Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Venres, 28 de maio de 2021 Páx. 26431

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 25 de maio de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se modifica a Resolución do 12 de marzo de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora e de subvencións COVID-19 para o mantemento do autoemprego na Comunidade Autónoma galega das persoas emigrantes galegas retornadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento PR937A).

Con data do 29 de marzo de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 12 de marzo de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora e de subvencións COVID-19 para o mantemento do autoemprego na Comunidade Autónoma galega das persoas emigrantes galegas retornadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021.

Nesta convocatoria establécense dúas liñas de subvencións dirixidas a persoas emigrantes galegas retornadas que exerzan a súa actividade laboral ou profesional na Comunidade Autónoma galega:

– Liña 1, Subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora: teñen por finalidade fomentar o seu establecemento como persoas traballadoras autónomas ou por conta propia.

– Liña 2, Subvencións COVID-19 para mantemento do autoemprego: destinadas a compensar as perdas provocadas pola redución da actividade económica das persoas traballadoras autónomas ou por conta propia no contexto actual de pandemia.

No epígrafe 1.2.b) do artigo 4 da resolución da convocatoria establécense os requisitos específicos para acceder á liña 2, Subvencións COVID-19 para mantemento do autoemprego, que inclúe a aquelas persoas que retornaron nos anos 2017, 2018 e 2019, sempre e cando neste último caso fosen beneficiarias da subvención no ano 2019.

Tendo en conta a situación actual de crise e co obxecto de contribuír á permanencia dos negocios mentres dure a situación de pandemia, cómpre ampliar esta liña 2 de subvención a todas as persoas emigrantes galegas retornadas que xa foron beneficiarias da subvención na convocatoria do ano 2020, independentemente do ano do seu retorno.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 76/2017, do 28 de xullo,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Resolución do 12 de marzo de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora e de subvencións COVID-19 para o mantemento do autoemprego na Comunidade Autónoma galega das persoas emigrantes galegas retornadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021.

Un. Modifícase o punto b.2) do número 1.2 de requisitos específicos da liña 2, Subvencións COVID-19 para mantemento do autoemprego, do artigo 4 da Resolución do 12 de marzo de 2021, que queda redactado como segue:

b.2) Que a data de retorno a España sexa a partir do 1 de xaneiro de 2019, incluído, e que a persoa solicitante fose beneficiaria desta subvención en convocatorias anteriores.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2021

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración