O 15 de febreiro de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 25 de xaneiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se realiza a convocatoria para o ano 2021 das axudas para proxectos colaborativos nas áreas estratéxicas dos hubs de innovación dixital que permitan avanzar na súa especialización e consolidación dentro do marco da RIS3 Galicia (programa Conecta hubs), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (códigos de procedemento IN852B e IN852C).
A través destas axudas financiarase o desenvolvemento de proxectos de I+D+i aliñados cos retos dos hubs de innovación dixital galegos no marco da RIS3, en que os hubs participan como entidades colaboradoras na súa xestión. O programa Conecta hubs busca ser unha panca eficiente para acadar unha mellora da competitividade do tecido empresarial galego que se traduza en crecemento económico e social.
No contexto socioeconómico actual, coa finalidade de paliar os efectos da actual crise derivada da pandemia da COVID-19 e avanzar na recuperación económica de Galicia, a Axencia Galega de Innovación (Gain) vai poñer en marcha diferentes programas de axudas. Este feito require a redistribución da xestión das novas convocatorias entre as áreas de Gain co obxectivo de garantir unha tramitación máis áxil e eficiente das solicitudes. Deste xeito, tendo en conta a similitude do programa Conecta hubs, xa convocado, con outras liñas de axudas, considérase conveniente modificar a área competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións.
Consecuentemente con todo o anterior, a directora da Axencia Galega de Innovación, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,
DISPÓN:
Artigo 1
Modificación da Resolución do 25 de xaneiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se realiza a convocatoria para o ano 2021 das axudas para proxectos colaborativos nas áreas estratéxicas dos hubs de innovación dixital que permitan avanzar na súa especialización e consolidación dentro do marco da RIS3 Galicia (programa Conecta hubs), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (códigos de procedemento IN852B e IN852C).
Un. Modifícase o número 1 do artigo 22. Instrución do procedemento e tramitación, que queda redactado nos seguintes termos:
«1. A Área de Xestión de Axudas será a competente para a instrución do procedemento de concesión de subvencións, e será competencia da Dirección da Axencia Galega de Innovación ditar as resolucións de outorgamento das ditas axudas».
Disposición derradeira única
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 21 de maio de 2021
Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación