Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Venres, 18 de xuño de 2021 Páx. 30738

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 10 de xuño de 2021, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, relativa á publicación do modelo definitivo de respostas dos distintos exercicios e ás puntuacións provisionais da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso na categoría de persoal de servizos xerais, en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, convocado mediante a Resolución do 30 de setembro de 2019.

A base oitava da Resolución do 30 de setembro de 2019, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso na categoría de persoal de servizos xerais, en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, establece un prazo de cinco días hábiles seguintes ao da publicación dos modelos provisionais de respostas para que os/as interesados/as poidan presentar reclamación contra os exercicios.

Se o tribunal, de oficio ou con base nas reclamacións presentadas, modifica a opción de resposta válida ou anula algunha ou algunhas das preguntas incluídas nun exercicio, anunciarao na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Neste caso, teranse en conta as preguntas de reserva, que terán unha puntuación igual que o resto das preguntas do correspondente exercicio.

A estimación ou desestimación das reclamacións entenderase implícita na resolución pola cal se publiquen as puntuacións provisionais e as respostas definitivas dos distintos exercicios, que se efectuará na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Á vista das reclamacións presentadas en prazo, este centro directivo, de conformidade coa dita base,

RESOLVE:

Primeiro. Dar publicidade, a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), ao modelo definitivo de respostas, aprobado polo órgano de selección, correspondente a cada un dos exercicios que integran a fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso na categoría de persoal de servizos xerais, en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, convocado mediante a Resolución do 30 de setembro de 2019 (Diario Oficial de Galicia núm. 191, do 8 de outubro).

Segundo. Publicar, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), as puntuacións provisionais obtidas polos/as aspirantes presentados/as aos exercicios da fase de oposición do citado proceso selectivo.

Terceiro. Contra esta resolución, as persoas interesadas poderán presentar reclamación ante o tribunal, no prazo de cinco días hábiles seguintes ao da súa publicación, unicamente de existiren erros na confección aritmética da puntuación obtida.

A reclamación deberase presentar nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e deberase dirixir á sede do tribunal para o efecto de comunicacións, situada na Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde. Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15703, Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2021

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos