Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Luns, 21 de xuño de 2021 Páx. 31146

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 9 de xuño de 2021 pola que se publica a oferta de emprego público (OEP) do persoal docente e investigador para o ano 2021.

Conforme o disposto no artigo 70 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público; no artigo 19.un.3.I) da Lei 11/2020, do 30 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2021, así como nos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela (USC), aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, e logo da aprobación polo Consello de Goberno, na sesión que tivo lugar o 25 de febreiro de 2021, da planificación de prazas de persoal docente e investigador para o curso 2021/22, do informe favorable do Consello Social da Universidade do 12 de marzo de 2021, e da aprobación por parte do Consello de Goberno, na sesión que tivo lugar o 30 de abril de 2021, logo da negociación e acordo na Mesa Xeral do Persoal Docente e Investigador (PDI), do 21 de abril de 2021, da oferta de emprego público de PDI derivada desta planificación, e unha vez obtida a autorización da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia o 7 de xuño de 2021, tal e como se determina no artigo 36.un da Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar a oferta de emprego público (OEP) do persoal docente e investigador da Universidade de Santiago de Compostela para o ano 2021, que consiste en 117 prazas de profesorado con vinculación permanente. Da totalidade destas prazas, 82 (14 de profesorado contratado doutor e 68 de profesorado titular de universidade) corresponden ao sistema de quenda libre. Delas resérvanse 19 prazas (1 de profesorado contratado doutor e 18 de profesorado titular de universidade) para dar cumprimento á obriga de destinar un mínimo do 15 % do número total de prazas que se ofrecen para a incorporación de persoal investigador doutor que obtivo o certificado I3 no marco do Programa Ramón y Cajal e, no caso de que non se utilicen todas as prazas previstas nesta reserva, para a incorporación doutros investigadores de programas de excelencia, nacionais ou internacionais, e que obtivesen o certificado I3, tal e como se recolle no artigo 19.un.3.I) da Lei 11/2020. Na OEP inclúense, ademais, 35 prazas para a quenda de promoción interna, correspondentes ao corpo de catedrático de universidade.

Segundo. Esta OEP inclúe as necesidades de recursos humanos de carácter permanente no ámbito docente e investigador, con asignación orzamentaria, que non poden ser cubertas cos efectivos de persoal existentes, segundo se detalla no anexo I, dentro do contexto global de restrición orzamentaria que afecta todas as administracións públicas.

Terceiro. A planificación dos recursos humanos na USC oriéntase á atención das súas funcións prioritarias, á correcta dimensión do volume de efectivos e a potenciar a estabilización do seu persoal docente e investigador.

Cuarto. As convocatorias dos concursos derivados desta oferta publicaranse no Diario Oficial de Galicia e, de ser o caso, no Boletín Oficial del Estado, para garantir a súa publicidade, e executaranse dentro do prazo máximo previsto no artigo 70 do Estatuto básico do empregado público.

Quinto. Coa finalidade de dar unha maior difusión ás convocatorias de concursos relacionados con esta oferta de emprego, así como á dos actos que deriven deles, na páxina web do Servizo de Planificación de PDI da USC (http://www.usc.gal/gl/servizos/profesorado), na sección de Convocatorias de prazas, poderase consultar a documentación correspondente.

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2021

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela
P.D. (Resolución do 30.4.2020; DOG do 11 de maio)
Ernesto González Seoane
Vicerreitor de Profesorado

ANEXO I

Oferta de emprego público para o persoal docente e investigador
da Universidade de Santiago de Compostela do ano 2021

Categoría/corpo docente

Nº de prazas

Sistema de acceso

Profesor/a titular de universidade

50

Quenda libre

Profesor/a titular de universidade

(reserva dun mínimo do 15 % para persoal investigador doutor que finalizase o Programa Ramón y Cajal e obtivese o certificado I3)

18

Quenda libre

Profesor/a contratado/a doutor/a

13

Quenda libre

Profesor/a contratado/a doutor/a

(reserva dun mínimo do 15 % para persoal investigador doutor que finalizase o Programa Ramón y Cajal e obtivese o certificado I3)

1

Quenda libre

Catedrático/a de universidade

35

Quenda de promoción interna