Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Martes, 22 de xuño de 2021 Páx. 31322

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

EXTRACTO da Orde do 18 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a incentivar e fomentar a prestación de servizos bancarios básicos consistentes na instalación, mantemento e posta en funcionamento de caixeiros automáticos e a prestación dun servizo de asistencia e formación financeira en entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia (prioritariamente nos concellos sen entidade financeira no seu territorio), e se convocan para as anualidades 2021 a 2025 (código de procedemento FA500A).

BDNS (Identif.): 570746.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas subvencións as entidades que poidan acreditar o cumprimento dos requirimentos legais exixibles para a prestación dos servizos subvencionables.

O servizo de asistencia financeira deberá ser prestado por persoal de entidades inscritas no Rexistro de Entidades de Crédito do Banco de España, segundo o disposto na Lei 10/2014, do 26 de xuño, de ordenación, supervisión e solvencia de entidades de crédito, ou ter a correspondente autorización para operar en territorio español. En consecuencia, se a entidade beneficiaria non reúne tal condición, deberá subcontratar integramente o servizo de asistencia financeira e o servizo de formación, e terán que cumprir as obrigas establecidas no artigo 27 da Lei 9/2007.

Non poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases as entidades nas cales concorra algunha das circunstancias ou prohibicións sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Segundo. Obxecto

O obxecto desta subvención é incentivar e fomentar a prestación de servizos bancarios básicos, por un período de 4 anos, nos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia mediante a instalación, mantemento e posta en funcionamento de caixeiros automáticos e a prestación á cidadanía dun servizo de asistencia e formación financeira durante o dito período.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 18 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a incentivar e fomentar a prestación de servizos bancarios básicos consistentes na instalación, mantemento e posta en funcionamento de caixeiros automáticos e a prestación dun servizo de asistencia e formación financeira en entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia (prioritariamente nos concellos sen entidade financeira no seu territorio), e se convocan para as anualidades 2021 a 2025 (código de procedemento FA500A), publicada no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Contía

Importe total da convocatoria: 2.883.600,00 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes contado desde o día seguinte ao da publicación da Orden de 18 de xuño de 2021 no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2021

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda e Administración Pública