Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Xoves, 10 de xuño de 2021 Páx. 28707

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 8 de xuño de 2021 pola que se modifica a Orde do 30 de decembro de 2020, pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2021, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia.

Mediante a Orde do 30 de decembro de 2020 reguláronse os criterios de repartición e establecéronse as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2021, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia (DOG núm. 15, do 25 de xaneiro).

Esta orde tramitouse como expediente anticipado de gasto de acordo coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, e co establecido no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 20 de novembro de 2020, na cal se acordou a remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación.

A distribución inicial do Fondo de Compensación Ambiental destina un total de 1.707.578,00 € ao financiamento de subvencións en concorrencia competitiva. Tamén prevé a posibilidade de ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Co fin de poder amparar un maior número de solicitudes presentadas, estímase conveniente ampliar a dotación orzamentaria consignada para a liña en concorrencia competitiva, que se financiará con incorporacións de crédito procedente de exercicios anteriores, suposto previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e no artigo 2.1.b) da Orde do 30 de decembro de 2020. De conformidade cos devanditos preceptos regulamentarios, o órgano concedente debe publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Asemade, para optimizar o uso dos fondos dispoñibles, considerouse necesario redistribuír a asignación inicial do Fondo de Compensación Ambiental para o exercicio 2021, establecida no artigo 2.1.c) da Orde do 30 de decembro de 2020 para a aplicación orzamentaria 05.23.141A.461.1 que, ao abeiro do previsto no artigo 25.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, se destina a outras actuacións específicas de protección do ambiente, incrementando correlativamente a contía das aplicacións 05.23.141A.461.0 e 05.23.141A.761.1, que teñen a mesma finalidade ben que, no caso da última, diferente natureza económica.

Tanto a ampliación do crédito como a redistribución garanten o cumprimento da normativa de aplicación ao canon eólico como ingreso afectado que debe xestionarse a través do Fondo de Compensación Ambiental e a execución do mandato legal de aplicar os ingresos derivados do canon eólico á finalidade determinada na orde anual distribuidora do Fondo, de conformidade co establecido no artigo 25 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (DOG núm. 252, do 29 de decembro).

En consecuencia co exposto, de acordo coa Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, co Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, co Decreto 214/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, e co disposto na Orde do 30 de decembro de 2020 pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2021, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida,

DISPOÑO:

Artigo 1

Modifícase parcialmente a asignación inicial do Fondo de Compensación Ambiental para o exercicio 2021 establecida no artigo 2.1.c) da Orde do 30 de decembro de 2020 que, ao abeiro do previsto no artigo 25.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, se destina ao financiamento doutras actuacións do Fondo, redistribuíndo parte do crédito dispoñible no subconcepto 461.1 para incrementar a contía das aplicacións 05.23.141A.461.0 e 761.1 que teñen como destino outras actuacións específicas de protección do ambiente.

Xa que logo, a distribución inicial do Fondo de Compensación Ambiental para 2021 prevista no artigo 2.1.c) da Orde do 30 de decembro de 2020, nas aplicacións xestionadas pola Dirección Xeral de Administración Local, quedaría distribuída entre 3 aplicacións orzamentarias coa seguinte dotación:

Aplicación orzamentaria

Código proxecto

Importe

Descrición

05.23.141A.461.1

2013 00770

580.000,00 €

Outras actuacións Fondo Compensación Ambiental

05.23.141A.461.0

2015 00168

250.000,00 €

Fondo de Compensación Ambiental (outras actuacións específicas)

05.23.141A.761.1

800.000,00 €

Total

1.630.000,00 €

Artigo 2

1. Amplíase a dotación orzamentaria destinada a financiar a liña en concorrencia competitiva das subvencións do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2021, que se establece nos artigos 2.1.a) e 13 da Orde do 30 de decembro de 2020.

2. O incremento da dotación será de 560.351,39 € na aplicación orzamentaria 05.23.141A.461.0 e de 1.032.070,61 € na 05.23.141A.761.0, ambas as dúas consignadas no estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

3. A contía máxima das subvencións que se concedan na liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2021 queda establecida en 3.300.000,00 €, coa seguinte distribución por aplicacións:

Aplicación orzamentaria

Crédito inicial

Incremento do crédito

Total

05.23.141A.461.0

778.789,00

560.351,39

1.339.140,39

05.23.141A.761.0

928.789,00

1.032.070,61

1.960.859,61

Total

1.707.578,00

1.592.422,00

3.300.000,00

4. Esta ampliación de crédito non afecta o prazo establecido no artigo 19.4 da Orde do 30 de decembro de 2020 para a presentación de solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo para resolver.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2021

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo