Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 25 de maio de 2021 Páx. 25865

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Industria Forestal

RESOLUCIÓN do 10 de maio de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan para o ano 2021, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas á valorización e á segunda transformación das pequenas e medianas empresas da industria forestal galega e do contract (código de procedemento IN500B).

A disposición adicional sexta da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, autoriza a creación da Axencia Galega da Industria Forestal (en diante a Axencia) como axencia pública autonómica adscrita á consellería competente en materia de economía, que ten como fins xerais e obxectivos básicos actuar como un instrumento de xestión eficiente no exercicio de funcións relacionadas co impulso da actividade económica asociada ao sector forestal, coa mellora da competitividade e da innovación das empresas do sector e coa coordinación dos centros de investigación en materia forestal.

Nos termos recollidos no artigo 2 do Decreto 81/2017, do 3 de agosto, polo que se crea a Axencia Galega da Industria Forestal e se aproban os seus estatutos, desde a Axencia preténdese revalorizar a competitividade e a innovación das empresas forestais, con especial incidencia na segunda e seguintes fases de transformación.

A acción 4.1.3 da Axenda de impulso da industria forestal establece un programa de incentivos á mellora da competitividade da industria forestal galega no marco da cal pretende impulsar a innovación tecnolóxica dun dos sectores estratéxicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Con este fin, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, está consignado crédito por importe de 1.600.000 euros, para a indicada anualidade e 400.000 euros para o ano 2022 con cargo á aplicacións orzamentarias 06.A4.741A.770.0 e 06.A4.741A.771.0 no código de proxecto (2021 00002).

Segundo o teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Axencia, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas dirixidas á valorización, potenciación, innovación e mellora das pequenas e medianas empresas da industria forestal de Galicia e do contract (código de procedemento IN500B) e proceder á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2021.

2. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

CAPÍTULO I

Bases reguladoras das axudas á valorización e á segunda transformación das pequenas e medianas empresas da industria forestal galega e do contract

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias as microempresas, pequenas e medianas empresas do sector da industria forestal e do contract radicadas en Galicia que utilicen a madeira, a resina, a cortiza ou outros produtos de orixe forestal, exceptuando os produtos agroalimentarios, como materia prima para a elaboración dos seus produtos. Para estes efectos, tomarase a definición de peme incluída no anexo I do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014. Segundo esta definición, pemes son aquelas empresas que ocupan menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.

2. Os solicitantes da axuda, para acadaren a condición de beneficiarios, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Acreditar a súa viabilidade económica mediante algunha das seguintes circunstancias:

1º. Dispoñibilidade de crédito bancario para o investimento, dun mínimo do seu 70 % do importe ou comunicación bancaria de estar en disposición de conceder o financiamento.

2º. Certificación bancaria de dispoñibilidade líquida en conta por importe do investimento.

3º. Vendas por importe superior ao triplo do investimento (na declaración do IVE do último exercicio pechado á data de publicación da convocatoria-modelo 390 ou modelo 303 do último mes do ano, segundo proceda).

b) Deberán ter un seguro en vigor de responsabilidade civil para a actividade obxecto de axuda e, no suposto de ser exixible, un contrato de prevención de riscos laborais, en vigor na data de publicación da convocatoria.

c) Deberán estar inscritos no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor) e cos datos actualizados, de acordo co artigo 102 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, de conformidade co Decreto 50/2014, do 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia, e o contido, organización e funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal, ou dados de alta nalgún código CNAE que acredite a realización de actividades obxecto de subvención na data de publicación da convocatoria.

3. Así mesmo, as persoas solicitantes con persoal contratado por conta allea en número igual ou superior a tres traballadores, deberán ter, na data de publicación da convocatoria, polo menos, o 40 % do cadro de persoal da empresa con contratos por conta allea e tempo indefinido. Para as empresas de nova creación, entendendo como tales as creadas dentro dos 18 meses anteriores á data publicación da convocatoria, bastará o compromiso de acadar, como mínimo, o 40 % de estabilidade laboral ao remate do prazo concedido para xustificar o investimento.

O persoal en réxime de autónomos non se computará para os efectos do cálculo das porcentaxes de estabilidade de emprego recollidas nesta resolución.

Para os efectos do cálculo das porcentaxes de estabilidade de emprego, o persoal contratado a tempo parcial computarase porcentualmente ao tempo que conste no contrato de traballo ou na vida laboral da empresa.

4. Non poderán acadar a condición de persoa beneficiaria:

a) Aquelas persoas ou entidades solicitantes nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 2, número 18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 y 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se atopan en situación de crise conforme a normativa comunitaria.

c) Aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Artigo 3. Proxectos subvencionables

1. Nos termos desta resolución, serán subvencionables os proxectos de investimento realizados polas pequenas e medianas empresas descritas no artigo 2 desta resolución nos seus procesos de produción e que teñan como obxectivo aumentar a súa produtividade ou a implantación de técnicas que permitan obter novos produtos ou produtos valorizados ou procesos que favorezan a minoración do impacto ambiental.

2. As empresas solicitantes poderán presentar como máximo un proxecto ao abeiro desta resolución. Os proxectos poderán incluír liñas de investimento independentes.

Artigo 4. Investimentos subvencionables

1. Para os efectos desta resolución, serán subvencionables:

a) Compra de maquinaria nova vinculada aos procesos de produción da empresa, así como para os procesos de secado e doutros tratamentos da madeira.

b) Obras e instalacións necesarias para a correcta instalación e funcionamento dos investimentos obxecto de subvención.

c) Tecnoloxías da información e comunicación (TIC).

d) Outros bens de equipamento que formen parte do activo da empresa e interveñan no proceso produtivo obxecto do proxecto.

e) Implantación e certificación da cadea de custodia de madeira certificada, de normativas de calidade e plans de mellora de xestión empresarial.

f) Servizos, bens, equipamentos, tecnoloxías e obras de acondicionamento necesarios para á obtención de selos de calidade, marcas de garantía, marcas colectivas ou implantación da marcación CE de produtos e condicionados á obtención destes dentro do prazo de xustificación da axuda.

g) Ensaios de caracterización de produto realizados conforme a normativa oficial por un laboratorio acreditado para a realización do ensaio.

2. Os investimentos deberán cumprir cos seguintes requisitos:

a) Os investimentos realizaranse no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Deben executarse dentro do prazo de xustificación recollido na convocatoria.

c) A persoa beneficiaria deberá adquirir en propiedade os bens obxecto de investimento. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser propiedade plena da persoa beneficiaria antes do remate do prazo de xustificación, debendo constar nese momento o pagamento das cantidades aprazadas.

d) En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

e) Os investimentos subvencionados deberán manterse durante un período mínimo de 5 (cinco) anos contados desde a data do último pagamento da axuda.

f) En ningún caso se admitirán pagamentos en metálico.

Artigo 5. Investimentos non subvencionables

1. Non serán subvencionables ao abeiro desta resolución:

a) Material funxible en xeral.

b) Envases e embalaxes, aínda cando sexan reutilizables.

c) Obras de reparación de edificios, agás que sexan necesarias para a correcta instalación e funcionamento dos investimentos obxecto de subvención.

d) Equipamentos de calefacción, climatización e ventilación, así como as instalacións que comporten, agás os necesarios para a obtención de selos de calidade, marcas de garantía, marcas colectivas ou implantación da marcación CE de produtos.

e) Equipamentos e medios de transporte.

f) Mobiliario de oficina.

g) Investimentos non relacionados directamente coas actividades desenvolvidas pola persoa solicitante.

h) Os gastos de alugamento de instalacións e equipamentos, nin os investimentos financiados mediante arrendamento financeiro (leasing).

i) A man de obra propia e os materiais de igual procedencia.

j) As taxas por licenzas administrativas.

k) O imposto de valor engadido (IVE) e calquera outro imposto, agás que non sexa recuperable pola persoa beneficiaria.

l) Os gastos financeiros producidos como consecuencia do investimento.

m) Os xuros debedores.

n) Equipamento, maquinaria forestal e maquinaria de primeira transformación para traballos no monte.

Artigo 6. Gastos subvencionables

1. De acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse subvencionables os gastos e investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada e se realicen dentro do prazo establecido na correspondente convocatoria.

2. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o 1 de xaneiro do ano da convocatoria e a data de xustificación recollida desta.

Artigo 7. Importe das axudas

1. Os investimentos subvencionaranse cunha axuda do 50 % dos gastos elixibles.

2. A axuda máxima por solicitante limitarase a 200.000 euros.

Artigo 8. Baremación das solicitudes

1. A puntuación máxima que pode obter unha solicitude é de 290 puntos de acordo cos seguintes criterios:

a) Por características do proxecto (ata 130 puntos):

1º. Polo esforzo investidor do proxecto:

Esforzo investidor: (I/V) *100, sendo I: importe do proxecto subvencionable e V: volume de vendas.

– Esforzo investidor maior que 2 e ata 5: 10 puntos.

– Esforzo investidor maior que 5 e ata 10: 20 puntos.

– Esforzo investidor maior que 10 e ata 20: 40 puntos.

– Esforzo investidor maior que 20: 80 puntos.

2º. Pola natureza do proxecto:

– Proxectos dirixidos á dixitalización dos procesos de produción: 50 puntos.

b) Polas características da empresa (ata 160 puntos).

1º Por número de empregados por conta allea e tempo indefinido en relación co total de empregados da empresa na data de publicación da convocatoria:

– Porcentaxe igual ou superior ao 80 %: 30 puntos.

– Porcentaxe igual ou superior ao 70 %: 10 puntos.

2º. Por cada curso de formación específico relacionado cunha actividade propia da empresa cunha duración mínima de 20 horas, realizado por traballadores da empresa desde o 1.1.2018 ata a data da publicación da convocatoria (máximo 3 cursos): 10 puntos.

3º. Empresas que conten con instalacións fixas ou que presenten proxectos de instalacións fabrís fixas nas parroquias comprendidas na zona demarcada pola presenza no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. (nemátodo do piñeiro) de acordo coas disposicións da autoridade competente en materia de sanidade vexetal,, segundo o anexo V: 20 puntos.

4º. Empresas con cadea de custodia certificada na data de publicación da convocatoria: 10 puntos por cada sistema de certificación de cadea de custodia (máx. 20 puntos).

5º. Empresas con muller xerente na data de publicación da convocatoria: 20 puntos.

6º. Empresas que dispoñan de sistemas de xestión da calidade na data de publicación da convocatoria: 20 puntos.

7º. Empresas que dispoñan de marcación CE para algún dos produtos que fabriquen na data de publicación da convocatoria: 20 puntos.

2. Para a valoración dos cursos de formación observaranse os seguintes criterios.

a) Deben ter un recoñecemento oficial.

b) Deben ter relación coa actividade da empresa.

c) Os traballadores deberán estar en activo na empresa na data de realización do curso.

d) Non se contabilizarán os que teñan carácter obrigatorio dentro dos plans de seguridade laboral e o solicitante debe facer unha declaración responsable sobre a non obrigatoriedade do curso no anexo de solicitude.

Artigo 9. Selección de proxectos

Aprobaranse os proxectos por orde de maior a menor puntuación de acordo co baremo indicado no artigo 8. En caso de empate na puntuación de corte, e que non haxa orzamento suficiente para conceder a axuda a todos os proxectos coa mesma puntuación, ordenaranse estes segundo a seguinte orde de prioridade e ata esgotar o orzamento:

a) Primeiro. Solicitudes de axuda de proxectos de maior a menor importe.

b) Segundo. Maior porcentaxe de mulleres por conta allea e tempo indefinido en relación co total de empregados da empresa na data de publicación da convocatoria.

c) Terceiro. Maior porcentaxe de empregados por conta allea e tempo indefinido en relación co total de empregados da empresa na data de publicación da convocatoria.

d) Cuarto. Empresas que conten con instalacións fixas ou presenten proxectos de instalacións fabrís fixas nas parroquias comprendidas na zona demarcada pola presenza no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. (nemátodo do piñeiro) de acordo coas disposicións da autoridade competente en materia de sanidade vexetal, segundo o anexo V.

e) Quinto. Data de presentación da solicitude.

Artigo 10. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Toda a información sobre este procedemento está dispoñible na Guía de procedementos e servizos no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

3. Só se poderá presentar unha solicitude por beneficiario.

4. No formulario de solicitude (anexo I) inclúense as seguintes declaracións responsables:

a) Declaración responsable da persoa solicitante de todas as axudas solicitadas e concedidas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.

b) Declaración responsable da persoa solicitante de todas as axudas suxeitas ao réxime de minimis percibidas nos tres últimos exercicios fiscais.

c) Declaración responsable de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

d) Declaración responsable de que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal solicita a axuda.

e) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

f) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Declaración responsable de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

h) Declaración responsable de que a empresa non está en crise, de acordo coa definición do artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

i) Declaración responsable de que a empresa non está suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

j) Declaración responsable de que a empresa non está inmersa nun proceso de concurso de acredores.

k) Declaración responsable de que esta empresa cumpre coa normativa ambiental vixente.

l) Declaración responsable de que a distribución de traballadores na empresa é tal como se reflicte no cadro recollido no anexo I.

m) Declaración responsable de que desenvolverán en Galicia as actividades que ten asignadas no plan de traballo do proxecto para o cal se solicita a axuda.

n) Declaración responsable de que ningún dos provedores están asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorren neles ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude ( anexo I) a seguinte documentación:

a) Anexo II: comprobación de datos de terceiras persoas interesadas, no caso de muller xerente.

b) Anexo IV: memoria dos investimentos que se van realizar e das características da empresa para as cales solicita baremación. Neste sentido so serán consideradas aquelas características debidamente consignadas no anexo.

c) Memoria asinada pola persoa solicitante ou representante onde se desenvolvan os puntos relacionados no anexo IV da presente resolución. Na memoria indicarase obrigatoriamente a distribución por anualidades proposta polo solicitante.

d) Documentación xustificativa de acreditación de representación da empresa, no caso de que a solicitude non estea asinada por representante legal.

e) Documentación acreditativa dos requisitos previos:

1º. Escrituras sociais de constitución e modificacións posteriores, no caso dunha sociedade, e certificación da situación censual, no caso de autónomos.

2º. Declaración da condición de peme, segundo os anexos III.1, III.2 e III.3. Deberán estar cubertos todos os datos que sexan procedentes segundo o tipo de solicitante. Os datos económicos e de persoal serán referidos aos do último exercicio económico pechado.

3º. No caso de empresas vinculadas ou asociadas coa empresa solicitante:

– Copia das contas anuais do último exercicio económico pechado de cada unha das empresas.

– Informe oficial da Seguridade Social de vida laboral dos 12 meses anteriores á data de publicación da convocatoria para todos os réximes en que figure dada de alta cada unha das empresas.

4º. Documentación xustificativa da viabilidade da empresa, segundo o indicado no artigo 2.

– Dispoñibilidade de crédito bancario para o investimento, dun mínimo do 70 % do seu importe ou comunicación bancaria de estar en disposición de conceder o financiamento.

– Certificación bancaria de dispoñibilidade líquida en conta por importe do investimento.

– Vendas por importe superior ao triplo do investimento (na declaración do IVE do último exercicio pechado na data de publicación da convocatoria-modelo 390 ou modelo 303 do último mes do ano, segundo proceda).

5º. Copia da póliza do seguro de responsabilidade civil, recibo actualizado e xustificante de pagamento.

6º. Copia do contrato dun servizo de prevención de riscos laborais, recibo actualizado e xustificante de pagamento, de ser o caso.

7º. Informe oficial da Seguridade Social de vida laboral do solicitante dos doce meses anteriores á data de publicación da convocatoria na que solicite a axuda, tanto para o réxime xeral como para o agrario. No caso de que nalgún dos réximes non teña traballadores, debe presentar informe de encadramento do empresario no sistema da Seguridade Social.

8º. Copia da declaración do imposto de sociedades da empresa, no caso de contribuíntes por este imposto, do último exercicio económico pechado á data de publicación da convocatoria.

f) Documentación relativa aos investimentos obxecto de baremación:

1º. Contratos, orzamentos ou facturas pro forma (segundo sexa o caso) dos investimentos previstos de tres provedores distintos de conformidade co disposto no artigo 12 destas bases.

2º. No caso de investimentos en maquinaria fixa e instalacións:

– Para investimentos de maquinaria fixa ou instalacións, planos de localización da industria e plano de planta coa distribución de edificacións, maquinaria e instalacións, onde veñan reflectidos os investimentos que se van realizar. Os planos deberán estar asinados por técnico competente.

– No caso de instalacións que así o requiran, copia da presentación no concello da solicitude de licenza de obra ou comunicación previa, segundo proceda.

– Acreditación da presentación no concello da comunicación previa do inicio de actividade ou apertura do establecemento establecida no artigo 24 da Lei 9/2013, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, con toda a documentación requirida, ou licenza de actividade para as solicitudes de licenza tramitadas antes da entrada en vigor da devandita lei.

g) Documentación acreditativa das características da empresa obxecto de baremación:

1º. Para a xustificación do criterio do artigo 8.1.b) 1º: vida laboral dos doce meses anteriores á data de publicación da convocatoria en que solicite a axuda. No caso de que nalgúns dos réximes non teña traballadores, debe presentar informe de encadramento do empresario no sistema da Seguridade Social.

2º. Para a xustificación dos cursos de formación:

– Diploma acreditativo ou certificación emitida polo organismo que impartiu o curso.

– Documentación acreditativa do contido do curso.

– Declaración responsable de non obrigatoriedade do curso dentro dos plans de seguridade laboral.

3º. Para a xustificación de dispoñer de sistema/s de certificación de cadea de custodia na data de publicación da convocatoria, certificado de cadea de custodia e documentación acreditativa da súa vixencia.

4º Para a xustificación de empresas con muller xerente, escrituras sociais de constitución e modificacións posteriores ou contrato de traballo con funcións propias do cargo comunicado ao organismo público correspondente.

5º. Para a xustificación de dispor de sistemas de xestión da calidade, na data de publicación da convocatoria: certificación expedida por unha entidade competente.

6º. Empresas que dispoñan de marcación CE para algún dos produtos que fabriquen: certificado de control das prestacións do produto, un certificado de conformidade do control de produción en fábrica ou xustificación de ter implantado un sistema de control da produción en fábrica.

2. Para que unha solicitude sexa válida, debe achegarse a seguinte documentación mínima:

a) Solicitude de axuda (anexo I), debidamente cuberta.

b) Anexo IV, debidamente cuberta.

c) Contratos, orzamentos ou facturas pro forma (segundo sexa o caso) dos investimentos previstos de tres provedores distintos, segundo o disposto no punto 1.f) 1º do presente artigo.

As solicitudes que non conten co contido mínimo indicado anteriormente serán inadmitidas a trámite.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente a persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón deste.

6. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. Unha vez rematado o prazo de presentación das solicitudes recollido na respectiva convocatoria de axudas e ata que recaia a resolución no procedemento, non se admitirán modificacións relativas aos proxectos solicitados nin dos elementos que serán obxecto de baremación sen prexuízo do dereito de desistencia.

Artigo 12. Moderación de custos

1. En todo caso, débese respectar a moderación de custos. Para iso, para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda deberase solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación e presentar coa solicitude de axuda, salvo que o gasto se tivese realizado con anterioridade á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. As ofertas presentadas para cada gasto deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta, salvo na compra de terreos e edificacións.

b) Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

c) Deberán incluír como mínimo o NIF, nome e enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Para que a descrición dos conceptos se considere detallada deberá incluír:

1º. No caso de obra civil e instalacións: a relación pormenorizada e cuantificada das unidades de obra que inclúe.

2º. No caso de subministración de maquinaria e equipamentos: a súa marca, modelo así como características técnicas.

3º. No caso de prestación de servizos a descrición detallada destes.

2. Non se considerarán admisibles as ofertas presentadas que non reúnan estes requisitos, o que poderá dar lugar á exclusión como subvencionable do gasto xustificado con esa oferta.

3. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria a dita elección, baseada nos criterios sinalados, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. No caso de non ser así, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta económica máis vantaxosa.

4. Excepcionalmente, no caso de conceptos subvencionables que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren, a moderación de custos poderá xustificarse alternativamente mediante informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado en que se determine xustificadamente o seu valor de mercado.

Artigo 13. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa solicitante.

c) IRPF da persoa solicitante.

d) DNI/NIE da persoa representante.

e) Alta no IAE ou certificado da Axencia Estatal de Administración Tributaria.

f) Certificados de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa Facenda da Xunta de Galicia.

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

h) Consulta de concesións de subvencións e axudas polo réxime de minimis.

i) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas

j) Comprobación de datos de terceiras persoas (anexo II): DNI/NIE da muller xerente.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio (anexo I) e no anexo II, se for o caso, así como achegar os ditos documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. No caso de que a persoa solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

Artigo 14. Tramitación

1. A tramitación das axudas solicitadas en réxime de concorrencia competitiva axustarase aos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

2. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar após a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A Dirección da Axencia Galega da Industria Forestal convocará e resolverá as subvencións ditadas ao abeiro das presentes bases reguladoras e será o órgano encargado da aplicación do réxime sancionador.

4. A área de promoción e calidade forestal da Axencia Galega da Industria Forestal será a encargada da instrución e do seguimento das subvencións, sen prexuízo das funcións de xestión administrativa recoñecidas á Xerencia.

5. A Xerencia da Axencia Galega da Industria Forestal será a encargada da xestión económica-orzamentaria deste programa e do seguimento da súa execución.

Artigo 15. Instrución do procedemento

1. Na fase de instrución realizaranse de oficio cantas actuacións sexan necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución, de acordo co establecido no artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Na fase de instrución verificarase a moderación dos custos propostos seguindo o indicado no artigo 48.2.e) do Regulamento (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello.

3. Requirirase aos solicitantes que, no prazo máximo de dez días hábiles, acheguen a documentación non presentada e, no caso de que as solicitudes conteñan defectos ou omisións, os corrixan, conforme se establece no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Ademais, neste requirimento indicarase que, se non se fixer, terase por desistido da súa petición, logo de notificación nos termos que se recollen no artigo 21 da citada Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á Comisión de Avaliación regulada no artigo 16 para a súa avaliación e valoración en réxime de concorrencia competitiva, conforme os criterios de adxudicación e valoración previstos nestas bases.

6. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007.

Artigo 16. Comisión de Avaliación

1. A Comisión de Avaliación será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes, conforme o procedemento e os criterios establecidos no artigo 8.

2. A composición da Comisión de Avaliación será a seguinte:

a) Presidencia: persoa titular da Xerencia da Axencia Galega da Industria Forestal ou persoa que a substitúa.

b) Tres vogalías nomeadas pola Axencia Galega da Industria Forestal entre os seus membros.

c) Secretaría: persoal funcionario da Axencia que actuará con voz pero sen voto.

3. Os membros da Comisión serán nomeados polo director da Axencia.

4. A Comisión de Avaliación elaborará unha relación ordenada de todos os proxectos solicitados que cumpren coas condicións administrativas e técnicas establecidas nas bases reguladoras, con indicación da puntuación outorgada a cada un deles.

De ser o caso, a comisión elaborará unha lista de agarda coa relación de proxectos aprobados para os cales non se propón a concesión da subvención por esgotamento do orzamento dispoñible. A Xerencia poderá acordar activar a lista de agarda no suposto de que algunha persoa beneficiaria renuncie á subvención concedida ou decaia no dereito á súa percepción; neste caso os créditos liberados poderán asignarse por orde decrecente de puntuación aos proxectos admitidos que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto.

5. A Comisión de Avaliación emitirá un informe final en que figurarán de forma individualizada e motivada os proxectos para os cales se propón a concesión da axuda, coa identificación da persoa beneficiaria e a puntuación obtida no proceso de baremación.

Artigo 17. Resolución

1. O órgano instrutor elevará a proposta de resolución e o informe emitido pola Comisión de Avaliación ao director da Axencia Galega da Industria Forestal.

2. Á vista da proposta formulada e segundo o que dispón o artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao non seren tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, o director da Axencia ditará as correspondentes resolucións definitivas de concesión ou denegación dos proxectos, que serán motivadas de acordo cos criterios de valoración establecidos.

3. O prazo límite para ditar resolución expresa e notificala será de tres meses, contado desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes. Segundo o establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sen prexuízo da obriga legal de resolver da Administración, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo se, transcorrido o prazo anterior, non se lle notificou resolución expresa.

Artigo 18. Resolucións do procedemento

1. Todas as resolucións notificaranse aos interesados nos termos establecidos nos artigos 40 e 41 da Lei 39/2015. A notificación farase exclusivamente a través de medios electrónicos.

2. A resolución de concesión expresará o importe total da axuda que corresponde a cada beneficiario, así como a súa distribución por anualidades.

3. Notificada a resolución, e sen prexuízo dos recursos que procedan, se transcorridos dez días hábiles desde a notificación, a persoa interesada non comunica expresamente a súa renuncia á subvención (anexo VI), entenderase que a acepta tacitamente, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiaria.

No caso de renuncia á subvención por algún dos beneficiarios, o órgano concedente acordará, sen necesidade dunha nova convocatoria, a concesión da subvención ao proxecto ou proxectos seguintes na orde da súa puntuación, a condición de que coa renuncia dalgún dos beneficiarios se libere crédito suficiente para atender polo menos a un dos proxectos aprobados e denegados por insuficiencia de crédito.

Presentar a renuncia total ás axudas fóra do dito prazo ou non presentar a renuncia nos casos de incumprimento total do proxecto subvencionado, tal como queda definido o incumprimento total no artigo 22.7, suporá que a empresa non poderá solicitar axudas para os proxectos recollidos nesta resolución nas dúas seguintes convocatorias.

4. Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que coiden procedente, poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento contado desde o día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo perante o presidente da Axencia segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 19. Modificación da resolución

1. Logo da notificación da resolución de concesión, se o beneficiario precisa introducir calquera tipo de modificación sobre o proxecto técnico presentado coa solicitude, solicitará autorización da Axencia no modelo normalizado (anexo VII), xustificando as razóns do cambio e xuntando a oportuna actualización do expediente que recolla as variacións do proxecto orixinal. O prazo para solicitar a modificación do proxecto será ata un (1) mes anterior á finalización do prazo para a xustificación final dos investimentos no caso de subvencións cunha única anualidade. No caso de dúas anualidades, o prazo será ata un (1) mes anterior á finalización do prazo para xustificar a primeira anualidade.

2. Poderase modificar o proxecto inicialmente aprobado, sempre que os novos elementos e circunstancias que motivan a modificación cumpran cos criterios de selección aplicados para a concesión das axudas, sen que poida supor discriminación de terceiros nin modificación da puntuación acadada pola aplicación dos criterios de selección.

3. A autorización ou denegación da modificación realizarase mediante resolución da Dirección da Axencia por proposta do órgano instrutor, logo de instrución do correspondente expediente de modificación.

4. A modificación do proxecto estará suxeita ás seguintes condicións:

a) As modificacións que supoñan incrementos do importe do proxecto subvencionable, non carrexarán un incremento do importe da subvención concedida.

b) Será admisible a redución do importe total do proxecto considerado como subvencionable na resolución de concesión se non supera o 40% do seu valor.

c) Non se admitirán modificacións que supoñan un cambio de beneficiario.

d) As modificacións que afecten os gastos incluídos na solicitude de axuda deberán cumprir, se for o caso, cos requisitos do artigo 12 destas bases.

Artigo 20. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónica de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada, e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 21. Documentación xustificativa que se presentará para o pagamento da axuda

1. Para o pagamento parcial da axuda deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Solicitude de pagamento da axuda (anexo VIII), no cal se incluirán as seguintes declaracións responsables:

– Declaración responsable de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

– Declaración responsable de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

– Declaración responsable de non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Declaración responsable de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2 g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

– Declaración responsable de que a empresa non está en crise, de acordo coa definición do artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

– Declaración responsable de que a empresa non está suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

– Declaración responsable de que a empresa non está inmersa nun proceso de concurso de acredores.

– Declaración responsable de que esta empresa cumpre coa normativa ambiental vixente.

– Declaración responsable de que a empresa mantén o cumprimento dos requisitos que condicionaron a obtención da axuda e das condicións para obter a puntuación aplicada na concorrencia competitiva para a aprobación dos expedientes.

– Declaración responsable de que ningún dos provedores están asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorren neles ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

b) Copia das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente, xustificativos do investimento subvencionable e documentación acreditativa do pagamento, que deberán cumprir o indicado no anexo XIII.

c) Relación ordenada dos investimentos e os pagamentos efectuados (anexo XI).

d) Anexo IX: declaración responsable da persoa solicitante de todas as axudas solicitadas e concedidas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional e de todas as axudas suxeitas ao réxime de minimis percibidas.

e) Certificado de depósito de aval bancario na caixa xeral de depósitos da Xunta de Galicia, se procede.

2. Para o pagamento final da axuda deberá presentarse:

a) A documentación recollida no número 1 deste artigo.

b) Memoria dos investimentos realizados (anexo X), coa explicación das diferenzas entre os traballos previstos e os realizados, e a declaración da distribución de empregados na empresa.

c) Memoria asinada pola persoa beneficiaria ou representante, segundo o punto 2 do anexo X desta resolución, indicando as actuacións executadas, os obxectivos alcanzados e a súa importancia na actividade futura do beneficiario.

d) Informe oficial da Seguridade Social de vida laboral do beneficiario desde a data de publicación da convocatoria ata a data de xustificación final dos investimentos, tanto para o réxime xeral como para o agrario, coa relación de traballadores e as datas de alta e baixa. No caso de que nalgún dos réximes non teña traballadores, debe presentar informe de encadramento do empresario no sistema da Seguridade Social.

e) Certificado de conformidade do provedor da factura presentada e do pagamento correspondente, onde figure o importe e a data da factura e do pagamento e o obxecto facturado claramente identificado, con marca, modelo e número de bastidor, e facendo constar que se trata dun equipamento novo.

f) Informe fotográfico dos investimentos executados/ proxecto executado. No suposto de investimentos que incorporen un número de serie, fotografía da correspondente placa identificativa.

g) Informe fotográfico acreditativo do cumprimento das medidas de publicidade e difusión recollidas no artigo 28 desta resolución.

Artigo 22. Xustificación e pagamento do proxecto

1. A data límite de xustificación dos traballos establecerase na convocatoria anual, e só serán subvencionables os proxectos que se realicen e que se xustifique o seu gasto (factura) e pagamento (xustificante de pagamento) dentro do prazo de execución.

2. Os xustificantes de gasto e de pagamento deberán cumprir co indicado no anexo XIII.

3. A Axencia comprobará a adecuada xustificación da subvención, así como a realización da actividade, o cumprimento da finalidade que determine a concesión da subvención e das demais obrigas exixidas ás persoas beneficiarias das axudas.

4. Os órganos competentes da Axencia poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que a persoa solicitante os presentase, a Axencia iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

5. Cando se poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que poidan dar lugar á modificación da resolución conforme o artigo 19 destas bases, logo de omitirse o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre que tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros. A aceptación das alteracións por parte da Axencia no acto de comprobación non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Transcorrido o prazo establecido da xustificación sen ter presentado a xustificación dos traballos subvencionados, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da solicitude no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da axuda, a exixencia do reintegro das cantidades percibidas e poderá supor a apertura dun expediente sancionador segundo se establece na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá ao beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

7. No caso de que a xustificación do proxecto sexa por menor importe do aprobado, a axuda que se pague será proporcional ao importe xustificado, sempre que se trate de liñas de investimento susceptibles de avaliación independente e cumpran os fins previstos inicialmente. En todo caso, unha execución inferior ao 60 % da base subvencionable do proxecto terá a consideración de incumprimento total, ocasionará a perda de dereito ao cobramento da subvención e seguirá o procedemento sinalado no artigo 24 desta resolución.

8. Unha vez presentada a solicitude de pagamento, realizarase a inspección comprobatoria de execución dos investimentos subvencionados de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

9. Os pagamentos a conta adaptaranse ao establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Os ditos pagamentos á conta, cando o importe da primeira anualidade supere os 18.000 euros, serán garantidos mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca e deberá alcanzar como mínimo ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto na convocatoria. O referido aval depositarase á disposición da Axencia Galega da Industria Forestal na caixa xeral de depósitos da Xunta de Galicia e deberá cubrir o 110 % do importe que se vaia percibir na primeira anualidade da subvención. O certificado de depósito do aval presentarase na solicitude de pagamento da primeira anualidade xunto co resto da documentación, nos prazos que se establezan para a xustificación da primeira anualidade da subvención. Este certificado de depósito devolverase ao interesado unha vez que se comprobe, mediante inspección in situ se procede, a realización material do obxecto da subvención, así como as restantes condicións da subvención.

Artigo 23. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Son obrigas das persoas beneficiarias:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto ou realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para comprobar a aplicación das axudas á finalidade que determinou a súa concesión, o cumprimento dos requisitos exixidos para a concesión e o pagamento da axuda e o mantemento das condicións establecidas nas bases reguladoras, a convocatoria e a resolución de concesión para o cal achegará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fai referencia a disposición adicional primeira desta resolución.

e) O beneficiario deberá manter os requisitos que condicionaron a obtención da axuda e as condicións para obter a puntuación aplicada na concorrencia competitiva para a aprobación dos expedientes ata a data de solicitude do pagamento final da axuda.

f) O beneficiario deberá manter os investimentos subvencionados durante un período mínimo de 5 (cinco) anos, contados desde a data do último pagamento da axuda.

g) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O incumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as indicadas na resolución de concesión de axuda, así como encontrarse nas circunstancias previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ocasionará a perda de dereito á axuda.

Artigo 24. Perda do dereito ao cobramento e reintegro

1. A entidade beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como os compromisos asumidos durante o tempo de duración da axuda. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento e/ou, de ser o caso, procederá ao reintegro da subvención.

2. Son causas de perda do dereito ao cobramento ou, se for o caso, de reintegro as seguintes:

a) O falseamento, inexactitude ou omisión dos datos subministrados pola persoa beneficiaria que servisen de base para a concesión da axuda ou ocultación daqueles datos que a impedirían.

b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, tarefas ou condicións do proxecto inicial ou da finalidade para a cal a axuda foi concedida. No suposto de incumprimentos parciais, sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tidos en conta na concesión das axudas, a Axencia deberá resolver sobre o seu alcance.

No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables. Con carácter xeral, se o incumprimento superase o 40% da base subvencionable do proxecto, entenderase que o incumprimento é total.

c) O incumprimento da obrigación de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultación nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables ou outras obrigacións impostas na resolución de concesión da axuda.

d) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de axudas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

e) O incumprimento dos prazos de mantemento dos requisitos que condicionaron a obtención da axuda, das condicións para obter a puntuación aplicada na concorrencia competitiva para a aprobación dos expedientes ou do proxecto.

f) A obtención de financiamento de distintas procedencias ou concorrencia de subvencións por riba do custo das actividades subvencionadas.

g) Calquera das demais causas previstas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectivo, se for o caso, o reintegro das cantidades pagadas será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 25. Controis

As persoas beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice a Axencia para o seguimento dos proxectos aprobados e do efectivo cumprimento das obrigas e compromisos do beneficiario fixados no artigo 23, e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 26. Infraccións e sancións

Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 27. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, da Lei de subvencións de Galicia

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 28. Medidas informativas e publicitarias

1. As persoas beneficiarias deberán comunicar o carácter de financiamento público do proxecto nos termos recollidos no anexo XII.

2. Nas redes sociais, empregarase o cancelo #XERAvalor e utilizarase a ferramenta @ para ligar correctamente co perfil da Axencia, nas novas que citen o proxecto obxecto de axuda:

Linkedin: XERA-Axencia da Industria Forestal (www.linkedin.com/company/xera-axencia-da-industria-forestal).

Facebook: XERA-Axencia da Industria Forestal (www.facebook.com/XERAindustriaforestal).

3. No caso de que na realización dun control a posteriori, que se efectuará nos cinco anos posteriores ao pagamento final da axuda concedida, se verifique o incumprimento do establecido no punto 1 deste artigo, procederase á solicitude de reintegro da axuda concedida.

4. Para estes efectos, os logos poderán descargarse en formato .jpg na web da Axencia Galega da Industria Forestal (http://www.xera.gal/).

5. As solicitudes de axuda suporán unha autorización expresa para que os datos de carácter persoal fornecidos nelas poidan ser utilizados pola Axencia Galega da Industria Forestal nas campañas de promoción e divulgación das súas actividades, salvo oposición expresa do solicitante, para o cal se habilitará na mesma solicitude a opción de non autorización.

CAPÍTULO II

Convocatoria de axudas para o ano 2021

Artigo 29. Convocatoria

Convócanse para o ano 2021 en réxime de concorrencia competitiva as axudas reguladas por esta resolución. As solicitudes, documentación, condicións e procedemento de xestión das axudas serán as establecidas con carácter xeral nos artigos anteriores.

Artigo 30. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte á publicación desta resolución.

Artigo 31. Prazo de xustificación

1. O prazo de xustificación será para a anualidade do 2021, ata o 15 de novembro de 2021 inclusive, e para a anualidade do 2022 ata o 15 de abril de 2022. Así mesmo, logo de solicitude motivada do beneficiario e sempre que sexa autorizado polo órgano que ditou a resolución de concesión terase en conta que as cantidades non xustificadas polos beneficiarios na anualidade do 2021 se poderán computar e xustificar na anualidade 2022, sempre e que non sexan susceptibles de perda de dereito ao seu cobramento e o soliciten .

2. Atendendo ao artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, poderase conceder unha ampliación do prazo de xustificación e de execución establecido, que non exceda a metade del, se as circunstancias o aconsellan e con isto non se prexudican dereitos dun terceiro. Esta ampliación deberá solicitarse, como máximo, un (1) mes antes de que acabe o prazo de execución. Tanto a petición dos interesados como a decisión sobre a ampliación deberán producirse, en todo caso, antes do vencemento do prazo de xustificación.

Artigo 32. Financiamento

1. As axudas financiaranse con cargo á aplicacións orzamentarias seguintes:

Código proxecto

Aplicacións

Anualidade 2021

Anualidade 2022

Total

2021 00002

06.A4.741A.770.0

831.026,00

208.000,00

1.039.026,00

06.A4.741A.771.0

768.974,00

192.000,00

960.974,00

Total

1.600.000,00

400.000,00

2.000.000,00

2. Este orzamento poderá verse incrementado con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.

3. A Axencia poderá aumentar o orzamento dispoñible para o financiamento desta resolución, cando o incremento derive de:

a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, unha vez aprobada a modificación orzamentaria que proceda.

Disposición adicional primeira. Compatibilidade das axudas

1. O procedemento de concesión destas subvencións quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas mínimis (DOUE 24.12.2013, L352/1). De acordo co artigo 3.2 do dito regulamento, o importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

2. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas ou subvencións destinados aos mesmos investimentos, tanto de orixe pública como privada, sempre que a intensidade máxima das axudas obtidas con fondos públicos non exceda o 100 % dos custos subvencionables.

Disposición adicional segunda. Outras regulamentacións

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

Disposición adicional terceira. BDNS

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a Axencia para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para a aplicación ou o cumprimento do establecido nesta resolución.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2021

José Ignacio Lema Piñeiro
Director da Axencia Galega da Industria Forestal

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO V

Concellos comprendidos na zona demarcada

Provincia

Concello

Parroquia

Ourense

Melón

Melón (Santa María)

Pontevedra

Arbo

Todas

Baiona

Todas

A Cañiza

Todas

Covelo

Barcia de Mera (San Martiño), Campo (Santa María), Casteláns (Santo Estevo), Covelo (Santa Mariña), Covelo (Santiago), Fofe (San Miguel), Godóns (Santa María), A Lamosa (San Bartolomeu), Maceira (San Salvador), Paraños (Santa María), Piñeiro (San Xoán), Prado da Canda (Santiago)

Crecente

Albeos (San Xoán), A Ameixeira (San Bernabeu), Crecente (San Pedro), O Freixo (San Roque), Quintela (San Caetano), Rebordechán (Santa María), Ribeira (Santa Mariña), Vilar (San Xurxo)

Fornelos de Montes

Traspielas (Santa María), Ventín (San Miguel), As Estacas (Santa María)

Gondomar

Todas

A Guarda

Todas

Mondariz

Todas

Mondariz-Balneario

Todas

Mos

Todas

As Neves

Todas

Nigrán

Todas

Oia

todas

Pazos de Borbén

Todas

Ponteareas

Todas

O Porriño

Todas

Redondela

Cabeiro (San Xoán), Negros (Santo Estevo), Quintela (San Mamede), Reboreda (Santa María), Saxamonde (San Román), Vilar de Infesta (San Martiño)

O Rosal

Todas

Salceda de Caselas

Todas

Salvaterra de Miño

Todas

Tomiño

Todas

Tui

Todas

Vigo

Beade (Santo Estevo), Bembrive (Santiago), Cabral (Santa Mariña), Candeán (San Cristovo), Castrelos (Santa María), Coruxo (San Salvador), Lavadores (Santa Cristina), Matamá (San Pedro), Navia (San Paio), Oia (San Miguel), Saiáns (San Xurxo), Santo André de Comesaña (Santo André), Sárdoma (San Pedro), Valadares (Santo André), Vigo, Zamáns (San Mamede)

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO XII

Medidas informativas e publicitarias

Conforme o establecido no artigo 28 da resolución, os beneficiarios das axudas deberán comunicar o carácter público de financiamento do proxecto. Deberán colocar polo menos un panel (dun tamaño mínimo A3) ou unha placa con información sobre o proxecto, co deseño que figura neste anexo, onde se destaque a axuda financeira recibida nun lugar ben visible para o público. Cando o obxecto da axuda sexa maquinaria, equipamento informático, de telecomunicacións ou calquera outro ben en que, pola súa estrutura ou tamaño, non sexa posible identificar unha situación adecuada, o cartel ou placa poderá ser substituído por un adhesivo ou impresión.

missing image file

anexo XIII

Instrución para a presentación dos xustificantes de gasto
e de pagagamento das actuacións elixibles

1. Xustificantes de gasto. Consistirán nas copias das facturas acreditativas dos investimentos, que cumpran as exixencias que establece o Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigacións de facturación:

En particular as facturas deberán cumprir, como mínimo, os seguintes requisitos:

– Número e, se é o caso, serie.

– Data da súa expedición.

– Nome e apelidos, razón ou denominación social completa, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

– Número de identificación fiscal atribuído pola Administración española ou, se é o caso, pola doutro Estado membro da Comunidade Europea, co cal realizase a operación o obrigado a expedir a factura.

– Domicilio, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

– Descrición das operacións. Consignaranse todos os datos necesarios para a determinación da base impoñible do imposto, correspondente a aquelas, e o seu importe, incluíndo o prezo unitario sen imposto das ditas operacións, así como calquera desconto ou rebaixa que non estea incluído no dito prezo unitario.

– O tipo impositivo ou tipos impositivos, se é o caso, aplicados ás operacións.

– A cota tributaria que, se é o caso, lle repercuta, deberá consignarse por separado.

– A data en que se efectuasen as operacións que se documentan, sempre que se trate dunha data distinta á de expedición da factura.

– No caso de que unha operación estea exenta ou non suxeita ao IVE, especificarase o artigo da normativa referida ao IVE que así o recoñece.

– Só se considerará elixible a base impoñible que figure na factura.

– Non se admitirán como xustificantes de gasto albarás, notas de entrega, facturas pro forma, tíckets, recibos, nin as facturas que non conteñan todos os requisitos citados para a súa consideración como tal ou cuxa data non se axuste aos prazos citados.

– Nas facturas deberá figurar claramente especificado o obxecto facturado e, no caso de maquinaria, deberán figurar os datos identificativos, marca, modelo e número de bastidor.

– Así mesmo, o provedor e os investimentos que figuren deberán coincidir exactamente cos que figuran no orzamento escollido das tres ofertas presentadas.

2. Xustificantes do pagamento. A xustificación do pagamento realizarase mediante a presentación dalgún dos documentos que se relacionan a seguir:

a) Presentarase o xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (transferencias bancarias, certificacións bancarias, extractos bancarios, ou documentos obtidos a través da banca electrónica), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

b) Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio, etc.), achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, acompañado da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pago do efecto, etc., que deberán ir selados polo selo orixinal da entidade financeira) en que conste claramente que o dito efecto foi efectivamente pagado dentro do prazo de xustificación.

c) No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas imputadas ao proxecto, deberán identificarse no documento do pagamento as facturas obxecto del.

d) No caso dunha factura cuxo pago se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura a que se imputa o pagamento, e irá xunto cunha relación de todos os documentos de pago e importes acreditativos do pagamento desa factura.

e) No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, deberá identificarse claramente no documento de pagamento a factura ou facturas cuxo pagamento se imputa ao proxecto.

f) No caso de facturas en moeda estranxeira, deben achegarse os documentos bancarios de cargo en que conste o cambio utilizado.

g) Non se admitirán os pagamentos en efectivo.