Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Xoves, 10 de xuño de 2021 Páx. 28753

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 26 de maio de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas económicas ás familias con persoas en situación de dependencia ou con discapacidade a través do programa Respiro familiar para persoas coidadoras e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento BS614B).

BDNS (Identif.): 566324.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da orde cuxo texto completo se pode consultar na Base nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas cales se rexerá a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a persoas coidadoras dentro do programa Respiro familiar para persoas coidadoras para o exercicio 2021 (código de procedemento BS614B), así como proceder á súa convocatoria.

Segundo. Financiamento

Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de seiscentos mil euros (600.000 €), que se imputarán á aplicación orzamentaria 13.04.312D.480.3.

Terceiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias da subvención aquelas persoas coidadoras habituais non profesionais que atendan de forma continuada a unha ou máis persoas dependentes ou con discapacidade ou en situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.

Cuarto. Requisitos para acceder á subvención

Para que a persoa coidadora sexa beneficiaria da subvención é necesario que concorran os seguintes requisitos:

a) Que ben a persoa coidadora solicitante da subvención ou ben a persoa ou persoas que ela atende sexan residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que a persoa que se atende presente calquera das seguintes situacións:

1º. Discapacidade física, psíquica ou mental con necesidade de axuda de terceiras persoas para as actividades da vida diaria e ter recoñecida polo organismo competente unha discapacidade en grao igual ou superior ao 75 %.

2º. Ter recoñecida a situación de dependencia polo organismo competente no grao II ou III.

3º. Que a persoa que se atende, a pesar de non cumprir coas epígrafes anteriores, presente unha situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.

2. Ademais, as persoas coidadoras para seren beneficiarias da subvención teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinto. Bases reguladoras

Orde do 26 de maio de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas económicas ás familias con persoas en situación de dependencia ou con discapacidade a través do programa Respiro familiar para persoas coidadoras e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento BS614B).

Sexto. Tipo de axuda e contía

1. Modalidade Respiro no fogar.

A axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento do servizo de atención a maiores a domicilio para atender a necesidade puntuais nos supostos convenientemente acreditados.

A través desta modalidade, prevista para dar resposta ás demandas concretas das familias por espazos de tempo definidos e non moi longos, contribuirase á prestación dunha atención integral e directa no propio fogar da persoa dependente ou con discapacidade co obxectivo de manter estas persoas no seu domicilio e ofertarlle ao seu coidador habitual a posibilidade de dispoñer dunhas horas para o seu descanso persoal ou ben para cubrir as súas necesidades puntuais derivadas da conciliación das obrigas laborais e persoais e as responsabilidades familiares que se produzan.

A axuda consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións previstas na relación da epígrafe anterior cun máximo de 1.000 euros por beneficiario/ano.

2. Modalidade de Respiro en residencia.

A axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento da residencia ante unha necesidade puntual nos supostos convenientemente acreditados.

Para dar resposta á necesidade de descanso da persoa coidadora, esta modalidade prevé a posibilidade de que a persoa en situación de dependencia ou con discapacidade poida acceder temporalmente a un centro residencial dotado dos recursos necesarios para prestarlle unha atención integral.

A axuda consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións previstas na relación anterior cun máximo de 1.500 euros por beneficiario/ano.

Serán as persoas solicitantes as que aboen o importe total da estadía que hai que pagar.

Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitude comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2021.

Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil, segundo o artigo 30.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2021

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social