Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 1 de xuño de 2021 Páx. 26980

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 10 de maio de 2021 de aprobación definitiva da modificación puntual número 3 das normas subsidiarias de planeamento de Cotobade, do Concello de Cerdedo-Cotobade, Pontevedra.

O Concello de Cerdedo-Cotobade remite a documentación relativa a esta modificación puntual de cara á súa aprobación definitiva, conforme o previsto nos artigos 60.13 e 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG) e aos artigos 144.13 e 144.16 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (RLSG).

Analizada a documentación asinada por Isidro López Yáñez, aprobada provisionalmente polo Concello Pleno do 24.9.2020; e, vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O concello de Cerdedo-Cotobade, resultante da fusión dos concellos de Cerdedo e Cotobade aprobada por Decreto 134/2016, do 22 de setembro (DOG núm. 198) conta cun Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) para a zona de Cerdedo, aprobado definitivamente o 23.9.2014, publicado no BOP de Pontevedra do 21.10.2014 e no DOG do 6.10.2014; e unhas normas subsidiarias de planeamento para a zona de Cotobade, aprobadas o 25.2.1997, publicadas no BOP do 12.3.1997 e no DOG do 20.3.1997.

2. Mediante Resolución do 15.12.2017 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formula o informe ambiental estratéxico desta modificación puntual e decide non sometela ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria (Diario Oficial de Galicia (DOG) núm. 18, do día 25.1.2018, expediente 2017AAE2098).

3. Constan informes municipais: técnico, do 28.1.2018; e de secretaría, do 29.1.2018.

4. A Modificación puntual número 3 apróbase inicialmente pola Comisión Xestora do concello o 1.2.2018, someténdose a información pública polo prazo de dous meses, mediante publicación no DOG do 9.2.2018 e no xornal Diario de Pontevedra do 9.2.2018. Consta certificado de secretaría do 28.11.2020 deste trámite.

5. Foron solicitados informes a: Subdelegación do Goberno (consta informe do 12.4.2019 e remite o informe da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do 30.4.2019); Ministerio de Economía e Empresa, Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información (informe do 19.2.2019); Deputación de Pontevedra (acordo da Xunta de Goberno da Deputación do 3.4.2018); e Ministerio de Fomento (informes da Subdirección Xeral de Planificación de Infraestruturas e Transporte do 21.3.2019 e da Dirección Xeral de Aviación Civil de 7.5.2019 e 8.5.2019).

6.Segundo o establecido no art. 60.7 da LSG foron solicitados informes sectoriais a: Instituto de Estudos do Territorio (consta informe do 26.7.2018); Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático (informe do 11.6.2018); Axencia Galega de Infraestruturas (informes de 9.7.2018 e 10.7.2018); Dirección Xeral de Emerxencias e Interior (informe do 5.6.2018); Dirección Xeral de Enerxía e Minas (informe do 15.6.2018); Augas de Galicia (informes de 12.3.2019 e 13.3.2019); Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (informe do 7.11.2018). Non contestaron á solicitude de informe a Deputación Provincial de Pontevedra, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural e a Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal.

Deuse audiencia aos concellos limítrofes da Lama, Campo Lameiro, Forcarei, A Estrada, Ponte Caldelas e Pontevedra, recibíndose o informe do concello da Lama do día 3.7.2018, de Ponte Caldelas do día 16.7.2018 e da Estrada do día 5.6.2018.

7.Consta informes municipais: técnico, do 19.4.2020; de secretaría, do 15.9.2020 e de intervención, do 15.9.2020.

8.O Concello Pleno do 24.9.2020 aproba provisionalmente esta modificación puntual.

9. Desde o concello achégase o documento aprobado provisionalmente, segundo o establecido no art. 60.13 da LSG, e dá resposta aos requirimentos realizados.

II. Obxecto e descrición da modificación.

Esta modificación puntual ten por obxecto:

– Cambiar a cualificación de tres parcelas, clasificadas como solo urbano de núcleo rural e cualificadas coa ordenanza 1, de solo urbano de núcleo rural, para permitir a implantación dun aparcamento público en superficie, asignándolles a ordenanza de aplicación 2A, de equipamentos.

Segundo a DT.1ª.2 da LSG, ao solo incluído no ámbito dos núcleos rurais aplicaráselle integramente o disposto no planeamento respectivo.

As parcelas afectadas contan coas referencias catastrais 36012B508012950000FO, 36012B508012960000FK, 36012B508013130000FB e teñen unha superficie total de 2.599,00 m2, quedando afectada pola delimitación do equipamento unha superficie de 2.220,00 m2.

Segundo a documentación achegada, os terreos foron adquiridos polo Concello mediante a compravenda por resolución do día 29.10.2018, asentada no libro de actas co número 2018-1012. Para a execución desta actuación achégase copia dun convenio asinado entre o Concello de Cerdedo-Cotobade e a Deputación de Pontevedra o 9.8.2018.

– Modificar dúas ordenanzas da normativa das NNSSP: a ordenanza 2A, de equipamentos, para permitir a implantación de máis usos de equipamento que os recollidos actualmente; e a ordenanza 4, de solo non urbanizable de núcleos rurais, para permitir e regular a execución de equipamentos.

III. Informe.

1. As razóns de interese público nas que se xustifica esta modificación puntual, segundo o establecido no art. 83.1 da LSG e 201.1 do RLSG, baséanse en obter solo para equipamentos públicos que dean servizo ás necesidades da poboación e adaptar a normativa para posibilitar a implantación dos equipamentos máis axeitados.

2. Analizada a documentación achegada, púidose comprobar que responde ás cuestións sinaladas no informe emitido pola Dirección Xeral de Urbanismo no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG, así como ás consideracións dos informes sectoriais emitidos na tramitación do mesmo. En todo caso, cómpre sinalar:

• Mediante o Decreto 83/2018, do 26 de xullo, aprobouse o Plan básico autonómico de Galicia (PBA) que derroga expresamente as Normas complementarias e subsidiarias de planeamento da provincia de Pontevedra, polo que deben actualizarse as referencias recollidas nesa Ordenanza núm. 4, de solo non urbanizable de núcleos rurais.

• Non se xuntan no documento aprobado provisionalmente as fichas do Catálogo de elementos protexidos, que en todo caso deben dar cumprimento ás condicións establecidas nos informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

A competencia para resolver a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60.16, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 3 das Normas subsidiarias de planeamento de Cotobade, Concello de Cerdedo-Cotobade (Pontevedra) condicionada á actualización das referencias ao PBA vixente na ordenanza modificada e á achega das fichas do Catálogo de elementos protexidos, que recollan as condicións establecidas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do Solo de Galicia e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao concello.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda