Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Mércores, 9 de xuño de 2021 Páx. 28513

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 24 de maio de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento PR811A).

As políticas de acción humanitaria oriéntanse á protección da vida e da dignidade humana, ademais de aliviar, diminuír e previr o sufrimento humano en situacións de crise, nas cales existe unha especial e estendida ameaza á vida, á saúde ou á supervivencia básica, que supera a capacidade de resposta das persoas e das comunidades.

Á acción humanitaria propia dos distintos gobernos nacionais únese tamén a vontade de actuación que xorde de forma descentralizada nas comunidades autónomas e noutras administracións territoriais, así como en institucións ou axentes sociais que senten coma un deber ético común o compromiso de traballar neste ámbito asumindo os principios de humanidade, imparcialidade, independencia e neutralidade, baixo o enfoque de vulnerabilidade.

Enténdese por proxectos de acción humanitaria, consonte a iniciativa da Boa Doazón Humanitaria (GHD, nas súas siglas en inglés), aqueles destinados a salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana durante e despois das crises –provocadas por seres humanos ou por desastres naturais–, así como os destinados á prevención e reforzo da capacidade de resposta e a resiliencia para cando se produzan estas situacións.

No contexto actual, debemos prestar especial atención á crise sanitaria provocada pola COVID-19, que o pasado 11 de marzo de 2020 foi declarado pola Organización Mundial da Saúde como unha pandemia e que agravou a situación dos Estados máis fráxiles, os cales sofren un maior debilitamento ao aumentar as tensións dos seus sistemas de saúde e protección social, xeralmente mal dotados, sobresaturados e, nestes momentos, superados pola COVID-19.

A presente convocatoria ten a ambición de contribuír a aliviar as consecuencias da pandemia nos países que teñen sistemas de saúde fráxiles e escasamente dotados para afrontar a difícil continxencia e naqueles en que o seu contexto social e/ou económico está véndose moi afectado, promovendo proxectos de acción humanitaria que contribúan a fortalecer os sistemas e servizos de saúde, promovan o exercicio dos dereitos sociais básicos e mitiguen o impacto socioeconómico desta crise, sen descoidar aqueles outros proxectos destinados a compensar crises doutra índole ás cales, tradicionalmente, se dirixe a presente convocatoria e que permanecen coexistindo.

Coa aprobación da nova Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, a Comunidade Autónoma reafirma este compromiso e asume como propia a responsabilidade de prestar axuda humanitaria en terceiros países. A axuda humanitaria e de emerxencia en caso de catástrofe natural, ou causada pola acción humana, foi recollida como obxectivo prioritario da cooperación exterior nesta lei e nos distintos plans directores da cooperación galega para o desenvolvemento que identifican a acción humanitaria como un dos seus ámbitos estratéxicos prioritarios.

A presente convocatoria está en liña coa Estratexia de resposta á COVID-19 da cooperación galega elaborada pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo complementaria do IV Plan director da cooperación galega (2018-2021), consensuada cos axentes de cooperación colaboradores e aprobada no Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento, a cal naceu coa vontade de adaptar o plan director vixente ao novo contexto de emerxencia, de tal xeito que os seus recursos e instrumentos respondan con eficacia ás novas demandas e necesidades das comunidades sociais e dos axentes de cooperación.

No artigo 40 do Decreto 214/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, establécese que lle corresponden á Subdirección Xeral de Cooperación Exterior as funcións relativas ás competencias de impulso da acción de cooperación ao desenvolvemento e, en concreto, en acción humanitaria.

Por todo o exposto, unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación, no uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Aprobar as bases reguladoras que figuran como anexo I desta orde para a concesión de subvencións a proxectos de acción humanitaria no exterior.

2. Convocar as subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2021 de acordo coas bases reguladoras aprobadas nesta orde, que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 05.26.331A.490.0 pola contía total de 400.000 €.

3. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia, e tras declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver. A alteración da distribución establecida nesta convocatoria non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

4. Contra estas bases reguladoras e a convocatoria cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira

Apróbase a delegación de atribucións do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo no director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, de acordo co establecido no artigo 4.5 da Orde do 29 de decembro de 2017 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos desta consellería.

Autorízase o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición adicional segunda

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2021

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo

ANEXO I

Bases reguladoras da concesión de subvencións para a execución
de proxectos de acción humanitaria no exterior

Artigo 1. Obxecto

1.1. O obxecto destas bases é a regulación da concesión de subvencións ás organizacións non gobernamentais para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior (código de procedemento administrativo PR811A).

1.2. Entenderase por proxectos de acción humanitaria aqueles destinados a salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana durante e despois de crises –provocadas por seres humanos ou por desastres naturais–, así como os destinados á prevención e reforzo da capacidade de resposta e a resiliencia para cando se produzan estas situacións.

A acción humanitaria inclúe a protección de vítimas, así como a provisión de auga, comida, saneamento, refuxio, atención sanitaria e outros tipos de asistencia, emprendidos a favor das persoas afectadas, para facilitar o retorno á vida normal e aos seus medios de vida e sustento; tamén incorpora a redución e prevención do risco de desastres.

Así mesmo, no actual contexto da pandemia provocada pola COVID-19, considerarase fundamental reforzar os sistemas de saúde a través da provisión de recursos materiais, infraestruturas adaptadas, protocolos de actuación e formación e apoio psicosocial para persoal de saúde, para rematar coa transmisión do virus e prever e tratar futuras crises sanitarias e pandemias; reforzar os sistemas de protección social, promover o exercicio dos dereitos sociais básicos e mitigar o impacto socioeconómico desta crise.

A acción humanitaria debe guiarse polos principios de humanidade, imparcialidade, neutralidade e independencia e executarse baixo o enfoque de vulnerabilidade.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

2.1. Poderán optar a esta subvención as organizacións non gobernamentais que estean inscritas na sección A: Organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento, do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, e que teñan entre os seus fins o desempeño de actuacións de acción humanitaria ou que demostren contrastada experiencia neste sector.

Artigo 3. Requisitos das entidades solicitantes e dos proxectos presentados

Non pasarán á fase de valoración as solicitudes presentadas que non cumpran os requisitos seguintes:

3.1. Requisitos das entidades solicitantes:

a) Estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento (sección A: Organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento) polo menos cun ano de antelación ao de publicación da convocatoria.

b) Ter correctamente xustificadas as axudas recibidas por parte da Xunta de Galicia a outros proxectos de acción humanitaria para a anualidade 2018 e anteriores antes da data de presentación da solicitude para esta convocatoria, agás no caso de ter concedida a oportuna ampliación do prazo de xustificación. Así mesmo, é necesario que se efectuase o correspondente ingreso, nos casos en que sobre os beneficiarios de axudas económicas se ditase resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro.

c) Non estar incursa en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3.2. Requisitos dos proxectos:

a) Ter unha duración máxima de 12 meses. Rematará a súa execución antes do 31 de decembro de 2021 e poderá estar iniciado desde o 1 de xaneiro de 2021.

b) Que se identifiquen contrapartes ou socios locais do país de execución que participen responsablemente na execución material do proxecto e na xestión dos recursos, constando expresamente o seu compromiso co proxecto. Poderá considerarse como socio local a propia ONGD en terreo, sempre e cando estea legalizada no país de actuación.

Non terán a consideración de contrapartes ou socios locais as delegacións de entidades españolas distintas da entidade solicitante, aínda que estean legalizadas no país de execución do proxecto.

c) Que o proxecto estea deseñado para responder a necesidades humanitarias priorizando a poboación de acordo coa súa vulnerabilidade, sen que se discrimine por razón de raza, sexo, relixión, cultura, idade, grado de discapacidade ou orixe.

d) O orzamento dos proxectos deberá cumprir co que establece o artigo 8 «gastos do proxecto» desta convocatoria.

e) O emprego dos documentos de formulación normalizados (tanto técnicos como económicos) adaptados á presente convocatoria.

Artigo 4. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

As solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5. Documentación complementaria

5.1. Xunto coa solicitude (anexo II), deberá presentarse a seguinte documentación, que se presentará no modelo oficial do documento de formulación de presentación do proxecto (o de formulación técnica e do orzamento do proxecto) e que poderá descargarse da páxina web da Cooperación Galega www.cooperaciongalega.org. A documentación das carpetas 1, 2 e 3, presentaranse obrigatoriamente en soporte electrónico e a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. As ONGD solicitantes poderán presentar un máximo dun proxecto.

Carpeta 1: Información relativa á entidade solicitante.

a) Copia das contas anuais da entidade (ingresos de carácter público e privado e gastos) da última liquidación do orzamento rendida e aprobada polo órgano competente da entidade.

b) Memoria da organización solicitante na cal se inclúan as accións da entidade nos últimos dous anos. Farase especial mención dos proxectos de acción humanitaria levados a cabo nos anos anteriores financiados por entidades galegas, nacionais ou internacionais, públicas ou privadas, daquelas actuacións levadas a cabo na mesma zona do proxecto que se presenta e coas mesmas persoas beneficiarias e socio local, ou daquelas realizadas noutras zonas pero no mesmo sector de actuación.

c) Plan/estratexia da entidade solicitante para os seguintes anos en que se enmarca o proxecto presentado.

Carpeta 2: Información relativa á contraparte ou socio local (no caso de ser varias entidades, deberase achegar de cada unha delas).

a) Documentación acreditativa da representación legal da entidade: copia do documento en que se recolla o nomeamento da persoa que posúa a representación legal e do seu documento ou cédula de identidade.

b) Declaración da persoa que posúa a representación legal do socio local, na cal se especifique a personalidade xurídica da entidade socia ou contraparte local, o seu domicilio social, a cuantificación do número de socios/as da entidade se procede, o seu organigrama e a descrición da vinculación existente entre a entidade e o persoal ao seu servizo.

c) Copia dos estatutos da entidade, copia do documento de inscrición no rexistro correspondente da entidade socia ou contraparte local e copia do número de identificación fiscal da entidade ou documentos similares no país de orixe.

d) Carta de compromiso de participación no proxecto por parte da contraparte ou socio local, asinada pola persoa que posúa a representación legal da entidade.

e) Copia das contas anuais da entidade (ingresos de carácter público e privado e gastos) da última liquidación do orzamento rendida e aprobada polo órgano competente da entidade.

f) Memoria da organización na cal se inclúan as accións da entidade nos últimos dous anos. Recoméndase achegar unha listaxe dos proxectos de cooperación para o desenvolvemento levados a cabo en anos anteriores, financiados por entidades públicas ou privadas, daquelas actuacións levadas a cabo na mesma zona e sector do proxecto que se presenta, coas mesmas persoas destinatarias, e co mesmo socio.

g) Planificación/estratexia da entidade para os seguintes anos (dous como mínimo) en que se enmarca o proxecto presentado.

h) No caso de que a contraparte ou socio local sexa unha administración ou outra entidade pública deberá presentar:

– Carta de compromiso de participación no proxecto.

– Copia do documento ou cédula de identidade da persoa que posúa a representación legal da entidade.

– Copia do documento en que se recolla o nomeamento do representante legal ou certificación expedida polo órgano competente.

– Memorias, informes, plans, estratexia e/ou relación de proxectos ou actividades de cooperación para o desenvolvemento e outros traballos relacionados co proxecto presentado.

Carpeta 3: Información relativa ao proxecto.

A información sobre o proxecto presentarase nos seguintes documentos normalizados que poderán descargarse da páxina web da Cooperación Galega https://cooperacion.xunta.gal/:

– Formulario de presentación do proxecto no documento normalizado.

– Orzamento do proxecto no documento normalizado.

Calquera problema, dúbida ou aclaración poderá formularse directamente ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou a través do enderezo electrónico cooperacion.exterior@xunta.gal

5.2. A falta de documentación e/ou información nalgunha das carpetas 1, 2 e 3 impedirán a avaliación do proxecto se non se emenda dentro do prazo establecido no artigo 10 da presente orde. Quedarán excluídos de emenda aqueles documentos que, non estando incorporados coa solicitude inicial, impliquen unha elaboración propia por parte da entidade solicitante ou da contraparte ou socio local, isto é, calquera dos sinalados nas carpetas 1 e 3 e aqueles previstos nas alíneas e), f), g) e h) no relativo ás memorias, informes, plans ou estratexias da carpeta 2.

5.3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.

5.4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5.5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número do expediente se se dispón del.

5.6. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento poderán consultarse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– NIF da entidade solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– Certificado da Axencia Estatal da Administración Tributaria de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias para a solicitude de axudas e subvencións.

– Certificado da Tesouraría Xeral da Seguridade Social de estar ao día nos pagamentos.

– Certificación da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia de non ter débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

– Vixencia dos datos depositados no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

– Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

– Concesión de subvencións e axudas.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Non obstante o anterior e, en aplicación do establecido no artigo 31.7.i) da Lei 9/2007, do 30 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de desenvolvemento da anterior, bastará coa declaración responsable da persoa solicitante de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento, e no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, para acreditar estar ao día nas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e non ser debedor por resolución de procedencia de reintegro, declaración que se considerará suficiente para os efectos de concesión e pagamento da subvención, se é o caso.

Artigo 7. Condicións de financiamento

7.1. A Xunta de Galicia poderá financiar ata un 95 % do orzamento total do proxecto, aínda que a subvención concedida non superará en ningún caso os 70.000 euros.

7.2. Os xuros que, se é o caso, xeren os fondos transferidos pola Xunta de Galicia, reinvestiranse en custos directos, de xeito que non poderán ser imputados a custos indirectos.

7.3. A contía mínima que a entidade solicitante deberá achegar a través de fondos propios ou doutros nunca poderá comprender financiamento solicitado ou concedido pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, a través de calquera dos medios previstos no IV Plan director da cooperación galega.

Aceptarase o financiamento solicitado ou concedido por outros organismos financiadores que sexan distintos da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, sempre que en ningún caso a totalidade do proxecto quede financiado con fondos da Xunta de Galicia.

As achegas do resto de financiadores non poderán ser na súa totalidade valorizados.

Artigo 8. Gastos do proxecto

8.1. Gastos subvencionables: todos os gastos do proxecto deberán cumprir as condicións establecidas no presente artigo, con independencia de quen os financie, e consideraranse considerarán subvencionables tanto os custos directos coma os indirectos.

En aplicación do disposto no artigo 94.4 da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, os gastos inventariables, de equipamentos, construción e reformas poderán imputarse á subvención solicitada, sempre que non supoña a obtención de beneficios materiais polo beneficiario da subvención ou a adquisición de investimentos da súa titularidade, senón que se destinen aos beneficiarios finais dos proxectos. Estes gastos, en aplicación do dito artigo, serán considerados, en termos orzamentarios, como gasto corrente e financiaranse con transferencias correntes.

Para os efectos sinalados, e no suposto de adquisición, construción, rehabilitación e mellora de bens inventariables, deberán quedar formalmente vinculados, durante dez anos, os bens inscritibles nun rexistro público e durante cinco anos o resto de bens, aos fins das actuacións realizadas. Unha vez que rematen estas, deberán ser transferidos a unha Administración pública do país beneficiario ou a unha contraparte ou socio local que se faga responsable da súa utilización para o fin creado e do seu correcto mantemento. Tal cesión deberá documentarse a través de escritura pública.

No suposto dos bens inscritibles nun rexistro público, deberase facer constar na escritura pública a circunstancia da afectación e o período polo que se afectan os bens; estes datos deberán ser obxecto de inscrición no rexistro público correspondente. A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea deberá autorizar previamente tal cesión.

O incumprimento da devandita obriga de destino, que se producirá en todo caso co alleamento ou co gravame do ben, será causa de reintegro, nos termos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 74 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da devandita Lei 9/2007, quedando o ben afecto ao pagamento do reintegro, calquera que sexa a persoa ou entidade posuidora, salvo que resulte ser unha terceira protexida pola fe pública rexistral, ou se xustifique a adquisición dos bens con boa fe e xusto título, ou en establecemento mercantil ou industrial, no caso de bens mobles non inscritibles.

8.2. Entenderanse por custos directos aqueles que son imprescindibles para a posta en marcha do proxecto, vinculados á execución da intervención e que financian a consecución dos obxectivos.

a) Aluguer de inmobles, tales como salas, estancias ou bodegas, para o desenvolvemento de capacitacións e outras actividades imprescindibles para a adecuada execución do proxecto. Non se imputarán nesta partida os gastos de aluguer da vivenda do persoal expatriado nin dos locais ou sedes da entidade solicitante ou socio local. O aluguer dos locais da entidade solicitante en terreo ou do socio local imputarase na partida de funcionamento.

b) Construción e/ou reforma de inmobles e infraestruturas: inclúe elaboración do proxecto, planos e estudos técnicos, man de obra, dirección de obra, licenza de obras e taxas; materiais de construción e transporte destes; obras de acceso e instalacións de auga, eléctricas e de saneamento; construción de pozos e sistemas de regadíos; obras de contención e mitigación de riscos, etc. No caso de que a man de obra ligada a estas tarefas sexa achegada polo socio local ou a poboación beneficiaria, só se aceptará a súa valoración de estar acreditada de xeito suficiente a prezos de mercado local. Nos gastos imputados á construción de inmobles deberá especificarse o réxime de propiedade e a titularidade.

Non se imputarán gastos por reformas ou reparacións na vivenda do persoal expatriado nin en locais ou sedes da entidade beneficiaria ou socio local.

c) Equipos e materiais.

Considerarase equipamento e materiais inventariables a adquisición de elementos de inmobilizado, distintos a terreos e edificios, afectos á actividade subvencionada, como maquinaria, mobiliario, e equipamento médico, educativo etc. Nese concepto inclúense os gastos derivados do envío, traslado, posta en funcionamento dos equipos e taxas aduaneiras ou portuarias, etc.

Materiais consumibles: considéranse aqueles que se consomen ou usan en prazos inferiores a un ano, tales como: material de primeira necesidade para a saúde, especialmente no actual contexto para a prevención de contaxios COVID-19, tales como máscaras, xeles hixiénicos, biombos separadores de espazos, tests de diagnóstico, entre outros, para a hixiene, o acubillo, utensilios de cociña, materiais médico sanitarios, material de escritorio, material informático, material de formación, reprografías e imprenta, reparacións e mantemento de maquinaria, así como os gastos de transporte seguro, envío, desalfandegamento e almacenaxe segura deles.

Inclúense nesta partida o aluguer de maquinaria, equipos e ferramentas necesarias para a execución da intervención, así como modalidades innovadoras como as transferencias de efectivo e os cupóns (cash transfer e vouchers na terminoloxía comunmente utilizada).

d) Adquisición de medios de transporte de dúas rodas e de vehículos especializados e vinculados coa actividade subvencionada (como ambulancias, cisternas de auga, etc.).

e) Persoal. Para os efectos desta norma entenderase:

Persoal expatriado: aquel persoal da entidade española sometido á lexislación española que presta os seus servizos no país, ou rexión onde se executa a intervención obxecto da subvención e cuxas funcións e tarefas están directamente relacionadas con aquela.

Persoal local: aquel persoal sometido á lexislación laboral do país onde se executa a intervención obxecto de subvención e no que presta os seus servizos, de acordo co réxime laboral correspondente ás súas funcións e desempeño, estando as súas funcións e tarefas directamente relacionadas coa intervención.

Incluirase neste punto a fórmula de «diñeiro por traballo» (cash for work en inglés) no caso de que o proxecto a inclúa como modalidade de traballo.

Persoal en sede: aquel da entidade en Galicia sometido á lexislación española, que presta os seus servizos en Galicia, con independencia de que por razón das súas funcións teña que desprazarse aos países de execución ocasional ou regularmente, e cuxas funcións e tarefas están imputadas á posta en execución e seguimento da intervención obxecto da subvención.

En todos os casos a imputación poderá ser total ou parcial en función da dedicación.

A entidade solicitante deberá recorrer na medida do posible aos recursos humanos locais.

Os gastos de persoal subvencionables poderán incluír salarios, liquidacións proporcionais ao período imputado ao proxecto, seguros sociais a cargo da entidade do persoal afecto á intervención, así como calquera outro seguro que se subscriba a nome do persoal ou da súa familia en primeiro grao. No caso de imputar como gasto as pagas extras e liquidacións, estas deberán computarse en proporción aos meses que o persoal está imputado ao proxecto. Ademais do anterior, consideraranse subvencionables aqueles gastos de seguros sociais de traballadores en expediente de regulación temporal de emprego derivados da pandemia da COVID-19, sempre que estes non estean cubertos por outros financiadores. Neste caso, a entidade beneficiaria da subvención deberá xustificar que estes traballadores están imputados ao proxecto subvencionado a través dun certificado asinado electronicamente.

O importe máximo aplicable por este concepto non poderá superar o 70 % do orzamento total do proxecto, incluído o persoal imputado na partida de custos indirectos, se é o caso. Este límite non será aplicable cando o período de execución do proxecto sexa ampliado en máis de dous meses.

f) Servizos técnicos e profesionais requiridos para a realización de análise de necesidades e vulnerabilidades, diagnósticos, capacitacións, seminarios, informes, sistematizacións… recollidos na formulación da intervención.

g) Viaxes, estadías e axudas de custo. Inclúense os gastos vinculados á mobilidade, hospedaxe e manutención do persoal e beneficiarios/as, necesarios para a execución da intervención (incluíndo gastos de viaxes derivados de expatriacións por positivos COVID, probas diagnósticas vinculadas ao traslado, combustible, seguros, aluguer e mantemento e reparacións de vehículos). Incorporaranse nesta partida os gastos necesarios para garantir a seguridade no traslado de persoas.

h) Funcionamento en terreo. Gastos correntes de funcionamento acaecidos no país de execución e ligados á execución do proxecto. Inclúese o aluguer de oficinas, electricidade, auga, comunicacións, papelaría ou outros gastos de oficina, limpeza, mantemento e seguridade (incluídos gastos de persoal vinculados a estas actividades), ata un máximo do 5 % do orzamento do proxecto.

i) Avaliación externa non obrigatoria realizada por unha persoa ou entidade de recoñecida experiencia, en Galicia ou no país de execución do proxecto, para o cal se acreditará a súa solvencia e experiencia na realización destas avaliacións, xuntando a documentación que a xustifique. Consonte o que establece o artigo 22.1 do Decreto 29/2017, do 9 de marzo, de cooperación para o desenvolvemento, a avaliación externa poderá realizarse tras a expiración do prazo de execución do proxecto, nun prazo máximo de tres meses, con independencia de que se supere o termo do correspondente exercicio orzamentario. A contía máxima que se pode imputar a este concepto non superará os 5.000 euros.

j) Auditoría contable. O importe máximo imputado a este concepto non excederá os 2.500 euros. A auditoría será obrigatoria para proxectos cunha subvención superior a 50.000 € e opcional no caso de subvencións iguais ou menores a 50.000 €. Consonte o que establece o artigo 22.1 do Decreto 29/2017, do 9 de marzo, a auditoría contable poderá realizarse tras a expiración do prazo de execución do proxecto, nun prazo máximo de tres meses, con independencia de que se supere o termo do correspondente exercicio orzamentario.

k) Os gastos financeiros, os gastos de asesoría xurídica ou financeira e os gastos rexistrais e periciais para a realización do proxecto son subvencionables sempre que estean directamente relacionados coa actividade subvencionada e sexan indispensables para a axeitada preparación ou execución desta e sempre que non deriven de malas prácticas ou incumprimentos legais. Gastos bancarios producidos pola conta do proxecto e os gastos derivados das transferencias bancarias dos fondos ao país de execución do proxecto; os derivados do cotexo de documentos por parte de notarios, autoridades locais ou servizos consulares españois e os gastos de tradución de documentos cando se requiren na convocatoria.

8.3. Custos indirectos: son os gastos propios do funcionamento regular da entidade solicitante e da contraparte ou socio local, que resultan da formulación e execución do proxecto, así como da difusión e seguimento en Galicia. Non poderán superar o 5 % do orzamento total do proxecto. O persoal imputado nesta partida, computará para o cálculo do límite establecido para gastos de persoal do 70 % do orzamento total.

Estes gastos imputaranse á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda, de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente aceptadas e, en todo caso, na medida en que tales gastos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

O devandito gasto imputarase dentro do período de execución da intervención e será acreditado ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE pola entidade solicitante mediante unha certificación desagregada e detallada dos gastos incluídos e asinada pola persoa que posúa a representación legal. Esta desagregación non será obrigatoria naqueles proxectos que dispoñan de informe de auditoría e sempre que non incorporen gastos de persoal.

8.4. Como achegas pódense aceptar, en concepto de gastos susceptibles de axuda, valorizacións, sempre que estean suficientemente acreditadas e intrinsecamente vinculadas, de maneira exclusiva ou proporcional, á intervención que ten que desenvolverse.

As valorizacións acreditaranse cun certificado da contraparte ou socio local, da poboación beneficiaria final do proxecto ou da entidade que achegue os bens e servizos valorizados. Neste certificado, ou nun documento anexo, describirase e cuantificarase a achega, con indicación do número de unidades, horas de traballo, prezos unitarios (se corresponde) e a valoración total. As valorizacións axustaranse aos prezos de mercado local e, no caso de equipos e bens consumibles, deben ter en conta a antigüidade.

8.5. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 40.000 euros no suposto de custo por execución de obra, ou de 15.000 euros no suposto de subministración de bens de equipo ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación, ou, se é o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

8.6. En ningún caso serán gastos subvencionables:

• Os elementos de transporte externos, a excepción dos vehículos de dúas rodas e vehículos especializados como ambulancias, cisternas de auga, etc.

• Os gastos de aluguer ou adquisición da vivenda do persoal expatriado.

• Os xuros debedores das contas bancarias.

• Os xuros, recargas e sancións administrativas e penais.

• Os gastos de procedementos xudiciais.

• As amortizacións de bens inventariables.

• Os gastos en atencións protocolarias (xantares, festas, recepcións, agasallos, flores, entradas a espectáculos, etc.).

• Os billetes de avión en primeira ou en clase preferente.

• As indemnizacións por despedimento do persoal.

Artigo 9. Criterios de valoración

Os proxectos que cumpran os requisitos sinalados nestas bases reguladoras serán avaliados tendo en conta os seguintes criterios:

I. Aspectos relacionados coa entidade solicitante: ata 20 puntos.

1. Experiencia relevante en actuacións de acción humanitaria (no sector de actuación do proxecto e no país, zona, comunidade e poboación onde se vai executar). Máximo: 5 puntos.

2. Capacidade de execución do proxecto pola entidade (xestión de recursos humanos, técnicos e económicos para o desenvolvemento do proxecto). Máximo: 5 puntos.

3. Estratexia de acción humanitaria da entidade para os vindeiros anos e aliñamento da proposta presentada con ela. Máximo: 4 puntos.

4. Asunción dos estándares humanitarios recoñecidos internacionalmente e aplicación destes á intervención proposta. Máximo: 3 puntos.

5. Contribución da entidade solicitante ao fomento do sector galego de cooperación, con especial concreción na acción humanitaria (valorarase o traballo e presenza en Galicia, a participación en redes galegas, e o acomodo a liñas estratéxicas da Cooperación Galega). Máximo: 2 puntos.

6. Achega financeira da entidade ao proxecto, que deberá ser dun mínimo do 5 % do orzamento total do proxecto para ser puntuada, sen que se valoren as achegas en especie ou valorizados. Máximo: 1 punto.

II. Aspectos relacionados co socio local: ata 20 puntos.

1. Experiencia de traballo en proxectos de acción humanitaria, na zona ou comunidade e poboación coa que se vai executar o proxecto e no sector de actuación deste. Máximo: 5 puntos.

2. Capacidade de execución do proxecto. Garantía de implicación da entidade na comunidade e da propia comunidade no proxecto mediante a intervención da contraparte. Adecuación e coherencia no sector de traballo da entidade e o obxectivo do proxecto. Máximo: 5 puntos.

3. Asunción dos estándares humanitarios recoñecidos internacionalmente e aplicación destes á intervención proposta. Máximo: 5 puntos.

4. Participación no proxecto xunto a outras organizacións ou institucións, locais ou internacionais, particularmente do sistema de Nacións Unidas, de xeito coordinado baixo o enfoque clúster ou noutros espazos e coordinación recoñecidos no país no ámbito da acción humanitaria e a resposta ante emerxencias. Máximo: 4 puntos.

5. Achega financeira da entidade ao proxecto, que deberá ser dun mínimo do 5 % do orzamento total do proxecto para ser puntuada, sen que se valoren as achegas en especie ou valorizadas. Máximo: 1 punto.

III. Aspectos relacionados co contido do proxecto: ata 53 puntos.

1. Pertinencia do proxecto con especial concreción e adecuación aos intereses estratéxicos, prioridades e necesidades humanitarias da poboación destinataria derivadas do contexto social, económico, político e cultural na zona e país onde se vai desenvolver. Antecedentes e xustificación do proxecto. Máximo: 5 puntos.

2. Viabilidade. Posibilidade de levar a cabo a intervención, desde un punto de vista técnico e financeiro e en función das condicións do contexto (socioculturais, ambientais, xurídico legais, institucionais e políticas) e das capacidades dos actores involucrados. Valorarase a concreción das medidas adoptadas para adaptarse ás restricións de mobilidade e contacto social derivadas da COVID 19. Máximo: 5 puntos.

3. Poboación beneficiaria: descrición precisa das persoas e colectivos destinatarios, criterios de determinación e análise da súa vulnerabilidade, grao de participación nas distintas fases do proxecto, tendo en conta o actual contexto. Máximo: 5 puntos.

4. Coordinación e complementariedade de actores. Máximo: 5 puntos.

5. Aliñamento do proxecto coas políticas e programas do país e, se é o caso, coas políticas, programas e chamamentos dos organismos de Nacións Unidas, con especial observancia na actual pandemia provocada pola COVID-19. Máximo: 5 puntos.

6. Coherencia na lóxica interna da intervención en relación cos intereses e prioridades da poboación e o actual contexto COVID, orientación a resultados de desenvolvemento, así como a súa relación coas normas, mandatos e principios humanitarios. Máximo: 5 puntos.

7. Adecuación do orzamento, recursos dispoñibles e o cronograma de actividades cos resultados e obxectivos que se pretenden acadar e co actual contexto de intervención. Máximo: 4 puntos.

8. Resiliencia e conectividade: fortalecemento das capacidades locais, especialmente para facer fronte ao contexto de pandemia global, non xeración de dependencia e posibilidade de que os procesos e beneficios xerados poidan manterse tras a retirada do apoio financeiro externo. Identificación de estratexias de traspaso e saída. Máximo: 4 puntos.

9. Análise dos riscos do contexto que poden condicionar o desenvolvemento da intervención e afectar a poboación (seguridade, accesibilidade, violencia, riscos socioculturais, de saúde, ambientais, xurídico legais, institucionais e políticos); establecemento de actuacións adecuadas para palialos, con especial énfase nos derivados do actual contexto COVID e nos que afecten a mulleres, nenas e nenos. Máximo: 5 puntos.

10. Seguimento, avaliación e impacto esperado da intervención, así como a rendición de contas, a transparencia e a comunicación. Máximo: 5 puntos.

11. Incorporación dos enfoques transversais da Cooperación Galega, con especial consideración na equidade de xénero e o apoderamento das mulleres e da infancia, por mor da súa afectación a causa da pandemia. Máximo: 5 puntos.

IV. Aspectos relacionados coa planificación estratéxica da Cooperación Galega no marco da crise provocada pola pandemia da COVID-19, valorando especificamente o aliñamento do proxecto cos ámbitos estratéxicos e transversais seguintes: ata 7 puntos.

AE 1: Afrontar a emerxencia sanitaria apoiando os sistemas e servizos de saúde e os gobernos, comunidades e organizacións da sociedade civil para rematar coa transmisión do virus da COVID-19 e prever e tratar futuras crises sanitarias e pandemias. Máximo: 2 puntos.

AE 2: Promover o exercicio dos dereitos sociais básicos (saúde, educación, alimentación, hábitat, auga e saneamento básico) e a cohesión social e reforzar os sistemas públicos de protección social con iniciativas lideradas desde o nivel comunitario e local. Máximo: 2 puntos.

AE 3: Mitigar o impacto socioeconómico e salvagardar as persoas máis vulnerables e as comunidades locais garantindo os seus ingresos e os seus medios sustentables de vida. Máximo: 2 puntos.

Valorarase ademais que as actuacións impulsen a equidade de xénero e o apoderamento e o exercicio de dereitos das mulleres e da infancia, por mor da súa especial afectación a causa da pandemia. Máximo: 1 punto.

Artigo 10. Instrución

A instrución do procedemento corresponderá á Subdirección Xeral de Cooperación Exterior. Unha vez recibidas e examinadas as solicitudes, se estas non reúnen os requisitos sinalados ou carecen de documentación, requiriranse as entidades interesadas para que, nun prazo de dez días, corrixan a falta ou presenten os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixesen, desistirán da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos nos artigos 21, 22 e 23 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 11. Notificacións

11.1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

11.2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

11.3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), para todos os procedementos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

11.4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido; entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

11.5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Valoración das solicitudes

13.1. Para a súa valoración constituirase unha comisión avaliadora, que adaptará o seu funcionamento ao previsto nesta convocatoria e, supletoriamente, aos preceptos contidos no título preliminar, capítulo II, sección 3ª, artigos 15 e seguintes da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

A comisión estará integrada polos seguintes membros:

Presidente/a: a persoa titular da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior.

Secretario/a: un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

Vogais: dous/dúas funcionarios/as da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

A comisión, para unha mellor valoración dos proxectos e con anterioridade a ditarse a proposta de resolución, poderá recadar os informes técnicos que se consideren oportunos. Os devanditos informes, que en ningún caso serán vinculantes, de encargarse, terán que ser realizados por persoas expertas independentes non vinculadas a ningún dos axentes de cooperación.

13.2. Para superar a fase de valoración dos proxectos de cooperación no exterior será necesario acadar unha puntuación mínima do 50 % nas epígrafes I, II e III.

No caso de empate na puntuación total obtida, este resolverase aplicando por orde os seguintes criterios:

a) A maior puntuación obtida na valoración do proxecto.

b) A maior puntuación obtida na valoración da entidade solicitante.

c) A maior puntuación obtida na valoración da contraparte ou socio local.

Unha vez superada a fase de avaliación, establecerase unha listaxe coas puntuacións obtidas en orde descendente para cada un dos proxectos presentados. Serán financiados por orde de puntuación todos aqueles que sexa posible.

13.3. No suposto de que non se esgotasen os recursos financeiros asignados a esta convocatoria, a Xunta de Galicia empregará os devanditos recursos para financiar outras actuacións de cooperación para o desenvolvemento a través dos outros medios previstos no Plan director da cooperación galega e de conformidade co establecido na Lei de réxime orzamentario de Galicia e as leis anuais de orzamentos.

Artigo 14. Prazo de resolución

O prazo de resolución e notificación será de catro meses como máximo, contados desde o día seguinte ao de finalización do prazo de presentación de solicitudes. De non notificarse resolución expresa neste prazo, as solicitudes teranse por desestimadas.

Artigo 15. Resolución

Á vista da proposta de resolución do instrutor debidamente motivada, o órgano competente por delegación do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo resolverá o procedemento.

Artigo 16. Compatibilidade de subvencións

As axudas aquí reguladas serán compatibles con calquera outra procedente doutras administracións públicas, organizacións internacionais, entidades privadas non lucrativas ou doazóns de particulares, sempre e cando a suma de todas as obtidas non supere o custo do proxecto subvencionado.

A entidade beneficiaria obrígase a comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 17. Aceptación da subvención e compromiso de financiamento

Unha vez notificada a concesión da axuda, a entidade beneficiaria presentará, nun prazo máximo de dez días, e por vía electrónica, declaración da aceptación desta na cal conste o seu compromiso de achegar directamente ou cubrir con outras achegas a diferenza entre o custo total do proxecto e a contía da subvención finalmente concedida. Transcorrido o devandito prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, de acordo co establecido no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Igualmente deberán confirmar, se é o caso, que as subvencións solicitadas a outras institucións xa foron concedidas, ou ben que se compromete a financiar as cantidades adicionais que correspondan.

Así mesmo, a entidade beneficiaria poderá, dentro do mesmo prazo, renunciar á axuda ou presentar unha readaptación á subvención concedida sempre que tecnicamente sexa posible e non altere a finalidade, obxecto e condicións da subvención concedida. Esta solicitude de readaptación será sometida a unha nova análise para os efectos de comprobar que non afecte a orde de prelación dos proxectos subvencionados. Tras as comprobacións pertinentes ditarase, de novo, unha resolución polo mesmo órgano que ditou a resolución inicial, que lle será notificada á entidade no prazo dun mes.

De producírense renuncias ás subvencións ou revogacións das axudas, os seus importes poderán destinarse a incrementar a axuda inicialmente concedida a outros proxectos ou ben a subvencionar os que, reunindo os requisitos destas bases reguladoras e inicialmente non subvencionados, quedasen sen financiamento ou esta non acadase a totalidade da subvención solicitada.

Artigo 18. Anticipos

18.1. Con base na disposición adicional segunda da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e artigo 94.3 da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, realizaranse pagamentos anticipados do 100 % sen necesidade de exixir garantía.

18.2. Para o pagamento do anticipo da subvención, as entidades beneficiarias deberán presentar o anexo III de solicitude deste, asinado dixitalmente polo/a representante legal da entidade.

Artigo 19. Prazo e forma de xustificación das subvencións outorgadas

19.1. De acordo co que establece o artigo 94.3 da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, e a disposición adicional segunda da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co fin de lograr unha maior eficacia e eficiencia dos fondos públicos e considerando a natureza dos proxectos e as características dos destinatarios, a xustificación destas subvencións rexerase polo previsto nos puntos seguintes. A xustificación dos proxectos realizarase sobre o seu custo total, incluíndo, se é o caso, as cantidades xeradas polo cambio no mercado monetario e os xuros bancarios.

19.2. As subvencións concedidas deberán ser xustificadas, coa documentación que se sinala no punto cuarto deste artigo, no prazo máximo de tres meses desde a finalización do prazo para a realización das actividades do proxecto subvencionado, conforme o establecido no artigo 94.3.d) da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, e 28.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e con data límite do 31 de marzo de 2022.

19.3. Para a presentación do informe final, deberá utilizarse o modelo facilitado pola Dirección Xeral de Relación Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia que se poderá descargar da páxina web https://cooperacion.xunta.gal/

19.4. Para a xustificación final do proxecto e co fin de acreditar a realización total das actividades, así como a finalidade para a cal se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria deberá presentar a xustificación no modelo que figura no anexo IV asinado dixitalmente e que constará de dúas partes:

a) Xustificación técnica. Indicará co máximo detalle os obxectivos conseguidos, os resultados obtidos, as actividades realizadas, a conectividade, transferencia e xestión das intervencións tras a súa finalización, así como a análise da súa viabilidade futura.

b) Xustificación económica. Comprenderá toda a documentación que acredite a totalidade dos gastos efectuados para a execución do proxecto subvencionado e realizarase mediante a forma de conta xustificativa, que incluirá a declaración das actividades realizadas e o seu custo, coa desagregación de cada un dos gastos realizados.

19.4.1. Xustificación técnica, que incluirá:

– Certificación asinada dixitalmente da persoa que posúa a representación legal da entidade beneficiaria acreditativa da total realización do proxecto e da aplicación dos fondos ao fin destinado.

– Informe final de execución sobre os obxectivos, actividades e resultados acadados polo proxecto. Deberá estar asinada dixitalmente pola persoa responsable da xestión técnica-económica do proxecto en Galicia.

– Informe de avaliación externa, se estaba prevista a súa realización.

19.4.2. Xustificación económica (exceptuados os proxectos executados polas axencias ou organismos internacionais das Nacións Unidas), que comprenderá toda a documentación que acredite os gastos efectuados con cargo á subvención concedida. A conta xustificativa poderá ser:

No caso de subvencións por importe igual ou inferior a 50.000 euros, presentarase unha conta xustificativa con achega de xustificantes de gastos, que incluirá a documentación que se sinala a continuación. Opcionalmente poderá achegarse unha conta xustificativa con entrega de informe de auditor/a, que se rexerá polo establecido nos puntos seguintes para as subvencións superiores a 50.000 €:

a) Certificación dos gastos polo importe total do proxecto, distribuída por partidas orzamentarias e na cal se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinada dixitalmente pola persoa que posúa a representación legal da entidade beneficiaria.

b) Certificado desagregado e detallado de custos indirectos, asinado dixitalmente pola persoa que posúa a representación legal da entidade beneficiaria.

c) Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data e do número da factura ou do documento xustificativo do gasto, identificación do seu emisor, data e forma de pagamento e descrición do gasto co seu importe en moeda local e o seu equivalente en euros.

d) Facturas ou documentos xustificativos dos gastos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior e a documentación acreditativa do pagamento.

No caso de subvencións por importe superior a 50.000 euros, achegarase obrigatoriamente unha conta xustificativa con entrega de informe de auditor/a, que incluirá:

a) Certificación dos gastos polo importe total do proxecto, distribuída por partidas orzamentarias e na cal se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinada dixitalmente pola persoa que posúa a representación legal da entidade beneficiaria.

b) Certificado de custos indirectos, asinado dixitalmente pola persoa que posúa a representación legal da entidade beneficiaria, que deberá ser desagregado e detallado no caso de incorporar gastos de persoal.

c) Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data e do número da factura ou do documento xustificativo do gasto, identificación do seu emisor, data e forma de pagamento e descrición do gasto, co seu importe en moeda local e o seu equivalente en euros.

d) Informe do/da auditor/a de contas, que deberá estar inscrito/a como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas (ROAC), no caso de ser realizada por persoal sometido á lexislación española, asinado dixitalmente.

No caso de que o informe sobre a conta xustificativa por parte dun/dunha auditor/a de contas se produza no estranxeiro, poderá ser realizada por auditores/as exercentes no país onde se levará a cabo, sempre que no dito país exista un réxime de habilitación para o exercicio da actividade de auditoría de contas. De non existir un sistema de habilitación para o exercicio da actividade de auditoría de contas no dito país, o informe previsto neste artigo poderá ser realizado por un/unha auditor/a establecido/a nel, sempre que a súa designación siga uns criterios técnicos que garantan a adecuada calidade.

A revisión da conta xustificativa polo/a auditor/a de contas realizarase de conformidade coas normas de actuación e supervisión que, se é o caso, propoña o órgano que teña atribuídas as competencias de control financeiro de subvencións en Galicia.

No caso de que a actividade subvencionada sexa executada en todo ou en parte por un socio local ou contraparte estranxeira, non será exixible que os documentos xustificativos do gasto da subvención sexan reflectidos nos rexistros contables do beneficiario. Nese caso, o alcance da revisión do/da auditor/a estenderase ás contas do socio local ou contraparte.

A auditoría realizarase de acordo co establecido na Orde EHA/1434/2007, do 17 de maio, pola que se aproba a norma de actuación dos auditores de contas na realización dos traballos de revisión de contas xustificativas de subvencións, no ámbito do sector público estatal, previstos no artigo 74 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, aprobado mediante Real decreto 887/2006, do 21 de xullo. A memoria económica deberá abranguen a totalidade dos gastos incorridos na realización das actividades subvencionadas.

A presentación da auditoría coma forma xustificativa do gasto non exime a entidade beneficiaria da subvención do mantemento do soporte documental de acordo cos prazos estipulados pola lei. A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou os organismos competentes da Administración da Comunidade Autónoma poderán solicitar a documentación soporte da auditoría, de acordo co establecido nesta orde.

Finalizada a revisión da conta xustificativa o/a auditor/a deberá emitir un informe no cal detallará os procedementos de revisión levados a cabo e o seu alcance, o sistema de mostraxe empregada, o número de elementos e importe da mostra analizados respecto do total e porcentaxe de deficiencias advertida respecto da mostra analizada e contía dos gastos afectados.

O informe deberá incluír a listaxe dos xustificantes de gastos da totalidade do proxecto, selada e asinada polo/a auditor/a.

O informe mencionará se o beneficiario facilitou canta información lle solicitou o/a auditor/a para realizar o traballo de revisión. No caso de que o beneficiario non facilitase a totalidade da información solicitada, mencionarase tal circunstancia con indicación da información omitida.

O informe referirase ao resultado das comprobacións realizadas, mencionando os feitos observados que puidesen supor un incumprimento por parte do beneficiario da normativa aplicable ou das condicións impostas para a percepción da subvención, debendo proporcionar a información co suficiente detalle e precisión para que o órgano xestor poida concluír respecto diso.

19.4.3. Ás axencias ou organismos internacionais das Nacións Unidas exixiránselles como xustificación económica os documentos acreditativos das transferencias realizadas, así como o control contable que lles é específico e sempre conforme o funcionamento establecido polos Estados parte para as distintas Nacións Unidas.

19.4.4. De acordo co previsto no artigo 94.3.e) da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, en casos excepcionais, de producirse situacións ou fenómenos imprevisibles, como desastres naturais, enfrontamentos armados, crises humanitarias, actuacións retardatarias das autoridades locais ou outras continxencias análogas, que afecten de maneira directa a execución da actividade subvencionada, e que dificulten ou mesmo imposibiliten dispoñer da adecuada documentación xustificativa do investimento ou do gasto, o órgano xestor poderá aceptar outras formas alternativas de xustificación, como informes de profesionais taxadores independentes e debidamente acreditados e inscritos no correspondente rexistro oficial, declaracións de testemuñas, avaliación por resultados realizada por un profesional verificador acreditado e independente, declaración responsable de provedores ou declaración responsable da entidade beneficiaria na cal se detalle o destino dos fondos públicos percibidos e a realización da acción concreta, así como a súa afectación ao bo fin perseguido, ou outras probas de igual valor e credibilidade, sen que sexa preciso achegar máis xustificantes. Así mesmo, se as ditas circunstancias excepcionais, que deberán estar debidamente acreditadas, dificultan ou imposibilitan a execución total do previsto, o reintegro ou a perda do dereito ao cobramento da axuda ou subvención non afectará as cantidades efectivamente investidas e xustificadas se se cumpriron parcialmente os obxectivos.

19.4.5. Cando no proxecto concorran diversas subvencións e axudas procedentes doutras administracións, a entidade beneficiaria ten que xustificar ante a Xunta de Galicia o importe do gasto subvencionado, ademais das achegas propias e de terceiros financiadores que non sexan administración pública.

Con respecto ao resto de achegas doutras administracións públicas, unicamente ten que acreditarse a aplicación dos fondos ás actividades previstas, para o cal é suficiente a acreditación mediante certificados que emitan o resto de administracións públicas que financiaron o proxecto ou actividade. As previsións que contén este punto non alteran as funcións que a lexislación vixente outorga á Intervención Xeral da Administración autonómica.

No caso de non xustificar a totalidade do proxecto, o importe da subvención concedida reducirase na mesma proporción en que se reduza a cantidade xustificada respecto do orzamento total presentado. O importe resultante poderá ser devolto á Administración de forma voluntaria consonte o establecido no artigo 22 destas bases.

19.4.6. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 40.000 euros no suposto de custo por execución de obra, ou de 15.000 euros no suposto de subministración de bens de equipo ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, segundo o establecido no número 8.5 destas bases, a entidade beneficiaria deberá incorporar á conta xustificativa as tres ofertas solicitadas.

19.4.7. No suposto de adquisición de bens inmobles, debe achegarse un certificado de taxador/a independente debidamente acreditado/a e inscrito/a no correspondente rexistro oficial. No caso de proxectos con subvencións de investimento superiores a 60.000 euros, destinadas a investimentos en activos tanxibles, e conforme o artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a comprobación material substituirase por unha xustificación documental que constate de forma razoable e suficiente a realización da actividade subvencionada.

19.5. A entidade beneficiaria terá que conservar todos os comprobantes de gasto durante un período de catro anos, dende a presentación da xustificación final do proxecto. Nestes supostos, os xustificantes quedarán á disposición das actuacións e comprobación da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea e dos órganos de control establecidos pola normativa vixente.

Os gastos acreditaranse mediante facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa. Con carácter previo á realización da copia, é obrigatoria a impresión dun selo-dilixencia en todos os documentos orixinais (facturas, recibos ou outros) de gastos. Nela debe figurar a convocatoria anual da subvención xustificada, número de expediente, así como a referencia «Proxecto subvencionado pola XUNTA DE GALICIA», indicando ademais o tanto por cento de financiamento que se lle imputa a cada unha das entidades financeiras do proxecto. No suposto de documentos de gasto nos cales resulte imposible a impresión de tal selo-dilixencia, como consecuencia do seu tamaño, xuntaranse cunha relación destes en que se faga constar a mencionada dilixencia.

Tamén poderán utilizarse, como xustificantes de gasto, os recibos de caixa en que conste o nome da entidade beneficiaria, importe, nome e apelido da persoa que presta o servizo, concepto do gasto e nome do proxecto subvencionado. Este recibo deberá ser asinado pola persoa que presta o servizo (vendedor/a, transportista, etc.).

A utilización de recibos deberá ser, como criterio xeral, autorizada con carácter previo polo órgano concedente da subvención; tamén poderá ser validada con posterioridade por este sempre que considere que a autorización se producise tras terse solicitado con carácter previo.

Poderán, así mesmo, utilizarse recibos de caixa en lugar de facturas, sexa cal sexa o seu importe ou a contía que representen sobre a subvención concedida e sen necesidade de autorización previa, sempre que na documentación xustificativa se inclúa acreditación de que as persoas perceptoras de tales pagamentos non están suxeitas á obriga de emitir factura no país en que se efectuou o gasto. A devandita acreditación deberá ser realizada por un organismo público competente.

Todos os comprobantes de gasto e pagamento deberán referirse expresamente a actividades comprendidas no período de execución, é dicir, a actividades realizadas entre a data de inicio e a de remate do prazo de execución dos proxectos, con excepción dos gastos de avaliación externa e auditoría contable, que rexerase polo establecido no artigo 8.2.i) e j) da presente orde.

Con carácter excepcional, nos supostos debidamente xustificados e motivados poderase aceptar a xustificación do pagamento en efectivo para importes inferiores a 1.000 euros, presentando un xustificante do provedor, conforme establece o artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Esta excepcionalidade poderá estenderse a pagamentos por contía superior, pero estará supeditada a unha xustificación que resida na non obrigatoriedade de efectuar as ditas transaccións por outro método no país de desenvolvemento do proxecto ou que estea baseada na súa aceptación xeneralizada como método de pagamento neste.

Os criterios establecidos para os xustificantes de gastos e de pagamentos deberán respectar as normas e especificidades dos países en que se desenvolva o proxecto.

Cando existan xustificantes redactados nun idioma estranxeiro distinto do inglés, francés, italiano ou portugués, deberán ser debidamente traducidos, indicando data, importe, concepto de gasto, persoa perceptora e provedora.

19.6. No caso de que a xustificación, parcial ou total, dos proxectos non estivese completa ou presentase defectos, o prazo para a súa emenda e para a entrega da documentación complementaria requirida polo órgano que efectuase a revisión, será de corenta e cinco días hábiles, tal e como se establece o artigo 22.2 do Decreto 29/2017, do 9 de marzo.

19.7. Os impostos susceptibles de recuperación serán atendidos como un anticipo con cargo á subvención concedida mentres non sexan efectivamente recuperados. No momento da presentación da xustificación da subvención concedida, achegarase, se é o caso, unha declaración responsable de non recuperar os devanditos impostos.

Se a recuperación destes se produce durante o prazo de execución do proxecto ou actividade, os importes recuperados serán aplicados a sufragar gastos vinculados á actividade, dentro do seu prazo de execución, sen que sexa necesaria autorización previa do órgano concedente, salvo que a súa aplicación implique cambios ou modificacións que afecten obxectivos, resultados, localización territorial, contraparte ou socio local ou poboación beneficiaria.

No caso de que a recuperación se produza nos catro anos seguintes á finalización do prazo de execución da actividade, o beneficiario poderá propor a súa aplicación a actividades asociadas ou complementarias á actuación subvencionada. O órgano concedente emitirá resolución de autorización da aplicación dos fondos, indicando o seu prazo de execución e xustificación, salvo que o devandito órgano entenda que as actividades ás cales se pretende aplicar as cantidades recuperadas non poden ser consideradas como asociadas ou complementarias á actuación subvencionada; nese caso emitirá resolución de denegación da aplicación dos fondos. Se a resolución é denegatoria, procederase á devolución do anticipo para o pagamento dos impostos.

A obriga de devolver á Administración concedente os impostos recuperados subsistirá durante catro anos desde a presentación da xustificación, ao cabo dos cales, de non recuperarse aínda os impostos, deberá emitirse declaración responsable acreditando a devandita circunstancia.

Artigo 20. Obrigas da entidade beneficiaria, seguimento, avaliación e control dos proxectos

20.1. As entidades beneficiarias deberán realizar a intervención para a cal se lles concedeu a axuda no período de tempo determinado no documento de formulación, e sempre dentro da anualidade pertinente. Para estes efectos considérase vinculante o orzamento e a documentación presentada no documento de formulación do proxecto e na solicitude ou, se é o caso, da reformulación de terse efectuado.

20.2. As entidades beneficiarias de axudas deberán informar de xeito inmediato á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea sobre calquera acontecemento que altere ou dificulte notoriamente o adecuado desenvolvemento do proxecto subvencionado. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

20.3. As entidades beneficiarias obríganse a facilitar ao órgano xestor toda canta información lles sexa requirida respecto dos proxectos subvencionados. Así mesmo, as entidades beneficiarias obríganse a conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

20.4. Así mesmo, as entidades beneficiarias obríganse a incorporar de forma visible en todas as accións derivadas do proxecto subvencionado (placas, letreiros, carteis, publicacións, material de difusión, publicidade, etc.) os logotipos oficiais da Xunta de Galicia e da Cooperación Galega, todo isto en formato duradeiro e material resistente, para a debida difusión da orixe da subvención, conforme o Decreto 409/2009, do 5 de novembro, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia, salvo causas xustificadas por motivos de seguridade que deberían ser comunicadas ao centro directivo competente en materia de cooperación para o desenvolvemento e acción humanitaria.

Cando a organización financiada exhiba o seu propio logotipo, o da Xunta de Galicia e o da Cooperación Galega deberán figurar co mesmo tamaño e en iguais condicións de seguridade. Ambos os dous logotipos poderán descargarse da páxina web da Cooperación Galega https://cooperacion.xunta.gal

Os documentos e o material divulgativo publicados, tanto en papel como en soporte audiovisual e/ou electrónico, que sexan resultado de actuacións financiadas pola Xunta de Galicia, ademais de conter o logotipo e o nome da Xunta de Galicia como financiador, deberan incluír o seguinte parágrafo, traducido ás linguas en que se publiquen os documentos ou materiais divulgativos: «Esta publicación realizouse co apoio financeiro da Xunta de Galicia. O contido da devandita publicación é responsabilidade exclusiva de <NOME ENTIDADE> e non reflicte necesariamente a opinión da Xunta de Galicia».

20.5. No proceso continuo de homoxeneizar os procedementos, metodoloxía e formularios de xestión do ciclo dos proxectos cos da Cooperación Oficial Española e da Unión Europea, o seguimento e avaliación dos proxectos rexerase polos criterios básicos de pertinencia/adecuación, conectividade, coherencia, cobertura, eficacia, eficiencia, e impacto, seguindo o establecido polo CAD da OCDE na guía ALNAP.

20.6. A xestión dos proxectos poderá ser examinada, durante a súa execución ou unha vez finalizada, por representantes da Xunta de Galicia con competencias en materia de cooperación exterior e acción humanitaria ou por empresas avaliadoras contratadas para o efecto, para o cal a entidade beneficiaria e a contraparte local facilitarán o acceso ás contas e documentos xustificativos requiridos, así como a calquera outra documentación relevante na execución do proxecto.

A estrutura dos informes de avaliación seguirá tamén a metodoloxía e o formato utilizado pola Cooperación Española e a Unión Europea, recollendo como mínimo:

– Resumo: debe ser formulado de xeito compacto e breve (non máis de 5 páxinas) para ser empregado como un documento separado, centrándose nos puntos analíticos máis importantes e indicando as maiores conclusións, leccións adquiridas e recomendacións específicas.

– Texto principal: comezando por unha descrición do proxecto avaliado e os obxectivos da avaliación, deberá seguir os cinco criterios de avaliación describindo os feitos e analizándoos segundo cada un.

– Conclusións e recomendacións: en función da análise dos criterios de avaliación, as recomendacións deberían ser realistas, operativas, pragmáticas e orientadas a audiencias de todos os niveis.

– Anexos: termos de referencia da avaliación, nomes das persoas avaliadoras e das súas empresas, metodoloxía para o estudo (fases, métodos de recollida de datos, etc.), marcos lóxicos (orixinal e actualizado), lista de persoas ou organizacións consultadas, literatura e documentación, outros anexos técnicos, etc.

O control financeiro interno correspóndelle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

20.7. As entidades beneficiarias, en relación co seu persoal expatriado cooperante, obríganse a cumprir co establecido no Real decreto 519/2006, do 28 de abril, polo que se establece o Estatuto do cooperante.

Artigo 21. Modificación das condicións

Precisarase autorización previa e expresa para calquera modificación substancial do proxecto, entendendo por tal aquela que afecte aspectos cualitativos dos seus obxectivos, resultados ou poboación destinataria, ou ao lugar ou prazo de execución ou xustificación do proxecto, así como a modificación ou incorporación de socios locais. As solicitudes de modificacións substanciais do proxecto deberán estar suficientemente motivadas e ser formuladas por escrito dirixido ao director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, que resolverá e notificará no prazo dun mes sobre a súa autorización ou denegación.

Conforme o que establece o artigo 94.3.c) da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, o prazo de execución das actividades subvencionadas poderá ser ampliado automaticamente ata un máximo de seis meses, sen necesidade de autorización previa polo órgano xestor; o beneficiario deberá comunicalo previamente ao órgano competente antes de que expire o prazo de execución inicial e entenderase automaticamente ampliado o prazo coa dita notificación, sendo indistinto que se exceda o límite do correspondente exercicio orzamentario. As ampliacións do prazo de execución superiores a seis meses requirirán a autorización previa do órgano xestor.

Excepcionalmente, poderá solicitarse e outorgarse unha segunda ampliación de prazo de execución antes de expirar a primeira, fundamentada en situacións ou fenómenos excepcionais e imprevisibles, como desastres naturais, enfrontamentos armados, crises humanitarias, actuacións retardatarias das autoridades locais ou outras continxencias análogas, que afecten de maneira directa a execución da actividade subvencionada, debendo acreditarse de forma fidedigna e sempre que non concorran circunstancias imputables ao beneficiario. Nesta segunda ampliación excepcional, o novo prazo outorgarase polo tempo indispensable para facilitar que o beneficiario supere as devanditas circunstancias ou continxencias. No caso de que a situación excepcional impedise continuar coa execución da actividade financiada ou subvencionada, poderase solicitar unha modificación da finalidade para a cal fose outorgada a dita subvención.

Artigo 22. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a entidade beneficiaria poderá realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 87 3110063172 de titularidade «Xunta de Galicia» situada na entidade Abanca, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe, o motivo da devolución e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 23. Reintegro por incumprimento

23.1. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

23.2. De conformidade co artigo 14.1, letra n), da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que haberá que reintegrar por posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación:

a) O incumprimento total das obrigas e os fins para os que se outorgou a subvención e o incumprimento total das obrigas de xustificación dará lugar ao reintegro da totalidade da cantidade concedida.

b) A cantidade que se reintegrará no caso de incumprimento parcial na execución das acciones ou gastos e no caso de incumprimento parcial na xustificación será determinada, de acordo co criterio de proporcionalidade, polo volume e grao de incumprimento das condicións impostas con motivo da concesión da subvención.

c) No caso de demora na presentación da documentación xustificativa da subvención e sempre que o cumprimento pola entidade beneficiaria se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e se acredite por estes unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos, solicitarase a devolución do 10 % da subvención concedida.

Artigo 24. Información aos órganos fiscalizadores

As entidades beneficiarias estarán obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Xunta de Galicia, o Tribunal de Contas español e o Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Artigo 25. Transparencia e bo goberno

25.1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

25.2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á cal estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

25.3. Por outra banda, de conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, deberáselle transmitir á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria e a información requirida pola dita base de datos.

Artigo 26. Recursos

As resolucións expresas ou presuntas recaídas en aplicación do disposto nestas bases reguladoras esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación, no caso de que o acto for expreso. Se este non o for (acto presunto) o solicitante e outros posibles interesados poderán interpoñelo en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que este se produza, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou no prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel no que se producise o acto presunto.

Artigo 27. Remisión normativa

Para o non previsto nestas bases será de aplicación a Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia; o Decreto 29/2017, do 9 de marzo, de cooperación para o desenvolvemento; a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como os do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file