De conformidade co artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e co artigo 8.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade ao seguinte encargo a medios propios coas seguintes características:
– Resolución do 12 de maio de 2021, do director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), pola que se lle encarga ao medio propio Xestión do Solo de Galicia-Xestur, S.A., a prestación do servizo de peche e liquidación da renda básica de emancipación; de divulgación, apoio técnico e xestión dos programas de alugueiro con opción de compra para menores de 35 anos e de mobilización de vivendas baleiras.
– Actividade: a realización de funcións de xestión necesarias, por un lado, para o peche e liquidación da renda básica de emancipación, así como, por outro lado, aquelas funcións preparatorias e de xestión que permitan acadar a maior divulgación, difusión e nivel de información posibles entre a cidadanía sobre o alcance de axudas tramitadas polo IGVS, dentro do programa de alugueiro con opción de compra para menores de 35 anos, facilitando deste xeito a súa emancipación; e do programa de mobilización de vivendas baleiras, proporcionando a súa posta no mercado de alugueiro a través de incentivos e garantías ás persoas propietarias que decidan alugalas, contando coa participación como axentes colaboradores dos profesionais da intermediación inmobiliaria. Todo iso, para garantir a maior eficacia posible na consecución dos fins públicos perseguidos, así como a maior eficiencia na xestión dos recursos públicos, permitindo ao mesmo tempo, transmitir á cidadanía os valores que informan as actuacións públicas do IGVS en materia de vivenda e, por outra parte, a realización das tarefas de apoio na xestión de axudas tramitadas polo IGVS neste ámbito.
– Natureza e alcance do encargo: encargo a medio propio, ao ter a empresa Xestión do Solo de Galicia-Xestur, S.A. a consideración de medio propio instrumental e de servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, en cumprimento do establecido nos artigos 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e o punto 2 da disposición adicional vixésimo cuarta da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.
– Prazo de vixencia: desde o día 16 de maio de 2021 ao 15 de maio de 2023, sen prexuízo da posibilidade da súa prórroga.
– Financiamento: tramitouse con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, aplicación orzamentaria 08.81.451A.227.99 e código de proxecto 2021 00003.
– O importe total máximo do encargo acadará os cento oitenta e un mil cento trinta e sete euros con cincuenta e un céntimos (181.137,51 €).
Santiago de Compostela, 14 de maio de 2021
A presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo
P.D. (Resolución 19.4.2018)
Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo