Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 25 de maio de 2021 Páx. 25804

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 14 de maio de 2021 pola que se convocan catro edicións do curso básico de auxiliares de policía local.

Dentro das actividades programadas para o ano 2021 no plan de formación aprobado polo seu consello reitor, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria de cinco edicións do curso básico de auxiliares de policía local, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: básico de auxiliares de policía local.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 24.

Modalidade: presencial.

Obxectivos: dotar os auxiliares de policía local dunha formación teórico-práctica que os capacite para o posterior desempeño da súa función como auxiliares temporais dos corpos de policía local.

Contido:

– Intervención policial.

– Tráfico e seguridade viaria.

– Policía administrativa.

– Primeiros auxilios.

– Aplicacións policiais básicas do dereito penal e procesual-penal.

– Relacións co cidadán.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as:

– Persoal seleccionado e proposto polos concellos que puidera prestar servizo como auxiliar de policía local de forma temporal, de acordo co previsto nos artigos 47 a 48 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais.

– Persoal seleccionado dentro do proceso selectivo unitario que desenvolve a Agasp dentro dos convenios asinados cos concellos.

– Persoal integrante da lista de contratación creada ao abeiro dos procesos selectivos unitarios dos anos precedentes e que o curso realizado fose anterior ao ano 2018.

Para estes efectos, como se recolle no artigo 48.2 do citado decreto, non terán a obriga de facer o curso as persoas que o superaran nos últimos 4 anos, é dicir, a partir do ano 2018.

Prazas ofertadas: 50 prazas por edición.

3. Solicitudes de participación.

Prazo de inscrición e presentación: o prazo para de inscrición e presentación de solicitudes de participación comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Os concellos que se atopen nesta situación deberán remitir un escrito asinado polo/a alcalde/sa á Academia Galega de Seguridade Pública (avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada (fax 886 20 61 22), en que figure a lista de persoas seleccionadas segundo o artigo 47 do Decreto 243/2008, para efectuar a correspondente reserva de praza para a realización do devandito curso.

Listaxe de solicitudes seleccionadas: antes do comezo de cada edición do curso básico publicará no sitio web http://agasp.xunta.gal o persoal admitido para a súa realización.

4. Desenvolvemento da actividade.

Presentación: as persoas admitidas a este curso deberán presentarse ás 10.00 horas do día que comece o curso.

Lugar: Academia Galega de Seguridade Pública.

Horario lectivo: das 10.00 ás 14.00 e das 15.30 ás 20.30 horas.

Datas:

1ª edición: 4, 5 e 6 de xuño de 2021.

2ª edición: 8, 9 e 10 de xuño de 2021.

3ª edición: 11, 12 e 13 de xuño de 2021.

4ª edición: 16, 17 e 18 de xuño de 2021.

Certificado de superación do curso: ao remate da actividade entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen as probas que se determinen de ser o caso.

5. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 14 de maio de 2021

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública