Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Luns, 21 de xuño de 2021 Páx. 31175

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 4 de xuño de 2021 pola que se convocan probas selectivas para cubrir unha praza da categoría profesional técnico/a superior de linguas modernas, perfil español para estranxeiros, pola quenda de acceso libre, vacante no cadro de persoal laboral.

O reitor, no uso das atribucións conferidas polo artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, así como nos estatutos desta universidade, e co fin de atender de maneira estable as necesidades estruturais de persoal de administración e servizos desta universidade, en execución do establecido no anexo II, oferta adicional de estabilización, da Resolución do 24 de setembro de 2020 (DOG do 5 de outubro) pola que se aproba a oferta de emprego público para o ano 2020, resolve convocar probas selectivas para cubrir unha praza da categoría profesional técnico/a superior de linguas modernas, español para estranxeiros, grupo I, vacante no seu cadro de persoal laboral, con suxeición ás seguintes

Bases da convocatoria

Todos os actos de relación entre as/os aspirantes e a USC derivados desta convocatoria se realizarán exclusivamente por medios electrónicos, ao abeiro do artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir con persoal laboral fixo unha praza vacante na categoría profesional técnico/a superior de linguas modernas (español para estranxeiros), grupo I, do Convenio colectivo para o persoal laboral da USC (DOG do 30 de decembro de 2008), pola quenda de acceso libre. A praza correspóndese con prazas ofertadas á estabilización de emprego público.

1.2. O sistema de selección será o de concurso-oposición. No que se refire ás probas e valoracións, axustaranse ao que se especifica no anexo I desta convocatoria.

1.3. A adxudicación da praza á persoa aspirante que supere o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación total obtida segundo o establecido no anexo I.

1.4. O programa que rexerá na fase de oposición especifícase no anexo II.

1.5. Na realización destas probas selectivas aplicaranse as seguintes normas e os seus desenvolvementos regulamentarios: Real decreto 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público; Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social; Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia; os estatutos da USC, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, da Xunta de Galicia; o Convenio colectivo do persoal laboral da USC (DOG do 30 de decembro de 2008) e as bases desta convocatoria.

2. Requisitos das persoas aspirantes.

2.1. Para seren admitidas á realización das probas selectivas, as persoas aspirantes deberán posuír, no día de remate do prazo de presentación de solicitudes e mantelos ata o momento de formalización do contrato, os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún Estado membro da Unión Europea ou nacional dalgún Estado, ao cal, en virtude de tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lle sexa de aplicación a libre circulación de traballadores.

Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, o cónxuxe dos españois e dos nacionais dalgún dos demais Estados membros da Unión Europea e, cando así o prevexa o correspondente tratado, o dos nacionais dalgún Estado ao cal, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lle sexa de aplicación a libre circulación de traballadores, sempre que non estean separados de dereito. Así mesmo, coas mesmas condicións, poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe, menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade que vivan ás súas expensas.

Quen, non sendo español nin nacional dun Estado membro da Unión Europea, se encontre en España en situación de legalidade, sendo titular dun documento que o/a habilite para residir e poder acceder sen limitacións ao mercado laboral.

b) Ter cumpridos os 16 anos de idade e non exceder, de ser o caso, a idade máxima de xubilación forzosa.

c) Estar en posesión de titulación universitaria oficial de grao, doutor, licenciado, arquitecto, enxeñeiro ou equivalentes. As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título.

d) Será requisito indispensable para o ingreso ter acreditada a aptitude médica para o desempeño. Para estes efectos, a persoa aspirante declara, ao facer a solicitude de participación no proceso selectivo, que nesa data posúe a capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do posto e que non padece enfermidade física nin psíquica que lle impida realizar o traballo propio da categoría á cal se pretende incorporar.

e) Non ter antecedentes por delitos sexuais.

f) Non estar separado/a do servizo de calquera das administracións públicas en virtude de expediente disciplinario, nin estar inhabilitado por sentenza firme para o exercicio da función pública.

g) Non estar sancionado/a coa suspensión do dereito de concorrer a probas selectivas, segundo o artigo 70 do Convenio colectivo para persoal laboral da USC.

h) Aboar as taxas por dereitos de exame, agás o previsto no número 3.9.1 desta convocatoria para as persoas con discapacidade, para os membros de familias numerosas e para demandantes de emprego.

3. Solicitudes.

3.1. O prazo de presentación de solicitudes é de vinte (20) días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

3.2. As persoas que desexen participar nesta probas selectivas deberán formalizar a súa solicitude, así como aboar a taxa correspondente, unicamente por medios electrónicos. Para iso empregarase exclusivamente o formulario electrónico habilitado ao respecto que figura no Catálogo de procedementos da sede electrónica da USC: https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/seleccionPersoalLaboral.htm

No momento de formalizar a súa solicitude, as persoas aspirantes deberán xuntar a documentación que proceda segundo as bases da convocatoria.

3.3. Para a presentación de solicitudes, as/os aspirantes deben posuír un destes medios de identificación electrónica válidos:

– No caso de persoal da USC: credenciais corporativas.

– No caso de persoal alleo á USC: certificados persoais clase 2CA, certificados incluídos no DNI electrónico ou claves concertadas do sistema Cl@ve.

3.4. A solicitude presentarase xunto coa seguinte documentación:

– Fotocopia do certificado de coñecemento de lingua galega (Celga 4 ou certificado de aptitude do curso de perfeccionamento de lingua galega ou certificado de validación das materias de lingua galega, de acordo co previsto na Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento de lingua galega). As persoas aspirantes que non presenten esta acreditación deberán realizar a proba de lingua galega prevista no anexo I.

Quen teña a condición de persoal fixo de administración e servizos da USC estará exento/a de xustificar documentalmente as condicións e os requisitos xa probados para obter a súa anterior contratación ou nomeamento, e deberá presentar unicamente a documentación requirida para este procedemento que non se encontre debidamente acreditada no seu expediente persoal.

As persoas aspirantes que non posúan a nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar:

– Fotocopia do documento que acredite a súa nacionalidade e, se é o caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco e o feito de vivir a expensas ou estar a cargo do nacional doutro Estado co cal teña o dito vínculo.

– Declaración ou promesa da persoa aspirante de que non está separada de dereito do seu cónxuxe e, se é o caso, do feito de que vive ás súas expensas ou está ao seu cargo.

– As persoas aspirantes que estean exentas de realizar a proba previa de acreditación do coñecemento do castelán xuntarán, para tal efecto, fotocopia dos diplomas de español como lingua estranxeira de nivel B2, C1 ou C2 ou equivalente. De non achegaren esta certificación, non poderán ser declaradas exentas e deberán realizar a proba a que se refire a base 6.5.

3.5. A documentación xustificativa dos méritos que se valoran na fase de concurso achegarase coa solicitude e non serán valorados méritos que non estean suficientemente acreditados documentalmente nin os presentados fóra do prazo establecido para a presentación de solicitudes. A acreditación farase da seguinte maneira:

a) Certificado acreditativo dos servizos prestados, no cal consten a categoría e os períodos en que se prestaron, expedido pola unidade de persoal da Administración pública correspondente. Así mesmo, deberase indicar na epígrafe correspondente da solicitude se os servizos foron prestados na USC ou noutras administracións públicas.

b) Fotocopia dos diplomas dos cursos de formación e cualificación profesional.

O certificado acreditativo dos aspectos indicados nas alíneas a) e b) anteriores (certificaranse os cursos que constan no expediente persoal) expedirase de oficio para as persoas aspirantes que presten ou prestasen servizos na USC.

3.6. Os méritos da fase de concurso valoraranse con referencia na data do peche do prazo de presentación de solicitudes.

3.7. En calquera momento, a Universidade poderá requirir das persoas aspirantes os orixinais ou copias debidamente compulsadas dos documentos que se correspondan coas simples presentadas.

3.8. Os/as aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % poderán solicitar, no formulario de inscrición do proceso selectivo, a adaptación de tempo e/ou medios para realización dos exercicios, reflectindo con claridade as necesidades que ten o/a candidato/a de adaptacións específicas e o seu motivo.

3.9. Os dereitos de exame serán de 42,24 €. Para realizar o seu ingreso, empregarase un dos seguintes medios accesibles desde o formulario de inscrición.

• Aboamento con tarxeta bancaria a través da pasarela de pagamento do formulario.

• Aboamento presencial nunha oficina de Abanca presentando a folla de liquidación, que se deberá imprimir, unha vez realizada a inscrición no proceso selectivo; non será preciso comunicación posterior do pagamento por parte da persoa interesada.

3.9.1. De acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas do pagamento:

Do importe total da taxa:

• As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

• As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Do 50 % do importe da taxa:

• As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

• As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, seis meses inmediatamente anteriores á data de publicación da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e que non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

3.9.2. As circunstancias de exención e bonificación deberán ser acreditadas, segundo o suposto que corresponda, presentando xunto coa solicitude de participación no proceso selectivo a seguinte documentación:

• Persoas con discapacidade: certificado do grao de discapacidade.

• Familia numerosa xeral ou especial: certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial ou carné familiar en que conste o dito carácter.

• Demandantes de emprego:

1º. Certificación expedida pola oficina de emprego na cal conste que a persoa aspirante figura como demandante de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data de publicación desta convocatoria.

2º. Certificación expedida polo Servizo Público de Emprego na cal conste que na data de presentación da solicitude de participación no proceso selectivo non está a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

3.9.3. Serán excluídas todas aquelas persoas aspirantes que non aboen os dereitos de exame dentro do prazo habilitado para a presentación de solicitudes, e non se concederá ningún prazo adicional para o seu aboamento.

3.9.4. Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ás persoas aspirantes que sexan excluídas por causas non imputables a elas. Para tal efecto, o reintegro realizarase de oficio, para o cal terán que facer constar a entidade bancaria e o seu número de conta no recadro que figura na solicitude. De non figuraren estes datos, entenderase que renuncian á devolución dos dereitos de exame.

3.10. No formulario de solicitude, as/os aspirantes deberán asinar a declaración responsable que figura no documento, pola cal manifestan estar en posesión dos requisitos exixidos nas bases da convocatoria e se comprometen a achegar a documentación que se indica nela.

3.11. Este procedemento desenvolverase de forma electrónica polo que, se a persoa aspirante desexa recibir avisos das notificacións que a USC poña á súa disposición, é imprescindible que indique na epígrafe «Medios de aviso de notificación» do formulario o teléfono e enderezo electrónico válidos. As notificacións electrónicas realizaranse por comparecencia en sede electrónica e para o acceso a esta empregaranse os medios de identificación que se indican na base 3.3.

4. Admisión de persoas aspirantes.

4.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o reitor ditará resolución en que declare aprobada a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas. Nesta resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicaranse o lugar no cal está exposta ao público a listaxe completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, así como as causas que motivaron a exclusión e o prazo para reparalas.

4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da citada resolución no Diario Oficial de Galicia, para poderen emendar os defectos que motivaron a exclusión.

Para emendar a exclusión ou omisión cubrirase o formulario de emendas do Catálogo de procedementos na seguinte ligazón: https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/emendaSelecPersoalLaboral.htm, para o cal o/a aspirante deberá empregar os medios de identificación e sinatura que se indican no número 3.3 desta convocatoria.

4.3. As persoas aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o dereito a seren incluídas na relación de persoas admitidas, serán definitivamente excluídas da realización das probas.

4.4. Na resolución que aprobe a listaxe definitiva, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicaranse o día, a hora e o lugar de realización do primeiro exercicio. Esta resolución esgotará a vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso, perante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou recurso potestativo de reposición ante o reitor, no prazo dun mes, de acordo co previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4.5. O feito de figurar na listaxe de persoas admitidas non prexulga que se lles recoñeza ás persoas interesadas a posesión de todos os requisitos exixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 8.

5. Tribunal.

5.1. O tribunal cualificador destas probas terá a categoría primeira de conformidade cos grupos de clasificación para asistencias establecidos no Regulamento de indemnizacións por razón de servizo, aprobado en Consello de Goberno do 29 de decembro de 2020.

5.2. O procedemento de actuación axustarase en todo momento ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5.3. Para os efectos de comunicación e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede na Reitoría da USC.

5.4. Os membros do tribunal deberanse abster de intervir, e notificaranllo ao reitor da Universidade, cando concorran neles as circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou se realizasen tarefas de preparación de persoas aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

A presidenta solicitará dos membros do tribunal declaración escrita expresa de non estaren incursos nas circunstancias previstas no dito artigo.

Así mesmo, as persoas aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorran as circunstancias antes citadas.

5.5. Antes do inicio das probas selectivas, a autoridade convocante publicará no Diario Oficial de Galicia resolución pola cal se nomean os novos membros do tribunal que vaian substituír os que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base 5.4.

5.6. Logo da convocatoria da presidenta, constituirase o tribunal de acordo co previsto no artigo 17.1 da Lei 40/2015, coa asistencia, tanto presencial como a distancia, da maioría absoluta dos seus membros titulares ou suplentes. Na dita sesión, o tribunal acordará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.7. A partir da súa constitución, o tribunal, para actuar validamente, requirirá a asistencia presencial ou a distancia da presidenta e secretaria, e da metade, polo menos, dos seus membros.

5.8. Dentro da fase de oposición, o tribunal resolverá todas as dúbidas que poidan xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deberá facer nos casos non previstos.

5.9. O órgano convocante, por proposta do tribunal, poderá dispor a incorporación aos seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que coide pertinentes, limitándose a prestar a súa colaboración nas súas especialidades técnicas. Os ditos asesores deberán posuír titulación de igual ou superior nivel ca exixida nesta convocatoria. O seu nomeamento farase público, e seranlles de aplicación as causas de abstención e recusación, ao igual que aos restantes membros do tribunal.

Así mesmo, o tribunal poderá dispor a incorporación con carácter temporal doutros/as funcionarios/as para colaboraren no desenvolvemento do proceso selectivo, tal e como se prevé no artigo 12.4 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.

5.10. O tribunal adoptará as medidas precisas para que as persoas aspirantes a que se refire o número 3.8 participen en condicións de igualdade. Para tal efecto, o órgano de selección poderá requirir un informe e, se é o caso, a colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou de asuntos sociais. Para os efectos de valorar a procedencia da concesión das adaptacións solicitadas, requirirase da persoa aspirante o correspondente certificado ou información adicional. A adaptación non se outorgará de forma automática, senón unicamente naqueles casos en que a discapacidade garde relación directa coa proba que se vaia realizar.

5.11. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes. O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes que consignen nas follas de exame o seu nome, trazos, marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

5.12. En ningún caso o tribunal poderá declarar que superou as probas selectivas un número superior de persoas aspirantes que prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

Malia o anterior, e co fin de asegurar a cobertura da praza convocada, cando se produza renuncia da persoa seleccionada antes da toma de posesión, ou non acredite os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano convocante poderá requirir do tribunal de selección unha relación complementaria das persoas aprobadas que sigan por puntuación a persoa proposta, para a súa posible contratación como persoal laboral fixo.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra Y, de conformidade co establecido na Resolución do 29 de xaneiro de 2021 da Consellería de Facenda e Administración Pública.

6.2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio en único chamamento e serán excluídas da oposición as que non comparezan, agás nos casos de forza maior debidamente xustificados e considerados polo tribunal.

As mulleres embarazadas que teñan unha previsión de parto coincidente coas datas de realización de calquera dos exercicios derivada do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderan pór en coñecemento do tribunal, achegando á comunicación o correspondente informe médico oficial.

A comunicación suporá o consentimento da interesada para permitir o acceso aos datos médicos necesarios relacionados coa situación. O tribunal, baseándose na información recibida, acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra este acordo non cabe recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan noutro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

6.3. Os sucesivos anuncios de realización dos demais exercicios efectuaranse nos locais onde se realizase a proba anterior, no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm e na páxina web http://www.usc.es/gl/servizos/plan_pas/convocatorias.html, ou por calquera outro medio que se considere conveniente para asegurar a súa máxima divulgación, con doce horas, polo menos, de antelación ao comezo deste, se se trata do mesmo exercicio, ou de vinte e catro horas, se se trata dun novo.

6.4. Para os efectos de cómputo de prazos desta convocatoria, o mes de agosto declárase inhábil.

6.5. Persoas aspirantes con nacionalidade estranxeira.

Con carácter previo á realización dos exercicios da fase de oposición, as persoas aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán acreditar o coñecemento do castelán mediante a realización dunha proba na cal se comprobará que posúen un nivel adecuado de comprensión e expresión oral e escrita nesta lingua.

O contido desta proba axustarase ao disposto no artigo 3 do Real decreto 1137/2002, do 31 de outubro, polo que se regulan os diplomas de español como lingua estranxeira (DELE), para acreditar o nivel de competencia lingüística do diploma de español correspondente ao nivel intermedio. A proba cualificarase de apto ou non apto e será necesario obter a valoración de apto para pasar a realizar os exercicios da fase de oposición.

Quedan eximidas de realizar esta proba as persoas aspirantes que acrediten, conforme se indica na base 3, que están en posesión do diploma de español como lingua estranxeira dalgún dos seguintes niveis: B2, C1 ou C2, ou equivalente, e as/os nacionais de países cuxo idioma oficial sexa o español.

6.6. O tribunal poderá requirir, en calquera momento do proceso selectivo, a acreditación da identidade das persoas admitidas. Así mesmo, se ten coñecemento de que algunha das persoas aspirantes non cumpre algún dos requisitos exixidos por esta convocatoria, deberá propor a súa exclusión ao reitor da USC, logo de audiencia da persoa interesada.

Contra esta exclusión poderase interpor recurso, perante a mesma autoridade indicada no parágrafo anterior, no prazo dun mes contado a partir da notificación da exclusión.

7. Listaxe de persoas aspirantes aprobadas.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública, no lugar ou lugares da súa realización, no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm, na páxina web http://www.usc.es/gl/servizos/plan_pas/convocatorias.html, e naqueloutros que coide oportunos, a relación de persoas aspirantes que acadasen o mínimo establecido para superalo, con indicación da puntuación obtida.

7.2. As persoas aspirantes disporán de tres (3) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da realización de cada exercicio, para presentaren reclamacións ás preguntas formuladas polo tribunal no correspondente exercicio.

7.3. Así mesmo, as persoas aspirantes disporán de sete (7) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación das puntuacións do exercicio correspondente, para presentaren reclamacións ás cualificacións.

7.4. A listaxe coa valoración de méritos da fase de concurso publicarase unha vez realizado o derradeiro exercicio da fase de oposición.

7.5. A publicación anterior irá acompañada da relación de persoas aspirantes que, segundo a orde de puntuación acadada por cada unha delas, fosen seleccionadas, na cal constará a cualificación final obtida en cada unha das fases: oposición e concurso, e da proposta provisional da persoa seleccionada segundo o previsto no anexo I.

No caso de se produciren empates na puntuación total das persoas aspirantes, estes dirimiranse atendendo sucesivamente aos seguintes criterios e por esta orde ata que se resolva o empate: maior puntuación na fase de oposición, na fase de coñecementos específicos, no terceiro exercicio, maior idade e a orde alfabética establecida na base 6.1.

7.6. Contra esta publicación as/os aspirantes poderán presentar reclamación, ante o tribunal, no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación no taboleiro electrónico, a través do Rexistro de Entrada electrónico da USC https://sede.usc.es/sede/publica/persoais/rexistroEntrada/acceso.htm, para o cal o/a aspirante debe empregar os medios de identificación e sinatura que se indicaron no número 3.3.

7.7. Rematado o prazo de reclamacións, o tribunal publicará a proposta de contratación a favor da persoa aspirante seleccionada, tendo en conta o previsto no número 5.12 desta convocatoria. Esta proposta será elevada ao reitor e publicarase no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm e na páxina web http://www.usc.es/gl/servizos/plan_pas/convocatorias.html

8. Presentación de documentación.

8.1. No prazo de vinte (20) días naturais contados a partir do seguinte a aquel en que se faga pública a proposta de contratación, a persoa aspirante que figure nela deberá presentar, na Oficina de Asistencia en Materia de Rexistros da USC, orixinais e fotocopia da seguinte documentación:

a) DNI ou do documento que acredite a súa nacionalidade.

b) Documento que acredite, de ser o caso, a residencia legal en España.

c) Titulación exixida na base 2.1.c).

d) Certificado acreditativo de lingua galega indicado na base 3.4.

e) Diploma de español como lingua estranxeira, de ser o caso, indicado na base 3.4.

f) A acreditación do requisito exixido na base 2.1.d) farase mediante a presentación de certificado médico oficial ou informe de saúde emitido polo Servizo Galego de Saúde (Sergas).

g) Certificado negativo de delitos sexuais.

8.2. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presentar os documentos expresados na base anterior, poderase acreditar que se reúnen as condicións exixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito.

8.3. Quen, dentro do prazo fixado e salvo caso de forza maior, non presente a documentación ou do seu exame se deduza que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser contratado/a como persoal laboral fixo e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.

9. Adxudicación do posto de traballo.

9.1. O persoal con discapacidade igual ou superior ao 33 por cento poderá pedir a adaptación do posto de traballo correspondente. Á solicitude deberase xuntar un informe expedido polo órgano competente na materia, que acredite a procedencia da adaptación e a compatibilidade co desempeño das funcións que teña atribuídas o posto.

10. Contratación como persoal laboral fixo.

10.1. Concluído o proceso selectivo, a persoa aspirante que o supere será contratada como persoal laboral fixo. A súa contratación efectuarase no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

10.2. O período de proba será de seis meses, durante os cales o/a traballador/a terá os dereitos e as obrigas correspondentes ao posto de traballo que desempeñe, agás os derivados da resolución da relación laboral, que se poderá producir por instancia de calquera das partes durante o seu transcurso. Este período de proba non será aplicable a quen estivese xa con anterioridade desenvolvendo as mesmas funcións na USC.

11. Listaxes de espera.

11.1. Elaborarase unha listaxe de espera coas persoas aspirantes que superen algún exercicio da fase de oposición distinto do de galego. Para estes efectos, e co fin de determinar a opción, as persoas aspirantes indicarán o/os campus de preferencia na epígrafe correspondente da solicitude.

12. Norma derradeira.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes, perante o órgano que a ditou. Neste caso, non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro do artigo 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2021

Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

Denominación da praza: técnico/a superior de linguas modernas,
perfil español para estranxeiros

O sistema selectivo será o de concurso-oposición e constará das fases, probas e cualificacións que a seguir se indican:

I. Fase de oposición: consistirá na realización dos exercicios que a seguir se indican, agás a exención prevista na descrición do primeiro exercicio.

Todos os exercicios terán carácter obrigatorio e eliminatorio, agás o cuarto, que será obrigatorio e non eliminatorio.

As persoas aspirantes deberanse presentar para a realización de cada proba co DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, ao xuízo do tribunal. Así mesmo, deberanse presentar provistas do correspondente lapis do nº 2 e goma de borrar para a realización dos exercicios tipo test.

Primeiro exercicio: estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acreditasen documentalmente, xunto coa solicitude, estar en posesión do certificado Celga 4 ou do certificado de aptitude do curso de perfeccionamento de lingua galega ou certificado de validación das materias de lingua galega, de acordo co previsto na Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento de lingua galega.

Este exercicio terá a seguinte estrutura:

Primeira proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión escrita.

As persoas aspirantes deberán redactar un texto seguindo unhas indicacións que se lles facilitarán por escrito. A elaboración do texto deberase basear na comprensión dun texto escrito ou na comprensión dun fragmento de audio ou audio-vídeo.

A duración máxima desta proba será de noventa minutos.

Segunda proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión oral.

As persoas aspirantes deberán ler un texto ou escoitar un fragmento de audio ou audio-vídeo, e, a seguir, nunha entrevista co examinador pediráselles que resuman o input e que manteñan un diálogo ao respecto do input recibido, de modo que poida ser avaliada a súa produción oral.

A duración máxima desta proba será de quince minutos por persoa aspirante.

Para superar este exercicio será necesario acadar o resultado de apto.

Segundo exercicio: consistirá en contestar por escrito un cuestionario de 120 preguntas tipo test, máis 5 de reserva, con tres respostas alternativas das cales só unha será a correcta, propostas polo tribunal e correspondentes ao bloque de coñecementos específicos que figura no programa que se relaciona no anexo II.

O tempo para a realización deste exercicio será de 125 minutos.

Este exercicio cualificarase de 0 a 25 puntos e será necesario para superalo obter un mínimo do 60 % do total das respostas correctas, o que supón unha puntuación de 15 puntos.

Terceiro exercicio: proba práctica. Constará de dúas partes:

Primeira parte. Proba de comprensión oral. Consistirá no seguinte:

Proba de audición. As/os candidatas/os escoitarán unha audición en lingua castelá e a continuación deberán contestar a un cuestionario de 15 preguntas tipo test formuladas nesa lingua sobre a audición, con tres respostas alternativas das cales só unha será a correcta.

A duración desta parte será de 30 minutos.

A valoración desta parte será de 0 a 3 puntos e será necesario para superala obter un mínimo de 1,5 puntos.

Segunda parte. Esta proba terá por obxecto a comprobación da aptitude pedagóxica da persoa aspirante e o seu dominio das técnicas necesarias para o exercicio docente. A proba componse de dúas partes (A e B).

Parte A). Presentación dunha programación didáctica.

Consistirá na elaboración dunha programación didáctica relacionada co temario e composta por 8 unidades didácticas numeradas, realizada sobre un dos niveis ofertados polo Centro de Linguas Modernas (A1-C1), á elección da persoa aspirante, que faga referencia, como mínimo, aos seguintes aspectos: obxectivos, contidos, metodoloxía, temporalización e avaliación. Para a realización da programación tomaranse como referencia os cursos semestrais de 40 horas presenciais que oferta o Centro de Linguas Modernas.

Realizarase en formato papel, cunha extensión máxima de 40 páxinas sen que se computen a portada e a contraportada, en formato DIN-A4, entreliñado a dobre espazo, tipo de letra Arial punto 12, sen comprimir. Resultará excluído do procedemento selectivo o persoal aspirante cuxa programación non se axuste aos items establecidos no parágrafo anterior.

As persoas aspirantes deberán entregar a programación didáctica na data e hora que indique o tribunal.

Valorarase de 0 a 15 puntos e para superala será necesario obter un mínimo de 7,5 puntos.

Parte B). Preparación e exposición oral ante o tribunal.

As persoas aspirantes que acadaran a puntuación mínima establecida na parte anterior serán convocadas polo tribunal para a defensa oral da programación e dunha unidade didáctica escollida polo/a aspirante ao chou de entre tres unidades didácticas da programación presentada.

Na elaboración da citada unidade didáctica deberanse concretarse, polo menos, os obxectivos de aprendizaxe, os contidos, criterios de avaliación e estándares de aprendizaxe avaliables, as actividades de ensino e aprendizaxe que se van expor na aula, a selección e o uso dos recursos didácticos e os procedementos, instrumentos de avaliación e criterios de cualificación que se propoñen.

A exposición realizarase na lingua obxecto da convocatoria e cualificarase valorando os coñecementos, a capacidade de síntese, a claridade e orde de ideas, así como a súa forma de presentación e exposición.

O desenvolvemento será como segue: preparación do/da candidato/a para a realización da proba, unha vez escollida a unidade didáctica (15 minutos), presentación e defensa da programación didáctica (20 minutos), presentación e defensa da unidade didáctica (30 minutos), posterior debate e preguntas do tribunal (10 minutos). A/o aspirante só poderá contar cun pequeno guión (1 cara dun folio) que deberá entregar ao tribunal ao final da exposición e poderá utilizar material adicional para a presentación da unidade didáctica.

Valorarase de 0 a 12 puntos e será necesario para superalo obter unha puntuación mínima de 6 puntos.

Cuarto exercicio: obrigatorio e non eliminatorio.

Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de 30 preguntas tipo test, máis 3 de reserva, con tres respostas alternativas das cales só unha será a correcta, propostas polo tribunal e correspondentes ao bloque de coñecementos non específicos do programa.

O tempo para a súa realización será de 40 minutos e valorarase de 0 a 5 puntos.

Antes da realización de cada exercicio, o tribunal deberá ter aprobados e publicados os criterios de avaliación e corrección.

As preguntas adicionais de reserva substituirán, se for o caso, as anuladas pola súa orde.

II. Fase concurso: máximo 40 puntos.

Experiencia: máximo 35 puntos.

• Na mesma categoría e especialidade incluída na clasificación do Convenio colectivo vixente para o persoal laboral de administración e servizos da USC: valorarase con 0,40 puntos/mes.

• Na mesma categoría e distinta especialidade incluída na clasificación do Convenio colectivo vixente para o persoal laboral de administración e servizos da USC: valorarase con 0,30 puntos/mes.

• Na mesma categoría noutras administracións públicas: valorarase con 0,10 puntos/mes.

• Noutras categorías de persoal laboral de administración e servizos da USC: valorarase con 0,10 puntos/mes.

Formación: valoraranse cursos de formación dispensados por centros e organismos oficiais e aqueles que estean debidamente homologados e que garden relación coas funcións da praza convocada, ata un máximo de 5 puntos, do seguinte xeito:

Cursos de formación relacionados coa praza:

• Cursos impartidos: 0,03 puntos/hora.

• Cursos de aptitude recibidos: 0,02 puntos/hora.

• Cursos de asistencia recibidos: 0,01 punto/hora.

Cursos de formación de lingua galega:

• Celga 5: 0,75 puntos.

• Outros cursos de galego impartidos: 0,03 puntos/hora.

• Outros cursos de galego con aptitude: 0,02 puntos/hora.

• Outros cursos de galego con asistencia: 0,01 punto/hora

Cando existan distintos niveis do mesmo curso, só se valorará o de maior nivel. O Celga valorarase a partir do nivel superior ao exixido nesta convocatoria para o acceso.

Nos cursos en que non figure o número de horas, a puntuación farase polo mínimo de 10 horas.

A cualificación final do concurso-oposición virá determinada pola suma aritmética das puntuacións correspondentes á fase de oposición máis a obtida na fase de concurso de méritos, na forma establecida neste anexo.

Para a valoración da experiencia acreditada en categorías equivalentes noutras administracións públicas, prevista na fase de concurso, e para a baremación das listaxes de espera, as dúbidas que xurdan resolveraas unha comisión composta por dúas persoas en representación da Xerencia e dúas en representación do Comité Intercentros. Esta comisión intervirá por petición do tribunal ou da unidade encargada da baremación das listaxes e poderá solicitar información complementaria ás persoas aspirantes en relación coas funcións e tarefas das categorías en cuestión, co fin de adoptar os acordos que proceda.

ANEXO II

Denominación da praza: técnico/a superior de linguas modernas,
perfil español para estranxeiros

Programa

– Coñecementos específicos:

Bloque 1.

1. Teorías sobre adquisición de segundas linguas.

2. Fundamentos metodolóxicos no ensino de segundas linguas.

3. Documentos base no ensino de linguas: o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas e o Porfolio Europeo das Linguas.

4. Métodos e enfoques no ensino e na aprendizaxe de segundas linguas: desde o método da gramática e tradución aos modelos comunicativos. Aproximacións máis recentes.

5. Programación e avaliación de cursos no contexto do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas.

6. Programación e avaliación de clases no contexto dos cursos de niveis do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas.

7. Competencias e liñas estratéxicas de actuación: formación, acreditación lingüística, atención á comunidade universitaria.

8. O Regulamento de réxime interno do Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC.

Bloque 2.

1. A competencia comunicativa en español e os seus compoñentes.

2. A interlingua e o proceso dinámico da aprendizaxe. Variabilidade individual e propiedades sistemáticas da interlingua.

3. O erro como desaxuste entre a competencia e as demandas comunicativas. Tratamento didáctico do erro discursivo, sintáctico, morfolóxico, fonético e ortográfico en español.

4. Autenticidade na aula de español. Autenticidade das tarefas e materiais didácticos.

5. A dinámica da aula de español. Estilos de aprendizaxe e estratexias comunicativas.

6. As estratexias de aprendizaxe. Propostas didácticas e actividades. O fomento da autonomía e da autoaprendizaxe.

7. O papel da lingua materna do alumnado. Roles do profesorado e técnicas motivadoras.

8. Actantes do proceso de ensino/aprendizaxe. Estratexias, interaccións e roles na aula.

9. Dinámicas de traballo e técnicas de comunicación na aula presencial e na aula virtual.

10. A competencia dixital: as tecnoloxías da información e da comunicación e o seu papel no ensino, a aprendizaxe e a autoaprendizaxe.

11. Materiais de aprendizaxe: análise, avaliación e elaboración.

Bloque 3.

1. O ensino da expresión e interacción oral. Actividades comunicativas de expresión e interacción oral. Tipos e competencias específicas.

2. O ensino da expresión e interacción escrita. Actividades comunicativas de expresión e interacción escrita. Tipos e competencias específicas.

3. O ensino da compresión oral. Actividades comunicativas de comprensión de textos orais. Tipos. Esquemas, competencias e estratexias específicas que interveñen na comprensión oral.

4. O ensino da compresión escrita (lectura). Actividades comunicativas de comprensión de textos escritos. Tipos. Esquemas, competencias e estratexias específicas que interveñen na comprensión escrita.

5. Actividades comunicativas de mediación oral e escrita. Modalidades e competencias específicas. Estratexias propias da mediación oral e escrita.

6. O ensino da competencia léxica. Enfoques, técnicas e actividades.

7. O ensino da competencia fonética. Enfoques, técnicas e actividades.

8. A competencia gramatical: a aprendizaxe e o ensino da gramática en función do uso comunicativo da lingua. Enfoques, técnicas e actividades.

9. O papel da aprendizaxe de linguas na consecución do diálogo intercultural e a superación de estereotipos. Estratexias para o desenvolvemento da competencia intercultural.

10. A avaliación das competencias en relación co Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas. Probas de competencia lingüística.

11. A avaliación para a aprendizaxe. Principios, procesos e instrumentos de avaliación de clasificación, diagnóstico, progreso e aproveitamento.

Bloque 4.

1. O sintagma verbal español (1): clases de verbos e as súas características.

2. O sintagma verbal español (2): verbos auxiliares. Diferencias entre ser e estar.

3. O sintagma verbal español (3): a temporalidade verbal. Os tempos do pasado.

4. O sintagma verbal español (4): o futuro, o imperativo e o condicional.

5. O sintagma verbal español (5): voz activa e pasiva. Indicativo e subxuntivo.

6. O sintagma verbal español (6): formas non persoais. O infinitivo, o xerundio e o participio.

7. O sintagma nominal español (1): o substantivo, clases, xénero, número e grao. Os procesos de formación de substantivos.

8. O sintagma nominal español (2): o pronome, clases, xénero, número.

9. O sintagma adxectival español (1): o adxectivo e os procesos de adxectivación.

10. O sintagma adxectival español (2): clases e grao, colocación dos adxectivos e fenómenos de concordancia. Posición dos elementos do sintagma.

11. O sintagma adverbial español: os adverbios e as locucións adverbiais. Posición dos elementos do sintagma. Funcións sintácticas do sintagma adverbial.

12. O sintagma preposicional español: as preposicións e locucións preposicionais. Usos de por e para.

13. A competencia léxica en español (1): procesos de formación de palabras. Préstamos. Creatividade léxica.

14. A competencia léxica en español (2): relacións de sentido: homonimia, sinonimia, antonimia, polisemia e outras.

15. A competencia fonolóxica en español (1): sons e fonemas vocálicos, consonánticos e as súas combinacións. Estándares e variantes.

16. A competencia fonolóxica en español (2): acento, ritmo e entoación. Efectos e valores discursivos.

17. Variedades da lingua española: variedades diatópicas, diastráticas e diafásicas. Implicacións didácticas.

18. Os determinantes: os artigos, os demostrativos, os posesivos, os indefinidos e os numerais. Formas, funcións e usos.

19. Usos e valores do se.

– Coñecementos non específicos:

1. A Constitución española de 1978: estrutura e contido. Dereitos e liberdades. A súa garantía e suspensión. O Defensor do Pobo. O Tribunal Constitucional.

2. O acto administrativo. Requisitos e eficacia dos actos administrativos. Nulidade e anulabilidade dos actos administrativos.

3. O procedemento administrativo común. Iniciación, ordenación, instrución e finalización. A revisión dos actos en vía administrativa.

4. Os recursos administrativos.

5. A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades.

6. Texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público: clases de persoal ao servizo das administracións públicas. Dereitos e obrigas. Código de conduta do empregado público.

7. Texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores: dereitos e deberes laborais básicos. Clasificación profesional e promoción no traballo. Mobilidade funcional e xeográfica. Dos dereitos de representación colectiva e de reunión dos traballadores na empresa. Da negociación dos convenios colectivos.

8. O Convenio colectivo para o persoal laboral da USC.

9. Estatutos da USC (1): órganos de goberno unipersoais e colexiados. O persoal de administración e servizos.

10. Estatutos da USC (2): réxime económico e a programación plurianual.

11. Estrutura das ensinanzas universitarias oficiais. As ensinanzas universitarias oficiais: grao, máster e doutoramento.

12. Lei de prevención de riscos laborais: dereitos e obrigas.

13. Dereitos e deberes lingüísticos na USC.

14. Políticas públicas para a igualdade efectiva de homes e mulleres.

15. A calidade na universidade española. Organismos que xestionan a mellora da calidade nas universidades. Instrumentos utilizados para a xestión, mellora e avaliación da calidade universitaria: conceptos básicos.

Nota: as referencias normativas deste programa pódense ver afectadas polas modificacións que se produzan ata a data do exame e, nese caso, débense entender referidas á lexislación en vigor.

ANEXO III

Denominación da praza: técnico/a superior de linguas modernas,
perfil español para estranxeiros

• Tribunal titular:

Presidenta:

– María Luisa González Vázquez, persoal laboral fixo do grupo I da USC.

Vogais:

– Nuria Galán Suárez, persoal laboral fixo do grupo I da USC.

– Martín Cacheiro Martínez, persoal laboral fixo do grupo I da USC.

– Manuel Bermúdez Blanco, persoal laboral fixo do grupo I da USC.

Secretaria:

– Alejandra Martínez Maquieira, persoal laboral fixo do grupo I da USC, que actuará con voz e voto.

• Tribunal suplente:

Presidente:

– Tomás Jiménez Juliá, catedrático de universidade da USC.

Vogais:

– Marta Blanco Domínguez, profesora contratada doutora da USC.

– Fernando María Tabernero Duque, persoal laboral fixo do grupo I da USC.

– Xusto Alexandre Rodríguez Río, persoal laboral fixo do grupo I da USC.

Secretario:

– Jesús Juan Lamas Alvariño, funcionario de carreira da escala de xestión da USC, que actuará con voz e voto.