Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Venres, 18 de xuño de 2021 Páx. 30581

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 31 de maio de 2021 pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas.

De conformidade co establecido no Decreto 33/2019, do 28 de marzo (DOG núm. 67, do 5 de abril), polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019.

En desenvolvemento do disposto nos artigos 12 e 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establécese a obrigatoriedade do uso de medios electrónicos na inscrición das solicitudes de participación neste proceso selectivo.

Esta consellería, no uso das competencias que lle atribúe a Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia (en diante, LEPG),

DISPÓN:

Convocar o proceso selectivo, pola quenda de promoción interna, para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas.

I. Normas xerais.

I.1. O obxecto do proceso selectivo será cubrir cinco (5) prazas, do corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, correspondentes á oferta de emprego público do exercicio 2019, segundo se detalla:

– Oferta de emprego público do exercicio 2019, aprobada polo Decreto 33/2019, do 28 de marzo (DOG núm. 67, do 5 de abril): cinco (5) prazas, das cales unha (1) está reservada á quenda de persoas con discapacidade.

O sistema selectivo será o de concurso-oposición.

I.1.1. De conformidade co Decreto 33/2019, do 28 de marzo, do total de prazas convocadas reservaranse unha (1) para ser cuberta por persoas con discapacidade cun grao de minusvalía igual ou superior ao 33 %.

As prazas reservadas para as persoas con discapacidade que queden desertas acumularanse ás de acceso xeral.

Se algunha persoa aspirante con discapacidade que se presenta pola cota de reserva de persoas con discapacidade supera os exercicios, pero non obtén praza, e a súa puntuación é superior á obtida por outras persoas aspirantes do sistema de acceso xeral, será incluída pola súa orde de puntuación neste sistema.

De conformidade co disposto no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade, durante os procesos selectivos darase un tratamento diferenciado ás persoas aspirantes pola cota de discapacidade, no que se refire ás relacións de persoas admitidas e excluídas, aos chamamentos aos exercicios e á relación de persoas aprobadas. Non obstante, ao finalizar cada exercicio e o proceso elaborarase unha relación única en que se incluirán todas as persoas aspirantes que o superasen, ordenadas pola puntuación total obtida, con independencia do tipo de praza pola que participasen.

I.1.2. As persoas que, cumprindo os requisitos establecidos na base I.1.1, opten ás prazas reservadas para persoas con discapacidade deberán indicalo expresamente na solicitude. De non indicalo entenderase que non optan por esta reserva.

As persoas aspirantes só poderán participar nunha das opcións citadas.

I.1.3. De ser o caso, as aclaracións ou as correccións deberán realizarse no prazo de alegacións ás listaxes provisionais de persoas admitidas.

I.1.4. Ao presente proceso selectivo seralle aplicable o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público (en diante, TRLEBEP), a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, a Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

I.2. Requisitos das persoas aspirantes.

Para seren admitidas aos procesos selectivos as persoas aspirantes deberán posuír no día de finalización de presentación de solicitudes de participación e manter ata o momento da toma de posesión como persoal funcionario de carreira os seguintes requisitos:

I.2.1. Idade: non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

I.2.2. Titulación: estar en posesión ou en condición de obter o día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG) o título de licenciado ou graduado nunha titulación de calquera rama.

As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, se é o caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación ás persoas aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

I.2.3. Pertencer como persoal funcionario de carreira corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas.

Queda expresamente excluído o persoal laboral indefinido non fixo.

I.2.4. Ter prestado servizos efectivos, durante polo menos dous anos, como persoal funcionario no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas.

Non se computarán en ningún caso os servizos prestados coa condición de persoal laboral indefinido non fixo.

Para estes efectos, consideraranse servizos efectivos os prestados na situación de servizos especiais e de excedencia para o coidado de fillos/as e familiares (artigos 168 e 176 da LEPG). E a excedencia por razón de violencia de xénero de conformidade co establecido no artigo 177 da LEPG.

I.2.5. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

I.2.6. Habilitación: non ter sido separada/o, nin despedida/o, mediante expediente disciplinario, do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

I.2.7. Ademais dos requisitos anteriores, as persoas aspirantes que se presenten pola cota de reserva de discapacidade, terán que ter recoñecida a condición legal de persoa con discapacidade cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, na data de publicación da presente convocatoria.

I.2.8. Non poderán participar no proceso selectivo o persoal funcionario de carreira que xa pertence á escala ou corpo obxecto desta convocatoria.

I.3. Solicitudes.

As persoas que desexen participar no proceso selectivo deberán facelo constar no modelo de solicitude que será facilitado no portal web corporativo da Dirección Xeral de Función Pública da Xunta de Galicia e deberán pagar a taxa que estea vixente no momento de presentala que exixe a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co procedemento que se sinala nos seguintes parágrafos.

As persoas aspirantes só poderán participar nunha das quendas convocadas.

O prazo para presentar as solicitudes será de vinte (20) días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Dentro do prazo que se sinala no parágrafo anterior, as persoas aspirantes deberán presentar a súa solicitude electronicamente á Dirección Xeral da Función Pública.

O modelo de solicitude estará á disposición de todas as persoas que desexen participar no proceso selectivo no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, seguindo a ruta «Procesos selectivos»-«Xeración e presentación de solicitudes de procesos selectivos», debendo o solicitante de dispoñer dun certificado dixital da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT), DNI electrónico ou Chave 365.

Despois de premer a modalidade de solicitude elixida, as persoas aspirantes deberán consignar todos os datos que aparecen na pantalla e posteriormente validalos e confirmalos.

As persoas aspirantes deberán indicar na súa solicitude, na epígrafe de «Idioma do exame», se o texto do exercicio deberá entregarse en idioma galego ou en idioma castelán. Unha vez realizada a opción e presentada a súa solicitude, o aspirante non poderá modificar a opción.

As persoas aspirantes que sexan membros de familias numerosas deberano indicar na súa solicitude, na epígrafe de «Outros datos»-«Familia numerosa».

As persoas aspirantes deberán indicar se figuran como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego, na epígrafe de «Outros datos»-«Demandante de emprego».

As persoas aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % deberán indicalo expresamente na solicitude especificarán o grao de discapacidade recoñecido polo órgano competente, na epígrafe de «Outros datos»-«Discapacitado»-«Porcentaxe».

Poderán solicitarse as posibles adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria, na epígrafe de «Outros datos»-«Tipo de adaptación».

Se a solicitude derivase dunha circunstancia sobrevida, deberán solicitar a adaptación necesaria no prazo dun mes desde que se producise o feito causante e en calquera caso nas 24 horas seguintes á publicación da convocatoria para a realización do exercicio en que proceda a súa aplicación.

As persoas aspirantes das adaptacións sinaladas poderán indicar na mesma epígrafe da solicitude a presenza durante a realización do exercicio de atención médica especializada. Neste suposto, deberán presentar antes do remate do prazo fixado, o orixinal ou a copia auténtica do informe médico que acredite a necesidade da dita medida.

Os datos incluídos nas solicitudes das persoas aspirantes serán consultados pola Administración pública.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberá indicalo no cadro correspondente na epígrafe de «Autorizacións», e deberá achegar os documentos xustificativos da exención que se indican no punto seguinte antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes. A persoa solicitante, para a remisión electrónica, empregará o modelo co código PR004A, previsto na Orde do 4 de maio de 2017 que aproba a posta en funcionamento do servizo para a presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non teñan un sistema electrónico específico, habilitado na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal. Ou ben presentará a documentación nas oficinas de Rexistro da Xunta de Galicia e nos demais lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

De conformidade co disposto no parágrafo anterior, a persoa solicitante deberá achegar coa súa solicitude, orixinal ou copia auténtica dos seguintes documentos xustificativos da exención do pagamento segundo os supostos en que se atopen:

– Persoas con discapacidade: tarxeta acreditativa do grao de discapacidade ou certificado de discapacidade expedido pola consellería competente na materia ou polo órgano análogo de outra comunidade autónoma.

– Familia numerosa xeral ou especial: certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial ou carné familiar en que conste o dito carácter.

– Demandantes de emprego:

1º. Certificación expedida pola oficina de emprego en que conste que a persoa aspirante figura como demandante de emprego desde polo menos seis meses anteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG.

2º. Certificación do Servizo Público de Emprego Estatal en que conste que na data de presentación da solicitude de participación no proceso selectivo non está a percibir a prestación ou o subsidio por desemprego.

De acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas do pagamento:

Do importe total da taxa:

– As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Do 50 % do importe:

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

– As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

Pagamento presencial: deberá seleccionar esta opción na pantalla, imprimir o documento de pagamento (modelo 739) e realizar o ingreso do importe da taxa en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lle facilitará un exemplar selado como xustificante.

Unha vez feito o pagamento presencial na entidade financeira, deberase acceder á solicitude pendente a través da pestana «Retomar solicitude». Premerase na opción «Validar/Retomar o pago». Introduciranse os datos relativos á data de ingreso e o NRC (número de rexistro completo) correspondente.

Unha vez completados os datos validarase o NRC premendo no botón «Validar NRC».

Finalizado correctamente o proceso de pagamento poderase presentar a solicitude.

Pagamento electrónico-Sen certificado dixital: deberá introducir os datos da tarxeta de crédito ou débito na opción de pagamento electrónico e nese momento obterá o xustificante 730 correspondente.

Finalizado correctamente o proceso de pagamento poderase presentar a solicitude.

Pagamento electrónico-Con certificado dixital: poderán realizar o pagamento con cargo á conta da persoa titular do certificado desde a opción de pagamento electrónico e nese momento obterá o xustificante 730 correspondente.

Finalizado correctamente o proceso de pagamento poderase presentar a solicitude.

As persoas aspirantes poderán consultar no seguinte enlace https://ppago.cixtec.es/ppagoIII/pagos/sc/consultaEntidades as diferentes alternativas para realizar o pagamento.

A Administración devolverá o importe ingresado en concepto de dereitos de exame a aquelas persoas aspirantes excluídas de maneira definitiva, ou ben que non figuren en ningunha das listaxes, que así o soliciten no prazo de dous (2) meses a partir do día seguinte ao da publicación no DOG das listas definitivas de admitidos e excluídos.

Para iso será necesaria a presentación dun escrito en que se solicite a devolución e en que se faga constar o número de conta (24 díxitos), a entidade financeira e a súa localidade, ou ben presenten un certificado expedido pola entidade financeira en que figuren eses datos. Esta documentación deberá ser dirixida ao Servizo de Selección da Dirección Xeral da Función Pública. A presentación deste escrito sen os datos indicados ou fóra de prazo supoñerá a perda do dereito á devolución do importe ingresado.

Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso das persoas aspirantes admitidas provisional ou definitivamente.

O estado das solicitudes poderá ser consultado en calquera momento seguindo as instrucións iniciais e seleccionando na pantalla a opción de consulta.

Para calquera aclaración ou información sobre os procedementos anteriores, as persoas aspirantes poderán poñerse en contacto telefónico co centro informático no número 981 54 13 00, das 8.30 ás 20.00 horas, de luns a venres, e os sábados, das 10.00 ás 14.00 horas.

I.4. Admisión de aspirantes.

I.4.1. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública aprobará as listaxes provisionais de persoas aspirantes admitidas e excluídas a través dunha resolución que será publicada no DOG, con indicación dos seus apelidos, nome e catro cifras numéricas aleatorias do documento nacional de identidade, das causas das exclusións que procedan. Estas listaxes publicaranse no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

I.4.2. As persoas aspirantes excluídas, ou aquelas que non figuren nin como admitidas nin como excluídas, disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da dita publicación da resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

A estimación ou desestimación das ditas peticións de correccións entenderanse implícitas nunha nova resolución da Dirección Xeral da Función Pública que será publicada no DOG, pola que se aprobarán as listaxes definitivas de persoas aspirantes admitidas e excluídas. Estas listaxes publicaranse no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

O feito de figurar na relación de persoas admitidas non prexulgará que se lles recoñeza ás persoas aspirantes a posesión dos requisitos exixidos para participar no proceso selectivo. Cando da documentación que deben presentar tras superar o proceso selectivo se desprenda que non posúen algún dos requisitos, as persoas aspirantes decaerán en todos os dereitos que puidesen derivar da súa participación.

II. Proceso selectivo.

II.1. Fase de oposición.

O programa que rexerá as probas selectivas é o que figura como anexo I a esta resolución. Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que, con data límite da data de publicación no DOG do nomeamento do tribunal, conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.

As normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que figura no anexo I e que fosen derrogadas parcial ou totalmente serán automaticamente substituídas por aquelas que procedan á súa derrogación parcial ou total, con data límite da data de publicación no DOG do nomeamento do tribunal.

II.1.1. Exercicios.

As probas da oposición consistirán na superación dos seguintes exercicios, todos eles eliminatorios e obrigatorios.

II.1.1.1. Primeiro exercicio. Este exercicio constará de dúas probas:

– A primeira proba consistirá na resolución por escrito, dun cuestionario de dez (10) preguntas proposto polo tribunal, sobre as materias comprendidas no programa. O tempo máximo de duración será dunha (1) hora e trinta (30) minutos.

– A segunda proba consistirá na realización, por escrito, de tres (3) supostos prácticos de dereito tributario ou ben de tres (3) supostos prácticos de dereito orzamentario. O tempo máximo de duración será de dúas (2) horas.

Para o desenvolvemento da segunda proba deste exercicio as persoas aspirantes poderán servirse de textos legais sen comentarios; en relación con estes, admitiranse as súas versións consolidadas, aquelas nas cales figuren notas de vixencia e/ou referencias cruzadas a outras normas e os subliñados simples sempre que non inclúan ningunha outra información, comentario doutrinal ou referencia xurisprudencial.

Durante o desenvolvemento desta proba, os membros do tribunal e o persoal colaborador poderán examinar o material que está a utilizar cada aspirante e comprobar que se axusta ao establecido no parágrafo anterior. O manexo de textos normativos distintos dos permitidos determinará a expulsión da persoa aspirante.

Este exercicio cualificarase de 0 a 30 puntos. Para superalo será necesario obter un mínimo de 15 puntos. Corresponderá ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixidos para acadar a puntuación mínima. Esta cualificación total obterase pola suma da correspondente á primeira proba, que se cualificará de 0 a 15 puntos, e da segunda proba, que se cualificará de 0 a 15 puntos; suma que non poderá ter lugar se a cualificación obtida en calquera das probas for inferior a seis (6) puntos, caso en que non se superará o exercicio.

No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes ao remate do exercicio publicarase no portal web corporativo da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal o contido do exercicio.

Este exercicio realizarase no prazo máximo de corenta (40) días hábiles desde a constitución do tribunal que xulgue as probas.

A realización deste exercicio non terá lugar antes dos seis (6) meses posteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG.

II.1.1.2. Segundo exercicio. Consistirá en expoñer oralmente catro (4) temas, extraídos ao chou, entre os incluídos no programa conforme o seguinte:

– O primeiro corresponderá aos temas relativos á materia de dereito administrativo (1 de entre os numerados do 1 ao 22).

– O segundo e terceiro corresponderán á materia de dereito tributario (2 de entre os numerados do 62 ao 94).

– O cuarto tema corresponderá á materia de dereito orzamentario (1 de entre os numerados do 50 a 61).

O exercicio terá unha duración máxima dunha (1) hora.

Despois da extracción dos temas e antes de comezar a súa exposición, concederase ata un máximo de dez (10) minutos de tempo para que a persoa aspirante elabore, en presenza do tribunal, un guión que poderá utilizar no desenvolvemento da súa exposición, consultando para iso exclusivamente o programa de oposición.

Unha vez concluída a exposición dos temas, o tribunal poderá dialogar coa persoa aspirante por un tempo máximo de dez (10) minutos, exclusivamente sobre aspectos concretos relacionados cos temas expostos.

O exercicio cualificarase de 0 a 30 puntos. Para superalo será necesario obter un mínimo de 15 puntos. Corresponderá ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixidos para acadar a puntuación mínima.

O exercicio celebrarase nun prazo mínimo de corenta e oito (48) horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

II.1.1.3. Terceiro exercicio. Constará de dúas probas:

Primeira: tradución dun texto do castelán para o galego proposto polo tribunal.

Segunda: tradución dun texto do galego para o castelán proposto polo tribunal.

O exercicio terá unha duración máxima dunha (1) hora.

O exercicio valorarase como apto ou non apto. Para superalo será necesario obter o resultado de apto. Corresponderá ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixidos para acadar o resultado de apto.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de corenta e oito (48) horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

Estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acrediten que dentro do prazo sinalado para presentar a solicitude para participar no proceso selectivo posuían o Celga 4 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro), pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega.

Para estes efectos, na resolución da Dirección Xeral da Función Pública pola que se aproban as listas provisionais de persoas aspirantes admitidas e excluídas publicada no DOG publicarase tamén se consta no expediente a documentación que xustifique a dita exención. Aquelas persoas aspirantes ás cales non lles conste a dita documentación (orixinais ou copias auténticas) deberán presentala, de ser o caso, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación da dita resolución no DOG.

II.1.2. Desenvolvemento dos exercicios.

II.1.2.1. A orde de actuación das persoas aspirantes será por orde alfabética e iniciarase por aqueles cuxo primeiro apelido comence pola letra Q, de conformidade co establecido na Resolución da Consellería de Facenda do 24 de xaneiro de 2019 (DOG núm. 25, do 5 de febreiro), pola que se publica o resultado do sorteo realizado, en cumprimento do establecido na Resolución da mesma consellería do 9 de xaneiro de 2019 (DOG núm. 14, do 21 de xaneiro).

II.1.2.2. As persoas aspirantes deberán presentarse a cada exercicio provistas de NIF, NIE, pasaporte, permiso de condución ou outro documento fidedigno que a xuízo do tribunal acredite a súa identidade.

II.1.2.3. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a das persoas aspirantes, os membros do tribunal e as persoas designadas pola Dirección Xeral da Función Pública como colaboradoras.

II.1.2.4. En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal coa finalidade de acreditar a súa identidade.

II.1.2.5. O chamamento para cada exercicio será único, de xeito que as persoas aspirantes que non comparezan serán excluídas.

Non obstante, as mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro das corenta e oito (48) horas seguintes ao anuncio da data do exame e implicará o consentimento da interesada para permitir o acceso do tribunal ou do órgano convocante aos datos médicos necesarios relacionados coa súa situación.

O tribunal acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

II.1.2.6. O anuncio de realización dos exercicios publicarase no DOG e no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, con corenta e oito (48) horas, polo menos, de anticipación á sinalada para o seu inicio.

II.1.2.7. Se o tribunal, de oficio, ou con base nas reclamacións que as persoas aspirantes poden presentar nos tres (3) días hábiles seguintes á realización do exercicio, anulase algunha ou algunhas das súas preguntas ou modificase o modelo de corrección de respostas publicarao no DOG.

II.1.2.8. As puntuacións obtidas polas persoas aspirantes publicaranse no portal web corporativo da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal

Concederase un prazo de dez (10) días hábiles para os efectos de alegacións, que se contarán desde o día seguinte ao da publicación no DOG da resolución do tribunal pola que se fan públicas as puntuacións do correspondente exercicio.

II.1.2.9. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha persoa aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, comunicarallo á Dirección Xeral da Función Pública para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento.

No caso de que a persoa aspirante non acredite o cumprimento dos requisitos, a Dirección Xeral da Función Pública proporá a súa exclusión do proceso selectivo ao órgano convocante, que publicará a resolución que corresponda.

II.1.2.10. Para respectar os principios de publicidade, transparencia, obxectividade e seguridade xurídica que deben rexer no acceso ao emprego público, o tribunal establecerá e informará as persoas aspirantes, con anterioridade á realización dos exercicios, dos criterios de corrección, valoración e superación que non estean expresamente establecidos nas bases desta convocatoria.

No caso de que o tribunal acorde parámetros para a cualificación do exercicio, en desenvolvemento dos criterios de valoración previstos nesta convocatoria, aqueles difundiranse con anterioridade á realización do exercicio.

II.1.2.11. A situación de emerxencia sanitaria derivada da pandemia da COVID-19 constitúe unha causa de forza maior que xustifica a adopción de medidas especiais que teñen por obxecto garantir a celebración do proceso selectivo. Con esta finalidade a Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 19, do 21 de xaneiro), prevé na disposición adicional segunda sobre medidas especiais en materia de procesos selectivos ou de provisión derivadas da situación de emerxencia sanitaria, a posibilidade de adoptar medidas específicas.

Polo que o tribunal poderá acordar a fixación de datas alternativas para a realización de exercicios deste proceso selectivo a persoas aspirantes que non poidan participar neles na data inicialmente sinalada por estaren cumprindo unha medida de illamento ou en corentena que teñan prescrita por ser persoa infectada pola COVID-19 ou contacto estreito, debendo fixarse a data alternativa con garantías de non alteración do desenvolvemento normal do correspondente proceso selectivo.

Ou ben poderá propor á Dirección Xeral da Función Pública calquera das outras medidas previstas e que sexa necesarias para o desenvolvemento deste proceso selectivo.

II.2. Fase de concurso.

A fase de concurso consistirá na valoración ás persoas aspirantes que superaron a fase de oposición dos seguintes méritos:

II.2.1. Antigüidade.

Os servizos serán valorados por meses de 30 días a razón de 0,20 puntos/mes.

Para estes efectos, calcularase o número total de días correspondentes aos períodos computables, dividirase o resultado entre trinta (30) e multiplicarase o cociente, desprezando os decimais, por 0,20.

Para estes efectos, computaranse os servizos recoñecidos polo órgano competente de conformidade co establecido na Lei 70/1978, do 26 de decembro, de recoñecemento de servizos previos na Administración pública.

A puntuación máxima por esta epígrafe será de 30 puntos.

II.2.2. Formación.

Valoraranse os cursos de formación organizados e impartidos directamente pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Academia Galega de Seguridade Pública, o Instituto Nacional de Administración Pública (INAP), escolas oficiais de formación do Estado, das restantes comunidades autónomas, e os cursos impartidos no marco do Acordo de Formación para o Emprego das Administracións Públicas (AFEDAP).

Para cada curso de duración igual ou superior a 8 horas lectivas valorarase con 0,01 puntos cada hora de formación, ata un máximo de 1,5 puntos por curso.

Non se valorará:

– A asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares.

– As materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica.

– Os cursos de doutoramento.

– Os módulos ou partes integrantes dun curso.

– Os cursos que formen parte dos procesos de selección de funcionarios.

Para os efectos de puntuación desta epígrafe estimaranse como valorables as probas superadas de avaliación dos programas de autoformación organizadas pola EGAP ao consideralas equivalentes a un aproveitamento polas horas previstas dos correspondentes cursos organizados e impartidos directamente pola EGAP.

A puntuación máxima desta epígrafe é de 6 puntos.

II.2.3. Grao de coñecemento do idioma galego:

– Curso de nivel medio de linguaxe administrativa galega, curso de nivel medio de linguaxe administrativa local galega, curso de nivel medio de linguaxe xurídica galega, ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas ou Celga 5: 2,25 puntos.

– Curso de nivel superior de linguaxe administrativa galega ou curso de nivel superior de linguaxe xurídica galega: 3 puntos.

En caso de acreditar máis dun grao de coñecemento do idioma galego, só se computará a puntuación correspondente ao superior.

II.2.4. Exercicio de dereitos de conciliación nos cinco anos anteriores, ata o máximo de 1 punto:

– Permiso por parto, adopción ou acollemento (artigos 121 e 122 da LEPG): 0,2 puntos/permiso.

– Permiso do outro proxenitor por nacemento, acollemento ou adopción dun fillo/a (artigo 124 da LEPG): 0,2 puntos/permiso.

– Redución de xornada do artigo 106.2 a) e b) da LEPG: 0,04 puntos.

– Excedencia para o coidado de familiares: 0,04 puntos/mes completo.

Os meses serán computados por días naturais (30 días).

II.3. Os méritos enumerados na base II.2 deberán referirse á data de finalización do prazo de presentación das solicitudes de participación e deberán acreditarse de conformidade co procedemento que estableza a Dirección Xeral da Función Pública, que será publicado no Diario Oficial de Galicia.

Non se terán en conta os méritos que non se presenten conforme o establecido no dito procedemento.

II.4. Rematada a fase de oposición, desde a publicación polo tribunal das notas do último exercicio, as persoas aspirantes deberán proceder de conformidade co sinalado no procedemento a que se refire o punto anterior para presentar a documentación relativa á fase de concurso, que irá dirixida á Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda e Administración Pública (Edificio Administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela).

II.5. O tribunal procederá á baremación da fase de concurso, coa colaboración técnica que precise do persoal da Dirección Xeral da Función Pública, e publicaraa no DOG, con indicación da puntuación obtida por cada aspirante. Contra a baremación, as persoas aspirantes que o consideren oportuno poderán presentar reclamación ante o propio tribunal no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación no DOG da dita baremación.

Á vista das reclamacións presentadas e realizadas, de ser o caso, as oportunas correccións á baremación inicialmente asignada a cada aspirante, o tribunal procederá á publicación no DOG da baremación definitiva da fase de concurso.

II.6. A orde de prelación das persoas aspirantes virá dada pola suma das puntuación obtidas nas fases de oposición e na fase de concurso. Non poderá superar o proceso selectivo un número superior ao de prazas convocadas.

Non obstante, para asegurar a cobertura das vacantes, se se producisen renuncias das persoas seleccionadas antes do seu nomeamento ou toma de posesión, o órgano convocante poderá requirir unha relación complementaria das persoas que sigan por puntuación ás propostas. Para estes efectos, terán a mesma consideración que as renuncias os supostos das persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos ou do seu exame se deducise que carecen dalgún deles e que, en consecuencia, non poidan ser nomeadas persoal funcionario de carreira.

III. Tribunal.

III.1. O tribunal cualificador do proceso será nomeado por resolución da consellería competente en materia de función pública e a súa composición será a determinada polo previsto no artigo 59 da LEPG, artigo 60 do TRLEBEP, e artigo 48 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, e o Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

III.2. As persoas que formen parte do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, no artigo 59.2 da Lei 2/2015 de emprego público de Galicia, ou nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección aprobadas pola Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 11 de abril de 2007 e no Acordo adoptado no Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010. A concorrencia de calquera das ditas causas deberá ser comunicada á Dirección Xeral da Función Pública.

A Presidencia deberá solicitar ás restantes persoas que formen parte do tribunal e, de ser o caso, ao persoal asesor previsto na base III.9 e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos, unha declaración expresa de non atoparse incursos en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

En todo caso, as persoas aspirantes poderán recusar os integrantes do tribunal cando concorran neles algunha das circunstancias referidas no parágrafo primeiro consonte o establecido no artigo 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

III.3. A autoridade convocante publicará no DOG a resolución correspondente pola que se nomeen os novos integrantes do tribunal que substituirán os que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base anterior.

III.4. A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación do nomeamento do tribunal no DOG. Na dita sesión o tribunal adoptará todas as decisións que lle corresponda para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

III.5. A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia da metade, polo menos, dos seus membros, con presenza en todo caso da/do presidenta/e e da/do secretaria/o, ou de quen os substitúa.

III.6. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección e ao resto do ordenamento xurídico.

III.7. Por cada sesión do tribunal levantarase unha acta, que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, será autorizada coa sinatura da/do secretaria/o e o visto e prace da/do presidenta/e, ou quen os substitúa.

III.8. A/o presidenta/o do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios do proceso selectivo sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes e utilizará para iso os impresos adecuados.

O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

As decisións e os acordos que afecten a cualificación e valoración das probas (determinación do número de preguntas correctas para acadar a puntuación mínima, fixación de criterios de valoración, etc.) deberán adoptarse sen coñecer a identidade das persoas aspirantes as que corresponden os resultados obtidos.

III.9. O tribunal poderá propoñer a incorporación aos seus traballos de persoal asesor para as valoracións que coide pertinentes, quen deberá limitarse a colaborar nas súas especialidades técnicas e terán voz pero non voto. O seu nomeamento corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública.

III.10. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario para que as persoas aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para realizar os exercicios que as restantes persoas participantes. Para tal fin, estableceranse para as persoas con discapacidades que o soliciten na forma prevista na base I.3 as adaptacións de tempo e/ou medios que sexan necesarias.

Se durante a realización do proceso selectivo, o tribunal tivese dúbidas sobre a capacidade da persoa aspirante para o desempeño das funcións propias do corpo ou escala a que opta poderá solicitar o ditame do órgano competente.

III.11. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia. Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal cualificador realizada segundo o disposto na base IV.1 implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros poidan desprazarse ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

A Dirección Xeral da Función Pública determinará o dito número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.

III.12. O tribunal non poderá propoñer o acceso ao emprego público dun número superior de persoas aprobadas ao de prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito, tendo en conta o previsto na base II.5.

III.13. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

III.14. As comunicacións que formulen as persoas aspirantes ao tribunal dirixiranse electronicamente á Consellería de Facenda e Administración Pública, Dirección Xeral da Función Pública (Edificio Administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela).

IV. Listaxe de persoas aprobadas, presentación de documentación e nomeamento de persoal funcionario de carreira.

IV.1. A cualificación do proceso virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos exercicios da oposición e na fase de concurso.

No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes acudirase por orde aos seguintes criterios ata que se resolva:

– Puntuación obtida nos exercicios da fase de oposición pola súa orde de realización.

– Puntuación outorgada polos méritos alegados na fase de concurso seguindo a orde establecida nas diferentes epígrafes da base II.2.

– Orde alfabética recollida na base II.1.2.1.

– En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.

IV.2. Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal publicará no DOG a relación de persoas aspirantes que o superaron por orde de puntuacións acadadas, con indicación do seu documento nacional de identidade ou equivalente. Na mesma resolución proporá o seu nomeamento como persoal funcionario de carreira.

A partir do día seguinte ao da publicación no DOG da relación de persoas aprobadas, estas disporán dun prazo de vinte (20) días hábiles para a presentación dos seguintes documentos:

a) Copia auténtica do título exixido na base I.2 ou certificación académica que acredite ter realizado todos os estudos para a súa obtención. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá presentar credencial da súa validación ou homologación ou ben a credencial de recoñecemento da titulación para exercer a profesión.

b) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido separada/o, nin despedida/o, mediante expediente disciplinario, do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ao corpo do que foi separada/o ou inhabilitada/o, nin pertencer ao mesmo corpo ou escala, segundo o modelo que figura como anexo II a esta convocatoria.

No suposto de ser nacional doutro Estado, declaración xurada ou promesa de non atoparse inhabilitada/o ou en situación equivalente, nin ter sido sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de procedencia, o acceso ao emprego público nos mesmos termos, segundo o modelo que figura como anexo III a esta convocatoria.

c) Informe sobre o estado de saúde que acredite que a persoa aspirante non padece enfermidade nin está afectada por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

d) As persoas aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % que superen o proceso selectivo deberán, ademais, acreditar tal condición mediante certificación dos órganos competentes da Consellería de Política Social e, de ser o caso, da Administración correspondente.

A consellería competente en materia de función pública solicitará ao órgano competente a documentación que acredite que as persoas aspirantes que accedan por esta cota de reserva reúnen os requisitos de compatibilidade co desempeño das correspondentes funcións.

Poderán autorizar á Administración a dita consulta mediante solicitude expresa remitida xunto co resto da documentación.

IV.3. As persoas aspirantes estarán exentas de xustificar documentalmente as condicións e demais requisitos xa probados para obter o seu anterior nomeamento.

IV.4. As persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presentasen a documentación ou do exame dela se deducise que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base I.2 non poderán ser nomeadas persoal funcionario de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

IV.5. Unha vez acreditada a posesión dos requisitos exixidos, as persoas aspirantes serán nomeadas persoal funcionario de carreira mediante unha resolución da persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública que se publicará no DOG e indicará o destino adxudicado.

IV.6. A adxudicación das prazas ás persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación sinalada na base IV.1.

Ás persoas aspirantes que superen este proceso selectivo adxudicaráselles destino no mesmo posto que viñesen desempeñando con carácter definitivo sempre que figure na relación de postos de traballo aberto ao corpo de Administración xeral a que acceden.

No caso de que non ocupe un posto con carácter definitivo ou que non estea aberto ao corpo, ofertarase na elección de destino unha vacante que poderá ser de nivel superior ao nivel mínimo do subgrupo, no caso de que non haxa vacantes deste nivel.

IV.7. A toma de posesión das persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do seu nomeamento no DOG, de conformidade co artigo 60.e) da LEPG.

V. Disposición derradeira.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou impugnala directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2021

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO I

Programa que rexerá do proceso selectivo para o acceso ao corpo superior
da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1,
escala superior de finanzas, pola quenda de acceso de promoción interna

– Dereito administrativo:

Tema 1. As fontes do dereito administrativo. A Constitución. A lei. Os decretos lei. A delegación lexislativa. Os tratados internacionais.

Tema 2. A potestade regulamentaria: titularidade, límites e control. O regulamento: clases. Eficacia dos regulamentos. A inderrogabilidade singular.

Tema 3. A organización administrativa. Órganos unipersoais e colexiados. A competencia e a xerarquía. Centralización, descentralización e desconcentración.

Tema 4. O sector público institucional estatal. Os organismos autónomos. As entidades públicas empresariais. As sociedades mercantís estatais. Os demais entes públicos.

Tema 5. A organización de funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. As entidades instrumentais.

Tema 6. As potestades administrativas. O principio de legalidade. A autotutela da Administración. A responsabilidade da Administración e os seus axentes. Requisitos. Prazos de reclamación e procedemento. O goberno aberto, especial referencia á transparencia e o acceso á información pública, á participación na rendición de contas e ó bo goberno. Normativa reguladora da protección dos datos persoais: principios, dereitos das persoas e exercicio dos dereitos.

Tema 7. O acto administrativo (I). Concepto, elementos e clases. Forma. A notificación e a publicación dos actos administrativos. O silencio administrativo.

Tema 8. O acto administrativo (II). Eficacia e executoriedade dos actos administrativos. A suspensión de efectos do acto administrativo. A execución forzosa: especial referencia á vía de constrinximento. Validez e invalidez dos actos administrativos. Revogación e anulación de oficio dos actos administrativos.

Tema 9. O procedemento administrativo: concepto e clases. Regulación. As partes no procedemento administrativo: dereitos dos cidadáns. Os interesados. Capacidade, lexitimación e representación. Iniciación. Instrución: especial referencia ao trámite de audiencia. A terminación do procedemento: formas.

Tema 10. Os contratos administrativos (I). O Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público. Ámbito subxectivo e obxectivo de aplicación. Órganos de contratación. O contratista: aptitude para contratar. Tipos contractuais.

Tema 11. Os contratos administrativos (II). O obxecto do contrato. Presuposto base de licitación, valor estimado, o prezo e a súa revisión. Prazo de duración. As garantías no contrato administrativo. A preparación dos contratos. Procedementos de selección do adxudicatario. A Xunta Consultiva de Contratación Administrativa de Galicia.

Tema 12. Os contratos administrativos (III). Invalidez dos contratos e recurso especial en materia de contratación. O Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia. Efectos, cumprimento e extinción dos contratos. Rexistros oficiais.

Tema 13. As subvencións. Lei de subvencións de Galicia. Concepto e principios xerais. Os beneficiarios. Procedementos de concesión.

Tema 14. Procedementos de xestión e xustificación. Reintegros. Control financeiro de subvencións. Infraccións e sancións administrativas. O delito subvencional.

Tema 15. O patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia. Tráfico xurídico do patrimonio. Utilización e aproveitamento do patrimonio. Xestión do Patrimonio. Protección e defensa.

Tema 16. A noción do servizo público. Os modos de xestión do servizo público.

Tema 17. A potestade sancionadora da Administración. Fundamentos, contido e límites. As sancións administrativas: concepto e clases. O procedemento sancionador.

Tema 18. A expropiación forzosa. Fundamento e límites. Os suxeitos da expropiación. Requisitos da expropiación. O prezo xusto. A reversión expropiatoria.

Tema 19. Os recursos administrativos. Clases de recursos. Procedemento de tramitación e resolución dos recursos administrativos.

Tema 20. A xurisdición contencioso-administrativa: ámbito. Os órganos da xurisdición contencioso-administrativa. As partes do procedemento. Obxecto do recurso. O procedemento contencioso-administrativo. A sentenza. Os recursos.

Tema 21. A Administración pública e a xustiza. Conflitos xurisdicionais, conflitos de competencia, cuestións de competencia e conflitos de atribucións.

Tema 22. A organización administrativa estatal. Principios de organización. A organización administrativa central e periférica. A administración consultiva. A Administración electrónica: dereito e obriga de relacionarse electronicamente coas administracións públicas. Instrumentos para o acceso electrónico ás administracións públicas: sedes electrónicas, canles e punto de acceso, identificación e autenticación. Asistencia no uso de medios electrónicos aos interesados.

– Facenda pública:

Tema 23. O sector público nunha economía de mercado. Delimitación, criterios de medición, importancia e evolución. A contabilidade nacional e o sector público. A facenda pública. Os contidos actuais.

Tema 24. A intervención do sector público na actividade económica. Os fallos do mercado. Os fins do sector público. As operacións do sector público.

Tema 25. A toma de decisións no sector público. Elección social e preferencias individuais. O funcionamento democrático. Burocracia e grupos de interese.

Tema 26. O orzamento. Concepto e estrutura. O ciclo orzamentario. As distintas técnicas orzamentarias: do orzamento administrativo ás modernas técnicas de orzamentación. O orzamento e os sistemas de planificación e control.

Tema 27. A eficiencia no sector público. Produción pública e produción privada. Selección e avaliación de proxectos. Custos, beneficios e regras de decisión.

Tema 28. A xestión pública. A xestión pública como ciencia multidisciplinar. Os fallos do sector público. Limitacións da intervención pública na corrección dos fallos do mercado. Emprego público: aspectos descritivos e mecanismos de incentivos.

Tema 29. Experiencias de reforma na xestión pública nos países da OCDE. Problemas de medición do output público. Os indicadores de actividade. Mecanismos casecompetitivos e de mercado: os casemercados. Empresas públicas e eficiencia.

Tema 30. Relación entre equilibrio orzamentario e crecemento e estabilidade económica. Disciplina fiscal na Unión Europea. A reforma da institución orzamentaria en España: as leis de estabilidade orzamentaria.

Tema 31. Gasto público: teorías explicativas do crecemento, equidade e eficiencia. Teorías explicativas do crecemento do gasto público. Incidencia e efectos distributivos do gasto público. Eficacia e eficiencia do gasto público: conceptos e técnicas de análise.

Tema 32. Gasto público no Estado do benestar (I). Gastos sociais. Bens preferentes e equidade categórica. Gasto público en sanidade. Gasto público en educación. Gasto público en vivenda.

Tema 33. Gasto público no Estado do benestar (II). Prestacións económicas: concepto, tipos e xustificación. Sistema de pensións: deseño e efectos económicos. O seguro de desemprego. Os programas de loita contra a pobreza.

Tema 34. Os ingresos públicos. Criterios de clasificación. Os prezos e a empresa pública. Prezos públicos e taxas. As contribucións especiais. O imposto, concepto e distincións. Distintos tipos de impostos. Os elementos integrantes dos impostos.

Tema 35. Os principios impositivos. Os principios do beneficio e da capacidade de pagamento. A incidencia impositiva. Os sistemas fiscais. As principais figuras impositivas. Os condicionantes da estrutura tributaria. Evolución e modelos internacionais.

Tema 36. Os custos da imposición. Custos de eficiencia. Exceso de gravame e imposición óptima. Custos de recadación. A fraude fiscal: conceptos, efectos e condicionantes.

Tema 37. Imposición sobre a renda das persoas físicas: concepto e natureza. Evolución. Concepto fiscal de renda. A consideración das distintas fontes. As rendas irregulares e as variacións patrimoniais. As rendas empresariais. As exencións e os gastos deducibles. A unidade contribuínte: problemas de delimitación e alternativas no seu tratamento. As tarifas e os seus problemas. A autoliquidación. Efectos económicos e valoración actual.

Tema 38. Imposición sobre sociedades: concepto e características. Xustificación. Base impoñible: problemas e alternativas de determinación. Tipos de gravame e beneficios fiscais. A incidencia do imposto. A integración coa imposición sobre a renda das persoas físicas.

Tema 39. A imposición xeral sobre as vendas. Concepto e clasificación. A imposición sobre o valor engadido: tipoloxía e problemas. Incidencia e valoración.

Tema 40. A imposición sobre consumos específicos. Razóns xustificativas. Evolución e figuras actuais. Incidencia e efectos económicos. Cota fixa versus imposición ad valorem. A imposición sobre o comercio exterior.

Tema 41. Tendencias dos modelos tributarios. As críticas aos modelos vixentes. As novas figuras impositivas: os impostos de ordenación, os impostos ecolóxicos e a taxa sobre transaccións financeiras. As propostas de reformas fiscais.

Tema 42. O déficit público e a facenda extraordinaria. Definicións e instrumentos de financiamento. A débeda pública: concepto, clases e efectos económicos, a carga da débeda. As privatizacións de activos públicos. A inflación como imposto. Os efectos económicos do déficit: expansión e efecto expulsión.

Tema 43. A facenda multinivel. Principios do federalismo fiscal. Distribución de competencias e modelos de financiamento. As subvencións intergobernamentais. A facenda internacional: a dobre imposición internacional; a harmonización fiscal.

Tema 44. Planificación fiscal individual e empresarial. Métodos para a análise da planificación fiscal: concepto de custo de uso, tipos marxinais efectivos e cálculo de taxas internas de retorno axustadas por impostos. Concepto de tipo impositivo anual equivalente. Aplicacións a instrumentos de aforro a curto e longo prazo.

– Sistema financeiro español:

Tema 45. A estrutura do sistema financeiro español. A autoridade monetaria. Intermediarios financeiros. Mercados financeiros.

Tema 46. Banco de España. Órganos reitores. Funcións. Supervisión prudencial das entidades de crédito. Execución da política monetaria. O Sistema Europeo de Bancos Centrais e o Banco Central Europeo.

Tema 47. Entidades de crédito. Os bancos. As caixas de aforro. Órganos de goberno. Competencias das CCAA. As fundacións bancarias. As cooperativas de crédito. As entidades de diñeiro electrónico.

Tema 48. O sector asegurador. Competencias da Comunidade Autónoma en materia de seguros. Condicións para o acceso e para o exercicio da actividade aseguradora. O Consorcio de Compensación de Seguros. Protección do asegurado.

Tema 49. A débeda pública nas administracións territoriais. Limitacións no acceso ao endebedamento do sector público autonómico galego. A tutela financeira sobre as corporacións locais galegas.

– Dereito orzamentario:

Tema 50. O Dereito Financeiro. Concepto, autonomía e contido. Os principios constitucionais do dereito financeiro. A facenda pública na Constitución española.

Tema 51. O dereito orzamentario: concepto e contido. A Lei de disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira de Galicia. A lexislación financeira da Comunidade Autónoma de Galicia. A facenda autonómica: principios xerais, dereitos e obrigas da Comunidade Autónoma.

Tema 52. Os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma (I). Concepto e contido. Clasificacións orzamentarias de ingresos e gastos. Elaboración e aprobación.

Tema 53. Os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma (II). As modificacións orzamentarias. Tipoloxía, requisitos e competencias para a súa autorización. Liquidación dos orzamentos.

Tema 54. O gasto público: concepto. Principios constitucionais. Procedemento de execución do gasto público.

Tema 55. Xestión de gastos de persoal. Retribucións dos empregados públicos. A Seguridade Social dos empregados públicos. A xestión dos gastos de clases pasivas.

Tema 56. A Tesouraría da Comunidade Autónoma: funcións e competencias. A xestión de pagamentos. Pagamentos para xustificar e anticipos de caixa fixa. Réxime xurídico do endebedamento do sector público e dos avais da Comunidade Autónoma.

Tema 57. O dereito da contabilidade pública. O Plan xeral de contabilidade pública de Galicia. Principios contables, contas anuais e normas de valoración. A Conta Xeral da Comunidade Autónoma. Formación e remisión. Documentos e estados que a integran. Exame, comprobación e aprobación.

Tema 58. A contabilidade nacional. O Sistema Europeo de Contas (SEC 2010). Sector administracións publicas: su delimitación. Determinación dos equilibrios orzamentarios básicos: aforro bruto e aforro neto, capacidade e necesidade de financiamento, capacidade e necesidade de endebedamento. As relacións entre a contabilidade pública e a contabilidade nacional. Criterios de axuste.

Tema 59. O control interno da actividade económico-financeira do sector público (I), concepto de control. Clases de control. Natureza, fundamento e ámbito de aplicación do control. A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma: organización e funcións.

Tema 60. O control interno da actividade económico-financeira do sector público (II). O control previo de legalidade. Concepto, regulación e principios xerais. Control previo de legalidade de ingresos. Control previo de legalidade de gastos e pagamentos. Diferentes momentos de exercicio. A omisión da intervención. O control financeiro. Concepto. Regulación e principios xerais. Clases de control financeiro. A auditoría como forma de exercicio do control financeiro.

Tema 61. O control externo da actividade económico-financeira do sector público (I). O control parlamentario. O control do Tribunal de Contas e do Consello de Contas. O Consello de Contas: competencias e funcións. A función fiscalizadora. A función xurisdicional do Tribunal de Contas. Réxime de responsabilidade na xestión financeira pública. Os procedementos para a exixencia de responsabilidade contable.

– Dereito tributario:

Tema 62. O dereito tributario: concepto e contido. As fontes do dereito tributario. Administración tributaria. As obrigas e deberes da Administración tributaria. Os principios do ordenamento tributario español.

Tema 63. A aplicación e a interpretación das normas tributarias. Ámbito temporal e criterios de suxeición ás normas tributarias. Interpretación e cualificación. A integración das normas tributarias: analoxía, simulación e conflito na aplicación da norma tributaria.

Tema 64. Os tributos. Concepto, fins e clases de tributos. A relación xurídico-tributaria. As obrigas tributarias: a obriga tributaria principal, a obriga tributaria de realizar pagamentos á conta, as obrigas entre particulares, as obrigas tributarias accesorias, as obrigas tributarias formais e as obrigas tributarias no marco da asistencia mutua. Número de identificación fiscal e obrigas censuais.

Tema 65. Os obrigados tributarios: clases. Dereitos e garantías. Os suxeitos pasivos. O contribuínte e o seu substituto. A capacidade de obrar na orde tributaria. Representación. Residencia e domicilio fiscal.

Tema 66. Os responsables tributarios. A responsabilidade tributaria. Responsables solidarios e subsidiarios. Os sucesores. Retedores e obrigados a ingresar á conta. Outros obrigados tributarios.

Tema 67. Os elementos de cuantificación da obriga tributaria. A base impoñible: concepto e métodos de determinación. A base liquidable. O tipo de gravame. A cota tributaria. A débeda tributaria: concepto. Garantías da débeda tributaria. Medidas cautelares para o aseguramento da cobranza da débeda.

Tema 68. A aplicación dos tributos (I). Concepto e órganos competentes. A información e asistencia aos obrigados tributarios. A consulta tributaria. Información con carácter previo á adquisición ou transmisión de bens inmobles. Colaboración social na aplicación dos tributos. A asistencia mutua: concepto.

Tema 69. A aplicación dos tributos (II). Os procedementos administrativos en materia tributaria: fases. Obriga de resolución e prazos de resolución. A proba. Notificacións. A denuncia pública. As liquidacións tributarias.

Tema 70. Actuacións e procedemento de xestión tributaria (I). Funcións de xestión tributaria. Declaracións. Autoliquidacións. Comunicacións de datos. Procedemento de devolución iniciado mediante autoliquidación, solicitude ou comunicación de datos. Procedemento iniciado mediante declaración.

Tema 71. Actuacións e procedemento de xestión tributaria (II). Procedemento de comprobación de valores. Procedemento de verificación de datos. Procedemento de comprobación limitada. Outros procedementos de xestión tributaria.

Tema 72. A recadación (I). Órganos de recadación: organización da xestión recadadora da Xunta de Galicia. Facultades da recadación. Funcións ou actuacións das entidades financeiras na recadación. Extinción das débedas: o pagamento. Prescrición. Insolvencias. Aprazamentos e fraccionamentos. Garantías para o aprazamento e o fraccionamento. O procedemento de compensación. A compensación de oficio de débedas de entidades públicas. O procedemento de dedución.

Tema 73. A recadación (II). A recadación en período executivo. O procedemento de constrinximento: concepto. Concorrencia de procedementos. Suspensión. Embargo e alleamento de bens e dereitos. O procedemento fronte a responsables e sucesores. Privilexios para o cobramento de débedas tributarias: a facenda pública e os procesos concursais. As terzarías.

Tema 74. A inspección dos tributos: órganos, funcións, facultades e deberes. Tipos de actuacións. Documentación das actuacións da inspección. Procedemento de inspección: normas xerais. Iniciación e desenvolvemento. Terminación das actuacións inspectoras. Disposicións especiais.

Tema 75. A potestade sancionadora en materia tributaria (I). Principios. Os suxeitos responsables das infraccións e sancións tributarias. Concepto e clases de infraccións e sancións tributarias. Cuantificación das sancións. Extinción da responsabilidade derivada das infraccións tributarias e extinción das sancións tributarias.

Tema 76. A potestade sancionadora en materia tributaria (II). Procedemento sancionador en materia tributaria: iniciación, instrución e terminación. Tramitación conxunta. Tramitación separada. Delitos contra a facenda pública. Descrición dos tipos penais contra a facenda pública.

Tema 77. Revisión de actos en vía administrativa. Normas comúns. Procedementos especiais de revisión. O recurso de reposición. As reclamacións económico-administrativas: ámbito de aplicación, organización e competencias. A Xunta Superior de Facenda.

Tema 78. As reclamacións económico-administrativas: os interesados no procedemento. A suspensión. O procedemento xeral: procedemento en única ou primeira instancia, recursos en vía económico-administrativa, procedemento abreviado ante órganos unipersoais.

Tema 79. O imposto sobre a renda das persoas físicas (I): natureza, obxecto e ámbito de aplicación. Suxeición ao imposto: aspectos materiais, persoais e temporais. Determinación da capacidade económica sometida a gravame: rendementos e ganancias e perdas patrimoniais. Clases de rendas. Integración e compensación de rendas.

Tema 80. O imposto sobre a renda das persoas físicas (II). Base impoñible e liquidable. Reducións. Adecuación do imposto ás circunstancias persoais e familiares do contribuínte. Cálculo do imposto estatal. Gravame autonómico. Cota diferencial. A tributación familiar. Réximes especiais. Declaracións, pagamentos á conta e obrigas formais. O imposto sobre a renda de non residentes.

Tema 81. O imposto sobre o patrimonio. Natureza, obxecto e ámbito de aplicación. Feito impoñible. Suxeito pasivo. Exencións. Base impoñible e liquidable. A débeda tributaria. Xestión do imposto.

Tema 82. O imposto sobre sociedades (I): natureza e ámbito de aplicación. O feito impoñible. Contribuíntes. Exencións. Período impositivo e devindicación do imposto. Base impoñible.

Tema 83. O imposto sobre sociedades (II). Débeda tributaria: tipos de gravame, cota íntegra, bonificacións, deducións, retencións, devolucións e pagamentos á conta. Réximes especiais. Xestión do imposto.

Tema 84. O imposto sobre sucesións e doazóns (I). Feito impoñible: presuncións. Suxeito pasivo e responsables. Base impoñible. Comprobación de valores. A base liquidable. A tarifa. A débeda tributaria. Devindicación e prescrición.

Tema 85. O imposto sobre sucesións e doazóns (II). Normas especiais sobre o dereito de usufruto, uso, habitación, substitucións, fideicomisos, reservas, particións e excesos de adxudicación, repudiación, renuncia e doazóns. Obrigas formais. Xestión do imposto.

Tema 86. O imposto sobre o valor engadido (I). Natureza e ámbito de aplicación. Feito impoñible. Breve referencia ás exencións. Deslinde do IVE co imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados. Lugar de realización do feito impoñible. Devindicación do imposto. Suxeitos pasivos e responsables.

Tema 87. O imposto sobre o valor engadido (II). Repercusións. A base impoñible. A débeda tributaria: tipos impositivos. Deducións. Devolucións. Réximes especiais. Xestión.

Tema 88. O imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados (I). Natureza e contido. Ámbito de aplicación territorial. Transmisións patrimoniais onerosas: feito impoñible, suxeito pasivo, base impoñible e cota tributaria. Regras especiais sobre determinados bens e dereitos. Tributación das operacións societarias: feito impoñible, suxeito pasivo, base impoñible e débeda tributaria.

Tema 89. O imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados (II). Actos xurídicos documentados: principios xerais e tributación dos documentos administrativos, mercantís e notariais. Disposicións comúns: beneficios fiscais, comprobación de valores, devindicación, prescrición, obrigas formais, xestión e devolución.

Tema 90. Os impostos especiais. Os impostos especiais de fabricación: disposicións comúns e principais normas reguladoras. Os distintos impostos especiais de fabricación: estrutura básica. Tipos xeral e especial do imposto sobre hidrocarburos. O imposto especial sobre determinados medios de transporte. Os impostos especiais sobre o carbón e sobre a electricidade. O imposto sobre as primas de seguros.

Tema 91. O Imposto sobre determinados servizos dixitais. Imposto sobre as transaccións financeiras. Os impostos ambientais estatais: o imposto sobre o valor da produción da enerxía eléctrica, os impostos sobre a produción de combustible nuclear gastado e residuos radioactivos resultantes da xeración de enerxía nucleoeléctrica e sobre o almacenamento de combustible nuclear gastado e residuos radioactivos en instalacións centralizadas, o imposto sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro e o imposto sobre o valor da extracción de gas, petróleo e condensados.

Tema 92. A tributación sobre o xogo. Tributos cedidos: taxa sobre rifas, tómbolas, apostas e combinacións aleatorias. Taxa sobre xogos de sorte, envite ou azar. Imposto sobre actividades do xogo.

Tema 93. Os tributos propios da Comunidade Autónoma de Galicia: o imposto sobre contaminación atmosférica. O imposto sobre o dano ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada. O canon da auga e o coeficiente de vertedura. O canon eólico. O imposto compensatorio ambiental mineiro. O canon de inmobles declarados en estado de abandono. A Lei de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia: elementos esenciais; aplicación de taxas e prezos.

Tema 94. O financiamento das comunidades autónomas. Principios. Sistemas de financiamento das comunidades autónomas de réxime común. Réxime da cesión de tributos. Órganos e formas de relación entre o Estado e as comunidades autónomas. Financiamento das facendas locais. Recursos das facendas locais. Recursos dos municipios. Os impostos municipais. Recursos das provincias e outras entidades locais.

ANEXO II

(Nome e apelidos do aspirante)..., con domicilio en..., con NIF/NIE/pasaporte..., declara, para os efectos de ser nomeado/a persoal funcionario do corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, que non foi despedida/o nin separada/o mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou órgano constitucional ou estatutario das comunidades autónomas, nin se atopa en situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial para o acceso ao dito corpo ou escala.

..., ... de... de 202....

ANEXO III

(Nome e apelidos aspirante)..., con domicilio en..., con NIF/NIE/pasaporte..., declara, para efectos de ser nomeada/o persoal funcionario de carreira do corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, que non se atopa inhabilitada/o ou en situación equivalente nin foi sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de..., nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

(País e localidade)..., ... de... de 202...