Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 1 de xuño de 2021 Páx. 26976

III. Outras disposicións

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

ORDE do 19 de maio de 2021 pola que se aproba o Plan de inspección en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

A regulación do réxime de inspección industrial e dos plans e programas de inspección en materia de seguridade industrial recóllese no título I do libro primeiro do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, e no Decreto 219/2008, do 25 de setembro, sobre inspección de industria na Comunidade Autónoma de Galicia.

No Decreto 219/2008, do 25 de setembro, regúlase a actividade administrativa de inspección, entendida como a actividade pola que a consellería competente en materia de industria, cos seus propios medios ou a través da colaboración de entidades legalmente habilitadas, ten por obxecto a supervisión, control e vixilancia dos establecementos, instalacións, produtos e actividades industriais, comprobando a adecuación da súa posta en funcionamento e condicións de servizo aos requisitos legais, regulamentarios e técnicos previstos na normativa aplicable e, de ser o caso, exixir as responsabilidades que correspondan nos supostos de incumprimentos legais ou defectos técnicos.

Tal e como establece o artigo 13.2 do Decreto 219/2008, do 25 de setembro, mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de industria aprobaranse o obxecto, contido e ámbito de actuación que informan cada plan, así como as instrucións que deben cumprir os servizos correspondentes das delegacións provinciais do departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de industria, para levar a cabo as inspeccións que han de realizarse conforme o plan e programas que se aproben.

En virtude de todo o anterior, e de conformidade coas atribucións que me son conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Por medio desta orde procédese a aprobar o Plan de inspección en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

Artigo 2. Obxecto, contido e ámbito de actuación do Plan de inspección

1. O obxecto do Plan de inspección será a comprobación da adecuación da posta en funcionamento e as condicións de servizo dos establecementos, instalacións, actividades e produtos respecto dun ou varios dos regulamentos de seguridade e normativa que lles sexan aplicables.

2. O Plan de Inspección 2021 estará composto por 4 programas.

Programas

Sectores

Nº inspeccións

1

Instalacións sometidas a regulamentos de seguridade industrial

Instalacións eléctricas de baixa tensión

500

Instalacións térmicas en edificios: caldeiras de gasóleo

350

Centros de transformación particulares

200

Instalacións de almacenamento de produtos químicos

50

Instalacións de seguridade contra incendios en establecementos industriais

50

Ascensores

50

Estacións de servizo en réxime desatendido

*(1)

2

Empresas instaladoras ou mantedoras no ámbito da seguridade industrial

Declaracións responsables de empresas instaladoras ou mantedoras no ámbito da seguridade industrial

200

3

Accidentes graves

Establecementos industriais afectados polo Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, no seu nivel superior e inferior

*(2)

4

Vixilancia de mercado

Formigóns fabricados en central

100

*(1) Todas as postas en servizo con anterioridade á data de entrada en vigor desta orde.

*(2) Todos os afectados con anterioridade á data de entrada en vigor desta orde.

Artigo 3. Execución

1. As xefaturas territoriais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación farán a selección dos establecementos, instalacións e actividades que sexan obxecto de inspección con criterios de oportunidade e aleatoriedade.

2. A repartición numérica das inspeccións entre as catro xefaturas territoriais farase consonte os seguintes criterios:

– Programa accidentes graves: cada xefatura inspeccionará os establecementos afectados radicados na súa provincia.

– Sector estacións de servizo en réxime desatendido: cada xefatura inspeccionará as postas en servizo na súa provincia.

– Resto de programas e sectores: as xefaturas territoriais da Coruña e Pontevedra desenvolverán cada unha o 30 % das inspeccións programadas; as xefaturas de Lugo e Ourense desenvolverán cada unha o 20 % das inspeccións programadas.

3. Cada xefatura territorial remitirá á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, con data límite o 31 de marzo de 2022, un informe asinado polo correspondente xefe territorial en que se indique por programa:

– Número de inspeccións desenvolvidas.

– Número de inspeccións favorables inicialmente.

– Número de inspeccións non favorables inicialmente que emendaron todas as deficiencias detectadas.

– Número de inspeccións non favorables inicialmente que permanecen sen emendar todas as deficiencias detectadas.

Artigo 4. Metodoloxía

1. A articulación da xestión, desenvolvemento e execución dos programas de inspección en que se estrutura o Plan de Inspección 2021 farase conforme os principios establecidos no Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, e no Decreto 219/2008, do 25 de setembro, sobre inspección de industria na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A realización dunha inspección a un establecemento, instalación ou actividade incluída nun programa de inspección, non eximirá o devandito establecemento, instalación ou actividade de realizar a correspondente inspección regulamentaria.

Artigo 5. Obrigas dos titulares

Os titulares dos establecementos, instalacións ou actividades obxecto do plan de inspección están obrigados a permitir e facilitar as comprobacións e inspeccións que o persoal debidamente acreditado realice en cumprimento da función de control da Administración, así como achegar calquera información ou documentación que se lles solicite en relación coa inspección que se realice.

Artigo 6. Ámbito xeográfico do Plan de inspección

O ámbito de actuación da actividade administrativa de inspección a que se refire esta orde alcanzará os establecementos, instalacións e actividades situados dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia con independencia da situación do seu domicilio social.

Artigo 7. Vixencia do plan

A vixencia do Plan de Inspección 2021 comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, e estenderase ata o 31 de marzo de 2022.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase o/a director/a xeral competente en materia de industria a ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2021

Francisco Conde López
Vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación