En aplicación do disposto na Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, así como na Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia, destínase na partida orzamentaria 05 22 131A 162.04 a cantidade de 21.911,00 euros para a axuda do programa de atención de persoas discapacitadas do Fondo de Acción Social para o persoal ao servizo da Administración de xustiza con destino na Comunidade Autónoma de Galicia.
En consecuencia, no exercicio das atribucións conferidas en virtude do Decreto 214/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo,
DISPOÑO:
Primeiro. Dar publicidade á convocatoria e aos criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2021 para o persoal ao servizo da Administración de xustiza con destino na Comunidade Autónoma de Galicia, os cales figuran no anexo desta resolución.
Segundo. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente no prazo de dous meses, ou ben, con carácter previo e potestativo, recurso de reposición ante este órgano no prazo dun mes, ambos contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 10 de maio de 2021
Juan José Martín Álvarez
Director xeral de Xustiza
ANEXO
Convocatoria e criterios de repartición do Fondo de Acción Social 2021
1. Ámbito persoal e beneficiarios.
1.1. Poderán solicitar as axudas os funcionarios de carreira e interinos dos seguintes corpos ao servizo da Administración de xustiza: médicos forenses, xestión procesual e administrativa, tramitación procesual e administrativa e auxilio xudicial.
O persoal referido no parágrafo anterior deberá estar, no prazo de presentación das solicitudes, en situación de servizo activo ou de excedencia por coidado de fillos e ter destino nesta comunidade autónoma, así como reunir os restantes requisitos exixidos polo presente programa de atención de persoas discapacitadas do Fondo de Acción Social.
1.2. Tamén poden solicitar a axuda:
a) Aquelas persoas que prestaran servizos como funcionarios interinos da Administración de xustiza nesta comunidade autónoma durante o período comprendido entre o final da acción social do ano pasado (día 30.7.2020) e a finalización do prazo de presentación de instancias desta convocatoria.
b) Os funcionarios de carreira da Administración de xustiza que durante o período comprendido entre o final da acción social do ano pasado (30.7.2020) e a finalización do prazo de presentación de instancias desta convocatoria prestaran servizos nesta comunidade autónoma e se xubilaran durante o dito período.
1.3. Terán a condición de beneficiarios:
a) Os solicitantes con discapacidade física, psíquica ou sensorial igual ou superior ao 33 % que reúnan os requisitos establecidos nos puntos anteriores.
b) Os solicitantes que, reunindo os requisitos establecidos nos puntos anteriores, teñan baixo a súa dependencia directa e legal, e vivindo ás súas expensas, cónxuxe, parella de feito, fillos, ascendentes de primeiro grao por consanguinidade ou afinidade ou persoas tuteladas por sentenza xudicial firme con discapacidade física, psíquica ou sensorial igual ou superior ao 33 %.
No caso de que o beneficiario teña baixo a súa dependencia directa e legal, e vivindo ás súas expensas, máis dunha persoa que cumpra os requisitos anteriores, percibirá a axuda para cada unha.
1.4. No suposto de que dúas persoas teñan a condición de beneficiarios respecto do mesmo causante, só unha delas terá dereito á axuda.
1.5. A percepción das axudas deste Fondo de Acción Social é incompatible coa percepción doutras axudas de natureza similar concedidas pola Xunta de Galicia ou calquera outra Administración ou organismo oficial ou empresa privada.
2. Prazo de presentación de solicitudes.
O prazo de presentación de solicitudes será de quince (15) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
3. Solicitude e formas de presentación.
3.1. Formulario electrónico de solicitude e identificación do solicitante.
As persoas solicitantes deberán completar obrigatoriamente o formulario electrónico da solicitude a través da OPAX (Oficina Virtual do Persoal da Administración de Xustiza), no enderezo web opax.xunta.es, para o cal están habilitadas dúas modalidades de identificación:
a) Se se dispón dun certificado dixital recoñecido (DNI electrónico, tarxeta de identificación de persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia ou outro), poderase acceder con este e a súa correspondente clave.
b) De non disporen dun certificado dixital recoñecido, as persoas solicitantes accederán á OPAX mediante o seu usuario e contrasinal. Para o caso de que o sistema non recoñeza o usuario como válido ou de que este non lembre o seu contrasinal, farase uso da opción habilitada na OPAX para estes efectos.
3.2. Cubrición da solicitude.
Unha vez realizada a identificación, o solicitante deberá seleccionar na OPAX a opción correspondente ao Fondo de Acción Social e cubrir todos os campos.
A solicitude será única por solicitante, e no caso de existir máis dunha persoa causante, deberán introducirse naquela os datos de cada unha delas.
O sistema precargará, de ser o caso, datos de anteriores convocatorias, que o usuario deberá validar ou modificar.
Logo de encher a solicitude, esta gravarase provisionalmente como borrador. O dito borrador poderá ser consultado, modificado ou eliminado, pero non será válido para a súa presentación.
A persoa solicitante, despois de comprobar que todos os datos son correctos, deberá validar a solicitude, momento a partir do cal non se poderá modificar.
3.3. Forma de presentación.
As persoas solicitantes deberán presentar a solicitude da seguinte forma:
a) Os funcionarios de carreira en situación de servizo activo ou de excedencia por coidado de fillos, así como o persoal interino que estea a prestar servizos no momento de presentar a súa solicitude, realizarán a sinatura da solicitude e mais a presentación desta de forma telemática, para o que farán uso do certificado de empregado público ou doutro certificado dixital recoñecido. O sistema asignará un número e selo de tempo que acreditará a presentación, sendo posible obter do sistema un xustificante desta.
b) As persoas solicitantes que non estean incluídas no parágrafo anterior e cumpran coas condicións recollidas nos puntos 1.2 e 1.3 da presente convocatoria terán dúas opcións: ou ben poderán asinar e presentar a súa solicitude electronicamente, de acordo co procedemento descrito na letra a) anterior; ou ben poderán realizar a presentación imprimindo o formulario validado da solicitude, que deberá ser asinado e rexistrado, xunto coa preceptiva documentación complementaria, en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Excepcionalmente, tamén poderán utilizar esta última vía as persoas solicitantes establecidas na epígrafe a), cando resulte imposible a presentación telemática por razóns técnicas e se acredite documentalmente a dita imposibilidade. Para estes efectos, será necesario que abran unha incidencia ao Centro de Atención ao Usuario (CAU) e acheguen o xustificante desta.
3.4. Presentación da documentación xustificativa.
As persoas solicitantes deberán presentar a documentación xustificativa que se indica no punto 3.5. No momento da cubrición da solicitude, e para cada causante, o programa informará da documentación requirida, así como de se esta se atopa xa en poder da Administración, suposto en que o solicitante estará exento da súa presentación, agás o previsto no punto 3.5.
No caso de presentación electrónica da solicitude, a documentación xustificativa deberá presentarse tamén telematicamente, para o cal os documentos se deberán achegar escaneados en formato pdf antes da validación da solicitude, sen que se admita ningún outro formato. Unha vez validada a solicitude, a documentación non poderá ser modificada.
No caso de presentación da solicitude nalgún dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, deberá ir acompañada da documentación xustificativa, ben a xeito de orixinal ou ben a xeito de copia cotexada.
3.5. Relación da documentación xustificativa.
a) Certificación do organismo competente que acredite a discapacidade do solicitante, ou do cónxuxe, parella de feito, fillos, ascendentes de primeiro grao por consanguinidade ou afinidade ou persoas tuteladas do solicitante, así como o grao desta. Non será necesario xuntar esta certificación no caso de que se presentase en convocatorias anteriores, sempre que teña carácter definitivo e figure precargada no formulario da solicitude. No caso de que teña carácter provisional, non será necesaria a súa presentación se a data de valoración provisional está vixente no día no que se presente a solicitude e figure precargada no formulario da solicitude.
b) No caso de que o causante da axuda sexa o cónxuxe, un ascendente de primeiro grao por consanguinidade ou afinidade ou un fillo, e que sexa a primeira vez que se solicita a axuda, que se producisen cambios na súa situación familiar desde a pasada convocatoria ou que non figurar precargada no formulario da solicitude, a persoa solicitante deberá presentar unha fotocopia compulsada do libro de familia.
c) No caso de que o causante da axuda sexa a parella de feito, e de sexa a primeira vez que se solicita esta axuda, que se producisen cambios na súa situación familiar desde a pasada convocatoria ou que non figure precargada no formulario da solicitude, o solicitante deberá presentar certificación positiva de estar inscrito como parella de feito no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia.
d) Se o causante da axuda é unha persoa tutelada, o solicitante deberá acreditar a súa tutela.
e) Se o causante da axuda é o cónxuxe, parella de feito, ascendente de primeiro grao por consanguinidade ou afinidade ou persoa tutelada, deberase presentar copia do DNI da persoa discapacitada, de non figurar precargada no formulario da solicitude.
f) Se o causante da axuda é cónxuxe, parella de feito, ascendente de primeiro grao por consanguinidade ou afinidade ou persoa tutelada, deberase presentar certificado de convivencia e empadroamento conxunto do concello en que figuren a persoa discapacitada e mais a persoa solicitante.
Carecerán de validez os documentos achegados con emendas ou riscaduras.
As solicitudes presentadas ao abeiro da presente resolución terán o carácter de declaración responsable, de acordo co artigo 69 da Lei 39/2015, polo que a ocultación de datos, a falsidade na documentación fornecida ou a omisión da requirida darán lugar á denegación da axuda solicitada ou á perda da concedida, coa devolución, neste último caso, das cantidades indebidamente percibidas, con independencia das responsabilidades a que houber lugar. Así mesmo, non se poderá acceder a ningún tipo de axuda durante o tempo que determine a Comisión de Acción Social atendendo á gravidade dos feitos, cun mínimo de cinco anos e un máximo de dez.
3.6. Corrección da solicitude.
Unha vez presentada a solicitude, se a persoa solicitante non está conforme cos datos presentados pode, se o desexa, rexistrar, validar e presentar unha nova solicitude dentro do prazo de presentación sinalado no artigo 2 desta resolución. Cando se valide unha nova solicitude, quedará anulada calquera outra solicitude que a persoa interesada presentara con anterioridade. Por tanto, só se terá en conta a última solicitude validada, que deberá presentarse de conformidade co establecido no artigo 3.3.
4. Procedemento e resolución.
4.1. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, procederase ao seu estudo e cualificación.
Para comprobar a veracidade dos documentos achegados, poderáselle requirir a calquera solicitante que presente as certificacións que se consideren oportunas.
Os requisitos e condicións familiares e persoais entenderanse referidos a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
4.2. No Diario Oficial de Galicia publicarase o anuncio da resolución de admisión ou exclusión provisional das solicitudes. Por causa do carácter persoal dos datos vinculados a estas, o acceso por parte da persoa interesada á información relativa á admisión ou exclusión provisional da súa solicitude realizarase a través da OPAX co seu certificado dixital recoñecido ou usuario e contrasinal, de conformidade co previsto no punto 3.1, letras a) e b), desta convocatoria.
4.3. A publicación no Diario Oficial de Galicia producirá os efectos de notificación ás persoas interesadas, que terán un prazo de dez días hábiles, contados desde o día seguinte ao da dita publicación, para formular as reclamacións que consideren oportunas e emendar os defectos da exclusión provisional.
A presentación destas reclamacións e/ou a emenda ou presentación de documentación xustificativa farase da mesma forma que a solicitude orixinal: a) no caso de solicitudes tramitadas electronicamente, xuntando a través do programa a documentación precisa en formato pdf e asinando electronicamente a solicitude de emenda; b) no caso de presentación da solicitude nalgún dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, descargando a solicitude de emenda e presentándoa, xunto coa documentación correspondente, en calquera destes rexistros ou lugares.
4.4. O anuncio da resolución definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia. O acceso, por parte da persoa interesada, á información relativa á concesión ou denegación da axuda, así como á relativa ao importe adxudicado, realizarase a través da OPAX co seu certificado dixital recoñecido ou con usuario e contrasinal, de conformidade co previsto no punto 3.1, letras a) e b), desta convocatoria.
4.5. Calquera interpretación, aclaración ou dúbida con respecto ao contido do presente anexo será resolta pola Comisión de Acción Social, integrada por un membro de cada organización sindical con representación na Mesa Sectorial de Xustiza e un número igual de representantes da Administración.
4.6. O prazo máximo para resolver as solicitudes será de seis (6) meses contados a partir do día seguinte ao de finalización do prazo de presentación destas. Se no prazo establecido non se resolve a solicitude, entenderase rexeitada.
4.7. Contra a resolución definitiva da Dirección Xeral de Xustiza, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor, potestativamente, recurso de reposición ante este órgano no prazo dun mes, ou ben recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente no prazo de dous meses, ambos contados a partir do día seguinte á data de publicación no Diario Oficial de Galicia da citada resolución.
5. Contía da axuda.
A contía da axuda calcúlase do seguinte modo, tendo en conta o grao de discapacidade:
– Do 33 % ao 64 %: 300 €.
– Do 65 % ao 74 %: 600 €.
– Do 75 % en diante: 1.200 €.
A Comisión de Acción Social poderá modificar a anterior repartición cando por causa do número de instancias presentadas o orzamento establecido para esta axuda non sexa suficiente para a aplicación dos importes acabados de sinalar, de tal xeito que estes importes se verán reducidos proporcionalmente ata que a contía global das solicitudes aprobadas non supere o importe de 21.911,00 euros establecido para esta axuda.
Así mesmo, as cantidades asignadas poderanse ver incrementadas proporcionalmente, ata alcanzar o importe máximo de 21.911,00 euros, se o número de solicitudes aprobadas o permite, de conformidade co límite previsto na Lei 1/2012.
A axuda pagarase na conta consignada para o ingreso da nómina.
6. Axudas de anos anteriores.
As axudas denegadas en anos anteriores que como consecuencia de resolución xudicial ou administrativa foran acollidas favorablemente pagaranse con cargo ao presente Fondo de Acción Social.