Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Mércores, 2 de xuño de 2021 Páx. 27170

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 26 de maio de 2021 pola que se establece a cantidade que cómpre transferir ao Consello Galego de Procuradores dos Tribunais de Galicia para atender os gastos de funcionamento e infraestrutura dos servizos de representación gratuíta do ano 2020, sobre o importe certificado o ano 2019.

A Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, regula o dereito á asistencia xurídica gratuíta e, no seu artigo 38, establece que as administracións públicas competentes en materia de Administración de xustiza subvencionarán os colexios de procuradores para a implantación e o funcionamento dos servizos de asistencia xurídica gratuíta.

Por outra banda, mediante o Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, transferíronse á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, e incluíronse na letra B) núm. 1 c) do seu anexo as relativas á indemnización das actuacións correspondentes á representación por procurador en quenda de oficio ante os órganos xudiciais con sede en Galicia. Estas funcións transferidas foron asumidas polo Decreto 394/1994, do 29 de decembro, e asignadas á Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, e actualmente están atribuídas á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

En uso das súas competencias, a Xunta de Galicia ditou o Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta da Comunidade autónoma de Galicia (modificado polo Decreto 138/2012, do 21 de xuño, e mais polo Decreto 134/2017, do 7 de decembro), que establece no seu artigo 45 que a consellería competente en materia de xustiza determinará anualmente as cantidades que deberán percibir os colexios de procuradores para atender os gastos derivados do funcionamento e da infraestrutura colexial que requiren os servizos de asistencia xurídica gratuíta, o cal corresponde á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo segundo o Decreto 214/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

O mencionado artigo 45 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia establece que estas cantidades se determinarán para cada colexio, cun sistema de módulos compensatorios por expediente tramitado, e que, entrementres non se determinen os devanditos módulos, os colexios percibirán a contía que resulte de aplicar o 8 % ao custo económico xerado en cada período de liquidación.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Artigo único

Que se transfira ao Consello Galego de Procuradores dos Tribunais de Galicia a contía que resulte de aplicar o 8 % ao importe total certificado polos colexios de procuradores da Comunidade Autónoma de Galicia en concepto de representación gratuíta durante o ano 2019, por un total de setenta e catro mil cincocentos vinte e oito euros con setenta e tres céntimos (74.528,73 €), para atender os gastos derivados do funcionamento operativo dos servizos colexiais de asistencia xurídica gratuíta.

Disposición derradeira primeira

Autorízase o director xeral de Xustiza para ditar as disposicións necesarias para o cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2021

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro
de Presidencia, Xustiza e Turismo