Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Xoves, 3 de xuño de 2021 Páx. 27561

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 28 de maio de 2021 pola que se anuncia a poxa pública para a compravenda e/ou constitución do dereito de superficie en parcelas resultantes do proxecto de parcelación da zona denominada Área Loxística Empresarial da Plataforma Loxística e Industrial de Salvaterra de Miño-As Neves (expediente PLISAN 2021/compravenda-(2)-LE).

1. Entidade adxudicadora.

Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

2. Obxecto.

Procedemento para a adxudicación mediante poxa pública á alza, mediante compravenda e/ou para a constitución do dereito de superficie, das parcelas resultantes do proxecto de parcelación correspondente á zona denominada Área Loxística Empresarial da Plataforma Loxística e Industrial de Salvaterra de Miño-As Neves (PLISAN).

A descrición física e xurídica das parcelas obxecto da poxa, así como as súas cargas e gravames, figura no anexo I do prego de condicións.

3. Prezo das parcelas.

O prezo base de saída para a compravenda, IVE excluído, e para a constitución do dereito de superficie, en concepto de canon, é o que figura no anexo I do prego de condicións.

4. Garantías.

Para participar na poxa requirirase constituír previamente unha garantía do 5 % do prezo base de saída da/das parcela/s sobre a/as cales se realice a oferta.

5. Requisitos específicos dos participantes.

Poderá participar na poxa calquera persoa, física ou xurídica, española ou estranxeira, que teña plena capacidade de obrar, de acordo co previsto no Código civil. Non poderán ser adquirentes as persoas que solicitasen ou estean declaradas en concurso, fosen declaradas insolventes en calquera procedemento, estean suxeitas a intervención xudicial ou fosen inhabilitadas conforme a Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal.

6. Obtención de documentación.

O prego de condicións polo cal se rexe esta poxa, os seus anexos, a documentación relativa ás ordenanzas do proxecto sectorial en que se sitúan as parcelas que se ofertan, así como datos relativos ás súas subministracións, figurarán na páxina web do IGVS (http://igvs.xunta.gal/web/igvs/plisan), desde o momento en que o anuncio se publique no Diario Oficial de Galicia.

7. Lugar e prazo de presentación das ofertas.

As ofertas deberanse presentar por correo certificado, a través das oficinas de Correos, aos servizos centrais do Instituto Galego da Vivenda e Solo, situados en Área Central, s/n, polígono das Fontiñas, Santiago de Compostela, ata as 14.00 horas do día 31 de agosto de 2021.

As ofertas remitidas por unha canle distinta ou a un lugar diferente ao indicado non serán admitidas.

O licitador deberá xustificar o mesmo día da remisión da documentación, ou como máis tarde antes do vencemento do prazo sinalado para a presentación das ofertas, a través de correo electrónico ao enderezo contratacionigvs@xunta.gal, a data do envío na oficina de Correos e os datos identificativos da persoa ou entidade que remite a documentación. De non concorrer este requisito, tampouco será admitida a oferta.

Así mesmo, transcorridos dez días naturais, contados desde o último para a presentación da oferta, sen que se recibise esta, esta tampouco será admitida.

8. Lugar, día e hora de realización da poxa pública.

A poxa pública terá lugar no salón de actos –2ª planta– das oficinas centrais do IGVS, en Santiago de Compostela, no día e a na hora en que se anuncien, con polo menos cinco días de antelación ao da súa realización, na páxina web do IGVS (http://igvs.xunta.gal/web/igvs/plisan).

9. Gastos do anuncio.

O importe do anuncio será por conta dos adxudicatarios das parcelas rateado proporcionalmente.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2021

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo