A Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, regula o dereito á asistencia xurídica gratuíta e, no seu artigo 38, establece que as administracións públicas competentes en materia de Administración de xustiza subvencionarán os colexios de avogados para a implantación e o funcionamento dos servizos de asistencia xurídica gratuíta.
Por outra banda, mediante o Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, transferíronse á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, e incluíuse na letra B) núm. 1.c), do seu anexo as relativas á indemnización das actuacións correspondentes á defensa por avogado en quenda de oficio ante os órganos xudiciais con sede en Galicia e mais as referentes á asistencia letrada ao detido ou preso cando o lugar de custodia estea situado en territorio da comunidade autónoma. Estas funcións transferidas foron asumidas polo Decreto 394/1994, do 29 de decembro, e asignadas á Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local e actualmente atribuídas á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.
En uso das súas competencias, a Xunta de Galicia ditou o Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta da Comunidade Autónoma de Galicia (modificado polo Decreto 138/2012, do 21 de xuño, e mais polo Decreto 134/2017, do 7 de decembro), que establece no seu artigo 45 que a consellería competente en materia de xustiza determinará anualmente as cantidades que deberán percibir os colexios de avogados para atender os gastos derivados do funcionamento e infraestrutura colexial que requiren os servizos de asistencia xurídica gratuíta, o cal lle corresponde á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo segundo o Decreto 214/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica.
O mencionado artigo 45 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia establece que estas cantidades se determinarán para cada colexio, cun sistema de módulos compensatorios por expediente tramitado, e que, entrementres non se determinen os devanditos módulos, os colexios percibirán a contía que resulte de aplicar o 8 % ao custo económico xerado en cada período de liquidación.
En virtude do exposto,
DISPOÑO:
Artigo único
Que se transfira ao Consello da Avogacía Galega a contía que resulte de aplicar o 8 % ao importe total certificado polos colexios de avogados da Comunidade Autónoma de Galicia en concepto de asistencia letrada e defensa gratuítas durante o ano 2019, por un total de oitocentos dez mil douscentos oitenta e oito euros con sesenta e sete céntimos (810.288,67 €), para atender os gastos derivados do funcionamento operativo dos servizos colexiais de asistencia xurídica gratuíta.
Disposición derradeira primeira
Autorízase o director xeral de Xustiza para ditar as disposicións necesarias para o cumprimento desta orde.
Disposición derradeira segunda
A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 26 de maio de 2021
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo