Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Mércores, 26 de maio de 2021 Páx. 26044

III. Outras disposicións

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 7 de maio de 2021 pola que se acorda publicar o Regulamento de estudantes desta universidade.

Reunido o Claustro Universitario o día 13 de abril de 2021 acordou na dita sesión a publicación do Regulamento de estudantes da Universidade de Vigo que figura no anexo desta resolución.

Vigo, 7 de maio de 2021

Manuel Joaquín Reigosa Roger
Reitor da Universidade de Vigo

ANEXO

Regulamento de estudantes da Universidade de Vigo

(aprobado polo Claustro Universitario o 13 de abril de 2021)

Preámbulo

A Universidade de Vigo, actuando consonte os principios de honradez, veracidade, rigor, xustiza, eficiencia, respecto e responsabilidade, como espazo de convivencia e de formación integral das persoas que nela estudan e traballan, debe garantir, a través da súa actividade, tanto docente coma investigadora, as condicións axeitadas para fomentar entre o seu estudantado os valores de liberdade, equidade e solidariedade, xunto co respecto e co recoñecemento da diversidade. E, como universidade moderna e inserida na sociedade, debe promover os valores ambientais e de sustentabilidade, nas súas diferentes dimensións, e reflectir en si mesma os patróns éticos que quere proxectar na sociedade e que lle demanda a súa propia comunidade universitaria, así como fomentar en todas as súas actuacións a autonomía e a responsabilidade do seu estudantado, procurando que a súa formación nestes valores chegue máis alá da vida universitaria.

A Universidade de Vigo impulsará e respectará a liberdade de estudo e de orientación intelectual, coa procura dos recursos suficientes para o estudo e co axeitado asesoramento docente, dado que tanto o estudo coma a formación constitúen un dereito e un deber básico do estudantado. Pola súa parte, o estudantado ten a obriga do máximo aproveitamento dos recursos que a sociedade, a través da universidade, pon á súa disposición para desenvolver a súa formación.

A Universidade de Vigo, como entidade colectiva, promoverá, así mesmo, a participación de todos os grupos integrantes. O estudantado asumirá o seu compromiso de responsabilidade institucional, contribuíndo á vida universitaria en todos os seus aspectos, na toma de decisións nos distintos órganos de goberno a través dos e das representantes elixidos/as democraticamente ou mediante a participación directa en colaboración cos órganos de goberno da Universidade de Vigo.

A Universidade de Vigo, no campo da responsabilidade social e da cooperación ao desenvolvemento, realizará un labor estreitamente vinculado á súa misión básica: a docencia, a investigación e a transferencia de coñecemento; cuestións esenciais tanto para a formación integral do estudantado coma para a comprensión dos problemas que ameazan a consecución dun desenvolvemento humano e sustentable.

Consonte os principios sinalados, e tendo en conta o Estatuto do estudante universitario (Real decreto 1791/2010, do 30 de decembro), o presente regulamento, logo de definir o seu marco xeral de aplicación, recolle e desenvolve os dereitos recoñecidos ao seu estudantado nos Estatutos da Universidade de Vigo e no resto do ordenamento xurídico. Trata dun xeito específico a representación e a participación do estudantado na vida universitaria, ao ser este un aspecto fundamental para o desenvolvemento dos seus fins e a defensa dos seus dereitos. Así mesmo, sinala os deberes do estudantado, baseados no respecto polas demais persoas e na preservación das finalidades da institución universitaria, así como a defensa dos principios democráticos e a conservación do coñecemento humano.

Por outra parte, e dada a dobre condición do estudantado de doutoramento, como estudantes e como persoal investigador, inclúense os principios, dereitos e deberes recoñecidos na lexislación vixente como é a Carta europea dos investigadores e o Código de conduta para a selección de investigadores (L 75/67, do 22 de marzo de 2005) regulados coa aprobación da Lei da ciencia, a tecnoloxía e a innovación (Lei 14/2011, do 1 de xuño) e co Estatuto do persoal investigador predoutoral en formación (Real decreto 103/2019, do 1 de marzo).

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Principios xerais

1. O Regulamento de estudantes ten como finalidade garantir na Universidade de Vigo o respecto aos dereitos do estudantado universitario, así como a súa implementación, xunto co cumprimento dos deberes correspondentes; todos eles recollidos na lexislación vixente, en particular, o Estatuto do estudante universitario, así como nos Estatutos da Universidade de Vigo.

2. Todo estudante da Universidade de Vigo terá garantida a igualdade de dereitos e de deberes, independentemente do centro universitario, dos ensinos que estea a cursar, da etapa de formación en que estea matriculado, e sen que poida prevalecer ningunha discriminación tal e como proclama a Constitución española.

3. Os dereitos e os deberes exerceranse de acordo coa natureza, as funcións e os fins propios da Universidade de Vigo e sen menoscabo dos dereitos dos demais membros da comunidade universitaria.

4. A Universidade de Vigo velará por que as persoas con necesidades educativas especiais reciban atencións específicas acordes coa súa demanda.

Artigo 2. Destinatarios/as

1. Son estudantes da Universidade de Vigo as persoas que estean matriculadas en calquera dos ensinos impartidos nos seus centros:

a) O estudantanto matriculado nalgún título oficial impartido nun centro da Universidade de Vigo terá todos os dereitos e deberes que lle corresponden a este colectivo no presente regulamento.

b) O resto do estudantado matriculado na universidade terá os dereitos e os deberes que lle sexan de aplicación no presente regulamento e que lle recoñeza a normativa que regule os seus estudos.

2. O estudantado dos centros adscritos terá os dereitos rexoñecidos nos convenios de adscrición.

3. Para adquirir a condición de estudante da Universidade de Vigo deberanse cumprir os requisitos legais e superar os procedementos de selección establecidos na normativa vixente. Para facilitar os trámites de matrícula nas súas ensinanzas, a Universidade de Vigo establecerá, consonte a normativa vixente, mecanismos de xestión e de asesoramento que axuden ao deseño curricular por parte do estudantado.

TÍTULO II

Dos dereitos do estudantado

CAPÍTULO I

Dereitos xerais

Artigo 3. Dereitos básicos

Todo o estudantado da Universidade de Vigo ten os seguintes dereitos:

1. A recibir unha formación integral e unha docencia cualificada e actualizada, tanto nos seus contidos coma nos seus métodos pedagóxicos.

2. A recibir unha formación integral e unha docencia vinculada á realidade histórica, social, cultural e económica de Galicia.

3. A estudar e a participar activamente nas actividades académicas que o axuden a completar a súa formación.

4. A recibir unha formación académica de calidade e interdisciplinaria, que responda á adquisición das competencias e dos coñecementos vinculados cos estudos elixidos, e que permita coñecer os distintos enfoques e propiciar, deste xeito, o ensino e a aprendizaxe centradas no estudante que estimulen a motivación, a autorreflexión e a súa participación no proceso de aprendizaxe; ademais de fomentar actitudes e valores propios dunha cultura democrática e de respecto ás demais persoas e á contorna.

5. A recibir unha formación académica integradora e igualitaria, onde se amose a presenza real das mulleres en todos os ámbitos científicos e académicos.

6. A conciliar os estudos coa vida laboral e familiar, e que se teñan en conta as súas circunstancias persoais na medida das dispoñibilidades organizativas e orzamentarias da Universidade de Vigo. Correspóndelles aos centros determinar as condicións e o procedemento seguido para exercer este dereito.

7. A compaxinar estudos de máis dunha titulación, nas condicións que estableza a normativa de simultaneidade da Universidade de Vigo.

8. A recibir asesoramento e asistencia por parte do profesorado e dos servizos de atención ao estudantado sobre a organización, contidos e exixencias dos distintos estudos universitarios, procedementos de ingreso e saídas profesionais, e sobre os servizos e os medios que a Universidade de Vigo pon á súa disposición.

9. A ser sempre avaliado, con obxectividade, no seu rendemento académico, segundo os criterios de avaliación previamente establecidos e coñecidos con anterioridade ao período de matrícula.

10. A ser avaliado en réxime de avaliación continua, dispoñendo como alternativa de probas de avaliación global en todas as materias e oportunidades de avaliación do curso académico.

11. A coñecer as súas cualificacións antes de que estas sexan definitivas, a obter por parte do profesorado responsable as aclaracións que precise sobre o proceso de avaliación e as indicacións para mellorar os resultados obtidos, así como ao recurso contra as cualificacións no caso de desconformidade unha vez que sexan definitivas.

12. A obter recoñecemento académico pola súa participación en actividades universitarias culturais, deportivas, de representación estudantil, solidarias e de cooperación nos termos establecidos na normativa vixente.

13. A obter recoñecemento académico da formación previa ou simultánea das prácticas externas e da experiencia laboral ou profesional, de acordo coas condicións que fixen as memorias de verificación das titulacións e a normativa vixente.

14. A participar, no marco da lexislación vixente, nos programas de mobilidade, nacional ou internacional, destinados ao estudantado e, de ser o caso, ao recoñecemento dos estudos cursados ao abeiro dos devanditos programas, segundo os convenios e os acordos aplicables.

15. A usar instalacións académicas accesibles e adecuadas ás características dos estudos que estea a cursar.

16. A dispoñer de instalacións e dos medios requiridos para permitir o normal desenvolvemento dos estudos e demais actividades de formación.

17. A obter o recoñecemento da autoría dos traballos elaborados no desenvolvemento dos seus estudos e a protección da propiedade intelectual destes.

18. A usar oralmente e por escrito o galego en todos os niveis e en todas as relacións coa universidade (traballos, exames, prácticas...), tal e como recollen os Estatutos da Universidade de Vigo.

19. A recibir información e orientación vocacional, académica, profesional e administrativa relacionada con calquera aspecto da vida universitaria que o afecte, en especial, sobre as actividades responsabilidade da Universidad de Vigo.

20. A recibir formación sobre prevención de riscos e a dispor dos medios que garantan a súa saúde e seguridade no desenvolvemento das súas actividades como membros do estudantado.

21. A acceder ás bolsas e ás axudas ao estudo das convocatorias nacionais e internacionais, así como ás bolsas propias da Universidade de Vigo, nos termos que se establezan nas súas convocatorias.

22. A recibir unha formación académica que promova a sustentabilidade, a responsabilidade social e a cooperación, e a participar nas actividades de voluntariado, acción social, cooperación ao desenvolvemento e outras de responsabilidade social que organice a Universidade de Vigo.

23. A organizar e a promover actividades formativas, culturais e recreativas, así como a participar nelas e a utilizar os medios ofrecidos pola universidade para tal fin.

24. Á liberdade de expresión, reunión e asociación no ámbito universitario, no marco da normativa vixente.

25. A ter unha representación efectiva e participativa, no marco da responsabilidade colectiva, nos órganos de goberno e de representación da Universidade de Vigo, nos termos que, de acordo coa lexislación vixente, estableza a Universidade de Vigo.

26. A formular peticións, suxestións, reclamacións, queixas e parabéns.

27. A participar na elección dos órganos de goberno da Universidade de Vigo nos termos previstos nos seus estatutos.

28. A recibir información, directamente ou a través das e dos seus representantes, das normas e dos acordos ou resolucións dos distintos órganos de goberno que o afecten. A universidade disporá os medios necesarios para garantir este dereito dos/das estudantes, sen prexuízo de que outras institucións ou entidades poidan colaborar nesta tarefa.

29. A participar na avaliación da actividade docente do profesorado e nos procesos de avaliación institucional da calidade de centros, titulacións e servizos polos medios e polos procedementos que en cada caso sexan aplicables.

30. Á confidencialidade de datos, tanto académicos coma persoais, de acordo coa lexislación vixente, e a que os seus datos persoais non se utilicen con outros fins que os regulamentados pola normativa de protección de datos de carácter persoal.

31. A seren protexidos polo réxime de seguro legalmente establecido.

32. A beneficiarse dos convenios de colaboración educativa asinados pola universidade con institucións públicas e privadas, nos termos establecidos no propio convenio, sempre de acordo cos criterios que fixe a propia universidade.

33. A ter os mesmos dereitos de admisión e de réxime económico no uso do xardín de infancia para os seus fillos e fillas cos do resto da comunidade universitaria.

34. A calquera outro dereito recoñecido na lexislación vixente, así como nos estatutos e nas normas propias da Universidade de Vigo, ao estudantado universitario como tal.

Artigo 4. Dereitos específicos do estudantado de grao e de mestrado

Ademais dos establecidos no artigo 3, o estudantado que curse estudos de grao ou de mestrado na Universidade de Vigo ten os seguintes dereitos:

1. A recibir información e a participar na elaboración das memorias de verificación de títulos oficiais. Correspóndelles aos centros determinar as condicións e o procedemento seguido para exercer o correspondente dereito.

2. A coñecer o contido das guías docentes das materias antes do período de matrícula.

3. A elixir grupo de docencia, de ser o caso, de maneira que se poida conciliar a formación con outras actividades profesionais ou familiares e, se for o caso, para o exercicio dos dereitos das vítimas da violencia de xénero, deportistas de alto nivel e de alto rendemento. Correspóndelles aos centros determinar as condicións e o procedemento seguido para exercer o correspondente dereito.

4. A recibir unha formación teórica e práctica de calidade acorde coas competencias e cos coñecementos establecidos para os estudos elixidos, e axustada ás competencias que se van adquirir, establecidas na memoria de verificación da titulación que estea a cursar.

5. A recibir orientación e titoría personalizadas para facilitar a adaptación á contorna universitaria e o rendemento académico, así como a incorporación á actividade profesional e a continuidade da súa formación universitaria.

6. A dispor da posibilidade de realizar prácticas, curriculares ou extracurriculares, en entidades externas e nas estruturas ou servizos da Universidade de Vigo, segundo a modalidade prevista, garantindo que sirvan á finalidade formativa destas.

7. A contar con tutela efectiva, académica e profesional no traballo de fin de grao ou de mestrado e nas prácticas externas.

Artigo 5. Dereitos específicos do estudantado de doutoramento

Ademais dos establecidos no artigo 3, o estudantado que curse estudos de doutoramento ten os seguintes dereitos:

1. A recibir información e a participar na elaboración das memorias de verificación destes títulos.

2. A recibir unha formación investigadora de calidade, que promova a excelencia científica e que atenda á equidade e á responsabilidade social.

3. A dispor dun titor ou titora que oriente o seu proceso formativo e un director ou directora, con experiencia investigadora acreditada, que supervise a realización da tese de doutoramento.

4. A que a Universidade de Vigo promova nos seus programas de doutoramento a integración dos doutorandos e doutorandas en grupos e en redes de investigación.

5. A coñecer a carreira profesional da investigación e a que a Universidade de Vigo promova nos seus programas oportunidades de desenvolvemento da carreira investigadora.

6. A participar en programas e en convocatorias de axudas para a formación investigadora e para a mobilidade nacional e internacional.

7. A contar co recoñecemento e coa protección da propiedade intelectual da tese de doutoramento, dos seus resultados e dos traballos de investigación previos nos termos que se establecen na lexislación vixente sobre a materia.

8. A ser considerados como persoal investigador en formación, de acordo co establecido na lexislación en materia de ciencia e investigación e cos estándares da Carta e do Código (C&C).

9. Aos dereitos específicos vinculados á súa actividade investigadora recollidos no Real decreto 103/2019 polo que se aproba o Estatuto do persoal investigador predoutoral en formación.

Artigo 6. Dereitos específicos do estudantado con diversidade funcional

Ademais dos establecidos nos artigos 3, 4 e 5, o estudantado que acredite algunha discapacidade ten os seguintes dereitos:

1. A participar en todos os ámbitos da universidade.

A adecuada resposta educativa a todo o estudantado concíbese a partir do principio de inclusión, entendendo que unicamente deste modo se garante o desenvolvemento do conxunto e se favorece a equidade; así mesmo, contribúese a unha maior cohesión social.

A Universidade de Vigo celebra a diversidade e facilitará o acceso e a participación en todos os ámbitos da vida universitaria de estudantes con diversidade funcional, establecendo cotas de participación cando sexa preciso e plans de atención individualizados.

2. A unha atención educativa adaptada ás necesidades, aos intereses e ás capacidades de todo o estudantado.

A Universidade de Vigo continuará coa política de eliminación de barreiras arquitectónicas e comunicativas, e facilitaralles os apoios precisos tanto ao estudantado con diversidade funcional que o requira coma aos centros en que estea matriculado e aos/ás docentes responsables de atención á diversidade funcional. Deste xeito, tentarase garantir que o estudantado con diversidade funcional acade o máximo desenvolvemento posible holístico ou integral de todas as súas capacidades, individuais e sociais, intelectuais, culturais e emocionais.

Os plans de atención individualizados incluirán, cando menos, os seguintes elementos, tal e como constan na normativa da Universidade de Vigo:

• Atención, acollida e asesoramento polos servizos especializados da Universidade de Vigo.

• Apoio psicopedagóxico.

• Soporte ao estudo (adaptacións de acceso ao currículo, reforzos, recursos técnicos de apoio, titorías permanentes por parte de persoal especializado, bolsas e axudas...).

• Acompañamento en actividades diversas por persoal voluntario da Universidade de Vigo.

• Calquera outra que marque a normativa vixente.

CAPÍTULO II

Dereitos vinculados á actividade académica

Sección 1.ª Dereito a recibir unha docencia de calidade e a unha avaliación xusta

Artigo 7. Docencia de calidade

O estudantado da Universidade de Vigo ten dereito a recibir unha formación integral e a unha docencia cualificada e actualizada, así como a acceder aos diversos recursos bibliográficos, metodolóxicos e pedagóxicos de que se dispoña para ampliar a súa formación.

Artigo 8. Dereito a recibir ensinanzas teóricas e prácticas

1. O estudantado ten dereito a asistir ás clases teóricas, prácticas, seminarios e calquera outra actividade especificada no programa ou na guía docente das materias en que se matricule, segundo a organización académica e os horarios establecidos.

2. Antes do comezo do proceso de matrícula, a Xunta de Centro, ou órgano delegado, aprobará os horarios. O centro publicará os horarios, por curso e por grupo, co obxecto de que sexan compatibles ao longo do curso. Non se poderán modificar agás por causa xustificada. Así mesmo, esta causa poderá fundamentar a petición de cambio de grupo.

3. A Xunta de Centro, ou comisión delegada, aprobará os horarios das aulas e das probas de avaliación final de carácter global atendendo aos intereses de docentes e de estudantes. No calendario das probas de avaliación global non se poderán planificar probas do mesmo curso nun prazo inferior a 24 horas. En todo caso, cada estudante terá dereito a que a realización das probas de carácter global correspondentes non lle coincidan en data e hora.

4. Co fin de garantir a asistencia á clase, a persoa do equipo directivo/decanal coas competencias que marque o Regulamento de réxime interno da Xunta de Centro poderá concederlle o cambio de grupo ao estudantado que xustifique axeitadamente a imposibilidade de asistir ás actividades do grupo asignadas e especificadas no artigo 4.3 do presente regulamento.

5. As guías docentes ou os programas das materias poranse á disposición do estudantado antes de comezar o período de matrícula.

Artigo 9. Dereito á avaliación xusta

1. O estudantado ten dereito a ser avaliado dos seus coñecementos e competencias con criterios razoables e xustos e, sempre que sexa posible, nun sistema orientado á avaliación continua.

2. A avaliación continua, de carácter formativo, estará baseada na utilización de diferentes procedementos de valoración da actividade do estudantado ao longo do curso. Esta poderá supor realizar exames, probas prácticas e teóricas ou entregar e defender os traballos e os proxectos, sen quedar limitada á asistencia presencial do estudantado ás aulas.

Artigo 10. Probas de avaliación

1. Todo o estudantado matriculado nunha materia ten dereito en cada curso académico a unha única convocatoria con dúas oportunidades de avaliación.

2. Durante a realización das probas será obrigatoria a presenza do profesor/a responsable da materia, agás unha causa xustificada previamente comunicada ao estudantado e á dirección/decanato do centro.

3. Os criterios de cualificación e as normas para realizar as probas de avaliación deberán darse a coñecer antes do seu inicio.

4. O estudantado ten dereito, se o solicita, a un xustificante documental que acredite que se presentou á proba ou ao exame.

5. A persoa que, por enfermidade, lesión, maternidade/paternidade ou calquera outro impedimento temporal, que o centro considere fidedignamente demostrado, non poida efectuar unha proba ou exame, parcial ou final, terá dereito a ser avaliado noutra data.

6. O estudantado deberá identificarse, cando así o solicite o profesorado encargado da súa avaliación.

Artigo 11. Avaliación e cualificación

1. Todas as cualificacións obtidas polo estudantado se publicarán na plataforma interna ou na aula virtual oficial da Universidade de Vigo co acceso limitado ao profesorado da materia e a todo o estudantado matriculado nela, que garante o coñecemento das súas cualificacións e das cualificacións das compañeiras e compañeiros de grupo. Excepcionalmente, e por motivos xustificados, no caso de non ser posible, poderanse publicar as cualificacións en taboleiros físicos pechados con chave, sempre que non se encontren nas zonas comúns dos centros.

2. Os datos para publicar as cualificacións limitaranse ao nome e aos apelidos do estudantado e á cualificación obtida. No caso de que houbese estudantes cos mesmos nomes e apelidos, publicaranse para eles os catro díxitos que ocupen as posicións 4ª, 5ª, 6ª e 7ª do documento nacional de identidade, número de identidade estranxeiro, pasaporte ou documento equivalente, conforme o exixido na normativa actual de protección de datos.

3. As listaxes coas cualificacións manteranse expostas ao grupo da materia durante o tempo preciso que garante o seu coñecemento por todo o estudantado e, en todo caso, respectando os prazos de reclamación.

4. O estudantado terá dereito a coñecer as cualificacións provisionais tras realizar calquera proba de avaliación. As devanditas cualificacións deben ser notificadas ao estudantado antes de que sexan definitivas, garantindo a adecuada antelación para o normal desenvolvemento do estudo da materia.

Artigo 12. Participación no control de calidade

1. O estudantado participará na avaliación da actividade docente realizada pola universidade coas garantías técnicas suficientes, así como nos procesos de xestión e avaliación institucional da calidade dos centros, titulacións, servizos e actividade investigadora, xa sexa directamente, xa sexa a través das e dos seus representantes, nos termos previstos pola lexislación e a normativa vixente.

2. Os resultados dos métodos de avaliación docente (taxa de rendemento, taxa de éxito, taxa de eficiencia, taxa de graduación, taxa de abandono, etc.) serán tidos en conta e serán públicos nos termos aprobados polos órganos de goberno.

3. No caso de materias con desviacións significativas no seus indicadores de resultado respecto dos valores recollidos na memoria da titulación, a persoa responsable da materia deberá redactar un informe das causas que ao seu xuízo producen estes resultados e propoñeranse solucións co fin de corrixilos segundo o procedemento que determine o Regulamento de avaliación, cualificación e calidade da docencia e do proceso de aprendizaxe do estudantado.

Sección 2ª. Dereitos de revisión e de impugnación das probas de avaliación

Artigo 13. Dereito de revisión

1. Ademais da función avaliadora da formación alcanzada polo estudantado, todas as probas de avaliación cumprirán unha función docente e de crítica e de mellora; por iso, o estudantado terá pleno acceso ao estudo das súas probas corrixidas.

2. O estudantado terá dereito a revisar nunha titoría individualizada as probas de avaliación antes de que as súas cualificacións sexan definitivas.

Artigo 14. Da impugnación das cualificacións

O estudantado ten dereito a impugnar a cualificación obtida segundo o procedemento que determine o Regulamento sobre a avaliación, a cualificación e a calidade da docencia e do proceso de aprendizaxe do estudantado.

Sección 3ª. Dereito á propiedade intelectual

Artigo 15. Da propiedade intelectual dos traballos académicos

1. Os membros do estudantado conservarán o dereito á propiedade intelectual dos traballos orixinais da súa autoría. A publicación ou a reprodución total ou parcial, ou a súa utilización para calquera outro fin, deberá contar coa autorización expresa e por escrito das autoras ou autores. No caso de reprodución ou de publicación do documento, ademais da autoría, deberá constar o profesorado titor e a vinculación coa Universidade de Vigo.

2. No caso de que exista coautoría do traballo, compartiranse tamén as propiedades intelectual e industrial, así como os dereitos derivados delas.

Sección 4ª. Do dereito a recibir titorías

Artigo 16. Das titorías

1. O estudantado ten dereito a ser asistido e orientado individualmente durante todo o curso académico no proceso de aprendizaxe mediante titorías no centro en que se lle imparte a docencia, sempre que sexa posible.

2. Para tal efecto, as e os docentes deberán publicar e facerlle chegar ao estudantado, a través dos medios de información do centro e antes de comezar a docencia, os horarios, os lugares e o sistema de titorías, que se adecuarán no posible aos diferentes grupos existentes.

3. Os centros garantirán que estes horarios se publiquen na web do centro, así como nas portas dos despachos antes do inicio de cada curso.

4. As prácticas realizadas en institucións externas á Universidade de Vigo serán titorizadas cos mesmos requisitos ca o resto da docencia.

Artigo 17. Dos criterios para establecer o horario de titorías

Os períodos, modalidades e horarios de titorías regularanse polo establecido na normativa de actividades titoriais da Universidade de Vigo.

Artigo 18. Das titorías dos proxectos

O estudantado matriculado nas materias de traballo de fin de grao, traballo de fin de mestrado e teses de doutoramento terá dereito a solicitar o cambio da persoa que o titorice ou dirixa nas condicións que fixe a correspondente normativa.

CAPÍTULO III

Sobre os dereitos vinculados ás bolsas e ás axudas ao estudo

Artigo 19. Das bolsas e das axudas ao estudo

Os programas de bolsas e de axudas establecidas pola Universidade de Vigo aplicarán na súa adxudicación os principios de progresividade, mérito e capacidade. Estes programas atenderán os principios de suficiencia e de equidade, e promoverán o aproveitamento académico do estudantado; en todo caso, respectarase o principio xeral de que ningún ou ningunha estudante teña que renunciar aos seus estudos universitarios por razóns económicas.

Artigo 20. Das bolsas de carácter social

No caso de bolsas de carácter social, procurarase que as cantidades asignadas a cada estudante se axusten, en cada caso, á súa situación socioeconómica e ás súas necesidades reais.

Artigo 21. Do control da asignación das bolsas

O estudantado formará parte dos órganos colexiados encargados da selección de persoas bolseiras na Universidade de Vigo a través dos órganos de representación estudantil previstos pola propia universidade nas súas normativas correspondentes.

CAPÍTULO IV

Sobre os dereitos vinculados á mobilidade estudantil

Artigo 22. Dos programas de mobilidade

1. A Universidade de Vigo promoverá a participación de membros do estudantado en programas de mobilidade mediante a sinatura dos correspondentes convenios de cooperación interuniversitaria ou a participación en programas e en convocatorias de mobilidade.

2. Estes programas poderán atender á formación académica propia da titulación, á realización de estadías de investigación e a outros ámbitos de formación integral do estudantado tales como a formación transversal en valores, a realización de prácticas, a formación orientada ao emprego, e calquera outra que promova a Universidade de Vigo no seus principios e fins.

3. Con carácter xeral, os programas de mobilidade desenvolveranse en calquera dos tres ciclos das ensinanzas universitarias: grao, mestrado e doutoramento.

Artigo 23. Do financiamento dos programas de mobilidade

A Universidade de Vigo facilitará o acceso ao financiamento requirido para participar nos programas de mobilidade. O estudantado poderá obter axudas e bolsas para sufragar os gastos ocasionados pola súa participación en programas de mobilidade nas condicións que estableza a normativa correspondente en cada caso.

Artigo 24. Da arbitraxe dos programas de mobilidade

A Universidade de Vigo arbitrará os procedementos axeitados para que o estudantado participante nos programas de mobilidade coñeza, con anterioridade á súa incorporación á universidade de destino, as condicións para o recoñecemento ou a transferencia no seu expediente dos estudos e das actividades desenvolvidos na citada universidade.

Artigo 25. Do/da titor/a nos programas de mobilidade

Cada estudante participante en programas de mobilidade terá asignada unha persoa titora docente, coa que terá que elaborar o contrato ou o acordo de estudos que lle corresponda ao programa de mobilidade.

Artigo 26. Da mobilidade do estudantado con necesidades educativas especiais

A Universidade de Vigo promoverá a participación en programas de mobilidade das persoas con necesidades educativas especiais establecendo as cotas pertinentes, así como os sistemas de información e de cooperación entre as unidades de atención a este tipo de estudantado.

CAPÍTULO V

Sobre o dereito vinculado á información e á orientación educativa e profesional

Artigo 27. Da información oficial

A Universidade de Vigo establecerá os procedementos oportunos para desenvolver e darlles publicidade aos plans, programas, guías docentes, actividades, cursos e outros eventos educativos, culturais ou profesionais.

Artigo 28. Da información, da orientación e do asesoramento

O estudantado recibirá información, orientación e asesoramento sobre a súa titulación. Esta información atenderá, entre outros, aos seguintes aspectos:

a) Obxectivos da titulación.

b) Medios persoais e materiais e servizos dispoñibles.

c) Estrutura e programación das ensinanzas.

d) Metodoloxías docentes aplicadas.

e) Procedementos e cronogramas de avaliación.

f) Indicadores de calidade.

Artigo 29. Da persoa responsable para orientar o estudantado

Os responsables académicos dos títulos oficias da universidade serán os encargados de asistir e orientar o estudantado nos seus procesos de aprendizaxe. A universidade porá á disposición do estudantado as unidades ou os servizos necesarios para facilitar información, asesoramento e formación no ámbito da orientación profesional e da inserción laboral.

CAPÍTULO VI

Dos dereitos sociopolíticos e culturais

Sección 1ª. Participación democrática

Artigo 30. Dereito a participar nos órganos de goberno

1. Todo o estudantado da Universidade de Vigo ten dereito a participar nos órganos de goberno da universidade, dos centros e dos departamentos, mediante a elección das e dos seus representantes.

2. Para estes efectos, será elector/a e elixible quen reúna os requisitos establecidos no artigo 2.1 do presente regulamento, nos termos que sinale a normativa electoral.

Sección 2ª. Organización, promoción e participación en actividades formativas, culturais, recreativas e deportivas

Artigo 31. Actividades formativas, culturais, recreativas e deportivas

1. Todo o estudantado terá dereito a participar nas actividades formativas, culturais, recreativas e deportivas organizadas pola universidade, de acordo co establecido na respectiva normativa.

2. Tamén poderán promover a realización de actividades desta natureza, directamente ou a través das e dos seus representantes ou asociacións de estudantes recoñecidas pola Universidade de Vigo. Cando se encadren nunha programación xeral, tales propostas deberán facerse dentro dos prazos e de acordo co disposto na oportuna convocatoria.

Artigo 32. Utilización das instalacións universitarias

O estudantado e as asociacións poderán utilizar as instalacións universitarias para as súas actividades culturais, deportivas, formativas, lúdicas, recreativas e reivindicativas. Tal uso deberá contar coa autorización do órgano competente, tras a petición das persoas interesadas, e poderá ser denegada cando non se axuste ao réxime de utilización establecido.

Artigo 33. Servizos universitarios

O estudantado poderá acceder aos distintos servizos universitarios, de acordo co establecido nos respectivos regulamentos.

Sección 3ª. Asociacións de estudantes na Universidade de Vigo

Artigo 34. Dereito de asociación e de reunión

1. Todo o estudantado ten dereito a asociarse libremente dentro da comunidade universitaria para velar polo cumprimento dos seus dereitos e deberes, potenciar a participación en todos os ámbitos e contribuír aos fins da universidade.

2. Todo o estudantado e as asociacións teñen dereito a reunirse en locais universitarios. Para isto cumprirá cursarlle con antelación abonda a oportuna solicitude ao centro ou á dependencia responsable do local ou locais. A solicitude deberá ser atendida, agás que medien circunstancias excepcionais que aconsellen o contrario.

Artigo 35. Promotores/as das asociacións

Poderá promover asociacións o estudantado a que se refire o artigo 2.1 deste regulamento, que se atope en pleno uso dos seus dereitos académicos e que libremente acorde servir os fins enunciados nos seus propios estatutos.

Artigo 36. Estatutos das asociacións

1. As asociacións rexeranse por uns estatutos que deberán estar visados pola Xunta de Galicia e adaptados consonte a lexislación vixente, e que conterán as seguintes mencións:

a) Denominación da entidade. Domicilio da asociación.

b) Fins propostos.

c) Órganos directivos, funcións e forma de administración.

d) Procedemento de adquisición e perda da condición de asociado/a.

e) Dereitos e deberes dos asociados/as.

f) Aplicación do patrimonio no caso de disolución.

g) Plan de igualdade de xénero.

h) Plan de transparencia.

i) Plan de atención á diversidade funcional.

j) Plan de xestión ambiental e sustentabilidade.

k) Cotas que aboará os asociados/as, no caso de habelas.

2. Os órganos gobernativos competentes aprobarán os estatutos. Cando sinale como domicilio unha dependencia universitaria deberá contar coa autorización do órgano competente.

Artigo 37. Censo de asociacións

1. Na Universidade de Vigo existe un censo público en que deberán inscribirse as asociacións estudantís, constituídas de acordo con este regulamento de estudantes e coa lexislación vixente.

2. Poden solicitar a inclusión no censo oficial de asociacións estudantís da Universidade de Vigo as asociacións con certificación da súa condición de asociación estudantil legalizada pola Xunta de Galicia e na cal a porcentaxe de membros estudantes da Universidade de Vigo sexa igual ou superior ao 50 % do total de persoas asociadas.

3. A actualización dos datos no censo público de asociacións estudantís da Universidade de Vigo realízase anualmente e, anteriormente, se houbese algunha modificación na asociación estudantil.

Artigo 38. Tipos de asociacións

1. Asociacións estudantís de ámbito xeral: son as que dirixen a súa actividade ao conxunto da comunidade universitaria, tendo asociados/as en diversos centros e unha actividade cultural e social que responda aos intereses de persoas e de colectivos amplos.

2. Asociacións estudantís de ámbito sectorial: son as que restrinxen as súas actuacións a actividades sectoriais ou as que só teñen presenza nunha titulación ou nun ámbito reducido.

Artigo 39. Recursos

1. Ademais doutros recursos, as asociacións nutriranse das subvencións que poidan recibir da Universidade de Vigo a través das oportunas convocatorias.

2. Sempre que exista dispoñibilidade, facilitaránselles locais ás asociacións nos centros onde conten con implantación. Existirá, cando sexa posible, un local común para o uso de todas as asociacións en cada centro. A Universidade de Vigo facilitaralles un local, sempre que exista dispoñibilidade, ás asociacións de ámbito xeral.

3. As asociacións deberán entregar na vicerreitoría con competencias unha memoria das súas actividades. Na parte económica desta memoria, se as houber, deberán xustificar debidamente as subvencións e as axudas recibidas da Universidade de Vigo e calquera outro tipo de axuda externa.

Artigo 40. Perda da condición de asociación universitaria na Universidade de Vigo

O Consello de Goberno, tras a audiencia das persoas responsables das asociacións, poderá dar de baixa no seu rexistro de asociacións da universidade, con carácter temporal ou definitivo, as que incumpriren grave e reiteradamente os compromisos que figuran neste regulamento.

Sección 4ª. Dereito de reunión e de manifestación

Artigo 41. Do dereito de reunión

Todo o estudantado e as asociacións teñen dereito a reunírense en locais universitarios. Para este efecto, será preciso cursar con antelación suficiente a oportuna solicitude para usar os citados espazos. A solicitude deberá ser atendida, agás que medien circunstancias excepcionais que aconsellen o contrario, que estarán debidamente acreditadas e serán notificadas ás persoas solicitantes por escrito.

Artigo 42. Do dereito de manifestación

Todo o estudantado ten dereito a manifestarse libremente, cumprindo os requisitos e os límites previstos no ordenamento. Cando esa manifestación teña lugar dentro dos espazos universitarios, deberá comunicárselles con antelación suficiente ás autoridades académicas.

Sección 5ª. Do compromiso social e da cooperación universitaria ao desenvolvemento

Artigo 43. Da promoción de actividades de participación social, valor compartido e cooperación universitaria ao desenvolvemento

A Universidade de Vigo promoverá estas actividades, en colaboración con outras administracións e entidades, a través de convocatorias públicas que establezan explicitamente as condicións de participación, criterios de selección e deberes de cada participante. A Universidade de Vigo informará sobre as actividades de voluntariado, participación social e cooperación universitaria ao desenvolvemento no marco dos convenios de colaboración subscritos pola Universidade de Vigo.

Artigo 44. Da acreditación das persoas voluntarias e cooperantes

A Universidade de Vigo acreditará como persoas voluntarias e cooperantes os membros do estudantado que colaboren en actividades de participación social e de cooperación universitaria ao desenvolvemento, en colaboración con outras administracións competentes. Así mesmo, expedirá as certificacións que acrediten os servizos prestados na participación social e voluntariado, coa información sobre as datas, duración e natureza da prestación efectuada na condición de persoa voluntaria ou cooperante. A Universidade de Vigo recoñecerá con créditos este tipo de actividades, que se incluirán no suplemento europeo ao título (SET).

Artigo 45. Das actividades de aprendizaxe-servizo

A Universidade de Vigo favorecerá a posibilidade de realizar prácticas de responsabilidade social e cidadá que combinen aprendizaxes académicas nas diferentes titulacións con prestación de servizo na comunidade (programas de aprendizaxe-servizo), en colaboración cos centros e coas facultades e entidades externas á Universidade de Vigo.

Artigo 46. Da participación do estudantado con diversidade funcional

A Universidade de Vigo fomentará a participación de todo o estudantado en proxectos de cooperación universitaria ao desenvolvemento, voluntariado e participación social.

TÍTULO III

Dos deberes do estudantado

Artigo 47. Deberes específicos do estudantado

1. O estudantado universitario debe asumir o compromiso de ter unha presenza activa e corresponsable na Universidade de Vigo, debe coñecela, respectar os seus estatutos e demais normas de funcionamento aprobadas polos procedementos establecidos.

2. Entendidos como expresión dese compromiso, o estudantado ten a obriga de:

a) Estudar e participar activamente nas actividades académicas que axuden a completar a súa formación.

b) Cumprir coas obrigas investigadoras ou discentes inherentes á súa condición e cos deberes específicos recollidos no Real decreto 103/2019, polo que se aproba o Estatuto do persoal investigador predoutoral en formación.

c) Respectar os membros da comunidade universitaria e o persoal das entidades colaboradoras ou que preste servizos na Universidade de Vigo.

d) Colaborar coa comunidade universitaria na mellora do seu funcionamento e na consecución dos fins da universidade.

e) Respectar o patrimonio universitario e contribuír ao seu adecuado mantemento, dando o uso debido aos bens, equipos, instalacións e recintos da Universidade de Vigo ou ás entidades colaboradoras con ela.

f) Absterse de utilizar ou de cooperar en procedementos fraudulentos nas probas e nos procedementos de avaliación, nos traballos que se realicen ou nos documentos oficiais da Universidade de Vigo, nos termos que determine o Regulamento sobre a avaliación, a cualificación e a calidade da docencia e do proceso de aprendizaxe do estudantado e o réxime disciplinario de estudantes.

g) Participar de forma responsable nas actividades universitarias e cooperar co seu normal desenvolvemento.

h) Coñecer e cumprir as normas internas sobre seguridade e saúde dos medios e das instalacións, especialmente as que se refiren ao uso de obradoiros, laboratorios e contornas de investigación.

i) Respectar o nome, os símbolos e os emblemas da Universidade de Vigo ou dos seus órganos, así como o seu debido uso.

j) Respectar os actos académicos da Universidade de Vigo, así como as persoas participantes neles, sen menoscabo do seu libre exercicio de expresión e de manifestación.

k) Exercer e promover activamente a non discriminación en todos os aspectos, tal como indica o Estatuto do estudante universitario (Real decreto 1791/2010), dos membros da comunidade universitaria, do persoal das entidades colaboradoras ou que preste servizos na Universidade de Vigo.

l) Exercer, se for o caso, as responsabilidades propias do cargo de representación para o que fose elixido.

m) Participar de forma activa e responsable nas reunións dos órganos colexiados para o que fose elixido, e informar as persoas que representa das actividades e das resolucións destes, así como das súas propias actuacións, coa reserva e coa discreción que se establezan nestes órganos.

n) Potenciar a integración da Universidade de Vigo na súa contorna social e contribuír ao seu prestixio e boa imaxe.

o) Respectar as normas da universidade de destino nos aspectos que lle afecten cando participe en programas de intercambio e de mobilidade, cumprir co programa de estudos ou de actividades previsto e manter un comportamento que promova o prestixio da Universidade de Vigo.

p) Cumprir calquera outro deber que sexa establecido na normativa vixente e nos Estatutos da Universidade de Vigo.

TÍTULO IV

Da representación e da participación estudantil

Sección 1ª. Dos dereitos e deberes dos e das representantes do estudantado

Artigo 48. Representantes do estudantado

1. Son representantes do estudantado o alumnado que, elixido a través dos diferentes procesos electorais, forma parte dos órganos colexiados de goberno da universidade: Consello Social, Consello de Goberno, Claustro, consellos de campus, xuntas de centro, consellos de departamento e as súas correspondentes comisións.

2. Tamén se considerarán representantes do estudantado os/as delegados/as de curso nos centros onde esta figura representativa estea recollida de xeito formal. Será competencia destes centros redactar, de ser preciso, un regulamento que especifique o método de eleccións dos/das delegados/as de curso e as súas competencias.

Artigo 49. Funcións dos e das representantes

Os e as representantes canalizarán as propostas, queixas e reclamacións que realice o estudantado diante dos órganos da universidade, sen prexuízo do dereito de calquera estudante a formulalas directamente.

Artigo 50. Organización dos e das representantes

1. No seo dos centros da Universidade de Vigo, o estudantado, sen mingua dos dereitos individuais dos e das representantes, deberá crear delegacións de estudantes das que formarán parte, polo menos, os e as representantes do estudantado do centro nos órganos de goberno da universidade.

2. Entre os fins das delegacións de estudantes estarán:

a) Xestionar os recursos que a universidade e as escolas ou facultades poñan á súa disposición, ou que acheguen por outras vías.

b) Exercer funcións de representación e de mediación ante as autoridades académicas e os órganos de goberno no establecemento de canle de diálogo e de información que faciliten a vida universitaria.

c) Promover e coordinar actividades de extensión universitaria.

d) Elixir as e os seus representantes perante calquera autoridade, institución ou organización, nos casos para os cales non exista un regulamento de elección.

Artigo 51. Dereitos e garantías dos e das representantes

Os e as representantes do estudantado teñen dereito a:

a) Exercer libremente a súa representación.

b) Expresarse libremente sen máis limitacións ca as derivadas das normas legais e o respecto ás persoas e á institución.

c) Recibir información exacta e concreta sobre as materias que afecten o estudantado, agás as amparadas por deber de confidencialidade.

d) Participar no proceso de toma de decisións.

e) Que os seus labores académicos se adecúen, dentro do posible e sen menoscabo da súa formación, ás súas actividades representativas. Para este efecto, estableceranse os procedementos considerados convenientes.

f) Decidir sobre a utilización da parte proporcional dos orzamentos que lles correspondan, sempre que non se poñan de acordo cos outros ou outras representantes na execución destes.

g) Recibir no seu domicilio ou por correo electrónico, fóra do período lectivo e con suficiente antelación, as convocatorias e a documentación necesaria do órgano representativo onde exerzan a súa función.

h) Solicitar perante o órgano competente informes técnicos e xurídicos.

i) Non ser penalizado/a por non asistir a unha clase teórica, práctica, seminario ou calquera outra actividade cando estas coincidan o mesmo día ca unha sesión dun órgano colexiado de que é membro.

j) Ser avaliado/a noutra data, fixada entre o/a estudante e o/a docente, cando unha proba ou exame, parcial ou final, coincida o mesmo día ca unha sesión dun órgano colexiado de que é membro.

k) Ser compensado/a polos gastos de desprazamento e de manutención por asistir a un órgano colexiado de que é membro.

Artigo 52. Deberes dos e das representantes

Son deberes específicos dos e das representantes:

a) Asumir as responsabilidades derivadas do seu cargo representativo.

b) Facer un uso axeitado da información recibida por razón do cargo, respectando a confidencialidade cando tivese este carácter.

c) Velar polo respecto dos dereitos das persoas representadas.

d) Protexer, fomentar e defender os bens e os dereitos da Universidade de Vigo.

e) Informar os seus representados/as das actividades e resolucións dos órganos colexiados e das súas propias actuacións.

f) Canalizar as propostas, queixas e reclamacións do estudantado diante dos órganos da universidade e mediar ante eles sen prexuízo do dereito de calquera estudante a formulalas directamente.

Artigo 53. Do procedemento revogatorio

Todas as e todos os representantes de estudantes poderán ser revogados/as polos seus representados/as. Para tal fin precísase a conformidade dun terzo dos/das representados/as.

Artigo 54. Dos recursos dos e das representantes

Os centros, na medida das súas posibilidades, facilitarán os medios para que as delegacións de estudantado exerzan as súas funcións. Neste sentido, os centros deberán posuír:

a) Unha caixa do correo para recibir a documentación de forma axeitada e no lugar onde corresponda.

b) Unha conta de correo oficial da universidade.

c) Un taboleiro de uso exclusivo para a delegación e nun lugar visible para os seus representados/as.

d) Un espazo adecuado para poder exercer a representación e reunirse. Este, na medida do posible e de xeito xustificado polo decanato ou dirección do centro, deberá situarse nun lugar o máis accesible para o estudantado do centro.

Sección 2ª. Da participación directa na toma de decisións e o dereito ao paro académico

Artigo 55. Da democracia participativa

1. O sistema de organización do estudantado basearase, dentro do posible e respectando a liberdade de asociación e organización do estudantado, na democracia directa.

2. O estudantado da Universidade de Vigo ten dereito a participar directa, igualitaria e democraticamente na política universitaria.

3. Os órganos de participación e decisión do estudantado son, nos seus respectivos eidos, as asembleas de curso, centro e campus.

Artigo 56. Da democracia representativa

1. Os e as estudantes teñen dereito a colaborar na vida política da Universidade de Vigo. Os e as representantes nos diferentes órganos colexiados da Universidade de Vigo deben manter canles de comunicación cos seus electores/as que garantan o libre exercicio dos dereitos políticos do estudantado.

2. Os órganos de representación do estudantado son, nos seus respectivos eidos, as/os delegadas/os nas xuntas de centro e nas súas comisións delegadas, así como nos consellos de departamento, os/as delegados/as no Claustro e no Consello de Goberno e as/os delegadas/os nos consellos de campus.

Artigo 57. Das asembleas de estudantes

1. As asembleas son os máximos órganos de participación do estudantado.

2. Nas asembleas poderá participar calquera membro da comunidade universitaria da Universidade de Vigo e será a súa forma de participación directa, igualitaria e democrática.

3. Unha asemblea poderá interromper a actividade docente e constituír un paro no caso de que o paro académico sexa aprobado pola maioría absoluta do estudantado do centro.

4. O exercicio do dereito a paro académico deberá comunicárselle ao órgano competente a través do rexistro, cunha antelación mínima de 15 días naturais.

5. Realizar o paro académico non dará dereito a recuperar as actividades académicas afectadas, pero si a realizar, nas datas fixadas polas persoas responsables das titulacións, tras as consultas co profesorado e co estudantado, as probas de avaliación que coincidan co devandito paro académico.

Artigo 58. Dos tipos de asembleas

Existirán tres tipos distintos de asemblea:

a) Asemblea de curso, da que formará parte todo o estudantado que estea matriculado nunha materia do devandito curso.

b) Asemblea de escola ou facultade, a que pertencerá todo o estudantado do centro.

c) Asemblea de campus, a que pertencerá todo o estudantado do devandito campus.

Artigo 59. Da convocatoria das asembleas

1. Calquera representante do estudantado poderá convocar asembleas de curso dentro do seu eido de representación.

2. Na convocatoria especificarase a data, a hora e o lugar, así como a orde do día.

3. As autoridades académicas correspondentes, xa sexan a dirección/decanato do centro, a vicerreitoría de campus ou a reitoría, quedarán obrigadas a facilitar, dentro das súas capacidades, os medios dispoñibles para a súa realización e a súa comunicación a todas as persoas interesadas.

Sección 3ª. Do Consello de Estudantes da Universidade de Vigo (Ceuvi)

Artigo 60. Do Consello de Estudantes da Universidade de Vigo

1. O Consello de Estudantes da Universidade de Vigo (Ceuvi) é o máximo órgano de coordinación da representación estudantil na Universidade de Vigo.

2. Constitúe un órgano de carácter consultivo, deliberativo e organizativo da representación estudantil na Universidade de Vigo, que debe exercer como elemento de interrelación entre o estudantado da universidade e as diferentes institucións e colectivos implicados no goberno do sistema universitario.

3. O Ceuvi é un órgano de carácter asembleario que desenvolve o seu funcionamento interno con sistemas de democracia participativa e directa.

Artigo 61. Das funcións do Consello de Estudantes da Universidade de Vigo

Son funcións do Ceuvi:

a) Coordinar e participar os e as representantes de estudantes na Universidade de Vigo a todos os niveis institucionais.

b) Promover a actuación dos poderes públicos para estimular investimentos que favorezan as actividades da universidade en materias relacionadas co ámbito estudantil.

c) Contribuír na calidade da universidade e velar polo cumprimento dos seus regulamentos e normativas.

d) Organizar actividades de carácter académico, cultural ou deportivo para profundar nos coñecementos do estudantado desde unha perspectiva crítica e científica e nas cales participe o estudantado.

e) Servir como representación do conxunto do estudantado no contacto co resto de universidades e institucións do Estado.

f) É competencia do Ceuvi dotarse dun regulamento de réxime interno.

Artigo 62. Da composición do Consello de Estudantes da Universidade de Vigo

Son membros do Ceuvi, con voz e voto, na súa asemblea xeral os establecidos polos Estatutos da Universidade de Vigo, así como no propio Regulamento de réxime interno do Consello de Estudantes.

Artigo 63. Da morfoloxía do Consello de Estudantes da Universidade de Vigo

1. O Ceuvi articúlase mediante a composición territorial de coordinadoras de campus que agrupen e coordinen o labor representativo nos diferentes campus da universidade e mediante unha asemblea xeral que integre todos os membros dos diferentes consellos e demais membros.

2. As coordinadoras de campus herdan as funcións do Ceuvi aplicadas ao ámbito territorial concreto do seu campus.

Artigo 64. Da convocatoria do Consello de Estudantes da Universidade de Vigo

1. A asemblea xeral do Ceuvi reunirase polo menos unha vez durante o transcurso dun curso académico e alternará o lugar de realización entre os diferentes campus da universidade.

2. A asemblea xeral pode convocarse por petición de calquera coordinadora de campus ou dun 25 % dos e das integrantes.

3. As respectivas coordinadoras de campus do Ceuvi reuniranse polo menos dúas veces por cuadrimestre ou por petición do 25 % dos e das integrantes.

TÍTULO V

Da reforma do regulamento

Artigo 65. Da reforma do regulamento de estudantes

A iniciativa para reformar o presente regulamento correspóndelle á metade máis un dos membros do claustro ou aos dous terzos dos e das representantes do estudantado no Claustro Universitario.

Artigo 66. Da aprobación do Regulamento de estudantes

Correspóndelle ao claustro da Universidade de Vigo aprobar a reforma do regulamento cos votos favorables da maioría de membros.

Disposición adicional primeira

Atribúenselle á vicerreitoría con competencias en estudantado as competencias para interpretar e ditar as normas de desenvolvemento do presente regulamento.

Disposición adicional segunda

O presente regulamento queda supeditado ás normas de orde superior existentes para o estudantado, nomeadamente o Real decreto 1791/2010, do 30 de decembro, polo que se aproba o Estatuto do estudante universitario e os Estatutos da Universidade de Vigo.

Disposición derrogatoria

Derróganse todas as normas que contradigan o presente regulamento, agás o artigo 18 do anterior Regulamento de estudantes da Universidade de Vigo, do 3 de abril de 2001, que permanecerá vixente ata a aprobación do Regulamento sobre a avaliación, a cualificación e a calidade da docencia e do proceso de aprendizaxe do estudantado.

Disposición derradeira

Este regulamento entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.