Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Venres, 18 de xuño de 2021 Páx. 30571

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 8 de xuño de 2021 pola que se convocan as bolsas de formación para o ano 2021 (código de procedemento VI440D).

BDNS (Identif.): 570225.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primero. Persoas beneficiarias

Poderán solicitar esta bolsa todas aquelas persoas que no momento de presentaren a solicitude reúnan os seguintes requisitos:

– Ter rematado o grao exixido con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2018.

– Ter competencia en lingua galega no nivel Celga 4, equivalente ou superior.

– Non ter sido con anterioridade beneficiario/a doutra bolsa de formación do IGVS.

– Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa similar a esta. Noutro caso, deberá renunciarse ao emprego ou á bolsa con anterioridade ao inicio da formación.

– Non estar incursa en ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto e réxime de concesión das axudas.

1. Mediante a presente resolución convócanse dez bolsas de formación coa finalidade de que as persoas con titulacións universitarias e de grao relacionados cos ámbitos de actuación deste organismo poidan complementar os seus coñecementos teóricos cunha formación práctica (código de procedemento VI440D).

2. As prazas que se convocan son as seguintes:

Seis bolsas para persoas con grao en Arquitectura ou con grao en estudos de Arquitectura con máster habilitante.

Dúas bolsas para persoas con grao de Arquitectura Técnica.

Unha bolsa para persoas con grao en Dereito.

Unha bolsa para persoas con grao en Economía.

3. As bolsas de formación levaranse a cabo en xornada de maña, de luns a venres, nas dependencias do IGVS, coa seguinte distribución territorial:

– Dúas persoas con grao en Arquitectura ou grao en estudos de Arquitectura con máster habilitante, unha persoa con grao en Arquitectura Técnica, unha persoa con grao en Dereito e unha persoa con grao en Economía nos servizos centrais do IGVS, en Santiago de Compostela.

– Unha persoa con grao en Arquitectura ou grao en estudos de Arquitectura con máster habilitante e unha persoa con grao en Arquitectura Técnica na área provincial do IGVS da Coruña.

– Unha persoa con grao en Arquitectura ou grao en estudos de Arquitectura con máster habilitante na área provincial do IGVS de Lugo.

– Unha persoa con grao en Arquitectura ou grao en estudos de Arquitectura con máster habilitante na área provincial do IGVS de Ourense.

– Unha persoa con grao en Arquitectura ou grao en estudos de Arquitectura con máster habilitante na área provincial do IGVS de Pontevedra.

4. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia competitiva, de acordo co artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

As subvencións deste programa rexeranse polas bases reguladoras contidas na Resolución do 20 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das bolsas de formación deste instituto e se procede á súa convocatoria para o ano 2019, publicada no DOG núm. 188, do 3 de outubro.

Cuarto. Crédito orzamentario

1. O custo total destas actividades de formación é de 120.000 euros, que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451A.480.1, programa de bolseiros, dos orzamentos xerais para 2021 e á correspondente no orzamento de 2022, coa seguinte distribución de anualidades: 30.000 euros en 2021 e 90.000 euros en 2022.

En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, destinaranse 6.000,00 euros (1.600 euros en 2021 e 4.400,00 euros en 2022), que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451A.484.0, dos orzamentos xerais para 2021 e 2022, en pagamento das cotizacións á Seguridade Social por parte do IGVS por continxencias comúns e profesionais.

A cobertura de accidentes no traballo será realizada mediante a concertación dun seguro de responsabilidade polo IGVS na aplicación 08.81.451A.224, primas de seguros.

Quinto. Contía das axudas

O importe de cada bolsa será de 1.000 euros brutos ao mes, que se farán efectivos, logo da certificación da persoa que asuma a titoría do bo aproveitamento da bolsa, tras realizar as retencións fiscais e sociais que lle correspondan, na conta bancaria que sinale a persoa beneficiaria da bolsa. A cantidade percibida no primeiro mes determinarase en función do número de días transcorridos desde a incorporación á bolsa.

Sexto. Duración das axudas

As actividades de formación iniciaranse coa incorporación dos/as bolseiros/as na data que indique a resolución de concesión e terán unha duración de doce mensualidades. Poderán, de conformidade coa normativa legal aplicable, prorrogarse as bolsas por un novo período de seis meses, sempre que as dispoñibilidades orzamentarias así o permitan e logo do informe favorable do/a titor/a de quen reciba a formación o/a bolseiro/a.

Séptimo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2021

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo