Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Venres, 28 de maio de 2021 Páx. 26490

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 14 de maio de 2021 pola que se establece o réxime de axudas á apicultura e se convocan para o ano 2021 (códigos de procedemento MR506A e MR506B).

BDNS (Identif.): 565561.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Ámbito de aplicación e requisitos

1. Poderán optar ás axudas previstas no artigo 2 da orde:

a) Aquelas persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas, incluídas aquelas de titularidade compartida recollidas na Lei 35/2011, do 4 de outubro, sobre titularidade compartida das explotacións agrarias. Ademais, as beneficiarias deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

b) Cooperativas apícolas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia, integradas por apicultores que cumpran os requisitos para seren beneficiarios dalgunha ou algunhas das axudas recollidas no Programa 2020-2022.

2. Para poder acollerse ás ditas medidas da axuda, as persoas apicultoras, a título individual ou como integrantes dunha cooperativa ou organización representativa, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estaren inscritos no Rexistro Oficial Apícola da Comunidade Autónoma de Galicia con anterioridade ao 1 de xaneiro do ano 2021, fóra daqueles titulares que adquirisen a dita titularidade por falecemento, xubilación ou incapacidade laboral do titular, sempre que o novo titular adquira a titularidade por sucesión, xubilación ou incapacidade laboral do anterior e sexa parente, como máximo, en cuarto grao del. Así mesmo, exceptúanse do devandito requisito os supostos de forza maior.

b) Seren titulares dunha explotación con máis de 15 colmeas para o caso dos apicultores que soliciten a axuda a título individual, e con máis de 50, se solicitan axuda para realizar a transhumancia, sexan ou non persoas traballadoras autónomas.

c) Realizaren polo menos un tratamento ao ano fronte á varroase, de acordo co establecido no Real decreto 608/2006, do 19 de maio, polo que se establece e regula un Programa nacional de loita e control das enfermidades das abellas do mel.

d) Disporen dun seguro de responsabilidade civil.

e) Cumpriren as previsións contidas no Real decreto 209/2002, do 22 de febreiro, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións apícolas.

f) Teren realizada a declaración censual anual obrigatoria referida ao 31 de decembro de 2020 antes do día 1 de marzo do ano en curso.

g) Teren realizada a validación anual do libro de rexistro de explotación apícola (CEAT) segundo o recollido no artigo 7, punto 2 do Real decreto 209/2002, do 22 de febreiro, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións apícolas, modificado polo Real decreto 448/2005, do 22 de abril, e no artigo 6 do Decreto 339/2009, do 11 de xuño, sobre ordenación sanitaria e zootécnica das explotacións apícolas na Comunidade Autónoma de Galicia.

As alvarizas abandonadas e as colmeas mortas non darán dereito ao cobramento de axudas ao seu titular.

3. Para o caso das cooperativas apícolas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia, para poderen ser beneficiarias a solicitude de axuda deberá incluír, como mínimo, 1.500 colmeas.

4. Unha mesma persoa apicultora só poderá ser beneficiaria da axuda por unha mesma actuación de forma única para cada unha das súas colmeas, ben a título individual ben como integrante dunha cooperativa apícola, organización representativa ou asociación de apicultores con personalidade xurídica propia. Deberá indicar na solicitude da axuda as liñas que solicita a través dunha cooperativa ou agrupación ou asociación apícola, de ser o caso.

Non obstante, as persoas apicultoras incluídas na solicitude de axuda presentada por unha cooperativa apícola, asociación ou organización representativas con personalidade xurídica propia, ben sexa para unha ou varias liñas de axuda, non poderán solicitar a axuda como integrante doutra cooperativa apícola, asociación ou organización representativas con personalidade xurídica propia.

De ser o caso, soamente se terá en conta esa persoa apicultora na solicitude da cooperativa ou agrupación ou asociación apícola que o inclúa como beneficiario naquela liña de axuda que ocupe o primeiro lugar atendendo á orde de prelación que se establece no artigo 9.1 desta orde de axudas.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia competitiva, as bases reguladoras das axudas para o fomento daquelas actividades destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura e proceder á súa convocatoria para o ano 2021 (códigos de procedemento MR506A e MR506B).

2. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería do Medio Rural.

Terceiro. Bases reguladoras

Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto na Orde do 14 de maio de 2021 pola que se establece o réxime de axudas á apicultura e se convocan para o ano 2021 (códigos de procedemento MR506A e MR506B).

Cuarto. Importe

A contía global destas axudas será, para o ano 2021, de setecentos vinte e catro mil cento oitenta e tres euros (724.183 €), con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo o establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o crédito dispoñible para o financiamento destas axudas poderá ampliarse, previamente á resolución do expediente, se existe unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou pola existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2021

Silvestre José Balseiros Guinarte
Director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias