidade.

Con todo, en aplicación dos principios constitucionais que deben rexer o acceso ao emprego público, a devandita garantía de permanencia no emprego debe ser necesariamente limitada no tempo. E para concretar ese límite temporal final na garantía do emprego –exixencia dunha aplicación ponderada dos principios de estabilidade no emprego e de mérito e capacidade– óptase neste acordo por aquel momento futuro en que, coa finalización dos procesos selectivos que se están a tramitar, se realizarán os seguintes nomeamentos de persoal fixo da correspondente categoría/especialidade. Esta decisión, que na práctica implica unha garantía de emprego ata o ano 2022, fundaméntase en que será nese momento cando este persoal temporal, na medida en que resulte dos seus propios méritos (notas da fase de oposición, experiencia, formación…), poderá mudar o seu longo vínculo temporal nun vínculo de persoal estatutario fixo.

E para o caso de que nese ano 2022 non acceda á condición de persoal fixo, nese momento xa estarán plenamente vixentes, como consecuencia igualmente deste acordo, unhas listas de selección temporal en que a traxectoria profesional e os méritos dese colectivo de persoal temporal (nomeadamente a súa experiencia) e os seus coñecementos (evidenciados nos resultados dos exercicios dos procesos selectivos) determinarán as súas posibilidades de acceder ao emprego público.

II

No que se refire ao amparo normativo para adoptar este acordo, é moi relevante o feito de que actualmente está a iniciarse o proceso de negociar na Mesa Sectorial un novo sistema de selección de persoal estatutario temporal, o cal finalizará co novo réxime que resulte da dita negociación.

Xa que logo, a Mesa podería neste intre substituír o pacto actual ou modificalo na medida que acorde necesaria; e, polo mesmo, pode lexitimamente acordar un réxime transitorio de selección de persoal temporal que no seu momento non foi obxecto de negociación e acordo.

Con base no que antecede, acórdase o seguinte:

Primeiro. Elaboración e entrada en vigor das listas de aspirantes

A. As listas provisionais feitas públicas pola Resolución do 24 de agosto de 2020 (Diario Oficial de Galicia número 187, do 15 de setembro), coas correccións que procedan, elevaranse a definitivas no mes de setembro de 2021.

A orde de prelación das persoas aspirantes nestas listas determinarase, nos termos pactados, de acordo co baremo utilizado na última convocatoria de selección de persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde na categoría e/ou especialidade correspondente, anterior ao 15 de xuño de 2019, así como, coa mesma data de referencia e coa debida proporcionalidade, a maior das puntuacións globais obtidas polas persoas aspirantes na fase de oposición dos dous últimos procesos selectivos convocados e resoltos polo Servizo Galego de Saúde na correspondente categoría e/ou especialidade.

B. A continuación, logo da publicación destas listas, iniciarase un novo proceso de xeración que, ademais da actualización de méritos das inscricións admitidas no anterior proceso, incluirá as novas solicitudes presentadas ata o 30 de xuño de 2021 (incluídas pois as correspondentes ao proceso de xeración de xuño de 2020, non iniciado).

Estas novas listas tomarán en consideración o baremo utilizado na última convocatoria de selección fixa para o acceso á respectiva categoría/especialidade, anterior ao 15 de xuño de 2021, así como a nota OPE dos vindeiros exames (nos termos actualmente pactados: maior das puntuacións globais obtidas na fase de oposición dos dous últimos procesos selectivos).

Segundo. Medidas transitorias de estabilidade

As/os aspirantes incluídas/os nas devanditas listas provisionais, que o 31 de marzo de 2021 viñesen prestando continuadamente os mesmos servizos por un período igual ou superior a dous anos, terán en todo caso garantida a continuidade na prestación de servizos ata o día en que se publique no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se proceda ao nomeamento, como persoal estatutario fixo, das/dos aspirantes seleccionadas/os nos procesos selectivos, da súa correspondente categoría/especialidade, que se están a tramitar ou sexan proximamente convocados.

A mesma garantía aplicarase ao persoal facultativo que, sen constar nas referidas listas por non ter solicitado a súa inscrición, reúna o requisito de permanencia (dous anos) e participase nalgún concurso de méritos convocado, desde o 1 de xaneiro de 2019, para o acceso a prazas de cadro de persoal da correspondente categoría/especialidade (artigo 67 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde).

Os nomeamentos eventuais que, en aplicación desa garantía, sexan estendidos ata aquel día en que se publique a resolución de nomeamento de persoal fixo, extinguiranse nas datas de finalización que nese momento figuren expresamente neles.

Desde esa data (publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución) quedará sen efecto a garantía de permanencia no emprego acordada, e as persoas aspirantes beneficiarias dela accederán aos nomeamentos temporais, e manteranos, consonte o réxime xeral e nas mesmas condicións que as demais persoas aspirantes.