Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Mércores, 26 de maio de 2021 Páx. 26078

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 14 de maio de 2021, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se efectúa a convocatoria para novas inclusións e actualización de méritos nas bolsas para a provisión temporal, mediante interinidade, de postos de traballo reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional das entidades locais galegas (códigos de procedemento PR410A e PR410B).

O artigo 53 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, establece a posibilidade de que as comunidades autónomas poidan constituír relación de candidatos no seu ámbito territorial para a provisión, con carácter interino, de postos reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

A selección e o nomeamento de interinos para cubrir postos de funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional na Comunidade Autónoma de Galicia están regulados na Orde do 30 de novembro de 2017 (DOG núm. 229, do 1 de decembro). Esta orde dispón no seu artigo 7 que as bolsas que se constitúan definitivamente terán unha vixencia de tres anos prorrogables por outro ano máis.

Pola Resolución da Dirección Xeral de Administración Local do 1 de decembro de 2017 (DOG núm. 237, do 15 de decembro) efectuouse a primeira convocatoria para o acceso ás bolsas para a provisión temporal, mediante interinidade, de postos de traballo reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional das entidades locais galegas. Na súa virtude, en 2018 elaboráronse as correspondentes bolsas para as subescalas de Secretaría-Intervención, Secretaría de entrada e Intervención-Tesouraría de entrada.

Pola Resolución da Dirección Xeral de Administración Local do 26 de marzo de 2019 (DOG núm. 71, do 11 de abril) efectuouse unha segunda convocatoria para o acceso ás bolsas para a provisión temporal, mediante interinidade, de postos de traballo reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional das entidades locais galegas. Na súa virtude, no ano 2019 elaboráronse as correspondentes bolsas para as subescalas de Secretaría-Intervención, Intervención-Tesouraría, categoría de entrada e Secretaría, categoría de entrada, que na actualidade seguen en vigor.

Tendo en conta o tempo transcorrido desde a entrada en vigor das bolsas de interinos do ano 2019 e as necesidades de persoal detectadas nelas e visto o incremento de postos vacantes nos concellos, esta dirección xeral considera necesario ampliar as ditas bolsas con novas inclusións. Segundo o disposto no artigo 18 do Real decreto 128/2018, poderán solicitar a inclusión nestas bolsas aqueles que posúan calquera titulación universitaria exixida para o ingreso nos corpos ou escalas clasificados no subgrupo A1.

Así mesmo, a presente convocatoria outorga a posibilidade de actualizar méritos aos actuais integrantes das bolsas.

Por outra banda, de acordo co disposto no artigo 53.2 do Real decreto 128/2018, o Ministerio de Política Territorial e Función Pública ditou a Orde TFP 297/2019, do 7 de marzo, publicada no BOE núm. 64, do 15 de marzo, que establece o procedemento para a elaboración da relación de candidatos que aproben algún exercicio das probas selectivas para o ingreso nas subescalas da escala de funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, para os efectos de remitilas ás comunidades autónomas para a súa consideración na provisión con carácter interino de postos reservados a funcionarios de Administración local de carácter nacional. Por iso, na disposición adicional única da presente resolución recóllese a posibilidade de integrar esa relación de aspirantes nas bolsas da Xunta de Galicia.

En virtude de todo o exposto, a Dirección Xeral de Administración Local realiza a presente convocatoria.

Artigo 1. Obxecto

1. Efectúase a presente convocatoria para a ampliación e actualización das tres bolsas de ámbito autonómico que entraron en vigor o 13 de agosto de 2019 para a provisión temporal, mediante interinidade, de postos de traballo reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional das entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia en cada unha das seguintes subescalas:

a) Secretaría-Intervención.

b) Intervención-Tesouraría, categoría de entrada.

c) Secretaría, categoría de entrada.

2. A presente convocatoria réxese polas disposicións contidas na Orde do 30 de novembro de 2017, da entón Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se establece o procedemento para a selección e o nomeamento de persoal interino para o desempeño de postos reservados a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional (DOG núm. 229, do 1 de decembro), en especial polo disposto no seu capítulo II, que establece as bases das bolsas para a selección de persoal interino.

3. Non teñen obriga de presentar nova solicitude as persoas que xa forman parte de calquera das listas correspondentes ás subescalas de Secretaría-Intervención, Secretaría e Intervención-Tesouraría en virtude da Resolución do 30 de xullo de 2019, da Dirección Xeral de Administración Local (DOG núm. 152, do 12 de agosto), que poderán presentar solicitude de actualización de méritos, se así o consideran, de conformidade co disposto no artigo 8 desta resolución.

Non obstante, aqueles que, en virtude de chamamento polas bolsas convocadas no ano 2019, estean excluídos das listas definitivamente por renunciar ao destino adxudicado sen a conformidade da entidade local, para volver formar parte das bolsas terán que presentar nova solicitude de inclusión dentro dos prazos establecidos nesta convocatoria.

4. Este procedemento habilítase na sede electrónica da Xunta de Galicia, co código PR410A para a presentación de solicitudes de novas inclusións, e co código PR410B para a presentación de solicitudes de actualización de méritos. Os formularios correspondentes están dispoñibles no enderezo https://sede.xunta.gal.

Artigo 2. Requisitos xerais para solicitantes de novas inclusións

1. Os novos aspirantes a formar parte de calquera das tres novas bolsas que se amplían por medio da presente convocatoria deberán reunir, na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, os requisitos xerais establecidos no punto 1 do artigo 3 da Orde do 30 de novembro de 2017, da entón Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (DOG núm. 229, do 1 de decembro).

2. Respecto da titulación exixida, as persoas candidatas deberán posuír, ou estar en condicións de obter na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, a titulación universitaria exixida para o ingreso nos corpos ou escalas clasificados no subgrupo A1, de acordo co previsto no texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro.

Os aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente homologación do título. Este requisito non será de aplicación aos aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

Artigo 3. Forma e prazo de presentación de solicitudes para novas inclusións

1. Para seren admitidas na presente convocatoria, as persoas interesadas en solicitar nova inclusión presentarán a súa solicitude obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado PR410A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal e que se incorpora a esta resolución como anexo I, e deberán aboar as taxas (código 30.03.03) ou xustificar a súa exención de conformidade co disposto no artigo 4 desta resolución.

A titulación e a formación exixidas para participar neste procedemento permíteselles aos aspirantes acceder e dispoñer dos medios necesarios para a presentación de solicitudes e a realización doutros trámites regulados nesta resolución utilizando só medios electrónicos, dando así cumprimento á previsión do artigo 14.3 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. As persoas solicitantes para nova inclusión nas listas terán que cubrir debidamente todos os campos obrigatorios exixidos no formulario anexo I «SOLICITUDE» no procedemento PR410A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), e indicarán necesariamente a subescala ou subescalas en que solicitan a súa inclusión, así como a zona de preferencia en que desexen estar incluídas.

Ademais, deberán indicar expresamente no citado formulario, na epígrafe de «Idioma do exame», se o texto da proba tipo test que se realizará deberá entregarse en idioma galego ou en idioma castelán. Unha vez realizada a opción e presentada a súa solicitude, a persoa aspirante non poderá modificar a opción.

5. As solicitudes conterán, ademais, unha declaración responsable de que cumpre cos requisitos xerais sinalados no artigo 3.1 da citada Orde do 30 de novembro de 2017, de que ten acreditado o coñecemento do idioma galego segundo o disposto no artigo 3.2.b) desa mesma orde, se for o caso, e da veracidade da relación de méritos que alega dos sinalados no artigo 4 nesa mesma orde.

6. Teranse en conta unicamente aqueles requisitos e méritos que as persoas interesadas fagan constar expresamente na súa solicitude de incorporación á bolsa e que queden debidamente acreditados.

7. O prazo para a presentación das solicitudes será de 15 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4. Pagamento de taxas para solicitudes de novas inclusións

1. Para o pagamento da taxa, a persoa solicitante de nova inclusión nas listas deberá seguir os pasos descritos nos seguintes puntos, segundo estea ou non exenta total ou parcialmente das taxas.

2. Exenta de pagamento: consonte o artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas do pagamento:

Do importe total da taxa:

– As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Do 50 % do importe:

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

– As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da publicación desta convocatoria no DOG e que na data de presentación da solicitude non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

– As vítimas de terrorismo, entendendo por tales, para os efectos regulados neste artigo, as persoas que sufrisen danos físicos ou psíquicos como consecuencia da actividade terrorista e así o acrediten mediante sentenza xudicial firme ou en virtude de resolución administrativa pola que se recoñeza tal condición, o seu cónxuxe ou persoa que convivise con análoga relación de afectividade, o cónxuxe do falecido e os fillos dos feridos e falecidos.

A persoa solicitante deberá facer constar na súa solicitude a circunstancia pola que está en situación de exención ou bonificación do pagamento da taxa, e a Administración consultará os datos sobre discapacidade, familia numerosa ou desemprego, agás que se opoña á consulta, caso en que terá que presentar copia dos documentos xustificativos da exención do pagamento na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), xunto coa solicitude e demais documentación dentro do prazo de presentación de solicitudes.

No suposto de recoñecemento do grao de discapacidade por outra comunidade autónoma, terá que presentar xunto coa solicitude copia da tarxeta acreditativa do grao de discapacidade ou certificado de discapacidade expedido polo órgano competente doutra comunidade autónoma.

3. Non exenta de pagamento: a persoa solicitante deberá aboar 18,04 euros que exixe a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Os impresos de autoliquidación para os solicitantes non exentos ou exentos do aboamento do 50 % cubriranse indicando os seguintes códigos:

– Presidencia, Xustiza e Turismo: código 04.

– Servizo de Administración Local: código:18.

– Denominación: Inscrición para a inclusión nas bolsas para a selección de persoal funcionario interino para ocupar postos reservados a persoal funcionario con habilitación de carácter nacional (código 30.03.03).

Forma de pagamento

O pagamento da taxa poderase efectuar de dous xeitos diferentes:

• A través do impreso de autoliquidación –A ou AI–, en calquera das entidades financeiras colaboradoras na recadación das taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia.

• De forma telemática, podendo optar por: un pagamento telemático que xeraría un modelo 730, ou presencial que xeraría un modelo 731, para ingresar na entidade bancaria.

Os modelos válidos que se deberán presentar como xustificante de pagamento de taxas son os modelos A, AI, 730 e 731.

Procedemento para aboar as taxas:

Nas entidades bancarias

• Co impreso de Autoliquidación de taxas «A». Tamén pode xerar o impreso modelo AI, Autoliquidación de taxas, desde a Axencia Tributaria de Galicia (https://ovt.atriga.gal/).

Pola internet

• Acceda á Oficina Virtual Tributaria da Axencia Tributaria de Galicia e siga a ruta Cidadáns > Pagamento telemático de taxas e prezos > Iniciar taxa.

Desde aquí optará por realizar o pagamento telemático xerando o modelo 730 ou presencial, en que xeraría un modelo 731.

Tanto no caso do pagamento presencial como no caso do pagamento electrónico considerarase como data válida de presentación da solicitude a de realización da operación de ingreso da taxa. Deberase presentar o xustificante do pagamento na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) xunto coa solicitude e demais documentación.

5. Para a devolución da taxa aboada as persoas solicitantes deberán figurar como excluídas nas listaxes definitivas e seguir o procedemento que se sinale na resolución pola cal se aproben estas.

Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso das persoas aspirantes admitidas provisional ou definitivamente.

Artigo 5. Documentación complementaria

1. As solicitudes de novas inclusións virán acompañadas dos documentos acreditativos dos méritos que no seu caso sexan alegados, así como do xustificante de aboamento total ou parcial das taxas (código 30.03.03).

2. Respecto dos méritos alegados, a persoa solicitante deberá presentar copia dos seguintes documentos acreditativos:

a) Certificado da Secretaría da corporación local correspondente sobre os servizos prestados en postos reservados a persoal funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional en virtude de nomeamento accidental ou interino.

b) Certificación acreditativa emitida polo órgano competente dos exercicios superados da oposición de acceso á escala de funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional, onde conste a orde de convocatoria a que corresponden, así como os exercicios superados en cada caso.

c) Título oficial, equivalente ao nivel Celga 4, cando non sexa expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

3. Respecto das taxas, en caso de obriga de pagamento total ou parcial, terá que xuntar obrigatoriamente o xustificante do pagamento.

En caso de exención total da obriga do pagamento da taxa por recoñecemento do grao de discapacidade por outra comunidade autónoma, terá que presentar xunto coa solicitude copia da tarxeta acreditativa do grao de discapacidade ou certificado de discapacidade expedidos polo órgano competente doutra comunidade autónoma.

En caso de exención parcial da obriga do pagamento da taxa por ter a consideración de vítima de terrorismo, terá que presentar xunto coa solicitude copia do xustificante que acredite a dita condición, mediante sentenza xudicial firme ou resolución administrativa.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código (PR410A) e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación do procedemento de novas inclusións consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas Administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante, se for o caso.

c) Título oficial universitario que conste no Rexistro Central do Ministerio de Educación e que dea acceso á subescala en que se inscriba.

d) Certificado do Celga 4 ou equivalente expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Certificado de discapacidade expedido pola Administración autonómica.

b) Título de familia numerosa, de carácter xeral ou especial, expedido pola Administración autonómica.

c) Certificación expedida pola oficina de emprego en que conste que figura como demandante de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG.

d) Certificación do Servizo Público de Emprego Estatal en que conste que na data de presentación da solicitude de participación no proceso selectivo non está a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario anexo I correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Realización da proba tipo test e da proba de coñecemento de galego para os solicitantes de novas inclusións

1. Os candidatos que resulten admitidos definitivamente serán convocados pola Dirección Xeral de Administración Local para a realización da proba tipo test, que versará sobre o temario relacionado para cada subescala no anexo I da Orde do 30 de novembro de 2017, publicada no DOG do 1 de decembro de 2017.

2. O exame sobre o temario consistirá na realización dun exercicio tipo test con 30 preguntas comúns e 30 específicas para cada subescala.

3. A duración total da proba sobre o temario será dun máximo de 120 minutos.

4. Cada aspirante realizará as preguntas específicas propostas para cada unha das subescalas en que estea inscrito.

5. Ao remate da proba cada aspirante poderá obter copia das súas respostas. No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes publicarase o contido do exercicio e as respostas correctas no mesmo lugar en que se realizou e na páxina web de Eido Local.

6. O exercicio cualificarase de 0 a 60 puntos para cada subescala e para superalo será necesario obter un mínimo de 30 puntos. Corresponderá ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar esta puntuación mínima, para o cal se terá en conta que por cada tres (3) respostas incorrectas se descontará unha correcta.

7. Así mesmo, as persoas aspirantes que superasen a realización da proba tipo test e que non acreditasen o coñecemento do idioma galego no momento da presentación de solicitudes serán convocadas para a realización da correspondente proba de coñecemento de galego. Esta proba consistirá nunha tradución de dous textos, un en galego para traducir para o castelán e outro en castelán para traducir para o galego nun tempo máximo de 60 minutos.

Este exercicio valorarase como apto ou non apto e para superalo será necesario obter o resultado de apto.

8. A situación de emerxencia sanitaria derivada da pandemia da Covid-19 constitúe unha causa de forza maior que xustifica a adopción de medidas especiais que teñen por obxecto garantir a celebración do proceso selectivo. Con esta finalidade, a Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 19, do 21 de xaneiro), prevé na disposición adicional segunda, sobre medidas especiais en materia de procesos selectivos ou de provisión derivadas da situación de emerxencia sanitaria, a posibilidade de adoptar medidas específicas.

Por isto, o tribunal poderá acordar a fixación de datas alternativas para a realización de exercicios deste proceso selectivo a persoas aspirantes que non poidan participar neles na data inicialmente sinalada por estaren cumprindo unha medida de illamento ou en corentena que teñan prescrita por ser persoa infectada por Covid-19 ou contacto estreito, e deberá fixarse a data alternativa con garantías de non alteración do desenvolvemento normal do correspondente proceso selectivo; ou ben poderá propor á Dirección Xeral da Administración Local calquera das outras medidas previstas e que sexan necesarias para o desenvolvemento deste proceso selectivo.

Artigo 8. Forma e prazo de presentación de solicitudes de actualización de méritos

1. As persoas que forman parte das listas xa existentes, con independencia da súa situación actual, poderán actualizar os méritos valorados de conformidade co disposto no artigo 4 da Orde do 30 de novembro de 2017 (DOG núm. 229, do 1 de decembro) e obtidos antes da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes desta convocatoria.

Non se admitirá actualización de méritos nos casos de exclusión definitiva por renuncia ao destino sen a conformidade da entidade local.

2. Para a actualización de méritos deberán presentar a súa solicitude obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado PR410B, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e que se incorpora a esta resolución como anexo II.

A titulación e a formación exixidas para participar neste procedemento permite aos aspirantes acceder e dispoñer dos medios necesarios para a presentación de solicitudes e realización doutros trámites regulados nesta resolución utilizando só medios electrónicos, dando así cumprimento á previsión do artigo 14.3 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. As solicitudes de actualización de méritos virán acompañadas da documentación acreditativa dos novos méritos alegados:

a) Certificado da Secretaría da corporación local correspondente sobre os servizos prestados en postos reservados a persoal funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional en virtude de nomeamento accidental ou interino.

b) Certificación acreditativa emitida polo órgano competente dos exercicios superados da oposición de acceso á escala de funcionarios de la Administración local con habilitación de carácter nacional, onde conste a orde de convocatoria á que corresponden así como os exercicios superados en cada caso.

6. A documentación acreditativa dos novos méritos alegados deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a citada documentación acreditativa presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

7. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código (PR410B) e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

8. O prazo para a presentación das solicitudes será de 15 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

9. Neste procedemento non se require o aboamento de taxas.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación das solicitudes deberán ser efectuados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Disposición adicional única. Novas inclusións automáticas

De forma automática, incluiranse nas bolsas vixentes da correspondente subescala a relación de candidatos remitida polo Instituto Nacional de Administración Pública (INAP), elaborada de conformidade co procedemento establecido na Orde TFP/297/2019, do 7 de marzo, publicada no BOE núm. 64, do 15 de marzo, ou norma que, de ser o caso, a substitúa.

Para tal efecto, outorgaranse 10 puntos por exercicio superado para a correspondente subescala.

No caso de formar parte con anterioridade das bolsas de interinos autonómicas, a incorporación da proposta do INAP suporá a actualización automática de méritos no que a procesos selectivos superados se refire.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, os interesados poderán interpoñer recurso administrativo de reposición, ante este órgano directivo, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2021

Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file