Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Mércores, 26 de maio de 2021 Páx. 26075

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 14 de maio de 2021, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se exime a Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria de Santa Águeda da obriga de manter un posto de traballo reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional.

Á vista da solicitude formulada pola Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria de Santa Águeda para a exención da obrigar de manter o posto de secretaría de clase 3ª, emítese resolución con base nos seguintes.

Antecedentes de feito:

Primeiro. A Resolución do 14.12.2015, da Dirección Xeral de Administración Local, crea e clasifica o posto de traballo de Secretaría-Intervención, reservado a funcionarios/as con habilitación de carácter nacional, pertencente á escala de Secretaría-Intervención, sen categoría, da Mancomunidade de Concellos Santa Águeda. Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 12, do 20.1.2016.

Segundo. O 29.12.2020 ten entrada no Rexistro da Dirección Xeral de Administración Local solicitude formulada pola Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria de Santa Águeda relativa á exención da obriga de manter o posto de Secretaría-Intervención desa entidade, coa cal achegaba a seguinte documentación:

– Certificación do acordo adoptado polo Pleno da citada mancomunidade o 30.11.2020, en que solicitaba ao órgano autonómico competente en materia de Administración local a declaración de exención da obriga de manter o posto de Secretaría-Intervención.

– Anuncio publicado no Boletín Oficial da provincia de Ourense núm. 18, do 23.1.2017, relativo á aprobación definitiva do orzamento para o exercicio económico de 2017 da citada mancomunidade.

– Informe de Secretaría, do 14.12.2020, relativo á solicitude de exención do posto de traballo citado anteriormente e información orzamentaria.

– Informe favorable da Presidencia da Deputación Provincial de Ourense, do 21.12.2020, da solicitude formulada pola Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria de Santa Águeda de exención da obriga de manter o posto de Secretaría-Intervención.

Terceiro. O 8.2.2021, esta dirección xeral remitiu requirimento de emenda da documentación presentada pola mancomunidade, e recibiuse a contestación ao citado requirimento os días 18.2.2021 e 5.4.2021, considerándose completado o expediente para os efectos de poder continuar coa súa tramitación.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 10.2 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, dispón que as mancomunidades de municipios poderán ser eximidas pola comunidade autónoma, logo de informe da deputación provincial, da obriga de manter postos propios, reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, cando o seu volume de servizos ou recursos sexa insuficiente para o mantemento dos ditos postos. De acordo con este precepto, nas mancomunidades de municipios eximidas as funcións reservadas exerceranas funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional dalgún dos municipios que a integran ou os servizos de asistencia ou mediante acumulación, e deberase concretar no expediente o sistema elixido para o exercicio das funcións reservadas.

Segundo. O artigo 7 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, recolle igualmente a posibilidade de eximir as mancomunidades de municipios da obriga de manter postos reservados, por proposta destas e logo de informe da deputación provincial correspondente, cando o volume de servizos xestionados ou recursos dispoñibles sexa manifestamente insuficiente para o mantemento dos postos, e establece que as funcións reservadas nas entidades eximidas serán exercidas polo sistema de acumulación de xeito preferente e, excepcionalmente, polo persoal funcionario con habilitación de carácter nacional das entidades que a compoñen ou, na súa falta, polo servizo de asistencia da deputación provincial correspondente, e deberá concretarse no expediente o sistema elixido para o exercicio das funcións reservadas.

En virtude do anteriormente exposto, vista a memoria-proposta da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico Local, o informe favorable da Deputación Provincial de Ourense e a opción elixida polo ente local de cubrir o citado posto de traballo polo sistema de acumulación, e en exercicio das competencias conferidas á Dirección Xeral de Administración Local polo artigo 22 do Decreto 214/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo,

RESOLVO:

Primeiro e único. Eximir da obriga de manter o posto de Secretaría a Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria de Santa Águeda, dispoñendo que as funcións reservadas a persoal funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional sexan desempeñadas en réxime de acumulación.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, os interesados poderán interpoñer recurso administrativo de reposición, ante este órgano directivo, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2021

Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local