Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Mércores, 16 de xuño de 2021 Páx. 29961

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

EXTRACTO da Orde do 31 de maio de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais de Galicia para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento CT211B).

BDNS (Identif.): 569721.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta convocatoria os concellos de Galicia, mediante solicitude individual ou mediante xestión compartida, a través da solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, as mancomunidades de concellos e consorcios locais de Galicia constituídos exclusivamente por concellos; así mesmo, poderán ser beneficiarias as entidades resultantes dunha fusión municipal.

As entidades relacionadas deberán ser titulares dos locais culturais para os que se solicitan as axudas, e os locais culturais deberán contar cunha programación cultural estable ao longo do ano ou prestar un servizo público cultural de carácter continuado, agás no caso de locais cuxo proxecto supoña a posta en funcionamento destes.

Segundo. Obxecto e finalidade

Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas á mellora e equipamento das instalacións e locais culturais de entidades locais de Galicia destinados a actividades de carácter cultural, conforme o procedemento que a continuación se establece na presente orde.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a través da convocatoria desta liña de axudas pretende continuar co labor de mellorar a infraestrutura dos equipamentos culturais coa fin de dotar dos medios necesarios para que as entidades locais comprometidas coa acción cultural poidan executar os seus programas culturais, así como contar coas oportunas infraestruturas que lles permitan a adecuada realización das actividades culturais que promovan, garantindo o servizo público que prestan á cidadanía

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 31 de maio de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais de Galicia para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento CT211B).

Cuarto. Importe

Para a concesión das subvencións convocadas destinarase un crédito total de 500.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 10.40.432B.760.0.

A axuda máxima por entidade local beneficiaria que concederá a consellería será de 30.000 €, que en ningún caso poderá exceder do 90 % do orzamento total do proxecto subvencionable. Este importe de 30.000 € ascenderá a 35.000 € cando se trate de solicitudes realizadas por agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e entidades resultantes dunha fusión.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

As entidades locais relacionadas no artigo 2 da orde de convocatoria que desexen acollerse a estas axudas deberán presentar a correspondente solicitude no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, domingos e os declarados festivos.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade
P.D. (Orde do 9.2.2021)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación e Universidade