Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Luns, 31 de maio de 2021 Páx. 26946

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

RESOLUCIÓN do 21 de maio de 2021 pola que se publica a relación definitiva de nenas e nenos admitidas/os e da lista de agarda para o curso 2021/22 nas escolas infantís 0-3 dependentes desta entidade.

Con data do 23 de marzo de 2021 publicouse a Resolución do 11 de marzo de 2021 pola que se convoca o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para o curso 2021/22.

De conformidade co disposto no artigo 15.1 da dita resolución, correspóndelle á Xerencia do Consorcio, unha vez comprobadas as reclamacións presentadas contra a relación provisional, resolver este procedemento mediante a aprobación da relación definitiva de persoas admitidas e da lista de agarda, onde figurará a puntuación obtida.

Así mesmo, o artigo 16 establece que se publicarán no Diario Oficial de Galicia de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, entre outras, as correspondentes resolucións. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

Así o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar a relación definitiva de persoas admitidas e da lista de agarda, onde figura a puntuación obtida, que se poderá consultar desde o día 31 de maio nas páxinas web: http://politicasocial.xunta.gal e http://www.igualdadebenestar.org, así como, nos respectivos centros.

Cada alumno/a só poderá ser adxudicatario/a dunha praza pública das escolas infantís da Xunta de Galicia.

O prezo mensual que corresponda pagar de acordo coa normativa vixente en materia de prezos públicos consultarase no centro onde formalice a matrícula.

O prazo para formalizar a matrícula, que se poderá realizar a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal ou no centro onde se obtivese a praza, é de 8 días contados desde o día ao da publicación desta resolución, para o que deberá achegar a seguinte documentación:

– Impreso de matrícula cuberto (pode recollelo no propio centro ou descargar da páxina web http://politicasocial.xunta.gal e http://www.igualdadebenestar.org).

– Copia da cartilla de vacinacións do neno ou da nena.

Segundo. As resolucións ditadas neste procedemento non esgotan a vía administrativa e contra elas pode interpoñerse recurso de alzada perante a Presidencia do Consorcio no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co previsto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Se a resolución é presunta, en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

A resolución da Presidencia esgota a vía administrativa e contra ela pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. En caso de silencio administrativo, o prazo será de seis meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada.

Potestativamente e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución expresa. Se a resolución é presunta, en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ao abeiro dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2021

Perfecto Rodríguez Muíños
Xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar