Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Venres, 4 de xuño de 2021 Páx. 27600

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 19 de maio de 2021 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2021/22 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, determina na disposición adicional quinta que o calendario escolar, que fixarán anualmente as administracións educativas, comprenderá un mínimo de 175 días lectivos para o ensino obrigatorio.

O artigo 8 do Real decreto lei 31/2020, do 29 de setembro, polo que se adoptan medidas urxentes no ámbito da educación non universitaria, dispón que para efectos do límite de días lectivos no ensino obrigatorio, regulados na disposición adicional quinta da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, se considerarán días lectivos todos aqueles en que exista unha atención e apoio educativo ao alumnado, tanto presencial como a distancia, ata que se normalice a situación xerada na escolaridade como consecuencia das necesidades derivadas das medidas de contención sanitaria.

No curso 2018/19 adiantouse ao mes de xuño a avaliación extraordinaria para o alumnado de segundo de bacharelato o que facilitou a organización dos centros educativos para a realización da proba ABAU, e esta medida foi valorada positivamente pola comunidade educativa e a CIUG. En vista do éxito da experiencia anterior, considérase oportuno realizar un axuste no calendario escolar noutros cursos e etapas adiantando ao mes de xuño as probas extraordinarias previstas para o mes de setembro nos cursos de educación secundaria obrigatoria, o primeiro curso de bacharelato e o primeiro curso da formación profesional básica.

Tendo en conta que as funcións de planificación, regulación e administración do ensino regrado son competencia da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, e co obxecto de fixar o calendario escolar e as actividades de fin de curso para o curso 2021/22 nos centros docentes sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, por proposta da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Obxecto e ámbito de aplicación

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer o calendario escolar para o curso 2021/22.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Esta orde é de aplicación en todos os centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia sostidos con fondos públicos.

CAPÍTULO II

Inicio de curso

Artigo 3. Actividades de inicio de curso

1. Desde o día 1 de setembro de 2021 ata o inicio das clases, o profesorado dos centros públicos, ben individualmente ben formando parte dos órganos de coordinación didáctica correspondentes, baixo a dirección dos seus responsables, colaborará na adaptación da programación xeral anual e na revisión dos proxectos educativos e concrecións de currículos, participará nas reunións de ciclos, departamentos, claustros e cantas outras actividades estean relacionadas coa organización do curso. Neste período, os departamentos didácticos, os equipos de ciclo e os equipos docentes de cada curso, baixo a coordinación e dirección da respectiva xefatura de departamento, coordinación de ciclo ou do/da profesor/a titor/a, dedicaranse a adaptar a programación didáctica das ensinanzas correspondentes ao ciclo, ás áreas, materias ou módulos integrados no departamento considerando as propostas de mellora recollidas nas memorias de final de curso e a organizar o curso escolar. A xefatura de estudos velará polo cumprimento destas actividades de inicio de curso.

2. Antes do día 15 de setembro de 2021, o profesorado responsable de cada departamento, da coordinación de ciclo e o titor ou titora de curso fará entrega da programación didáctica á xefatura de estudos. A dirección do centro remitirá as programacións didácticas á Inspección educativa, antes do día 25 de setembro, que comprobará a súa adecuación ao establecido nas disposicións vixentes.

En desenvolvemento do establecido no artigo 34 do Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia, os centros sostidos con fondos públicos que impartan ensinanzas de formación profesional deberán utilizar para a elaboración e o seguimento das programacións dos módulos profesionais dos títulos establecidos ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, a aplicación informática web de programacións, así como para a entrega, supervisión e comprobación por parte das xefaturas de departamento, das direccións destes centros e da Inspección educativa.

3. Nos primeiros días de actividade lectiva o profesorado facilitará ao alumnado a información básica relativa á programación didáctica da área, materia, ámbito ou módulo, que incluirá os obxectivos, contidos, criterios de avaliación, procedementos e instrumentos de avaliación, criterios de cualificación do ciclo ou curso correspondente, e posteriormente daraa a coñecer á comunidade educativa seguindo o procedemento establecido nas Normas de organización, funcionamento e convivencia (NOFC) do centro para garantir a súa publicidade.

4. Aqueles centros que combinen o servizo de transporte escolar con outros centros deberán establecer, coa autorización da xefatura territorial correspondente da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, un horario que, coas adaptacións necesarias, lles permita garantir o axuste e a perfecta coordinación dos centros con este servizo. Estes centros comunicaranlle á xefatura territorial a proposta de horario escolar para o curso 2021/22, que deberá resolver antes do inicio das clases.

5. A xornada matinal nos centros que a tivesen concedida pola xefatura territorial para os meses de xuño e setembro do ano académico 2020/21 considérase prorrogada para o curso 2021/22 nos mesmos termos, sempre que non variasen as circunstancias en que foi concedida. Quedan excluídas as autorizacións excepcionais que se realizaron ao abeiro da Resolución da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional sobre a autorización excepcional de horarios polas xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

CAPÍTULO III

Desenvolvemento do curso

Artigo 4. Duración

O curso académico abranguerá desde o día 1 de setembro de 2021 ata o 31 de agosto de 2022.

Artigo 5. Actividades lectivas

1. En educación infantil, educación primaria e educación especial, as actividades lectivas realizaranse do día 9 de setembro de 2021 ao 22 de xuño de 2022, ambos inclusive.

2. En educación secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional, as actividades lectivas realizaranse do día 15 de setembro de 2021 ao 22 de xuño de 2022, ambos inclusive. Non obstante o anterior, para o segundo curso de bacharelato a impartición efectiva de clases rematará de acordo coas datas previstas para a avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (en adiante, ABAU). Terán a consideración de días lectivos os dedicados á impartición efectiva de clases e aqueles que se dediquen á realización das probas e avaliacións finais das convocatorias ordinaria e extraordinaria.

3. Nas ensinanzas de réxime especial, as actividades lectivas realizaranse entre os días 15 de setembro de 2021 e 30 de xuño de 2022, de acordo cos calendarios de probas de acceso e probas de certificación establecidos para cada unha delas.

Artigo 6. Vacacións escolares

Os períodos de vacacións escolares no curso académico 2021/22 serán os seguintes:

– Nadal: desde o día 22 de decembro de 2021 ata o día 7 de xaneiro de 2022, ambos inclusive.

– Entroido: os días 28 de febreiro, 1 e 2 de marzo de 2022.

– Semana Santa: desde o día 11 ata o día 18 de abril de 2022, ambos inclusive.

Artigo 7. Días non lectivos

1. Ademais das festas de ámbito estatal, son días non lectivos os festivos así declarados pola Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, en exercicio das competencias que lle atribúe o artigo 45 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, sobre regulación da xornada de traballo, xornadas especiais e descansos, na súa redacción dada polo Real decreto 1346/1989, do 3 de novembro, e as festas laborais de carácter local publicadas por resolución da devandita consellería.

2. Nos centros en que unha ou as dúas festas laborais de carácter local a que se refire o punto anterior non coincidan con días de clase, os consellos escolares, os consellos sociais ou, na súa falta, os responsables dos centros de menos de tres unidades poderán solicitar, segundo proceda, un ou dous días non lectivos, que deberán preverse na programación xeral do centro, argumentando razóns de tradición, costume ou conveniencia pedagóxica. Esta petición deberá facerse antes do día 22 de outubro de 2021 perante a xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, que, logo de informe da Inspección educativa e dos que coide oportunos, resolverá o que proceda.

É recomendable que os centros da mesma localidade elixan, de ser o caso, os mesmos días non lectivos, para o cal se buscará o consenso entre todos os centros para a súa selección.

3. Ademais dos anteriores, sen prexuízo do establecido no artigo 8.3 e co fin de unificar a celebración dos patróns de cada nivel educativo, establécese o Día do Ensino coa consideración de non lectivo para efectos académicos e que no curso 2021/22 se celebrará o 11 de outubro de 2021.

Artigo 8. Conmemoracións

1. Durante o curso escolar celebraranse, como mínimo, as seguintes conmemoracións:

– 20 de novembro de 2021: Día Universal da Infancia.

– 25 de novembro de 2021: Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

– Do 30 de novembro ao 7 de decembro de 2020: conmemoración da Constitución e do Estatuto de autonomía de Galicia.

– 3 de decembro de 2021: Día Internacional das Persoas con Discapacidade.

– 10 de decembro de 2021: Día da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

– 24 de xaneiro de 2022: Día Internacional da Educación.

– 30 de xaneiro de 2022: Día Escolar da non Violencia e da Paz.

– 24 de febreiro de 2022: Día de Rosalía de Castro.

– 8 de marzo de 2022: Día Internacional da Muller.

– 15 de marzo de 2022: Día Mundial dos Dereitos do Consumidor.

– Do 7 ao 11 de marzo de 2022: Semana da Prensa. Un día desta semana traballarase na aula con xornais.

– 7 de abril de 2022: Día Mundial da Saúde.

– Entre o 18 e o 22 de abril de 2022: Semana do Libro.

– 2 de maio de 2022: Día Internacional contra o Acoso Escolar.

– 9 de maio de 2022: Día de Europa.

– Do 16 ao 20 de maio de 2022: Semana das Letras Galegas.

– 5 de xuño de 2022: Día Mundial do Medio Ambiente.

2. De conformidade co establecido no artigo 26.2 da Lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia, para favorecer a visibilidade e integrar de forma transversal a diversidade afectivo-sexual, os centros docentes sostidos con fondos públicos realizarán actividades específicas próximas ás datas de celebracións internacionais relacionadas co recoñecemento efectivo do dereito destas persoas.

3. Cando algunha das datas a que se refiren os puntos anteriores sexa sábado, domingo, festividade local ou estea incluída nalgún dos períodos de vacacións establecidos no artigo 6 desta orde, a correspondente conmemoración celebrarase o día lectivo inmediatamente anterior ou posterior, segundo estableza a programación xeral anual de cada centro.

4. As datas a que se refiren os puntos 1 e 2 son lectivas para todos os efectos e nelas os centros deberán organizar actividades diversas, tendentes a salientar a importancia das conmemoracións mencionadas.

Artigo 9. Comedores escolares

Os comedores escolares dos centros públicos funcionarán desde o día 9 de setembro de 2021 ata o 22 de xuño de 2022.

CAPÍTULO IV

Final de curso

Artigo 10. Sesións de avaliación

1. As sesións de avaliación final ordinaria do alumnado de segundo curso de bacharelato adecuaranse ás datas previstas para a ABAU.

2. As sesións de avaliación final ordinaria do alumnado da educación secundaria obrigatoria e do primeiro curso do bacharelato, así como a sesión da avaliación final de módulos do alumnado do primeiro curso dos ciclos da formación profesional básica deberán realizarse a partir do día 6 de xuño de 2022.

3. Deberán realizarse a partir do día 23 de xuño de 2022 as sesións de avaliación final extraordinaria do alumnado da educación secundaria obrigatoria, do bacharelato e do primeiro curso dos ciclos da formación profesional básica; as sesións da avaliación final de ciclo do segundo curso dos ciclos da formación profesional básica, e as sesións da avaliación final de módulos do alumnado dos ciclos formativos de formación profesional.

4. Para as sesións de avaliación final do alumnado das ensinanzas de réxime especial, a dirección do centro deberá propor, conforme os anexos desta orde, as datas correspondentes á xefatura territorial que corresponda, para a súa autorización.

Artigo 11. Probas finais

1. O alumnado de educación secundaria obrigatoria con materias pendentes de cursos anteriores será convocado, de ser o caso, a unha proba final que se realizará antes de rematar o mes de maio de 2022. O alumnado de segundo de bacharelato con materias pendentes de cursos anteriores será convocado, de ser o caso, a unha proba final que se adecuará ás datas previstas para a ABAU.

2. As probas finais da convocatoria extraordinaria para a educación secundaria obrigatoria, o bacharelato e o primeiro curso da formación profesional básica realizaranse entre o 20 e o 22 de xuño de 2022.

3. Naqueles centros ou ensinanzas que prevexan a realización de probas, a dirección do centro deberá propor as datas correspondentes á xefatura territorial que corresponda, para a súa autorización, conforme os referidos anexos a esta orde.

Artigo 12. Horario do profesorado

1. No segundo curso de bacharelato, no período comprendido desde a realización da avaliación final ordinaria ata as datas de celebración das probas extraordinarias, o centro educativo organizará a impartición das clases co fin de preparar o alumnado para a realización da ABAU e das probas extraordinarias.

2. Na educación secundaria obrigatoria, no primeiro curso de bacharelato e no primeiro curso dos ciclos da formación profesional básica, o período comprendido entre o 6 e o 22 de xuño de 2022 dedicarase á preparación e realización das probas extraordinarias, e a actividades de apoio, reforzo, recuperación, ampliación e titorización.

3. No caso de profesorado de segundo curso de bacharelato e o que se vexa afectado pola realización do módulo de formación en centros de traballo, as direccións dos centros quedan autorizadas para introduciren as modificacións oportunas nos horarios, asignando tarefas da súa responsabilidade nas horas en que deixe de impartir as materias ou módulos da súa competencia, segundo o cargo ou posto que desempeñe, incluídas as gardas que se consideren necesarias, de xeito que o profesorado desenvolverá en todo momento o horario que lle corresponde conforme a normativa vixente.

4. Sen prexuízo do expresado nos puntos 1, 2 e 3 anteriores, o profesorado seguirá cumprindo o seu horario lectivo ata o día 22 de xuño de 2022, incluído. O período comprendido entre ese último día e o 30 de xuño de 2022, inclusive, será dedicado polo profesorado, entre outras actividades, a elaborar as actas de avaliación, os informes individualizados, os informes para as familias e os documentos de avaliación que correspondan, a entrega de cualificacións, a atención a reclamacións e cantas outras actividades estean relacionadas co final de curso. Todo o profesorado dos centros públicos permanecerá no centro ata o día 30 de xuño de 2022, inclusive. Nese período de tempo, logo da autorización da Inspección educativa, a dirección poderá adaptar o horario do profesorado de acordo coas actividades programadas.

5. Durante o mes de xuño, as direccións dos centros públicos de ensinanzas de réxime especial poderán adaptar os horarios do profesorado ás necesidades específicas de cada centro.

6. Durante o curso académico, nos centros pertencentes á Rede de centros integrados de formación profesional de Galicia, dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, o horario do profesorado adaptarase ás necesidades que permitan cumprir coas actividades formativas e accións establecidas para cada área funcional e/ou departamento segundo o plan anual.

7. A adaptación do horario do profesorado non poderá supor variación do número global de horas semanais de permanencia no centro previsto no horario lectivo de cada profesor ou profesora.

Artigo 13. Atención ás reclamacións contra as cualificacións ou decisións de promoción ou titulación

As direccións dos centros deben garantir a atención ás reclamacións contra as cualificacións finais ou decisións de promoción ou titulación de conformidade co procedemento e prazos establecidos na normativa vixente.

Artigo 14. Actas de avaliación final

As secretarías dos centros deberán arquivar e ter a disposición do Servizo Territorial de Inspección Educativa correspondente as actas de avaliación final de todos os cursos do seu centro e dos centros privados adscritos, de ser o caso, desde o día 15 de xullo de 2022.

Artigo 15. Memorias de fin de curso

O equipo directivo e o profesorado dedicará especial atención á análise e valoración de resultados da avaliación do rendemento académico do alumnado, que deberá incluírse na memoria final de curso coas propostas de mellora que correspondan. Así mesmo, esta memoria incorporará propostas de modificación ás programacións didácticas, sobre estratexias metodolóxicas e criterios de cualificación, promoción e titulación.

As direccións dos centros educativos enviarán ao Servizo Territorial de Inspección Educativa correspondente, antes do 10 de xullo de 2022, a memoria anual do centro.

Disposición adicional primeira. Modificación do calendario escolar e comedores escolares

As xefaturas territoriais, por circunstancias concretas de organización, poderán autorizar a modificación das datas de comezo e remate das actividades lectivas e de funcionamento dos comedores escolares.

Calquera modificación que se precise facer no calendario escolar deberá ser solicitada, polo menos con quince días de antelación, polo centro interesado á xefatura territorial que, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa e dos que considere oportunos, resolverá o procedente.

Disposición adicional segunda. Período de adaptación do alumnado de educación infantil que se incorpora por primeira vez ao centro

O período de adaptación do alumnado de educación infantil que se incorpora por primeira vez ao centro non se prolongará máis alá do día 21 de setembro de 2021.

Disposición adicional terceira. Adscrición funcional en educación primaria

Para os efectos da adscrición funcional do profesorado do corpo de mestres e co obxecto de respectar o dereito de cada grupo de alumnos e alumnas a manter o mesmo titor durante dous cursos, na educación primaria, este dereito entenderase referido a primeiro e segundo curso, terceiro e cuarto curso, e quinto e sexto curso.

Disposición adicional cuarta. Probas finais e sesións de avaliación da convocatoria extraordinaria do curso 2020/21

Nos primeiros días do mes de setembro e ata o día 6 como máximo realizaranse as probas correspondentes á convocatoria extraordinaria do curso 2020/21 para o alumnado de educación secundaria obrigatoria, primeiro de bacharelato e formación profesional básica. As sesións de avaliación e a entrega de cualificacións da devandita convocatoria extraordinaria poderán realizarse ata o día 8 de setembro incluído.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento e execución

Autorízase a persoa titular da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2021

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

ANEXO I

Resumo do calendario de actividades de xuño. Curso 2021/22

O/a director/a da Escola de Arte e Superior de Deseño ....................................................................... /Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais pon no seu coñecemento que o calendario de actividades docentes programadas para o final de curso, aprobado polo claustro, recolle o seguinte:

O último día de clase será o

As datas das sesións de avaliación final serán do ao

................................, ...... de .................. de 2022

O/a director/a,

Asdo. ...........................................................

Servizo Territorial de Inspección Educativa

ANEXO II

Resumo do calendario de actividades de xuño. Curso 2021/22

O/a director/a da Escola Oficial de Idiomas ................................................................................. pon no seu coñecemento que o calendario de actividades docentes programadas para o final de curso, aprobado polo claustro, recolle o seguinte:

O último día de clase será o

As datas das probas da convocatoria ordinaria de xuño serán do ao

................................, ...... de .................. de 2022

O/a director/a,

Asdo. ...........................................................

Servizo Territorial de Inspección Educativa

ANEXO III

Resumo do calendario de actividades de xuño. Curso 2021/22

O/a director/a do Conservatorio de Música/Conservatorio de Danza .......................................... ............................................. pon no seu coñecemento que o calendario de actividades docentes programadas para o final de curso, aprobado polo claustro, recolle o seguinte:

O último día de clase será o

As datas da avaliación conxunta do alumnado serán do ao

As probas de acceso realizaranse do ao

................................, ...... de .................. de 2022

O/a director/a,

Asdo. ...........................................................

Servizo Territorial de Inspección Educativa