Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Mércores, 9 de xuño de 2021 Páx. 28557

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

EXTRACTO da Orde do 24 de maio de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento PR811A).

BDNS (Identif.): 568135.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias da concesión de subvencións serán as organizacións non gobernamentais que estean inscritas na sección A: Organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento, do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento e que teñan entre os seus fins o desempeño de actuacións de acción humanitaria ou que demostren contrastada experiencia neste sector.

Segundo. Obxecto

Estas bases regulan a concesión de subvencións ás organizacións non gobernamentais para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior (código de procedemento PR811A).

Enténdese por proxectos de acción humanitaria, consonte a iniciativa da Boa Doazón Humanitaria (GHD, nas súas siglas en inglés), aqueles destinados a salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana durante e despois das crises –provocadas por seres humanos ou por desastres naturais–, así como os destinados á prevención e reforzo da capacidade de resposta e a resiliencia para cando se produzan estas situacións.

Así mesmo, no actual contexto da pandemia provocada pola COVID-19, considerarase fundamental reforzar os sistemas de saúde a través da provisión de recursos materiais, infraestruturas adaptadas, protocolos de actuación e formación e apoio psicosocial para persoal de saúde, para rematar coa transmisión do virus e prever e tratar futuras crises sanitarias e pandemias, reforzar os sistemas de protección social, promover o exercicio dos dereitos sociais básicos e mitigar o impacto socioeconómico desta crise.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 24 de maio de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento PR811A).

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destinase un crédito por un importe total de 400.000 €, con cargo á aplicación orzamentaria 05.26.331A.490.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2021.

O importe máximo que se poderá financiar será dun 95 % do orzamento total do proxecto; en ningún caso a subvención concedida superará os 70.000 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2021

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo