Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Martes, 22 de xuño de 2021 Páx. 31324

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 27 de maio de 2021 pola que se inclúe no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia o edificio situado na rúa Moncho Reboiras, número 8, no concello de Culleredo (A Coruña).

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. En exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, en diante (LPCG).

O día 15.1.2020 a propiedade do edificio situado na rúa Moncho Reboiras número 8, no concello de Culleredo, solicitou a súa inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia por mor da súa singularidade como obra de mediados do século XX, atribuída a Antonio Tenreiro, arquitecto representativo do racionalismo e do movemento moderno en Galicia.

O 5.11.2020 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 28 de outubro de 2020, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoaba o procedemento de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia do mencionado edificio e foron informados do inicio deste trámite tanto o seu promotor como o Concello de Culleredo, ademais de abrirse un período de exposición pública dun mes no cal non se presentou ningunha alegación.

Á vista dos documentos que forman parte do expediente en que se acredita a concreción da presunción dos valores culturais legalmente recoñecidos, en especial o seu valor histórico e arquitectónico, é polo que no exercicio da competencia para a inclusión dun ben no Catálogo do patrimonio cultural, prevista no artigo 28 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e a delegación destes asuntos na Secretaría Xeral Técnica desta consellería pola Orde do 9 de febreiro de 2021,

RESOLVO:

Primeiro. Acordar a inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia do edificio situado na rúa Moncho Reboiras número 8, no concello de Culleredo (A Coruña), consonte a descrición que figura no anexo I.

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia, data a partir da cal se producirá a súa inclusión no catálogo con carácter definitivo.

Terceiro. Notificar esta resolución ás persoas interesadas e ao concello de Culleredo.

Cuarto. Segundo o disposto no artigo 35.5 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, esta catalogación obriga ao Concello a incorporar esta circunstancia ao seu planeamento urbanístico e a establecer as determinacións específicas para o seu réxime de protección e conservación.

Disposición derradeira. Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade
P.D. (Orde do 9.2.2021; DOG núm. 31, do 16 de febreiro)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación e Universidade

ANEXO I

Descrición e delimitación do inmoble

1. Denominación: edificio da rúa Moncho Reboiras número 8.

2. Localización.

• Provincia: A Coruña.

• Concello: Culleredo.

• Parroquia: O Burgo (Santiago).

• Lugar: Acea de Ama.

• Enderezo postal: Moncho Reboiras 8. Acea de Ama. 15670 Culleredo (A Coruña).

• Coordenadas UTM ETRS89 Fuso 29: X: 551.125; Y: 4.796.150.

3. Descrición.

A parcela en que se sitúa o edificio ten unha superficie de 397 m2 e actualmente está ocupada por tres volumes acaroados:

• O edificio orixinal, de 2 andares (baixo de 160 m2, alta de 168 m2 e baixo cuberta), que acolle 4 vivendas (2 na planta baixa e outras 2 na alta).

• Un anexo apegado polo lado noroeste, dunha planta dedicada a garaxe, de 129 m2.

• Un soportal arrimado polo lado suroeste, de 46 m2.

O edificio de vivendas sitúase na esquina leste da parcela, delimitada pola rúa Alcalde José María Louzán ao nordés –onde se atopa a fachada principal do edificio– e pola rúa Moncho Reboiras ao sueste. No lado noroeste sitúase o garaxe anexo e o resto da parcela está libre de edificación e acolle dous patios vinculados a cadansúa vivenda de planta baixa, pechados con muros.

O volume do edificio é sinxelo, formado a partir dunha planta rectangular, con cuberta a dúas augas. A fachada principal ocupa un dos lados longos, o nordés, e nela sobresaen dous corpos voados na planta alta que teñen as esquinas achafranadas e que se prolongan en dous balcóns (con antepeito rematado por un tubo metálico) que se interrompen no centro da fachada, onde se localiza a porta de entrada na planta baixa do edificio. Na fachada posterior hai un balcón con antepeito que sobresae do centro da planta alta.

A composición das fachadas garda a simetría. Os ocos da fachada principal teñen tamaños distintos, combinando a proporción horizontal dos maiores situados nos extremos coa vertical dos menores situados no centro. Os ocos do resto das fachadas teñen proporción vertical.

A distribución interior das dúas plantas é similar. A escaleira de tres tramos e oco central sitúase nunha posición central da planta, con iluminación cenital. As dúas vivendas de cada planta son simétricas, con escasas diferencias entre a planta baixa, que contan con 4 estancias, unha cociña e dous aseos; e as da alta, que teñen unha estancia máis e un pequeno balcón na fachada.

A estrutura portante do edificio resólvese cun sistema moi empregado durante os anos da autarquía pola escaseza de materiais: muros de formigón en masa, construídos con area graúda, dispostos na envolvente do edificio e pechando a escaleira interior que separa as vivendas; vigas de formigón armado e placa de viguetas de cemento armadas e entrevigas cerámicas.

A cuberta de tella cerámica plana é soportada por unha estrutura de madeira e o espazo baixo a cuberta ilumínase por ocos nos testeiros. O garaxe anexo ten unha cuberta de pranchas onduladas de fibrocemento.

Os muros son revestidos cunha receba continua que tamén se emprega nos elementos ornamentais da fachada. O elemento decorativo máis preeminente é a cornixa, que voa considerablemente respecto do plano da fachada e dos volumes achafranados, e sobre a cal se ergue un acroterio con molduras e dous elementos decorativos sobre cadanseu corpo voado. Unha imposta percorre a parte alta da planta baixa e tamén son resaltadas as soleiras dos ocos desa planta.

As carpintarías son de madeira e combinan o sistema de guillotina nas ventás e as portaventás de dobre folla nos ocos de acceso aos balcóns, similares á porta de entrada. Todas as carpintarías teñen unhas particións decorativas, que marcan tres franxas que remarcan a composición horizontal da fachada.

Actualmente, os grandes panos da fachada están pintados cun ton claro de amarelo, cos elementos decorativos resaltados en branco. O zócolo e as carpintarías están pintados de cor vermella. Os pavimentos da entrada e da escaleira son de terrazo executado in situ e as paredes están recubertas ata media altura con terrazo na entrada e estuco decorativo na escaleira. A escaleira conta cun antepeito rematado por unha varanda de madeira.

4. Natureza e categoría.

Ben inmoble, patrimonio arquitectónico. Nivel estrutural.

5. Valoración cultural.

A documentación que se achega na solicitude é completa e suficiente para acreditar un notable valor cultural do ben en relación co patrimonio arquitectónico, en concreto o testemuño da arquitectura periurbana de mediados do século XX, na cal se desenvolve unha linguaxe propia do movemento moderno condicionada pola escaseza de materiais e que integra os principios da arquitectura racionalista nas edificacións domésticas dun carácter modesto, o que adoita denominarse como arquitectura da autarquía.

A súa construción pode acreditarse entre os anos 1945 e 1957 e atribúese a Antonio Tenreiro Rodríguez, autor dunha numerosa obra na bisbarra que, en varios exemplos, conta coa súa clasificación como bens do patrimonio cultural de Galicia e da cal este tipo construtivo sería un exemplo singular tanto pola súa tipoloxía e uso, a conservación dos seus elementos orixinais e auténticos, como pola conservación dun estilo depurado sen apenas contribucións historicistas.

Antonio Tenreiro Rodríguez foi un dos arquitectos galegos máis significativos do século XX en Galicia, cunha dilatada traxectoria desenvolvida fundamentalmente na Coruña, que inclúe o Banco Pastor (1922), o Arquivo do Reino de Galicia (1955), a Cidade Xardín (1930), o Mercado municipal de San Agostiño (1932), o edificio Atalaia nos Xardíns de Méndez Núñez (1933). Destacou pola difusión da linguaxe do movemento moderno na arquitectura residencial da Coruña, proxectando xunto con Peregrín Estellés numerosos edificios de vivenda neste estilo. Os edificios de vivenda máis significativos desta época abandonan a linguaxe moderna e adoptan composicións historicistas como moitos dos seus coetáneos. Porén, o edificio número 8 da rúa Moncho Reboiras de Culleredo mantén as características da súa primeira obra e é, ademais, testemuño da época da autarquía en Galicia, momento en que a arquitectura se debate entre diversas correntes estilísticas, entre elas un movemento moderno serodio caracterizado polas penurias económicas.

Ben que o edificio se atopa deshabitado e sen uso (o que contribúe ao empeoramento do seu estado de conservación), mantense o volume e os seus elementos característicos e a súa estabilidade non está comprometida. A súa rehabilitación considérase viable e recomendable a súa integración no futuro desenvolvemento urbanístico da zona.

6. Usos.

O uso característico propio do inmoble é o residencial polo que co obxecto da súa conservación e protección deben permitirse as actuacións e intervencións que conduzan á súa rehabilitación.

7. Consideracións específicas relativas á súa conservación e criterios de intervención.

As actuacións autorizables serán as de investigación, valorización, mantemento, conservación, restauración, consolidación e rehabilitación, así como as de reestruturación para o caso dos reforzos das placas ou a substitución da estrutura da cuberta, que poderán ser substituídos por elementos análogos ou coherentes cos orixinais e que permitan un semellante funcionamento estrutural, sempre que conduzan á recuperación do seu uso característico como vivenda.

As distribucións e espazos interiores poderán ser adaptados ás condicións de habitabilidade necesarias, aínda que baixo o criterio da menor intervención ou modificación posible.

Manteranse os elementos constitutivos da estrutura e a posición e dimensión de ocos; os elementos ornamentais de fachada: liñas de imposta, cercos e cornixas e, na medida do posible, o proxecto de restauración integrará o sistema ou tipo de acabamentos orixinais, coa prioridade da conservación dos que sexa factible incorporar ao seu uso.

Manterase o volume da edificación, ben que se consideran compatibles axustes nas dimensións da cuberta no caso de reestruturación. No caso de seren necesarios acondicionamentos de carácter térmico, a solución manterá as características compositivas e elementos configuradores das fachadas.

Manterase a carpintaría de fachada e, de non ser posible por térense esgotado as posibilidades reais de recuperación do material, reproduciranse mantendo o material, composición e sistema de apertura.

As edificacións anexas poderán ser obxecto de modificacións de maior alcance, ben que a súa modificación non deberá impedir a apreciación do inmoble protexido.

8. Determinacións urbanísticas.

Segundo o disposto no artigo 35.5 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, esta catalogación obriga ao Concello a incorporar esta circunstancia ao seu planeamento urbanístico e a establecer as determinacións específicas para o seu réxime de protección e conservación e as indicacións que se recollen na resolución.

O plan especial de reforma interior da APR-D2.4 previsto no planeamento aprobado inicialmente deberá incorporar as previsións para respectar a conservación da edificación, sen prexuízo do desenvolvemento previsto e tomando en consideración a necesaria integración e valoración da edificación de valor cultural.

En calquera caso, o planeamento vixente deberá tamén respectar a obriga legal de conservar os elementos clasificados e, de ser preciso, poderán realizarse as modificacións necesarias para garantir a conservación do inmoble e, de ser o caso, a recuperación do seu uso característico.

ANEXO II

Delimitación e contorno de protección

O ben está composto pola edificación orixinal identificada en planta de forma coherente polo sistema de muros e que conforma as vivendas e a escaleira que as comunica. As edificacións anexas non se clasifican con ningún nivel de protección.

No referido ao contorno de protección que se propón, dada a actual transformación e evolución do ambiente máis próximo, no cal existen instalacións de residencia plurifamiliar de recente construción xa consolidadas, proponse a delimitación dun contorno de protección do inmoble limitado exclusivamente á parcela en que se localiza.

missing image file