Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Xoves, 17 de xuño de 2021 Páx. 30323

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 10 de xuño de 2021 pola que se amplían e redistribúen os créditos orzamentarios por epígrafes recollidos na Resolución do 28 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria para o ano 2021 (código de procedemento IN421L).

Mediante a Resolución do 28 de decembro de 2020, que foi publicada no DOG número 8, do 14 de xaneiro de 2021, establecéronse as bases reguladoras e anunciouse a convocatoria de subvencións para proxectos de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria para o ano 2021.

Tal e como consta na parte expositiva da citada resolución, o financiamento desta convocatoria faise con cargo aos orzamentos do Inega para o ano 2021.

O artigo 3.1 das bases reguladoras prevé a posibilidade de que o crédito máximo recollido neste artigo poida ser redistribuído se nalgunha das epígrafes non se rexistran solicitudes suficientes para esgotar os fondos dispoñibles, e noutra das epígrafes existe listaxe de espera.

No transcurso do procedemento administrativo de concesión das axudas, nalgunha das epígrafes o número de solicitantes é inferior ao esperado, mentres que noutros o volume de axuda solicitada superou a dispoñibilidade orzamentaria, polo que cómpre facer unha redistribución de fondos entre as distintas epígrafes e ampliar o crédito orzamentario para, así, poder atender un maior número de solicitudes.

O artigo 3.1 das bases reguladoras relativo ao financiamento prevé unha dotación inicial de 2.500.000,00 € e no punto segundo dese mesmo artigo establécese a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

O artigo 31 do Decreto 11/2009 establece que cando a contía total máxima das subvencións convocadas se distribúa entre distintos créditos orzamentarios, a alteración da dita distribución non precisará de nova convocatoria pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

Por todo o anterior, e dado que nas aplicacións orzamentarias correspondentes existe crédito dispoñible e coa finalidade de incrementar a eficacia administrativa e a eficiencia na asignación de recursos públicos maximizando o impulso de proxectos de aforro e eficiencia enerxética,

RESOLVO:

Primeiro. Ampliar a dotación de fondos inicialmente prevista nesta convocatoria na contía de 1.227.000,00 €, polo que o importe total asignado para estas axudas tras esta ampliación ascende a 3.727.000,00 €.

Segundo. Ampliados os fondos destinados ás subvencións para proxectos de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria, estes redistribúense en función do volume de solicitudes modificando a táboa do artigo 3.1 da Resolución do 28 de decembro de 2020 do seguinte xeito:

Distribución por liña de axuda

Aplicación orzamentaria

Dotación orzamentaria inicial (€)

Modificacións (€)

Dotación orzamentaria final (€)

RT-Proxectos de enerxías renovables térmicas

06.A3.733A.770.1

500.000,00

-92.000,00

408.000,00

RE-Proxectos de enerxías renovables eléctricas

06.A3.733A.770.1

1.500.000,00

1.717.000,00

3.217.000,00

PAE-Proxectos de aforro e eficiencia enerxética

06.A3.733A.770.0

500.000,00

-398.000,00

102.000,00

Total

2.500.000,00

1.227.000,00

3.727.000,00

Terceiro. A presente modificación, unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia, non implicará a apertura de novo prazo para presentar solicitudes.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2021

Paula María Uría Traba
Directora da Axencia Instituto Enerxético de Galicia