Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Venres, 4 de xuño de 2021 Páx. 27627

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 25 de maio de 2021 pola que se convocan os premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico correspondentes ao curso 2020/21 (código de procedemento ED311D).

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece entre os seus principios o de proporcionar unha educación de calidade para todo o alumnado independentemente das súas condicións e circunstancias, xunto coa equidade que garanta a igualdade de oportunidades para o pleno desenvolvemento da personalidade a través da educación. Así mesmo, determina que o sistema educativo se orientará, entre outros fins, á consecución do pleno desenvolvemento da personalidade e das capacidades do alumnado, á educación na responsabilidade individual e no mérito e esforzo persoal, e ao desenvolvemento da capacidade do alumnado para regular a súa propia aprendizaxe, confiar nas súas aptitudes e coñecementos, así como para desenvolver a creatividade, a iniciativa persoal e o espírito emprendedor.

A Orde ECD/1611/2015, do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, do 29 de xullo (BOE núm. 183, do 1 de agosto), pola que se crean e regulan os premios nacionais ao rendemento académico do alumnado de educación secundaria obrigatoria e de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de música, danza e artes plásticas e deseño, establece que poderá optar aos premios nacionais de educación secundaria obrigatoria o alumnado que obtivese previamente o premio extraordinario de educación secundaria obrigatoria no ámbito da comunidade autónoma en que finalizase as ditas ensinanzas e fose seleccionado pola súa Administración educativa para participar nos premios nacionais e cumpra os demais requisitos establecidos na citada orde. Asemade, dispón que o número de seleccionados será un por cada 1.750, ou fracción superior a 500, matriculados en cuarto curso no ano académico a que se refire a convocatoria.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade, consciente da importancia de recoñecer e valorar publicamente os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico a educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, convoca os premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico.

En consonancia co anterior, en exercicio das competencias atribuídas no Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, por proposta da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, de conformidade co establecido no artigo 6 da citada Orde ECD/1611/2015, e de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Convócanse na Comunidade Autónoma de Galicia os premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico (código de procedemento ED311D) correspondentes ao curso 2020/21.

2. Esta convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, está dirixida ao alumnado que destacase polo seu rendemento académico na etapa de educación secundaria obrigatoria.

3. A finalidade destes premios é dar recoñecemento público ao esforzo e dedicación do alumnado desta etapa educativa, reforzar aqueles aspectos que inciden na mellora do sistema educativo e xuntar excelencia con equidade, igualdade de oportunidades e posibilidades de desenvolvemento persoal.

Artigo 2. Número, orzamento e características dos premios

1. Poderase conceder ata un máximo de 20 premios.

2. Cada premio estará dotado con 800 €, con cargo á partida orzamentaria 10.30.423A.480.1 da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, dos orzamentos do ano 2021, cunha dotación global de 16.000 €. A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado para este fin.

3. Estes premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico son compatibles con calquera outro tipo de premios, bolsas ou axudas concedidos por algunha Administración pública competente ou calquera ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou organismos internacionais.

4. O alumnado que obteña o premio extraordinario percibirá a dotación económica, se cumpre os requisitos establecidos no artigo 17 desta orde; ademais, recibirá un diploma acreditativo e o/a secretario/a do centro público onde estea depositado o expediente académico anotará nel, mediante dilixencia, a distinción.

5. O alumnado que obteña premio extraordinario de educación secundaria obrigatoria e cumpra os requisitos establecidos no artigo 6 da Orde ECD/1611/2015, do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, do 29 de xullo, pola que se crean e regulan os premios nacionais ao rendemento académico do alumnado de educación secundaria obrigatoria e de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de música, danza e artes plásticas e deseño, poderá optar aos premios nacionais de educación secundaria obrigatoria, segundo o procedemento disposto no artigo 4 da citada orde.

Artigo 3. Requisitos das persoas solicitantes

Poderá optar ao premio extraordinario de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico o alumnado que reúna os seguintes requisitos:

1. Ter cursado durante o ano académico 2020/21 cuarto curso de educación secundaria obrigatoria no réxime ordinario en calquera dos centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Estar proposto polo equipo docente para a expedición do título de graduado en educación secundaria.

3. Ter obtido no conxunto dos catro cursos de educación secundaria obrigatoria unha nota media igual ou superior a 9,00 puntos. A nota media calcularase de acordo co establecido na disposición adicional quinta do Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 120, do 29 de xuño).

Todos os requisitos relacionados neste artigo deberán posuírse no día en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 4. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na aplicación informática «PremiosEdu» (https://www.edu.xunta.gal/premiosedu/) accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou directamente desde a propia aplicación «PremiosEdu».

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As solicitudes subscribiranas directamente as persoas interesadas con plena capacidade de obrar ou, se é o caso, os/as representantes legais das persoas solicitantes.

3. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal

Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico premios@edu.xunta.gal

A simple presentación da solicitude leva implícita a aceptación plena de todas as bases desta convocatoria, e constitúe unha manifestación expresa de que a persoa solicitante reúne os requisitos exixidos para participar no procedemento, así como de que son veraces os datos que consigne nela.

4. O prazo de solicitudes será dun mes; comezará o día 7 de xuño de 2021 e rematará o día 6 de xullo de 2021.

Artigo 5. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas que cursasen os seus estudos en centros privados que non teñan todo o seu expediente recollido na base de datos da aplicación XADE e subscriban a súa solicitude de participación mediante unha persoa representante deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

Acreditación da representación por calquera medio válido en dereito.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento de identidade, DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) Documento de identidade, DNI ou NIE da persoa representante.

c) Expediente dos estudos de educación secundaria obrigatoria cursados pola persoa solicitante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

e) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.

g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente no formulario a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel).

3. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Procedemento dos centros educativos

Os centros educativos enviarán a certificación académica dos estudos de educación secundaria obrigatoria (só no caso de que o alumnado non teña todo o seu expediente de educación secundaria obrigatoria recollido na base de datos da aplicación XADE), onde se reflictan as cualificacións de todas as materias dos catro cursos de educación secundaria obrigatoria e a cualificación final media a que se refire o artigo 3.3, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/da director/a do centro en que se atope o expediente académico.

Esta certificación enviarase ao enderezo de correo electrónico premios@edu.xunta.gal

Artigo 10. Instrución do procedemento e exposición de listaxes provisionais para emenda de solicitudes e documentación

A publicación da relación provisional do alumnado admitido e excluído realizarase nos lugares relacionados no artigo 18 desta orde.

De acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, unha vez publicadas as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas, requiriranse as persoas interesadas para que, nun prazo de dez (10) días, emenden a falta ou presenten os documentos preceptivos para a reclamación ou emenda das carencias ou deficiencias detectadas na documentación achegada. De non o faceren, consideraranse desistidas da súa petición e arquivarase esta logo de resolución que se deberá ditar nos termos do artigo 21 da citada lei.

A publicación da relación definitiva do alumnado admitido e excluído realizarase nos lugares relacionados no artigo 18 desta orde.

Artigo 11. Realización da proba para a obtención do premio

1. O alumnado deberá realizar unha proba presencial, que terá carácter único en todo o territorio da Comunidade e terá lugar de forma simultánea nas distintas sedes.

2. Serán admitidos/as á proba, condicionalmente, os alumnos e as alumnas que na data da súa celebración estivesen pendentes de resolución de emenda da solicitude de inscrición.

3. A realización da proba terá lugar o día 9 de setembro de 2021 e realizarase nos lugares e no horario que se darán a coñecer mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, e no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade (https://www.edu.xunta.gal). A Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional poderá modificar a data de celebración da proba por causas debidamente xustificadas.

4. As persoas candidatas deberán realizar a proba, con carácter xeral, na provincia a que pertenza o centro educativo en que se atope o seu expediente académico. A Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional poderá autorizar cambios de sede por causas debidamente xustificadas.

5. Para a realización da proba as persoas candidatas acreditarán a súa identidade co DNI, pasaporte ou calquera outro documento recoñecido en dereito.

6. As persoas aspirantes con necesidades educativas especiais deberán facer constar dita circunstancia na solicitude para que se poidan valorar as medidas de adaptación que se consideren necesarias e deberán achegar a documentación que acredite tal condición.

Artigo 12. Estrutura da proba

1. A proba estruturarase en dúas partes:

a) A primeira parte constará de diversas cuestións referidas ás seguintes materias de cuarto curso: Lingua galega e literatura, Lingua castelá e literatura, e Primeira lingua estranxeira, agás no caso de alumnado con exención en Lingua galega e literatura, que quedará exento da realización da correspondente parte da proba, sempre e cando a dita exención se acredite documentalmente.

b) Na segunda parte o alumnado dará resposta a diversas cuestións teóricas e/ou prácticas, de tres materias do currículo de cuarto curso:

– Xeografía e historia.

– Unha materia xeral do bloque de materias troncais cursada polo alumnado: Matemáticas orientadas ás ensinanzas académicas ou Matemáticas orientadas ás ensinanzas aplicadas.

– Unha materia para escoller de entre as materias de opción do bloque de materias troncais cursada polo alumnado: Bioloxía e xeoloxía, Economía, Física e química, Latín, Ciencias aplicadas á actividade profesional, Iniciación á actividade emprendedora e empresarial ou Tecnoloxía.

2. Cada parte da proba desenvolverase nun tempo máximo de dúas horas.

3. Os exercicios da proba cualificaranse entre 0 e 10 puntos cun decimal.

4. Para poder aspirar ao premio, deberanse obter, como mínimo, cinco puntos en cada unha das materias.

5. A puntuación de cada parte da proba obterase mediante a suma das puntuacións das materias que a compoñen. No caso de alumnado con exención en Lingua galega e literatura só computarán na primeira parte da proba as puntuacións de Lingua castelá e literatura e Primeira lingua estranxeira.

6. A puntuación final será a suma das puntuacións obtidas en cada parte da proba ao abeiro do establecido no número 1 deste artigo.

7. O número de premios propostos non pode ser superior ao que resulte da aplicación do artigo 2 desta orde, polo que no caso de empate entre persoas candidatas se dará preferencia á mellor nota media a que se refire o artigo 3.3 desta orde; despois, á puntuación da primeira parte da proba e, finalmente, á puntuación da segunda parte desta. De persistir o empate, o tribunal realizará un sorteo.

Artigo 13. Tribunal

1. Para elaborar, supervisar e avaliar a proba a persoa titular da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional designará un tribunal composto por un presidente ou unha presidenta, e ata un máximo de seis vogais, coa categoría de subdirector/a xeral, xefe/a de servizo ou inspectores e inspectoras de educación.

O presidente ou a presidenta deberá ser un subdirector xeral ou unha subdirectora xeral, ou un inspector ou unha inspectora de educación.

Actuará como secretario/a, con voz e sen voto, un/unha funcionario/a da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

2. O tribunal responsabilizarase da elaboración e do desenvolvemento da proba, da corrección e cualificación dos exercicios, da elaboración das actas e da proposta de concesión dos premios, así como da resolución das reclamacións que se produzan contra as cualificacións.

3. Para os efectos de colaboración co tribunal na aplicación e na corrección dos exercicios da proba, poderanse constituír comisións técnicas integradas por funcionarios e funcionarias dos corpos de inspectores/as de educación, de catedráticos/as de ensino secundario e/ou de profesores/as de ensino secundario, especialistas nas distintas materias que compoñen a proba.

Artigo 14. Puntuacións provisionais

1. O tribunal fará públicas as puntuacións obtidas polas persoas candidatas nos lugares relacionados no artigo 18 desta orde.

2. O alumnado examinado, ou os seus pais/nais ou representantes legais, poderá presentar reclamación contra a puntuación obtida, no prazo de dez (10) días a partir do seguinte ao da súa publicación.

A reclamación presentarase preferiblemente por vía electrónica a través do anexo II dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, a reclamación poderase presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Ademais, poderase adiantar o envío por correo electrónico ao enderezo premios@edu.xunta.gal

3. Os exercicios da proba sobre os cales se solicitase esta reclamación serán revisados por un profesor ou profesora especialista distinto ao que realizou a primeira corrección.

4. A puntuación final resultará da media aritmética das puntuacións obtidas nas dúas correccións. No suposto de que exista unha diferenza de 2 ou máis puntos entre elas, o tribunal efectuará, de oficio, unha terceira corrección e a puntuación final será a media aritmética das tres.

Artigo 15. Resolución

1. Unha vez resoltas as reclamacións, o tribunal elaborará a acta coa proposta de adxudicación dos premios extraordinarios. Os resultados coas puntuacións definitivas das persoas aspirantes publicaranse nos lugares relacionados no artigo 18 desta orde. A acta orixinal quedará arquivada na Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

As reclamacións entenderanse resoltas e notificadas coa publicación das puntuacións definitivas.

2. A persoa titular da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional elevará a proposta feita polo tribunal á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, quen emitirá a correspondente orde de adxudicación para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. O prazo máximo para resolver este procedemento será de cinco (5) meses desde o día seguinte ao da finalización do prazo de inscrición. Transcorrido o dito prazo sen que se notificase a correspondente resolución, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. A persoa titular da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional seleccionará, dentro dos límites e requisitos establecidos na Orde ECD/1611/2015, do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, do 29 de xullo, pola que se crean e regulan os premios nacionais ao rendemento académico do alumnado de educación secundaria obrigatoria e de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de música, danza e artes plásticas e deseño, o alumnado que poderá optar aos premios nacionais de educación secundaria obrigatoria e comunicarállelo ás persoas interesadas.

A relación de alumnado premiado e seleccionado para participar nos premios nacionais ao rendemento académico do alumnado de educación secundaria obrigatoria e de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de música, danza e artes plásticas e deseño comunicarase á Dirección Xeral de Planificación e Xestión Educativa do Ministerio de Educación e Formación Profesional.

Artigo 16. Recurso

A devandita orde de adxudicación dos premios poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, por delegación de competencia establecida na Orde do 9 de febreiro de 2021 (DOG núm. 31, do 16 de febreiro), no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

1. O alumnado que obteña premio extraordinario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 3 de xuño, de subvencións de Galicia. O importe do premio estará suxeito ás retencións que legalmente correspondan.

2. A persoa gañadora debe facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar sobre a veracidade dos datos relativos á dita conta, en que se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do premio, segundo o modelo de anexo III.

Este anexo, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), presentarase preferiblemente por vía electrónica, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada.

Opcionalmente, poderase presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. A persoa beneficiaria destas axudas ten a obriga de reintegrar, total ou parcialmente, a subvención ou a axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indican os artigos 14.1.j) e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Publicación e información

A relación de alumnado admitido e excluído e as puntuacións obtidas polas persoas candidatas publicaranse no portal educativo https://www.edu.xunta.gal e na páxina de inicio da aplicación https://www.edu.xunta.gal/premiosedu; de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Poderase solicitar información no enderezo de correo electrónico premios@edu.xunta.gal

Artigo 19. Modificación da orde de adxudicación

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión do premio, conforme o artigo 17.4 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional primeira. Efectos económicos do tribunal e das comisións técnicas de realización da proba

Para os efectos previstos no artigo 26 do Decreto 144/2001, o tribunal e as comisións técnicas ateranse á categoría correspondente que determine a Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda e Administración Pública.

Disposición adicional segunda. Publicación na Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional para adoptar os actos e medidas necesarios para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade
P.D. (Orde do 9.2.2021; DOG núm. 31, do 16 de febreiro)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Universidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file