O ámbito de actuación da Consellería de Cultura, Educación e Universidade responde ao vixente marco institucional de distribución de competencias, configurado basicamente no Estatuto de autonomía de Galicia. Este, no artigo 27.19, establece como competencia exclusiva da Xunta de Galicia o fomento da cultura en Galicia e no artigo 32 que lle corresponde ao Goberno da nosa comunidade autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.
De conformidade co Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, esta asume as competencias de promoción e difusión da cultura, para potenciar a imaxe das bibliotecas e o fomento do acceso igualitario á cultura para toda a cidadanía a través da lectura.
Á Consellería de Cultura, Educación e Universidade, segundo o establecido na Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, como órgano de dirección e coordinación do Sistema galego de bibliotecas, correspóndelle tramitar e resolver os procedementos de inscrición de bibliotecas de titularidade pública ou privada no Rexistro de Bibliotecas de Galicia, segundo o establecido nesta lei e no seu desenvolvemento regulamentario.
O Concello de Cenlle, a Fundación para o Fomento do Coñecemento da Construción Naval e das Actividades Marítimas (Exponav) e a Fundación Granell solicitaron a inscrición dos seus respectivos centros bibliotecarios no Rexistro de Bibliotecas de Galicia e os servizos técnicos desta consellería comprobaron que cumpre cos requisitos exixidos no Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas.
Por proposta do secretario xeral de Cultura, no exercicio das facultades que me confire o artigo 3 do Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade,
RESOLVO:
Aprobar a inscrición no Rexistro de Bibliotecas de Galicia dos seguintes centros bibliotecarios:
– A Biblioteca Pública Municipal de Cenlle.
– A Biblioteca da Fundación para o Fomento do Coñecemento da Construción Naval e das Actividades Marítimas (Exponav).
– A Biblioteca da Fundación Granell.
Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2021
Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade