Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 25 de maio de 2021 Páx. 25807

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 19 de maio de 2021 pola que se convocan catro cursos descentralizados de desfibrilación externa semiautomática para o persoal das agrupacións de voluntarios/as de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realice algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección das persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei, este persoal organizarase en grupos operativos.

Pola Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que poidan producirse en Galicia derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Aprobado o programa anual de actividades para o ano 2021 da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Agasp, anúnciase a convocatoria dos cursos de formación continua dirixidos o persoal das agrupacións de voluntarios/as de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia, correspondentes ao primeiro semestre do ano 2021, cuxas bases e características se especifícan no anexo desta resolución.

A Estrada, 19 de maio de 2021

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO I

Bases

Primeira. Actividades formativas

Denominación

Modalidade

Edicións

Horas lectivas

Prazas

Edición

Provincia

Concello

Datas

Desfibrilación externa semiautomática

Presencial

4

5

24

1ª edición

Coruña

 

19 de xuño

2ª edición

Lugo

 

12 de xuño

3ª edición

Ourense

 

19 de xuño

4ª edición

Pontevedra

 

26 de xuño

Segunda. Contido das actividades formativas

O contido das diferentes actividades formativas convocadas pola presente resolución pode consultarse na páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública (http://agasp.xunta.gal) na epígrafe «Formación de colectivos».

Terceira. Destinatarios/as

Persoal voluntario de agrupacións de voluntarios de protección civil (AVPC) dos concellos de Galicia.

Este persoal forma parte do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).

Cuarta. Requisitos de participación dos/das solicitantes

1. Requisitos xerais:

a) Ter superado o curso básico de protección civil.

b) Estar como voluntario/a activo/a na correspondente AVPC.

Ao persoal voluntario que cumpra os requisitos anteriores poderáselle requirir con anterioridade á súa posible admisión no/nos curso/s seleccionado/s un informe emitido pola persoa responsable da súa AVPC autorizando a súa realización. O dito informe, se for o caso, requirirase única e exclusivamente a todas as persoas solicitantes dos cursos onde houbese menor número de prazas que de solicitudes que cumpran os requisitos. O mencionado informe será remitido por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal.

A agrupación/asociación de voluntarios de protección civil a que pertenza o solicitante deberá estar inscrita regulamentariamente no Rexistro de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Requisitos físicos/psíquicos: os/as solicitantes deberán acreditar que non padecen enfermidade nin están afectados por limitación física ou psíquica incompatible coa realización das accións formativas ou co desempeño das funcións correspondentes ao curso a que se opta, mediante declaración que se efectuará xunto coa solicitude de matrícula no curso, e será obriga de cada alumno/a poñer en coñecemento da Agasp calquera alteración relacionada con ela.

3. Para realizar o curso de desfibrilación externa semiautomática (DESA), as persoas solicitantes deberán acreditar ser maiores de idade.

4. Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro no cal xa foi seleccionado debe renunciar a un deles.

Quinta. Desenvolvemento da actividade

Lugar e data: realizarase presencialmente nas datas e nos concellos establecidos no calendario do curso na base primeira, e concretarase o lugar de celebración na ficha de cada acción formativa publicada na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.gal.

Uniformidade: é obrigatorio asistir ao curso co uniforme de traballo. As persoas que incumpran esta norma poderán ser dadas de baixa na actividade.

Sexta. Solicitudes

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal); non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non seren correctos ou exactos tales datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

b) As persoas que non sexan usuarias da páxina web da Agasp deberán previamente darse de alta nela, para o que é necesario facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 37, 886 20 61 38, 886 20 61 39 e 886 20 61 11 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

d) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

e) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normalizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

f) Se as solicitudes para participar nun curso non superan o 50 % das prazas convocadas, a Agasp reserva para si a facultade de anular a actividade formativa.

Sétima. Prazo de inscrición

O prazo de inscrición será de oito (8) días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúna os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, coa antelación posible en función da data do curso e para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

Oitava. Criterios xerais de selección

Os criterios xerais de selección son os que a continuación se relacionan e na orde indicada, sen prexuízo de que algúns cursos requiran criterios específicos, os cales se indicarán na ficha de cada acción formativa concreta publicada na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.gal.

1º. De acordo co artigo 50 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, en cada edición do curso reservarase un cincuenta por cento das prazas para mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria.

2º. Reservarase un vinte por cento das prazas para as persoas con residencia no concello onde se realice o curso.

3º. Terán preferencia as persoas que realizasen o curso con anterioridade o ano 2020.

4º. Teñen preferencia as persoas pertencentes a unha AVPC con sede na provincia en que se realice o curso.

5º. Teñen preferencia as persoas de maior rango xerárquico, se as houber.

6º. Se despois de aplicar os criterios anteriores hai empate, terán preferencia as persoas con menos cursos feitos na Agasp nos últimos dous anos.

Cando no proceso de selección non se completasen as reservas establecidas nos puntos 1º e 2º, as ditas reservas, de existir suficiente número de solicitantes, completaranse co resto de solicitudes.

Novena. Admisión

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.gal unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Os/as alumnos/as seleccionados serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

O alumnado seleccionado só poderá renunciar ao curso por causas de forza maior suficientemente xustificadas.

A renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal, e cunha antelación mínima de tres días hábiles ao inicio do curso, co fin de poder cubrir a vacante.

A Agasp reserva para si o dereito de solicitar todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

Décima. Dereitos e deberes do alumnado participante

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp.

Décimo primeira. Faltas de asistencia

O Regulamento de réxime interior da Agasp regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

1. A realización das actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria e a non realización destas deberá xustificarse debidamente e penalizaranse disciplinariamente en caso contrario.

2. O alumnado que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % do curso será declarado non apto e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

Décimo segunda. Certificado de aproveitamento

Ao finalizar a actividade entregarase un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen a proba final.

Décimo terceira. Facultades da Agasp

A Agasp poderá modificar sen necesidade de nova publicación o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá, sen necesidade de nova publicación, suprimir o curso, cambiar as súas datas de celebración, ampliar novas edicións ou prazas deste, ou suspendelo, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia, especificamente, poderase suprimir o curso cando o alumnado admitido antes da data de inicio deste non supere o 50 % das prazas convocadas.

Así mesmo, facúltase o director xeral para ditar resolución sen necesidade de nova publicación para interpretar, se for o caso, o desenvolvemento da convocatoria ou docencia.