Mediante a Resolución do 17 de decembro de 2020 publicouse o acordo do Consello de Dirección do Igape que aproba as bases reguladoras das axudas para novos emprendedores, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para 2021 en réxime de concorrencia competitiva (Galicia Emprende) (DOG nº 4, do 8 de xaneiro de 2021).
No primeiro parágrafo do punto quinto do resolvo establécese que o prazo máximo para resolver e publicar a resolución será de 5 meses desde a publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, é dicir, ata o 8 de xuño, transcorrido o cal poderase ter por rexeitada a solicitude.
As solicitudes de axuda presentadas a esta liña superaron de sobra calquera expectativa neste sentido polo que ese prazo de 5 meses resulta a todas luces insuficiente para abordar o traballo de xestión de todas as peticións.
Por todo o anterior, de conformidade co disposto no artigo 23 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas,
RESOLVO:
Artigo primeiro. Ampliar ata o 30 de xullo de 2021, inclusive, o prazo para resolver e publicar a resolución, previsto no primeiro parágrafo do punto quinto do resolvo da Resolución do 17 de decembro de 2020 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para novos emprendedores, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para 2021 en réxime de concorrencia competitiva (Galicia Emprende).
Artigo segundo. Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2021
Fernando Guldrís Iglesias
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica