Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Xoves, 10 de xuño de 2021 Páx. 28711

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 20 de maio de 2021 de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do concello de Cambre, no ámbito da estrada N-VI.

O Concello de Cambre remite a referida modificación puntual das normas subsidiarias municipais, para os efectos do artigo 60.14 e seguintes da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG), que corresponde co artigo 144.14 e seguintes do seu regulamento aprobado polo Decreto 143/2016 (RLSG).

Logo de analizar a documentación remitida polo Concello, e posta en relación coas observacións formuladas na Orde desta consellería do 13.11.2019 e os trámites e as alteracións do proxecto realizadas tras ela, e, vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, obsérvase:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Cambre dispón dunhas normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo da Coruña o 27.7.1994 (texto refundido por Acordo do 26.9.1994).

2. O xefe do Servizo de Planeamento e Xestión municipal emitiu o 23.6.2017 un informe sobre o documento de inicio da modificación favorable á súa tramitación.

3. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) emitiu o 29.8.2017 un informe de contestación no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

4. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou o informe ambiental estratéxico (IAE) no día 28.9.2017 (DOG do 8 de novembro), resolvendo non someter a modificación a avaliación ambiental estratéxica ordinaria e establecendo determinacións para a modificación e o seu plan parcial de desenvolvemento. No marco do proceso de consultas previas, contestaron, ademais da DXOTU:

a) Instituto de Estudos do Territorio: informe do 21.9.2017 en que se indica que a modificación non producirá afeccións paisaxísticas significativas.

b) Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: informe do 7.8.2017, con observacións.

c) Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica: informe do 6.9.2017 canto a non teren impacto nas competencias desa dirección xeral.

d) Servizo de Montes da Consellería do Medio Rural: informe do 22.9.2017, sen obxeccións.

5. O xefe da Sección de Planeamento e Xestión municipal emitiu o 21.12.2017 un informe con indicacións e favorable á tramitación do proxecto. O arquitecto municipal emitiu o 18.5.2018 un informe favorable á modificación. O xefe da Área de Urbanismo e Réxime Interior emitiu o 21.5.2018 un informe en que se propón a aprobación inicial.

6. O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación en sesión do 31.5.2018. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (La Voz de Galicia e Diario Oficial de Galicia do 18.6.2018). Foron presentadas cinco alegacións, segundo o certificado do 23.8.2018 incluído para o efecto no expediente.

7. No que afecta os informes sectoriais autonómicos e audiencia aos concellos limítrofes (artigo 60.7 da LSG), a DXOTU emitiu un informe do resultado do trámite o 16.11.2018:

a) Foron emitidos os seguintes informes sectoriais autonómicos:

– Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil: informe do 24.7.2018 en que se indica que non é necesario someter a modificación ao informe da Comisión Galega de Protección Civil.

– Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: informe do 2.10.2018, favorable á reclasificación dos terreos como solo urbano e solo urbanizable, e con observacións no resto.

– Instituto de Estudos do Territorio: informe do 25.9.2018, en que non se formulan obxeccións e se fan varias recomendacións sobre o uso da Guía de cor e materiais de Galicia ou a regulación da publicidade, cartelaría e sinalética.

b) Foi solicitado o informe de Augas de Galicia, sen que fose emitido.

c) Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Abegondo, Bergondo, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada e responderon os concellos de Oleiros (29.8.2018) con varias alegacións e o de Abegondo (28.9.2018), sen alegacións.

8. En materia de informes sectoriais non autonómicos, no expediente consta o seguinte:

a) Dirección Xeral de Aviación Civil do Ministerio de Fomento: informe do 7.5.2018, favorable condicionado.

b) Demarcación de Estradas en Galicia do Ministerio de Fomento: informe do 20.2.2018, favorable canto a servidumes acústicas, con condicións.

c) Dirección Xeral de Estradas do Ministerio de Fomento: informe do 22.5.2018, sobre estradas estatais, favorable con condicións. O concello solicitou o estudo do tramo urbano o 9.8.2018. A Dirección Xeral de Estradas respondeu o 14.11.2018 sinalando que non é procedente a redución da liña límite de edificación.

d) Subdirección Xeral de Patrimonio do Ministerio de Defensa: informe do 24.7.2018, sen obxeccións.

e) Delegación do Goberno en Galicia: escrito do 21.8.2018 canto a non afección de bens ou dereitos estatais, sen prexuízo da lexislación sectorial aplicable.

f) Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información do Ministerio de Economía e Empresa: informe do 4.9.2018, favorable condicionado.

9. O equipo redactor subscribe unha serie de informes sobre o cumprimento dos informes sectoriais emitidos e as alegacións.

10. O Servizo de Avaliación Ambiental emitiu o 17.1.2019 informe canto a que a ordenación pormenorizada do documento de aprobación inicial non contén modificacións significativas respecto da avaliada, polo que cómpre manter a validez do IAE.

11. O arquitecto municipal emitiu o 15.2.2019 informe, tras a información pública e os informes sectoriais, favorable á continuación da tramitación. O xefe da Área de Urbanismo e Réxime Interior emitiu informe xurídico o 18.2.2019 propoñendo a aprobación provisional, co correspondente pronunciamento sobre as alegacións.

12. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello Pleno do 28.3.2019.

13. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o 31.5.2019 informe favorable en materia de costas.

14. Esta consellería, por Orde do 13.11.2019, resolveu non outorgar a aprobación definitiva á modificación, indicando as deficiencias detectadas para emendala.

15. O Concello solicitou a aprobación definitiva no 27.8.2020. O Servizo Provincial de Urbanismo requiriu a emenda de deficiencias documentais o 23.9.2020.

16. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello Pleno do 28.1.2021.

17. O 4.3.2021 tivo entrada documentación adicional e proxecto asinado dixitalmente polo representante do equipo redactor (Alfonso Díaz Revilla, de Oficina de Planeamiento, S.A.) acompañado coas fontes de datos en formato shapefile. Asemade xunta:

a) Informe de Augaservi do 22.11.2019.

b) Informe de Instelec 21.11.2019: sitúa en plano o existente.

c) Informe de R 9.12.2019: están en disposición de subministrar.

d) Informe de Enagás 17.12.2019: non hai canalizacións nin instalacións de gas.

e) Informe da sección de servizos municipal 27.12.2019.

f) Informe de UFD Distribución Electricidad do 14.9.2020, con observacións.

g) Informe da Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar do Ministerio para a Transición Ecolóxica do 16.1.2020, desfavorable. Informe do equipo redactor sobre o cumprimento dese informe, presentado no concello o 5.2.2021. Solicitude de novo informe estatal en materia de costas, do 27.2.2020.

h) Informe do arquitecto municipal do 14.1.2021, favorable á aprobación provisional.

i) Informe da Área de Urbanismo e Réxime Interior municipal, do 15.1.2021, favorable á aprobación provisional.

j) Certificado do acordo de aprobación provisional polo Pleno do 28.1.2021.

k) Certificado da non recepción dun novo informe estatal en materia de costas, emitido o 5.2.2021, por atoparse na zona de influencia dos 500 m do DPMT.

18. O 16.3.2021 tivo entrada na Xunta de Galicia escrito do alcalde presidente do Concello de Oleiros en que solicita que non se aprobe modificación con base na imposibilidade de aprobar modificacións de normas subsidiarias de planeamento municipais e na incidencia da alta densidade edificatoria na zona do Temple, reiterando así parcialmente os argumentos da súa contestación ao trámite do artigo 60.7 da LSG antes citada.

19. O Servizo de Urbanismo da Coruña requiriu a emenda das deficiencias formais mediante escrito do 5.4.2021.

20. O 23.4.2021 tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia o proxecto corrixido.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. A modificación afecta un ámbito de 47.141 m2 no Temple, que linda ao norte co límite administrativo co termo municipal de Oleiros, ao sur coa estrada nacional AC-12, antes N-VI, ao leste co ámbito da unidade de execución en solo urbano UE-7 das normas de Cambre e co límite administrativo do termo municipal de Oleiros e ao oeste co ámbito da unidade de execución UE-19 das normas de Cambre.

2. A súa conformación topográfica presenta dous sectores diferenciados: por unha banda o bordo oeste, en contigüidade coas estribacións dos altos de Montrove, no termo municipal de Oleiros, con pendentes próximas ao 15 %; e un sector centro-leste caracterizado por unha condición máis chan, con pendente media do 4 %.

Canto aos usos existentes, o ámbito presenta dúas áreas ben diferenciadas: dunha banda a maioritaria, sen uso específico ningún, dominado polo mato; e outra área, estremeira coa actuación urbanística de Villa Concepción, onde existen unha serie de vivendas unifamiliares e fronte á rúa Castelao, en continuidade con outras que xa se atopan no termo municipal de Oleiros.

3. O ámbito está clasificado nas normas subsidiarias vixentes como solo non urbanizable común (folla 1 do plano de clasificación do solo e usos a escala 1/5000 e follas 1 e 2 do plano de cualificación do solo e aliñacións do núcleo urbano do Temple a 1/1000). Linda con terreos do termo municipal de Oleiros categorizados como solo rústico de protección de interese paisaxístico e como solo urbano consolidado (follas 34B e 35A do PXOM de Oleiros aprobado definitivamente por ordes do 11.3.2009 e 11.12.2014).

4. De acordo coa cartografía do Plan básico autonómico aprobado polo Decreto 83/2018, as afeccións no ámbito son as das áreas correspondentes a elementos catalogados (casas xemelgas na N-VI e Villa Concepción), a estrada estatal AC-12, e as servidumes aeronáuticas do aeroporto da Coruña.

5. O ámbito da modificación está dentro do ámbito do Plan de ordenación do litoral (POL) aprobado polo Decreto 20/2011, na área continua de ordenación (folla AL 11 do plano de modelo territorial do POL).

6. A modificación puntual xustifícase pola necesidade de producir unha ordenación integral dos bordos da dita estrada nacional, consolidada actualmente como eixe de actividades dos termos municipais de Oleiros e de Cambre, e onde o ámbito desta modificación representa unha excepción como desenvolvemento de actividades económicas e de continuo clasificado como solo urbano, soamente xustificado pola antigüidade do planeamento que agora se modifica. Consta un convenio urbanístico entre o Concello e parte dos propietarios dos terreos, que supón a maioría da superficie do ámbito, aprobado polo Pleno Municipal do 25.5.2016.

7. A modificación propón:

a) A reclasificación como solo urbano do ámbito consolidado pola edificación no contorno da Villa Concepción e do nó do Seixal, cunha extensión de 3.295 m2, ao leste do ámbito, coa cualificación de solo urbano residencial de baixa densidade (regulado no artigo 40 das normas municipais vixentes, que se reproduce con modificacións para adecuala aos criterios da LSG).

b) A reclasificación a solo urbanizable de actividades terciarias do resto do ámbito (43.854 m2), compatible co uso dotacional nun 20 %, e unha edificabilidade máxima de 0,62 m2/m2, con indicación da posición das reservas de espazos libres e equipamentos, altura máxima 15 m, sistema de actuación compensación.

Prevense unhas dotacións mínimas de 1.000 m2 de equipamentos públicos (3,9 m2 de solo por cada 100 m2 edificables) e 4.000 m2 de espazos libres e zonas verdes públicos (15,63 m2 de solo por cada 100 m2 edificables).

c) O establecemento da ordenación detallada do sector resultante, que inclúe:

– Un sistema local de espazos libres e zonas verdes públicas constituído por un ámbito de 4.952 m2 situado no extremo oeste do sector, na zona máis elevada en contacto coa UE-19.

– Unha parcela de sistema local de equipamentos públicos de 1.237 m2, en contacto co solo urbano que se clasifica e co espazo dotacional Villa Concepción, vía de por medio.

– Unha zona de uso terciario 1, no centro do ámbito, de 20.000 m2 de superficie, ocupación máxima 60 %, altura máxima 15 m, edificabilidade 0,72 m2/m2, para uso comercial e de oficinas, con parcela mínima 3.500 m2.

– Unha zona de uso terciario 2, de 5.140 m2, ocupación máxima 45 %, altura B+2 e 12 m, edificabilidade 1,35 m2/m2, para uso oficinas, hoteleiro e dotacional.

– Unha zona de uso terciario 3, no oeste do ámbito, de 2.359 m2, ocupación máxima 45 %, altura B+3 e 15 m, edificabilidade 1,80 m2/m2, para uso oficinas, comercial e hoteleiro.

Nas parcelas de uso lucrativo prevese unha reserva de aparcadoiros privados dunha praza por cada 100 m2 edificables.

A estrutura viaria proposta consta dun anel circulatorio apoiado sobre a vía de servizo de estrada AC-12, rodeando a zona de uso terciario 1, no cal se prevén 72 prazas de aparcadoiro públicas.

III. Análise e consideracións.

1. Razóns de interese público (artigo 83.1 da LSG e punto III.1 da Orde do 13.11.2019).

Xustifícase o interese público para os efectos da formulación da modificación na potenciación da economía local e das actividades existentes no contorno coa clasificación de novo solo urbanizable de uso terciario que reforzará o núcleo urbano do Temple, e no recoñecemento da realidade existente canto á clasificación como solo urbano dun ámbito consolidado pola edificación e as infraestruturas urbanas.

2. Réxime de aplicación aos terreos en relación coa ordenación hoxe vixente (punto III.2).

De acordo coa disposición transitoria 1ª.2.d) da LSG, ao solo rústico dos municipios con planeamento non adaptado á Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, élle de aplicación o disposto na LSG para o solo rústico. En consecuencia, son aplicables directamente as categorías (artigo 34 e concordantes da LSG e do RLSG), o réxime de usos (artigo 36 e concordantes da LSG e do RLSG) e de edificación (artigos 39 e concordantes da LSG e do RLSG) establecidos nela.

Ao ámbito son de aplicación as categorías de solo rústico de especial protección de patrimonio e de infraestruturas, nos ámbitos correlativos (artigo 34 LSG e 49 RLSG). O proxecto aprobado provisionalmente o 28.1.2021 corrixe as referencias anteriores.

3. Clasificación e ordenación do solo urbano proposto (punto III.3 da Orde do 13.11.2019).

O proxecto aprobado provisionalmente o 28.1.2021 inclúe no seu texto un punto 4 titulado Normativa reguladora en solo urbano e dá así cumprimento á orde).

4. Ordenación do solo urbanizable proposto (punto III.4 da orde).

a) O uso global do ámbito é o terciario, que inclúe o hoteleiro nas zonas terciarias 2 e 3, o que supón, segundo as cifras do cadro de características da memoria, unha superficie construíble susceptible de uso hoteleiro de 6.939 + 4.246 = 11.185 m2, que supón 11.185 / 25.585 = 0,4372 ~ 43,72 % da edificabilidade do sector.

Canto á reserva de arboredo, a ordenación detallada proposta prevé (cadro de características) un total de 112 unidades, suficientes para cubrir o uso compatible hoteleiro (artigo 69.1.d) e 69.2 do RLSG).

b) A parcela de equipamento atópase na súa totalidade entre a estrada AC-12 e a súa liña límite de edificación. A ordenanza de zonas de equipamento comunitario público non autoriza ningún tipo de edificación na parcela e dá así cumprimento ao indicado no punto III.4.b) da Orde do 13.11.2019.

c) O sistema local de zonas verdes e espazos libres públicos sitúase no extremo oeste do ámbito, cun forte desnivel respecto da vía estremeira proposta, que é salvado cun itinerario peonil adaptado que se grafa no plano 9.2. A ordenanza de zonas verdes e espazos libres públicos inclúe, para as pequenas instalacións que se permitan, o límite de 200 m2 de superficie construída total pechada establecido no segundo parágrafo do artigo 70.7 do RLSG. Dáse así cumprimento ao punto III.4.c).

d) Incorpóranse os informes dos servizos técnicos municipais e das compañías subministradoras (artigo 68.g) en relación co 56.2 da LSG). Dáse así cumprimento ao indicado no punto III.4.d) da Orde do 13.11.2019.

5. Cumprimento dos informes e lexislación sectoriais.

a) O anexo II Cumprimento da lexislación sectorial, no que afecta a contaminación acústica, elimina a referencia a un futuro plan parcial, establece as determinacións exixibles ao respecto e inclúe a táboa completa de obxectivos de calidade acústica aprobada polo Real decreto 1038/2012, do 6 de xullo, polo que se modifica o Real decreto 1367/2007, tal e como se require no punto III.5.a) da orde.

b) Canto ás especies exóticas, o punto 5.9.7 da normativa prohibe o seu emprego no axardinamento nas parcelas destinadas a edificación terciaria (todas as privadas) e o número 4 do punto 5.9.8 da normativa prohibe o seu emprego en xardíns e espazos públicos e na execución da urbanización deben establecerse cautelas que eviten a dispersión das existentes no ámbito, todo isto na liña do sinalado no informe ambiental estratéxico e no punto III.5.b) da orde.

c) A normativa inclúe un número 5 no punto 5.9.8 coas determinacións que sobre o proxecto de urbanización establece o punto 3.c) 3 do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 2.10.2018 (punto III.5.c) da orde).

d) O proxecto non incorpora na súa normativa de forma íntegra os contidos sinalados en relación coas servidumes acústicas de aviación civil e estradas estatais mencionadas nos puntos III.5.d) e e) da Orde do 13.11.2019. Estes son os sinalados:

– No punto 3 do informe da Dirección Xeral de Aviación Civil do 7.5.2018 (por canto falta a mención a que nas construcións que se implanten dentro das zonas afectadas pola pegada de ruído non corre o xestor aeroportuario nin o Ministerio de Fomento cos custos da insonorización) (páxina 47 do PDF do expediente administrativo, presentado en abril de 2019).

– No informe da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia do 20.2.2018 (páxina 38 do PDF do expediente administrativo, presentado en abril de 2019), dado que non se recolle o parágrafo que sinala que «os medios de protección acústica que resulten necesarios serán executados con cargo aos promotores dos desenvolvementos, logo de autorización do Ministerio de Fomento se afectaren zonas de protección do sistema viario estatal, e poden situarse na zona de dominio público».

6. Adaptación ao Plan de ordenación do litoral.

a) A totalidade do ámbito da modificación está dentro do ámbito territorial do POL, aínda que a porción clasificada como solo urbano consolidado resulta fóra do seu ámbito de aplicación conforme o disposto no artigo 3.2 da súa normativa, e sen prexuízo do que se conclúa sobre o cumprimento das condicións legais para obter a antedita clasificación.

b) A delimitación do solo urbanizable proposta está dentro do agregado urbano A Coruña-Miño identificado no sistema de asentamentos do POL, unicamente afectada pola área continua de ordenación, e sen que exista incidencia de corredores ecolóxicos nin doutras áreas descontinuas ou espazos de interese. Na cartografía de usos e elementos para a valoración do POL recóllese a súa ocupación por algunha masa illada de bosque de repoboación e, maioritariamente, por outras formacións arbóreas. Trátase dunha bolsa de solo sen presenza destacable no bordo litoral, fortemente apantallada polo solo urbano existente entre a estrada AC-12 e á beira da ría do Burgo.

c) Á vista do anteriormente exposto, tendo en conta que a área de ordenación é a considerada na normativa do POL como a apta para albergar os desenvolvementos urbanísticos e que se trata dun crecemento que se dirixe en sentido contrario á costa, enténdese que a delimitación do solo urbanizable introducida pola modificación puntual resulta compatible cos criterios, normas e principios do POL.

e) En cumprimento das normas para os desenvolvementos urbanísticos recollidas no artigo 61 da normativa do POL, incluirase como condicións para o proxecto de urbanización que se redacte a necesidade de minimizar os movementos de terras, alteración de canles e cortas de arboredo de interese, así como a naturalización do tratamento dos espazos destinados á urbanización, salvagardando as características naturais dos solos e evitando a contaminación ambiental (atmosférica, lumínica e acústica).

A competencia para resolver a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60.16, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería.

V. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do concello de Cambre no ámbito da estrada N-VI, coa condición de incorporar na normativa urbanística os contidos sinalados nos números III.5.d) e III.6.e) anteriores.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda