Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Mércores, 26 de maio de 2021 Páx. 26032

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 12 de maio de 2021 pola que se modifica a Orde do 3 de abril de 2019, pola que que se establecen as bases reguladoras do programa Emprega Muller para a contratación por conta allea, cofinanciado polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e a formación das mulleres desempregadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.

Durante a execución do programa de incentivos á contratación por conta allea de mulleres desempregadas, cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, sobreveu a crise ocasionada pola COVID-19.

O 11 de marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde elevou a situación de emerxencia de saúde pública ocasionada pola COVID-19 á categoría de pandemia internacional.

A nivel estatal publicouse o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declaraba o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 e o Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social da COVID-19.

Así mesmo, en Galicia, mediante o Acordo do Consello de la Xunta de Galicia do 12 de marzo de 2020, adoptáronse medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da COVID-19 (DOG núm. 49 bis, do 12 de marzo), que foron seguidas da declaración, por Acordo do Consello da Xunta do 13 de marzo de 2020, da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, da activación do Plan territorial de Galicia e da activación do Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

O Regulamento (UE) 1303/2013, do 17 de decembro, modificado polo Regulamento (UE) 2020/460, do 30 de marzo, e polo Regulamento (UE) 2020/558, do 23 de abril, considera o brote da COVID-19 como causa de forza maior.

Con posterioridade declarouse de novo o estado de alarma co Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, prorrogado ata o 9 de maio de 2021; polo Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro.

Na Xunta de Galicia, coa aprobación do Decreto 202/2020 e do Decreto 5/2021, do 19 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada, no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, e polo Decreto 8/2021, do 26 de xaneiro, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, aprobáronse un conxunto de medidas para diminuír a expansión dos contaxios e reducir a incidencia da COVID, consistentes en limitacións á mobilidade e aos desprazamentos, de limitación da permanencia de grupos de persoas en espazos públicos ou privados e de limitacións da apertura de establecementos da hostalaría e comerciais.

No caso particular do procedemento de subvencións, establécense unha serie de medidas excepcionais de conformidade co disposto nos apartados IV e 7 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 24 de abril de 2020, sobre a continuación da tramitación de determinados expedientes e procedementos en materia de subvencións, no eido da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público, e coa finalidade última de facilitarlles ás persoas beneficiarias tanto a execución da actividade ou do proxecto subvencionado como a xustificación do destino dado á subvención, para procurar evitar que a situación de emerxencia en que nos atopamos derive en incumprimentos das condicións establecidas e, en consecuencia, na necesidade de declarar a perda do dereito ao cobramento ou de exixir o reintegro da axuda.

Por isto se xustifica a necesidade, con base na forza maior orixinada pola crise da COVID-19, de modificar as bases reguladoras das axudas establecidas no Programa a prol da contratación das mulleres desempregadas, cofinanciado polo PO FSE Galicia 2014-2020, e da formación e a súa convocatoria para o ano 2019. En concreto, a evolución da crise provocada pola COVID-19 fai necesario reaxustar as obrigas de mantemento do emprego recollidas na orde de convocatoria de incentivos á contratación das mulleres desempregadas.

Por todo o exposto, unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación, en uso das atribucións que me foron conferidas.

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 3 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do programa Emprega Muller para a contratación por conta allea, cofinanciado polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e a formación das mulleres desempregadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019

A devandita orde queda modificada nos seguintes termos:

1. Modifícanse os artigos 27.f), g) e h) da orde de convocatoria, que terán á seguinte redacción:

«Artigo 27

f) Manter no seu cadro de persoal fixo as persoas traballadoras subvencionadas durante un período de 18 meses contados desde a data de realización da contratación. O período de suspensión do contrato subvencionado como consecuencia da aprobación dun expediente temporal de regulación de emprego computará como tempo efectivo de mantemento do emprego.

No suposto de extinción da relación laboral dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, a empresa está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación indefinida inicial, polo menos cunha xornada de traballo igual á anterior, e a persoa traballadora deberá pertencer a algún dos colectivos de persoas beneficiarias deste programa polo que se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que causase baixa. Esta substitución deberá realizarse ata o último día do mes seguinte ao da baixa. Esta nova contratación deberá serlle comunicada ao órgano que concedeu a axuda e non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención.

g) Manter en cómputo anual ata a entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da crise sanitaria ocasionada pola COVID19 (BOE do 14 de marzo), o número de persoas traballadoras fixas do cadro de persoal no mes de realización da contratación indefinida inicial.

h) Unha vez finalizados os períodos de mantemento establecidos no artigo 27.f) e g), corresponderá á Dirección xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social levar a cabo a función de control das subvencións concedidas, así como a avaliación e o seguimento deste programa. Para iso, a entidade beneficiaria está obrigada a presentar, nos tres meses seguintes á entrada en vigor desta orde de modificación, unha declaración da media do persoal traballador fixo no conxunto dos centros de traballo en Galicia. A estas declaracións xuntaranse o informe de vida laboral dun código conta de cotización expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social e as nóminas das mensualidades en que a persoa traballadora estea obrigada a permanecer de alta na empresa.

No prazo máximo de catro semanas desde o cumprimento dos prazos de mantemento da condición da traballadora a que se refire o artigo 27.f) e g), a entidade beneficiaria deberá presentar, respecto de cada unha das persoas polas que percibiu a subvención ou as persoas substitutas, os indicadores de resultado inmediato a que se refiren o anexo I do Regulamento (UE) núm. 1304/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de setembro, relativo ao Fondo Social Europeo modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046.

A Administración actuante poderá requirir a actualización destes datos no prazo de seis meses desde que finalice este mantemento, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no devandito regulamento».

2. Modifícase o artigo 28.2.a.1) e 2.a.2) da orde de convocatoria, que terá á seguinte redacción:

«a.1) Se se efectuou a substitución, pero esta non foi feita no prazo anteriormente indicado:

O cálculo da contía que se reintegrará parcialmente farase do seguinte xeito:

i. Divídese entre dezaoito meses a subvención concedida.

ii. Calcúlase o número de meses que o posto estivo vacante; computarase para estes efectos o prazo que se concede para proceder á substitución. Así mesmo, o mes en que se leve a cabo a substitución considerarase como mes de incumprimento, sexa cal sexa o día dese mes en que aquela se realice.

iii. E multiplícase o importe obtido na primeira operación (i) polo número de meses en que o posto de traballo estiver vacante.

a.2) Se se efectuou a substitución, pero esta non foi feita cunha nova traballadora pertencente a algún dos colectivos de beneficiarias deste programa polo que se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que causou baixa:

Procederá o reintegro parcial da axuda concedida pola diferenza entre a cantidade percibida e a cantidade que correspondería á nova contratación e o cálculo da contía a reintegrar farase do seguinte xeito:

i. Divídese entre dezaoito meses o importe concedido pola traballadora de que se trate.

ii. Calcúlase a subvención que correspondería en función do colectivo da traballadora substituta, e divídese tamén entre dezaoito meses.

iii. Á contía obtida na operación primeira (i) réstaselle a contía obtida na operación segunda (ii).

iiii. O resultado multiplícase polo número de meses que resten ata cumprir os dezaoito, tendo en conta que o mes en que se leve a cabo a substitución será computado entre os meses en que a subvención sería inferior, sexa cal sexa o día dese mes en que aquela se realice».

Disposición derradeira primeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2021

María Jesús Lorenza Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade