O Estatuto de autonomía de Galicia encomenda aos poderes públicos galegos a obriga de promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integran sexan reais e efectivas, ademais de eliminar os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e de facilitar a participación de todos os galegos na vida política, económica, cultural e social.
Entre as competencias que, no referente ás relacións coas entidades locais, corresponden á Xunta de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 194 e 195 da Lei 5/1997, de 22 de xullo, de Administración local de Galicia, está a de cooperación e colaboración, que se poderá levar a cabo mediante a subscrición de protocolos.
A Consellería de Facenda e Administración Pública, de conformidade co Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 181, do 7 de setembro); o Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 190, do 18 de setembro), e o Decreto 11/2021, do 21 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública (DOG núm. 17, do 27 de xaneiro), é o departamento da Administración autonómica a que corresponden as competencias e funcións que en materia de facenda se establecen no Estatuto de autonomía.
O sector bancario nos últimos anos, a causa da crise económica e dos requirimentos do Banco Central Europeo, sufriu unha forte reestruturación. Isto, unido á desaparición das caixas de aforros, significou o peche dun elevado número de oficinas en todo o territorio, especialmente importante no medio rural, con poboación de idade avanzada e illada de núcleos urbanos.
A Directiva 2014/92/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de xullo de 2014, sobre a comparabilidade das comisiones conexas ás contas de pagamento, o traslado de contas de pagamento e o acceso a contas de pagamento básicas, recoñece o acceso aos servizos bancarios básicos como un dereito da cidadanía e non como unha mera actividade comercial das entidades financeiras.
Na mesma liña, o artigo 100 da Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, establece que a Administración autonómica impulsará a colaboración das entidades financeiras que operan en Galicia no obxectivo da cohesión territorial, co obxecto de promover que toda a cidadanía, con independencia do seu lugar de residencia, teña acceso aos servizos financeiros e bancarios en condicións equivalentes. Neste sentido, considerase un servizo de interese económico xeral a instalación, mantemento e posta en funcionamento de caixeiros automáticos e a prestación dun servizo de asistencia e formación financeira naquelas entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia que carezan de entidade financeira no seu territorio.
Segundo o Instituto Galego de Estatística, a 31 de decembro de 2020, en Galicia hai 45 concellos que carecen de oficina bancaria no seu territorio, o que supón un 14 % do total de concellos galegos. A provincia mais afectada é Ourense con 27 concellos, nos cales residen 26.940 habitantes, seguido da Coruña, con 11 concellos e 21.752 habitantes.
Esta realidade dificulta o acceso aos servizos financeiros aos habitantes destes concellos, afectando negativamente o seu desenvolvemento económico e social e contribuíndo ao agravamento da súa situación de despoboación.
Ante esta problemática, fai falla adoptar medidas encamiñadas á universalización dos servizos financeiros.
Para acadar este obxectivo, a Xunta de Galicia asinou en data 10 de decembro de 2020 un protocolo de colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) en virtude do cal a Xunta de Galicia manifesta a súa intención de adoptar medidas para universalizar o acceso a servizos financeiros nos concellos galegos.
Estas medidas consistirían na aprobación dunhas bases reguladoras e a convocatoria dunhas subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a incentivar e fomentar a prestación de servizos bancarios básicos, por un período de 4 anos, consistentes na instalación, mantemento e posta en funcionamento de caixeiros automáticos e a prestación dun servizo de asistencia e formación financeira en entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia (prioritariamente nos concellos sen entidade financeira no seu territorio).
Actualmente adheríronse ao mencionado protocolo de colaboración e asinaron o correspondente convenio de colaboración 34 concellos, o que representa o 76 % dos concellos sen oficina bancaria en Galicia.
En congruencia con esta iniciativa, establécense estas bases reguladoras e convócanse para as anualidades 2021 a 2025 subvencións destinadas a posibilitar a prestación destes servizos financeiros básicos nos concellos galegos.
Estas subvencións rexeranse polo disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007); no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (en diante, LXS), e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións (en diante, RLXS), e as restantes normas que lle sexan aplicables.
Esta medida constitúe unha axuda de Estado compatible co mercado interior de acordo co establecido na Decisión da Comunidade Europea do 20 de decembro de 2011, relativa á aplicación das disposicións do artigo 106, número 2, do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas estatais en forma de compensación por servizo público concedidas a algunhas empresas encargadas da xestión de servizos de interese económico xeral. Isto suporá o cumprimento de todos os requisitos, condicións e obrigas contidos na dita decisión.
Esta orde axústase aos principios de boa regulación contidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia), en canto que con ela se persegue o interese xeral que vai destinado a universalizar a prestación de servizos financeiros en todos os concellos de Galicia, medida que beneficia fundamentalmente o ámbito rural. Do mesmo xeito, durante o procedemento de elaboración da orde permitiuse a participación activa dos potenciais destinatarios a través dos trámites de consulta e de información pública que establece a lei, e quedaron ademais xustificados no preámbulo e nos informes xustificativos os obxectivos que persegue esta orde.
Por todo o exposto, de conformidade co establecido nos artigos 7 e 14 da Lei 9/2007 e no título I do seu regulamento, e facendo uso das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
RESOLVO:
Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación
Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e a convocatoria para as anualidades 2021 a 2025 das subvencións destinadas a incentivar e fomentar a prestación de servizos bancarios básicos, consistentes na instalación, mantemento e posta en funcionamento de caixeiros automáticos e a prestación dun servizo de asistencia e formación financeira en entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia (prioritariamente nos concellos sen entidade financeira no seu territorio), que se tramitará co código de procedemento FA500A.
Artigo 2. Concorrencia competitiva
A concesión das subvencións realizarase mediante o procedemento de concorrencia competitiva a que se refiren o artigo 20 da Lei 9/2007, da Comunidade Autónoma de Galicia, o artigo 22 da LXS e o artigo 55 do RLXS.
A concesión realizarase a aquela solicitude que obtivese maior valoración en aplicación dos criterios do artigo 18 esta orde, polo que haberá un único beneficiario.
Artigo 3. Delegación e facultades de desenvolvemento
Delegarase na persoa titular da Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos a adopción de resolucións ou medidas necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde, e que inclúen, entre outras, a resolución de concesión das subvencións, a aprobación do gasto correspondente ás subvencións, así como a resolución de minoración da contía concedida, se procede, e a aprobación da conta xustificativa das subvencións concedidas.
Artigo 4. Financiamento
Para o financiamento desta convocatoria destinase crédito por importe total de dous millóns oitocentos oitenta e tres mil seiscentos euros (2.883.600,00 €) e que se imputará á aplicación orzamentaria 23.03.712A.470.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte distribución plurianual:
Aplicación orzamentaria |
Código de proxecto |
2021 |
2022 |
2023 |
2024 |
2025 |
Total |
23.03.712A.470.0 |
202100092-Universalización financeira |
180.225 |
720.900 |
720.900 |
720.900 |
540.675 |
2.883.600 |
A modificación da distribución inicialmente aprobada requirirá a tramitación do correspondente expediente de reaxuste de anualidades.
O método de xustificación empregado será a través de módulos, consonte o disposto no artigo 52 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 5. Contía máxima da subvención anual
A contía máxima da subvención, correspondente ao exercicio anual completo, non poderá ser superior a dezaseis mil vinte euros (16.020 €) por caixeiro automático instalado e en funcionamento e incluíndo o servizo de asistencia e formación financeira.
Para estes efectos, establécense os seguintes módulos:
– Módulo para a instalación, mantemento e posta en funcionamento de caixeiros automáticos.
Este módulo terá unha asignación de 14.200 € anuais por cada caixeiro e será axustado de acordo co grao de cofinanciamento proposto pola entidade beneficiaria a que se refire o punto 1e) do artigo 18 desta orde, determinando deste xeito a intensidade da axuda.
– Módulo para a instalación, mantemento e posta en funcionamento de caixeiros automáticos naqueles concellos en que, como consecuencia do peche dalgunha ou varias oficinas bancarias da entidade beneficiaria con posterioridade á resolución de concesión, non teñan ningunha oficina bancaria no seu territorio.
Este módulo terá unha asignación do 75 % do módulo anterior.
– Módulo para a prestación dun servizo de asistencia e formación financeira.
Este módulo terá unha asignación de 17,5 €/hora de servizo, cun límite máximo de 104 horas anuais por cada caixeiro, establecéndose un máximo, por tanto, de 1.820 € anuais.
Neste caso, a intensidade da axuda será do 100 %.
Artigo 6. Obxecto da subvención
O obxecto desta subvención é incentivar e fomentar a prestación de servizos bancarios básicos, por un período de 4 anos, nos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia mediante a instalación, mantemento e posta en funcionamento de caixeiros automáticos e a prestación á cidadanía dun servizo de asistencia e formación financeira durante o dito período.
En concreto, o obxecto comprende:
– Instalación de caixeiros automáticos nos locais en que os concellos interesados determinen, sempre que estes locais poidan cumprir os requisitos técnicos exixidos pola normativa vixente.
– Mantemento do caixeiro nas condicións que aseguren o seu normal funcionamento e que resulten da memoria técnica que deberán presentar as entidades solicitantes interesadas.
– Servizo mínimo de asistencia e formación financeira personalizado.
Artigo 7. Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas subvencións as entidades que poidan acreditar o cumprimento dos requirimentos legais exixibles para a prestación dos servizos subvencionables.
O servizo de asistencia financeira deberá ser prestado por persoal de entidades inscritas no Rexistro de Entidades de Crédito do Banco de España, segundo o disposto na Lei 10/2014, do 26 de xuño, de ordenación, supervisión e solvencia de entidades de crédito, ou ter a correspondente autorización para operar en territorio español. En consecuencia, se a entidade beneficiaria non reúne tal condición deberá subcontratar integramente o servizo de asistencia financeira e o servizo de formación, e terán que cumprir as obrigas establecidas no artigo 27 da Lei 9/2007.
Non poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases as entidades nas cales concorra algunha das circunstancias ou prohibicións sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Artigo 8. Gastos subvencionables
1. Instalación e posta en funcionamento dos caixeiros automáticos
1.1. Consideraranse subvencionables os gastos derivados da instalación e posta en funcionamento dos caixeiros automáticos que se axusten ás características técnicas establecidas no artigo 9 desta orde.
1.2. En particular, teñen esta consideración:
– Os gastos derivados do transporte do caixeiro ás dependencias municipais.
– Os gastos derivados da instalación, ancoraxe, configuración de probas e posta en servizo do caixeiro automático, incluída obra civil necesaria, de ser o caso, as conexións ás redes eléctricas e de datos e calquera outra adaptación que sexa necesario realizar na dependencia municipal.
– Os gastos derivados da xestión integral, dispoñibilidade e correcto funcionamento do caixeiro automático.
– Os gastos derivados da elaboración dun proxecto de obra nos casos en que, para a instalación do caixeiro automático, sexa exixible.
– Os gastos de seguros, transportes e instalación final e cantos deriven do cumprimento das condicións estipuladas nestas bases.
2. Mantemento dos caixeiros automáticos.
2.1. Consideraranse subvencionables os gastos derivados do mantemento dos caixeiros automáticos.
2.2. En particular, teñen a consideración de subvencionables:
– Os gastos derivados do mantemento integral do caixeiro, incluído o custo das pezas, o hardware, software, limpeza e man de obra.
– Os gastos derivados da asistencia de mantemento, incluída a reparación por avarías ou danos.
– Os gastos de conservación e seguridade (comprenderá a man de obra, o desprazamento, medios auxiliares, pezas e demais compoñentes).
2.3. Non terán a consideración de gasto subvencionable:
– Os gastos derivados da substitución do caixeiro automático, en caso de avaría definitiva.
– Os gastos derivados da restitución completa do estado de funcionamento do caixeiro automático en caso de vandalismos e accións similares.
– Os gastos derivados da limpeza e conservación dos espazos e locais cedidos para a instalación dos caixeiros e para a prestación dos servizos de asistencia financeira e formación (entenderase por tales a reparación de cristais, pinturas, pavimentos, mostradores…).
3. Servizo de asistencia e formación financeira.
3.1. Consideraranse subvencionables os gastos derivados da prestación do servizo de asistencia e formación financeira, ata un máximo de 104 horas anuais.
3.2. O servizo de asistencia financeira consistirá na prestación de servizos bancarios e financeiros de forma personalizada nas dependencias municipais facilitadas polo concello onde se instale o caixeiro e poderán concertarse con cita previa, de maneira que permita proporcionar aos seus habitantes un nivel de servizo equivalente ao dunha oficina bancaria convencional (agás o servizo de caixa), como asesoramento en servizos e produtos bancarios ou contratación de operacións de activo ou pasivo.
3.3. O servizo de formación financeira deberá prestarse en cada concello con carácter anual sempre e cando se poida garantir unha asistencia mínima de polo menos 5 persoas, e consistirá na prestación de servizos de formación nas seguintes materias:
– Utilización do caixeiro automático.
– Banca electrónica.
– Educación financeira.
Artigo 9. Características técnicas da instalación e posta en funcionamento dos caixeiros automáticos
Os caixeiros automáticos que se instalen deben ter, con carácter xeral, o mesmo nivel de servizo que os caixeiros instalados por unha entidade bancaria nas súas oficinas.
1. En particular, os caixeiros que se instalen deberán:
a) Permitir a interoperabilidade entre todas as entidades bancarias que operan en España e con todo tipo de tarxetas de débito ou crédito (entre outras, VISA, Mastercard, American Express, etc.).
b) Cumprir coas disposicións do Real decreto 2364/1994, do 9 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de seguridade privada, da Orde INT/317/2011 e de calquera outra que resulte de aplicación. O caixeiro non poderá entrar en funcionamento ata que non conte con todos os permisos preceptivos.
c) Encontrarse en perfectas condicións de conservación e estar dotados dos medios necesarios para garantir a seguridade das persoas usuarias e dos bens do seu contorno.
2. O caixeiro será de características similares aos caixeiros que instala a entidade beneficiaria na súa rede de oficinas, deberá estar previamente homologado e contará coas medidas de seguridade que exixe a normativa específica sobre a materia.
3. Os caixeiros automáticos deben cubrir, como mínimo, os seguintes servizos:
– Disposición de efectivo.
– Reintegros.
– Consulta de saldos e movementos.
– Pagamento de recibos e tributos, agás autoliquidacións.
– Realización de transferencias nacionais.
– Traspasos entre contas, para clientes.
– Activación de tarxeta, cambio do seu PIN e do idioma con que se interactuará no caixeiro. O caixeiro ten que incluír como idiomas elixibles o galego, o castelán e o inglés.
– Carga de telefonía móbil.
4. Os locais onde se instalen os caixeiros automáticos serán determinados polos concellos e deberán adaptarse aos requirimentos técnicos exixidos no Regulamento de seguridade privada, aprobado polo Real decreto 2364/1994, do 9 de decembro, e na Orde INT/317/2011, do 1 de febreiro, sobre medidas de seguridade privada, así como en calquera normativa que resulte de aplicación.
5. A instalación deberá efectuarse no prazo máximo de 90 días desde a posta á disposición do espazo cedido polo concello.
6. Os caixeiros automáticos deberán estar en funcionamento as 24 horas do día durante todo o ano, e será responsabilidade da entidade beneficiaria a súa xestión integral de maneira que se asegure a súa dispoñibilidade, incluída a planificación e reposición de efectivo, a retirada de tarxetas capturadas e a reclamación de incidencias. En ningún caso o servizo poderá estar interrompido por mais de 2 días hábiles.
7. O mantemento consistirá en realizar as tarefas necesarias para asegurar o correcto funcionamento do caixeiro automático. Como mínimo, con carácter cuadrimestral ou cando xustificadamente sexa requirido polo concello, realizarase unha inspección de cada terminal instalado realizando unha serie de comprobacións e tarefas tales como:
– Inspección visual xeral externa e interna comprobando que non exista ningún elemento roto e revisando os puntos de ancoraxe do terminal e dos dispositivos que o integran.
– Verificación de que a pantalla táctil funciona correctamente.
– Aspiración e limpeza de po e suciedade en xeral e especialmente en ventiladores, lectores CPU e rodetes de impresoras.
– Comprobación do estado e nivel de carga das baterías.
– Verificación de que os lectores de código de barras, proximidade, chip e banda magnética funcionan de forma óptima.
– Comprobación de que os cabezais das impresoras non teñan ningunha resistencia fundida e de que os niveis de tensión dos cabezais son os adecuados.
– Engraxamento de pechaduras.
– Comprobación de que as lámpadas dos carteis luminosos superiores funcionen adecuadamente.
O tempo máximo de resposta das avarías será de 2 días hábiles desde a comunicación á entidade beneficiaria da detección da avaría, polo que o servizo, agás causa xustificada, non poderá estar interrompido por tempo superior a este prazo.
Para os efectos da comunicación da avaría, a empresa beneficiaria porá a disposición dos veciños un teléfono ou medio virtual.
Para estes efectos, como «día hábil» computan aqueles en que o centro onde se sitúa o caixeiro automático estea aberto ou dispoñible ao público e dispoña de persoal disposto a habilitar o paso ao técnico de mantemento.
Artigo 10. Características técnicas da asistencia e formación financeira
1. Tal e como se recolle no artigo 7 desta orde, o servizo de asistencia financeira e o servizo de formación deberán ser prestados por persoal de entidades inscritas no Rexistro de Entidades de Crédito do Banco de España, segundo o disposto na Lei 10/2014, do 26 de xuño, de ordenación, supervisión e solvencia de entidades de crédito, ou ter a correspondente autorización para operar en territorio español. En consecuencia, se a entidade beneficiaria non reúne tal condición, deberá subcontratar integramente o servizo de asistencia financeira e o servizo de formación e terán que cumprir as obrigas establecidas no artigo 27 da Lei 9/2007.
2. O total de horas de prestación do servizo de asistencia e formación máximo subvencionable será de cento catro horas ao ano por concello, que poderá distribuírse de xeito asimétrico entre os concellos de destino en función das súas características socioeconómicas e de acordo cun plan personalizado que a entidade beneficiaria deberá presentar ao principio da prestación do servizo ante a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos.
Artigo 11. Obrigas da entidade beneficiaria
1. A entidade beneficiaria está suxeita ás obrigacións xerais derivadas da normativa vivente sobre axudas e subvencións públicas e, en particular, ás que fai referencia o artigo 11 da Lei 9/2007, así como, de ser caso, ás exixencias que determina a normativa vixente en materia de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e en materia de retirada de efectivo en caixeiros automáticos.
2. As entidades beneficiarias que non estean inscritas no Rexistro de Entidades de Crédito do Banco de España deberán subcontratar integramente o servizo de asistencia financeira e o servizo de formación, e terán que cumprir as obrigas establecidas no artigo 27 da Lei 9/2007.
3. As entidades beneficiarias están obrigadas a realizar as actividades subvencionadas nos termos da resolución de concesión e a xustificar a súa realización nos prazos establecidos da dita resolución.
En particular, estarán obrigadas a:
a) Cumprir o obxectivo de instalar os caixeiros automáticos en todos os concellos que asinasen o convenio de colaboración ou que o asinen antes do 30 de xuño de 2024, coas características técnicas establecidas no artigo 9 e no prazo de instalación que oferten na súa solicitude de subvención e, en todo caso, dentro do prazo de 90 días recollido no número 5 do artigo 9 desta orde.
b) Realizar a actividade de mantemento do caixeiro nas condicións descritas no número 7 do artigo 9 desta orde e prestar o servizo de asistencia e formación financeira que recolle o número 3 do artigo 8 desta orde e, en xeral, realizar as actuacións e adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.
c) Xustificar o cumprimento dos requisitos e condicións, así como realizar as actividades e cumprir a finalidade que determina a concesión da subvención.
d) Dar adecuada publicidade do carácter público do financiamento da actuación subvencionada, en cumprimento do previsto no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 20 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Esta publicidade consistirá en:
– Colocación do logotipo da imaxe institucional da Xunta de Galicia na parte frontal do caixeiro e na pantalla de acceso ao menú principal.
A imaxe deberá estar adaptada ao Manual de identidade corporativa da Xunta de Galicia, dispoñible no seguinte enlace: https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/descarga-do-manual
– Información na páxina web da entidade beneficiaria relativa á actividade subvencionada e na cal se incluirá o logotipo da imaxe institucional da Xunta de Galicia.
– Inclusión do logotipo da imaxe institucional da Xunta de Galicia nas comunicacións escritas relacionadas coa execución da actuación.
e) Cumprir os requisitos que sexan exixibles en cumprimento da Decisión da Comunidade Europea do 20 de decembro de 2011.
f) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente, así coma calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que correspondan á Intervención Xeral, o Tribunal de Cuentas, o Consello de Contas e outros órganos de control en relación coas subvencións concedidas, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das ditas actuacións.
g) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien total ou parcialmente a actividade ou proxecto subvencionado.
O incumprimento das anteriores obrigacións dará lugar á exixencia das responsabilidades que correspondan segundo a lexislación vixente, e de forma especial no que dispón a Lei 9/2007, xeral de subvencións de Galicia, e o seu regulamento.
Artigo 12. Incompatibilidade das axudas
A obtención da subvención será incompatible con calquera outra axuda pública ou incentivo público á contratación para a mesma actuación ou actividade. Por outra banda, o importe da subvención regulada nestas bases en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente, ou en concorrencia con axudas doutros entes privados, supere o custo da instalación, posta en funcionamento e mantemento operativo dos caixeiros automáticos que se instalen en cada concello.
Artigo 13. Prazo, forma e lugar de presentación de solicitudes
1. As entidades interesadas deberán presentar a solicitude segundo o modelo normalizado que figura como anexo I dirixida á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Consellería de Facenda e Administración Pública, na cal se farán constar a totalidade de datos reflectidos naquel.
A súa presentación implica a aceptación da totalidade de prescricións previstas nesta orde, así como no resto da normativa aplicable. Coa solicitude xuntarase a documentación complementaria indicada no artigo seguinte.
2. O prazo de presentación será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Estes formularios só terán validez se están debidamente asinados por quen represente legalmente a entidade correspondente ou persoa debidamente acreditada.
Será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación de información.
Artigo 14. Documentación complementaria
1. Coa solicitude achegarase, como mínimo, documentación complementaria sobre os seguintes aspectos:
a) Guía dos caixeiros automáticos: documento en que se especificará cada un dos dispositivos de que se compón o terminal, así como as funcionalidades do terminal que se vai instalar. En particular, deberá incluír fotografías ou representacións gráficas dos caixeiros, elementos que compoñen o caixeiro, sistemas de información e xestión do caixeiro, así como sistemas de seguridade, control e vixilancia e, en todo caso, os servizos mínimos previstos no punto 3 do artigo 9 desta orde.
b) Plan de limpeza e mantemento dos caixeiros: documento no cal se recollerán as condicións en que realizará a limpeza e mantemento dos caixeiros e onde se relacionen as seguintes cuestións:
i. Recursos humanos adscritos ao servizo.
ii. Metodoloxía para a prestación do servizo.
iii. Periodicidade na prestación do servizo.
c) Plan do servizo de asistencia financeira: documento no cal se recollerán as condicións de prestación do servizo en que se relacionen as seguintes cuestións:
i. Recursos humanos adscritos ao servizo.
ii. Metodoloxía para a prestación do servizo.
iii. Servizos bancarios que se van prestar.
iv. Periodicidade na prestación do servizo.
d) Plan do servizo de formación financeira: documentación sobre as condicións de prestación do servizo en que se relacionen as seguintes cuestións:
i. Recursos humanos adscritos ao servizo.
ii. Metodoloxía para a prestación do servizo.
iii. Formación que se vai impartir.
iv. Periodicidade na prestación do servizo.
e) Certificado asinado polo representante da entidade solicitante en que acredite, de ser o caso, para os efectos do establecido no punto 2 do artigo 18 desta orde:
i. Número de traballadores fixos con discapacidade superior ao 2 %.
ii. Acreditación da implantación dun plan de igualdade.
f) Grao de cofinanciamento proposto polo solicitante, tal e como se establece no artigo 18.1.e).
g) Prazo de instalación proposto polo solicitante, tal e como se establece no artigo 18.1.f).
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
5. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente requirirá a entidade solicitante para que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non facelo, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, despois de que se dite resolución ao abeiro do artigo 21 desta lei.
Sen prexuízo do disposto no punto anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderase requirir á entidade solicitante que achegue a información e/ou a documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.
6. Serán causas de exclusión non emendables as seguintes:
– A presentación da solicitude fóra do prazo establecido.
– A petición da subvención exclusivamente para actividades non incluídas no obxecto da convocatoria.
Artigo 15. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña a súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa representante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) Certificado de estar ao día no pagamento de débedas tributarias coa AEAT.
d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 16. Ordenación e instrución do procedemento e Comisión de Valoración
1. O órgano encargado da ordenación e instrución do procedemento será a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Consellería de Facenda e Administración Pública que, de oficio, acordará todas as actuacións necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se pronunciará a resolución.
2. Constituirase unha comisión de valoración para o exame e valoración dos expedientes de conformidade co artigo 21 da Lei 9/2007. Esta comisión, en canto órgano colexiado, axustarase no seu funcionamento ao réxime establecido na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
A Comisión de Valoración estará presidida pola persoa titular da Subdirección Xeral de Planificación e Operacións Financeiras. Actuará como secretaria a persoa titular da xefatura do Servizo de Planificación Financeira, e actuarán como vogais tres empregados públicos da Consellería de Facenda e Administración Pública. En caso de ausencia dalgunha/s das persoas que a integran, será/n substituída/s pola persoa designada pola Presidencia da Comisión.
En todo caso, a composición da Comisión de Valoración segundo o establecido no artigo 14.4 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, cumprirá o principio de participación equilibrada de mulleres e homes.
Así mesmo, a persoa que exerza a Presidencia da Comisión poderá convocar a esta as persoas asesoras que polos seus coñecementos se consideren oportunas, que actuarán con voz pero sen voto.
Artigo 17. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 18. Criterios de valoración e a súa ponderación
1. A Comisión de Valoración valorará as propostas presentadas segundo os seguintes criterios:
a) Guía do caixeiro e servizos ofertados, segundo o establecido no punto 1.a) do artigo 14 desta orde (ata 8 puntos).
Recollerá toda a información sobre as características e prestacións que ofreza o caixeiro automático, así como a guía sobre prestacións ofertadas. En particular, a guía deberá incluír:
i. Ficha técnica dos caixeiros automáticos que inclúa: fotografías ou representacións gráficas dos caixeiros, elementos que compoñen o caixeiro, sistemas de información e xestión do caixeiro, sistemas de seguridade, control e vixilancia. Valoraranse ata 3 puntos.
ii. Descrición dos servizos adicionais aos mínimos previstos no número 3 do artigo 9 desta orde (ata 5 puntos). O solicitante debe presentar documentación que recolla xustificación das prestacións adicionais ofertadas, cuantificándoas economicamente co obxecto de facilitar a súa valoración. O máximo puntuable por prestacións adicionais ofertadas é de 5 puntos, a razón de 0,5 puntos ou 1 punto por prestación adicional.
Valoraranse cunha maior puntuación as prestacións que poidan ter unha maior repercusión no seu uso e supoñan unha maior vantaxe para a cidadanía. Nesta epígrafe valórase con maior puntuación cada unha das medidas de accesibilidade de que dispoñan os caixeiros para as persoas con diversidade funcional: instalacións de dispositivos adicionais que permitan o acceso con cadeira de rodas teclado braille, axuda guiada por voz, menú de axuda en linguaxe de signos etc. Así mesmo, valoraranse con carácter preferente as funcionalidades e características técnicas dos caixeiros que os fagan mais intuitivos, cómodos e fáciles de empregar, como podería ser o tamaño da pantalla ou das teclas do dispositivo. Tamén se valorarán criterios de sustentabilidade para reducir o impacto ambiental.
b) Plan de limpeza e mantemento dos caixeiros nos espazos ocupados (ata 8 puntos). Deberá prever:
i. Metodoloxía para levar a cabo o mantemento correctivo previsto e tempo de resposta para levalo a cabo (ata 4 puntos).
ii. Metodoloxía para levar a cabo o mantemento preventivo previsto e a periodicidade con que se levará a cabo (ata 4 puntos).
c) Servizo de asistencia financeira personalizada (ata 8 puntos). Valóranse os seguintes aspectos:
i. Recursos humanos previstos. Describirán os medios humanos que se porán a disposición deste servizo (ata 2 puntos).
ii. Metodoloxía para a prestación do servizo. Nesta epígrafe describirase como se vai efectuar a prestación do servizo. Os solicitantes poderán incluír un servizo de atención personalizada de 24 horas, para a tramitación en liña, que proporcione atención personalizada á cidadanía en materia de servizos bancarios (ata 2 puntos).
iii. Servizos que se van prestar. Valorarase nesta epígrafe calquera servizo que os solicitantes oferten que poida mellorar a calidade da prestación do servizo. Isto será puntuado en función do beneficio que implique para os habitantes dos concellos (ata 2 puntos).
iv. Periodicidade. Deberá establecer a periodicidade para a súa execución. Periodicidade que pode establecerse con carácter uniforme para todos os concellos, ou ben en función do seu número de habitantes, distancia á oficina bancaria máis próxima ou outro criterio que se considere conveniente. Este criterio será puntuado en función da mellora ofertada (ata 2 puntos).
d) Servizo de formación: ata 6 puntos. Valoraranse as condicións de prestación do servizo en relación cos seguintes aspectos:
i. Recursos humanos previstos. Describirán os medios humanos que se porán á disposición deste servizo (ata 1,5 puntos).
ii. Metodoloxía de traballo. Nesta epígrafe describirase como se vai efectuar a prestación do servizo (ata 1,5 puntos).
iii. Formación que se vai impartir. Valorarase a calidade da prestación do servizo de formación; para estes efectos, deberá describir con detalle suficiente os contidos que serán impartidos (ata 1,5 puntos).
iv. Periodicidade. Os solicitantes poderán establecer sesións de formación cunha periodicidade que mellore a establecida no número 3 do artigo 8 desta orde, establecendo máis sesións de formación anuais en función dos criterios que considere convenientes (ata 1,5 puntos).
e) Grao de cofinanciamento: ata 60 puntos.
Considerarase grao de cofinanciamento a achega privada do solicitante (en tanto por un) para a instalación, mantemento e posta en funcionamento de caixeiros automáticos e para a cal non solicita subvención.
A puntuación do solicitante outorgaráselle de forma proporcional respecto ao grao de cofinanciamento, conforme a seguinte fórmula:
Puntos grao de cofinanciamento solicitante A=60 * ()
f) Redución prazo instalación: ata 10 puntos.
Valorarase con 10 puntos a maior redución no prazo de instalación de caixeiro proposta por un solicitante de axuda sobre o previsto no punto 5 do artigo 9 desta orde en relación co prazo de instalación de 90 días. Ao resto de solicitantes outorgaráselles a puntuación de forma inversamente proporcional respecto á maior redución de prazo, conforme a seguinte fórmula:
Puntos de instalación do solicitante A=10 * ()
2. En caso de empate, terán preferencia e serán de aplicación sucesiva os seguintes criterios:
a) Empresas que teñan no seu cadro de persoal un número de traballadores fixos con discapacidade superior ao 2 por 100, aínda que isto non sexa un requisito exixido por lei. No caso de que varias empresas se encontren nesta circunstancia, terán preferencia os solicitantes que dispoñan da maior porcentaxe de traballadores fixos con discapacidade no seu cadro de persoal.
b) Empresas que acrediten a certificación da implantación dun plan de igualdade conforme o establecido nos artigos 67 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, e 11 do Decreto 33/2009, do 21 de xaneiro, polo que se regula a promoción da igualdade nas empresas e a integración do principio de igualdade nas políticas de emprego ou documento equivalente.
c) De persistir o empate, este resolverase a favor da empresa que oferte o maior grado de cofinanciamento. De persistir o empate, decidirase mediante un sorteo polo sistema de insaculación, o cal se realizará en acto público.
Artigo 19. Proposta de resolución
A Comisión de Valoración emitirá un informe de valoración das solicitudes presentadas de conformidade cos criterios de avaliación establecidos no artigo 18 desta orde.
Á vista do mencionado informe, o órgano instrutor, tras comprobar que a entidade beneficiaria cumpre os requisitos necesarios para acceder á subvención á vista da documentación que consta no expediente, formulará unha proposta de resolución provisional. Esta proposta notificaráselles aos solicitantes e daráselles trámite de audiencia por un prazo de 10 días hábiles, co obxecto de que poidan formular as alegacións que consideren pertinentes, que en ningún caso poderán supor variacións nas propostas presentadas. Examinadas as alegacións, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución definitiva.
A proposta de resolución definitiva notificaráselle ao interesado proposto como entidade beneficiaria, xuntándolle o documento de aceptación, que deberá ser debidamente cuberto, asinado e enviado no prazo de 10 días hábiles á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos. A aceptación da subvención poderá realizarse a través de medios telemáticos legalmente recoñecidos mediante o envío da documentación debidamente asinada. Transcorrido o prazo sen manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.
As propostas de resolución provisional e definitiva non crean dereito ningún a favor da entidade beneficiaria proposta fronte á Administración mentres non se resolva a concesión da subvención.
Artigo 20. Resolución
1. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, por delegación da persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública, resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias con relación ás subvencións previstas nestas bases, así como realizar os actos de autorización e disposición de gasto, recoñecemento de obrigacións e proposta de pagamentos previstos no artigo 73 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
2. O prazo máximo para tramitar, resolver e notificar as resolucións de concesión será de 3 meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude por silencio administrativo. A resolución terá os efectos e contido previstos no artigo 23 da Lei 9/2007.
3. A resolución notificaráselles a todas las entidades solicitantes, segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2007. Pola súa vez, de conformidade co artigo 23.5 da dita lei, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.
4. A resolución de concesión conterá unha referencia aos concellos que, con carácter previo, asinasen coa Xunta de Galicia o correspondente convenio de colaboración para a universalización dos servizos financeiros. Así mesmo, con carácter anual e en calquera caso antes do 30 de xuño de cada exercicio, a Dirección xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos comunicaralle á entidade beneficiaria a relación de concellos que, desde a data da última comunicación, formalizasen o correspondente convenio de colaboración para a universalización dos servizos financeiros. En todo caso, a relación de concellos comunicada terá como límite máximo o importe da subvención concedida considerando o importe dos módulos do artigo 5 desta orde.
5. As resolucións esgotan a vía administrativa. Contra estas resolucións as entidades interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o xulgado contencioso-administrativo que corresponda.
6. Así mesmo, a consellería concedente publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas, con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención, ao abeiro do establecido no artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Artigo 21. Ordenación do pagamento e xustificación das subvencións concedidas
1. A solicitude de pagamento realizarase mediante a presentación do anexo III da presente orde. O pagamento da subvención realizarase logo da súa xustificación por parte da entidade beneficiaria, segundo o establecido no artigo 31.5 da Lei 9/2007.
2. O prazo de presentación da documentación xustificativa concluirá o primeiro día hábil da segunda quincena do mes de novembro de cada ano.
Os módulos certificados que se presenten co obxecto de xustificar a primeira anualidade da subvención concedida deberán corresponderse con servizos prestados durante o ano, antes da data límite de presentación da documentación xustificativa. Na xustificación da segunda e ulteriores anualidades poderanse certificar módulos que se correspondan coa anualidade anterior correspondentes a servizos prestados con posterioridade á data límite de xustificación.
Os pagamentos correspondentes ás anualidades 2021 a 2024 terán a consideración de pagamentos á conta.
Conforme o artigo 62.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Consello da Xunta autorizou a modificación da porcentaxe establecida no artigo 62.2, de tal forma que o importe conxunto dos pagamentos á conta non poderá ser superior ao 81,25 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario, de acordo co establecido.
De acordo co artigo 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Consello da Xunta de Galicia autorizou a exención á entidade beneficiaria da obrigación de constituír garantías que establece o artigo 65.1.b).
3. A xustificación da subvención levarase a cabo mediante a presentación da seguinte documentación:
1º. Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.
2º. Unha memoria económica xustificativa que conterá, como mínimo, os seguintes aspectos:
a) Acreditación sobre o número de unidades físicas consideradas como módulo.
b) Contía da subvención calculada sobre a base das actividades cuantificadas na memoria de actuación e os módulos previstos no artigo 5 desta orde.
c) Un detalle doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e da súa procedencia.
3º. Anexo II da presente orde, que recolle a certificación da entidade beneficiaria para os efectos de xustificación da data de instalación e anualidade dos caixeiros instalados e do número de horas e anualidade de prestación do servizo de asistencia financeira e formación financeira individualizado por concellos.
Artigo 22. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo electrónico e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 23. Incumprimentos, reintegros e sancións
1. O incumprimento das obrigacións contidas nesta orde e demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Para facer efectiva a devolución, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e da súa normativa de desenvolvemento.
2. En particular, serán causas de incumprimento total:
– Incumprimento, agás causa xustificada, do prazo de instalación de caixeiros automáticos que figure na solicitude de subvención.
– Incumprimento da obrigación de xustificación nos termos establecidos ou xustificación insuficiente.
– Incumprimento da finalidade para a cal foi concedida a subvención.
– Cando resulte acreditada, a través do seguimento que das accións subvencionadas efectúe o correspondente órgano xestor, a inadecuación do gasto efectivamente realizado ao proposto e concedido.
3. Á entidade beneficiaria desta subvención seralle de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.
4. Os danos e perdas que poidan sobrevir nas actividades obxecto da subvención serán por conta e risco da entidade beneficiaria da subvención.
Artigo 24. Modificación e rectificación da resolución
1. De acordo co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras axudas ou subvencións outorgadas por outras administracións ou entidades públicas, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
2. Así mesmo, segundo o previsto no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, unha vez ditada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria poderá solicitar a modificación do seu contido sempre que se respecte a acción subvencionable e non dea lugar á execución deficiente e/ou incompleta. Será de aplicación o seguinte:
a) A solicitude debe presentarse antes de que conclúa o prazo para a realización da actividade e a esta xuntaráselle:
1º. Memoria xustificativa.
2º. Relación e identificación concreta dos cambios introducidos.
3º. Orzamento modificado, se procede.
b) Poderá autorizarse sempre que non dane dereitos de terceiros.
c) Non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou resolución, tiveron lugar con posterioridade a ela.
d) Cando implique modificación do importe total concedido, tramitarase conxuntamente co expediente de gasto.
3. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución ditarao o responsable da Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos por delegación da persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública, logo da correspondente tramitación e, se é o caso, con audiencia da entidade interesada.
4. Cando a entidade beneficiaria da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a súa concesión que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen ter dado lugar á modificación da resolución omitíndose o trámite de autorización administrativa previa, o órgano concedente poderá aceptar a xustificación presentada, sempre que tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.
Esta aceptación polo órgano outorgante non exime a entidade beneficiaria das sancións que lle poidan corresponder de conformidade coa citada Lei 9/2007, do 13 de xuño.
5. A Administración poderá rectificar de oficio a resolución cando dos elementos que figuren nela se deduza a existencia dun erro material, de feito ou aritmético.
Artigo 25. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a entidade beneficiaria da subvención está obrigada a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Disposición adicional primeira. Publicación na Base de datos nacional de subvencións
En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2021
Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda e Administración Pública