Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Mércores, 23 de xuño de 2021 Páx. 31614

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 17 de xuño de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para profesionais autónomos e empresas que sufran perdas de ingresos derivados da crise provocada pola COVID-19, para desenvolver espectáculos musicais con público, dentro da programación do Xacobeo 21-22, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento CT302E).

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) é unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, que ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, segundo o previsto nos artigos 3, 4 e 5 da Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais. A Axencia Galega das Industrias Culturais é o organismo en que a Xunta de Galicia, coa participación necesaria dos sectores culturais implicados, centraliza os programas de apoio destinados a reforzar o papel dos creadores individuais, empresas e industrias culturais privadas, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade. O obxectivo da Axencia é consolidar o tecido industrial no sector cultural galego para promover un tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentar a creación e potenciar a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, e favorecer a difusión da lingua e da cultura galegas como elementos singulares.

A situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 obrigou a adaptar as maneiras de relacionarse e a adoptar unha serie de medidas en canto á mobilidade de persoas e ao exercicio de actividades sociais e económicas para conter o avance da epidemia, protexer as persoas do risco de contaxio e garantir actividades consideradas esenciais.

Esta situación supón un notable impacto na economía, tanto a nivel nacional como internacional, e neste contexto a actividade cultural enfróntase a grandes dificultades económicas pola interrupción da súa actividade, que lle impide ao sector continuar con ela dunha forma segura e estable, para recuperar a normalidade en canto sexan eliminadas as circunstancias excepcionais.

O día 30 de abril de 2020, mediante Acordo do Consello da Xunta de Galicia, apróbase o Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19, co cal se adoptou un paquete de medidas dirixidas ao sector cultural co obxectivo de paliar esta crise e reactivar o sector cultural e turístico, que se fixo público o día 5 de maio de 2020.

Un dos obxectivos do plan é reforzar as estruturas de programación e distribución e potencialas a través do Xacobeo 21-22, establecendo unha serie de Medidas de apoio ao sector da música para mitigar os efectos devastadores xerados pola pandemia.

En consecuencia, e no uso das atribucións que me foron concedidas en virtude do disposto pola Lei 4/2008, do 23 de maio, e o Decreto 150/2012, do 12 de xullo, polo que se aproba o Estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais, apróbase a convocatoria pública de subvencións para profesionais autónomos e empresas que sufran perdas de ingresos derivados da crise provocada pola COVID-19, que desenvolvan espectáculos musicais con público, dentro da programación do Xacobeo 21-22, e procédese á súa convocatoria para o ano 2021, de conformidade coas seguintes bases:

Primeira. Obxecto e finalidade

1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para profesionais autónomos e empresas que se dediquen a realizar espectáculos musicais con público e que sufran perdas de ingresos derivados da crise provocada pola COVID-19, para desenvolver os citados espectáculos dentro da programación do Xacobeo 21-22 (código de procedemento CT302E).

2. Os proxectos financiados deberán:

a) Consistir no desenvolvemento de espectáculos musicais con público de carácter lucrativo, entendéndose por estes as actuacións que se representen ao aire libre ou en grandes recintos, fóra do seu establecemento permanente, cuxo elemento principal sexa a representación de concertos de música en todas as súas modalidades, como clásica, pop e rock; presumirase o carácter lucrativo dos espectáculos cando teñan unha contraprestación económica acorde co mercado.

b) Ser desenvolvidos por profesionais ou empresas de espectáculos musicais e que estean dados de alta con máis dun ano de antigüidade no IAE nalgunha das epígrafes 965.2, 965.3 e 965.4 e que sufrisen durante o ano 2000 perdas na facturación orixinadas pola COVID-19.

c) Desenvolverse en poboacións galegas de máis de quince mil habitantes ou naquelas con poboación inferior que estean declaradas como municipios turísticos ao abeiro do Decreto 32/2015, do 19 de febreiro, nas datas comprendidas entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 10 de decembro de 2021, salvo Santiago de Compostela, que non os poderá realizar entre o 1 de xullo e o 15 de agosto.

d) Os espectáculos que realicen terán que ser de pagamento e con público, dentro da programación do Xacobeo 21-22, e poderán comprender un só concerto ou varios e na mesma ou en diferentes poboacións.

Segunda. Procedemento de concesión e principios de xestión

1. As subvencións establecidas nesta orde quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro). Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis deberase garantir que, no caso de axudas a empresas, de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais.

2. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para o mesmo proxecto, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado, pero incompatibles con outras para o mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, ou calquera organismo dependente dela. No caso de se percibir outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberase efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. Nos anexos desta resolución deberase cubrir a declaración das axudas percibidas polos solicitantes.

3. En ningún caso a suma dos importes das axudas concedidas ao abeiro desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas, ingresos ou recursos doutras administracións públicas ou doutros entes, públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade subvencionada, segundo establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A xestión destas subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

5. Estas bases, así como a Guía de procedementos e servizos, estarán dispoñibles no seguinte enderezo web https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos nas dependencias desta axencia e na súa páxina web, e tamén quedarán expostas no taboleiro de anuncios da Agadic e debidamente publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG).

6. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, a solicitude para ser beneficiario da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición, no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude, salvo cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceira. Normativa aplicable

A normativa aplicable a estas subvencións axustarase ao disposto na Resolución do 17 de xuño de 2021 de pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para profesionais autónomos e empresas que sufran perdas de ingresos derivados da crise provocada pola COVID-19, para desenvolver espectáculos musicais con público, dentro da programación do Xacobeo 21-22, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021; ao Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis; á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións; á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como aos preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións; á Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; á Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, e á demais normativa de xeral aplicación.

Cuarta. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas privadas con domicilio ou sucursal permanente de polo menos un ano previo a esta convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, dadas de alta no IAE cun ano mínimo de antigüidade nas epígrafes 965.2, 965.3 e 965.4 e que desenvolvan espectáculos musicais con público de xeito habitual e profesional en Galicia.

2. Así mesmo, poderán obter a condición de beneficiarias destas subvencións as agrupacións de entidades que cumpran cada un dos requisitos anteriormente sinalados de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para os supostos de agrupacións, os membros non poderán presentar proxectos de forma individualizada.

3. No poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en que concorra algunha do resto de circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado.

4. En calquera caso, quedarán excluídas as empresas públicas e as entidades de dereito público, así como aquelas cuxo órgano máximo estea composto por persoas maioritariamiente designadas polas administracións públicas ou que formen parte delas.

Quinta. Requisitos de acceso á convocatoria

1. Para acceder a esta convocatoria deberanse cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter, social ou estatutariamente, como obxecto social a organización de espectáculos musicais, no suposto de persoas xurídicas.

b) Estar dados de alta no imposto de actividades económicas nas epígrafes 965.2 Espectáculos ao aire libre, 965.3 Espectáculos fóra do establecemento permanente e 965.4 Empresas de espectáculos, cunha antigüidade mínima e ininterrompida dun ano.

c) Ter unha facturación no ano 2019 superior a 200.000 euros; a dita cantidade, no caso das agrupacións previstas no artigo 8.3 da Lei de subvencións, considérase de xeito conxunto.

d) Sufrir unha diferenza de facturación superior ao 30 % entre os anos 2019 e 2020, orixinada pola crise da COVID-19.

e) Os espectáculos deberanos realizar en poboacións galegas de máis de quince mil habitantes ou naquelas que estean declaradas como municipios turísticos ao abeiro do Decreto 32/2015, do 19 de febreiro, nas datas comprendidas entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 10 de decembro de 2021, salvo Santiago de Compostela, que non os poderá realizar entre o 1 de xullo e o 15 de agosto.

g) Os espectáculos terán carácter lucrativo, entendéndose por estes cando teñan unha contraprestación económica acorde co mercado.

f) Só se poderá presentar un único proxecto por solicitante ou unión, e o proxecto poderá estar constituído por un concerto ou varios e nunha mesma localidade ou en varias.

2. Estes requisitos deberanse cumprir na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Sexta. Créditos, contías e límites máximos

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. O importe global máximo para o financiamento desta convocatoria será de 1.000.000 de euros, suma que irá con cargo á aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.0 do orzamento de gastos da Agadic para o ano 2021, código de proxecto Xacobeo 2020-0001.

3. A porcentaxe máxima de concesión da subvención non poderá exceder o 80 % do orzamento subvencionable e, en todo caso, nunca superior será a 60.000 euros por beneficiario ou agrupación beneficiaria.

Sétima. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Oitava. Prazo para presentar as solicitudes e emenda

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta, non se achega a documentación exixida ou non se reúnen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a persoa interesada será requirida para que no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase ademais que, de non o facer, se considerará que desiste da súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos na lei.

Novena. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

1.1. Certificado do acordo social de solicitude da axuda, se o solicitante é persoa xurídica.

1.2. Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro que corresponda e as súas modificacións, se o solicitante é persoa xurídica.

1.3. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

Se o solicitante é unha sociedade civil, comunidade de bens ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia:

1.4. Nomeamento de representante ou apoderado legal único, con poder bastante para cumprir as obrigas que, como persoa beneficiaria, lle correspondan.

1.5. Compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e o importe da subvención que se aplicará a cada un.

1.6. Compromiso de non disolución da agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Ademais, as solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación específica:

2.1. Ficha resumo do proxecto e da empresa (anexo II).

2.2. Plan económico-financeiro (anexo III).

2.3. Contratos ou cartas de compromiso para a realización do/s espectáculo/s ou declaracións responsables.

2.4. Documentación acreditativa da baixada de facturación entre os anos 2019 e 2020 con algúns dos seguintes modelos:

Ano 2019 (Modelo 390, 303, 130, 200, conta de perdas e ganancias, balance, outros documentos).

Ano 2020 (Modelo 390, 303, outros documentos).

3. Calquera outra documentación que o solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideren obter os citados documentos, poderaselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

4. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que cómpre presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décima. Comprobación dos datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña a súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á AEAT.

– Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

– Certificado de estar día no pagamento das obrigas á Comunidade Autónoma.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

– Consulta de concesións de subvencións e axudas.

– Consulta da regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberano indicar no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Décimo primeira. Transparencia e bo goberno

1. Deberase dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquelas das obrigas previstas no título I da citada lei.

Décimo segunda. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo terceira. Instrución do procedemento

1. A dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1.1. Examinar as solicitudes e a documentación presentadas.

1.2. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resulte de obrigado cumprimento.

1.3. Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.

2. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderáselles pedir información complementaria ás persoas interesadas, así como a outros servizos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, ou aos profesionais ou expertos consultados.

En todo caso, a dirección da Agadic poderalles requirir aos solicitantes que proporcionen calquera información aclaratoria que resulte necesaria para a xestión da súa solicitude.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levará a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que deriven destas bases.

Para estes efectos, as persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención.

Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación administrativa necesaria serán remitidos á Comisión encargada da súa valoración.

Décimo cuarta. Comisión de Valoración

1. Para a avaliación dos proxectos presentados constituirase unha Comisión de Valoración, que será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios fixados nestas bases.

2. A Comisión de Valoración estará formada polos seguintes membros:

– Catro profesionais nomeados/as pola Dirección da Agadic entre o cadro de persoal, así como entre profesionais do mundo cultural e/ou musical, un dos cales exercerá a Presidencia e terá voto de calidade no suposto de empate.

Actuará como secretario/a unha persoa designada pola Dirección da Agadic, pertencente ao cadro de persoal da Agadic, con voz e sen voto. Os membros da Comisión declararán por escrito que non teñen relación cos solicitantes ou, se é o caso, cos partícipes das persoas xurídicas solicitantes nin cos proxectos presentados a esta comisión.

Das reunións da Comisión levantarase a acta e estará obrigada a realizar un informe motivado e conxunto de cada unha das valoracións que realice.

Unha vez entregado o informe preceptivo por parte da Comisión de Valoración, a Dirección da Agadic elaborará a proposta de resolución e indicará o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas.

Décimo quinta. Criterios de valoración e baremación

A valoración das solicitudes presentadas realizarase de acordo cos seguintes criterios, e a súa puntuación máxima será de 60 puntos:

1. Porcentaxe de subvención solicitada sobre o proxecto presentado:

1.1. Menos do 50 %: 8 puntos.

1.2. Entre o 50 % e o 60 %: 6 puntos.

1.3. Entre o 61 % e o 70 %: 4 puntos.

1.4. Entre o 71 % e o 80 %: 2 puntos.

2. Facturación no ano 2019:

2.1. Importe maior de 3.000.000 euros: 8 puntos.

2.2. Entre 1.000.001 e 3.000.000 euros: 6 puntos.

2.3. Entre 500.001 e 1.000.000 euros: 4 puntos.

2.4. Entre 200.000 e 500.000 euros: 2 puntos.

3. Cotizacións no ano 2019:

3.1. Importe maior de 200.000: 6 puntos.

3.2. Entre 120.001 e 200.000: 4 puntos.

3.3. Entre 80.001 e 120.000: 2 puntos.

3.4. Entre 40.000 e 80.000: 1 punto.

4. Presenza feminina no proxecto:

Non menor do 45 %: 3 puntos.

5. Gastos do proxecto en recursos galegos (empresas/profesionais galegos, artistas incluídos):

5.1. Máis do 80 %: 10 puntos.

5.2. Entre o 51 % e o 80 %: 5 puntos.

5.3. Entre o 30 % e o 50 %: 3 puntos.

6. Memoria descritiva do proxecto (descrición das actividades, calendarización, interese e orixinalidade da proposta, ficha artística e técnica prevista, xustificación da relación do proxecto cos obxectivos e programación do Xacobeo 21-22, e todos aqueles aspectos que a persoa solicitante considere para a mellor defensa do proxecto e que reflicte a calidade deste): 25 puntos.

Décimo sexta. Resolución da convocatoria

1. Instruído o procedemento, o órgano instrutor, á vista do expediente, da documentación requirida, e unha vez entregado o informe preceptivo por parte da Comisión de Valoración, ditará a proposta de resolución indicando o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas, que elevará á Presidencia do Consello Reitor da Agadic. A adxudicación da subvención aos proxectos farase por orde de puntuación e adxudicarase o 100 % do solicitado, sempre que se respecten os límites dentro da convocatoria.

2. A Presidencia do Consello Reitor da Agadic, por delegación do Consello Reitor (disposición adicional do Acordo do 24 de xullo de 2012 (DOG núm. 164, do 29 de agosto), deberá ditar resolución expresa, no prazo de quince (15) días desde a data de elevación da proposta de resolución. A citada resolución deberase ditar e notificar no prazo máximo de cinco meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública, será motivada e fará mención expresa das persoas beneficiarias, da contía da axuda e dunha desestimación xeneralizada do resto dos proxectos solicitantes.

3. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que as persoas interesadas poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. A resolución da convocatoria porá fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante a Presidencia do Consello Reitor da Agadic, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

Décimo sétima. Notificacións de resolucións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Unha vez notificada a resolución, as persoas beneficiarias comunicarán á Agadic a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen se comunicar esta aceptación ou sen se producir manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

Décimo oitava. Aceptación da subvención

1. Unha vez notificada a resolución, os beneficiarios comunicarán á Agadic a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen se comunicar esta aceptación ou sen se producir manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

2. A entidade beneficiaria deberalle remitir á Agadic un plan económico-financeiro (anexo III) adaptado á subvención concedida (só no suposto de que a subvención recibida sexa inferior á solicitada) e, como máximo, pola diferenza entre ambas as cantidades. Esta documentación deberase remitir no prazo máximo de dez (10) días hábiles, contados desde a notificación da resolución de concesión.

Décimo novena. Gastos subvencionables

1. Considéranse gastos subvencionables todos os necesarios para o desenvolvemento do proxecto presentado e que se realicen no período subvencionable. En concreto, terán a dita consideración:

– Gastos de persoal artístico contratado asociado ao proxecto: contratos, axudas de custo, transporte e/ou outras indemnizacións.

– Gastos de produción do proxecto.

– Gastos de xestión de dereitos de propiedade intelectual.

– Gastos de comercialización, promoción e publicidade do proxecto.

– Gastos relacionados coas novas tecnoloxías en todo o proceso de creación e desenvolvemento do proxecto.

– Gastos de persoal propio e gastos xerais de mantemento e xestión da estrutura de empresa, ata un límite do 30 % do orzamento presentado.

2. De acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos subvencionables aqueles que, de maneira indubidable, respondan á realización do proxecto. Só se admitirán aqueles gastos que sexan realizados dentro do período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2021 e ata o 15 de decembro de 2021.

3. De conformidade co artigo 29.7 da Lei de subvencións de Galicia, non serán gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda, os xuros debedores de contas bancarias, os xuros, recargas e sancións administrativas e penais, nin os gastos de procedementos xudiciais.

Vixésima. Xustificación da subvención

1. Para cobrar a subvención concedida, a persoa beneficiaria terá que achegar nos lugares sinalados na base décimo primeira destas bases, mediante a presentación dunha xustificativa (conforme o artigo 44 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia), a documentación que a seguir se indica:

a) Memoria de actuación que xustifique o cumprimento das condicións exixidas nestas bases reguladoras, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

Debe incluír imaxes ilustrativas da actuación efectuada, da inclusión do logotipo da Xunta de Galicia e da marca Xacobeo 21-22.

b) Memoria económica co contido seguinte: estado representativo dos gastos incorridos nas actividades subvencionadas, debidamente agrupadas e, se procede, as cantidades inicialmente orzadas e as desviacións que se producisen. A memoria deberá incluír un orzamento con IVE e outro sen IVE (anexo IV).

c) Relación de subvencións, achegas ou outros recursos concedidos para o mesmo obxecto por outras administracións públicas (anexo V).

d) Facturas ou documentos xustificantes de gastos, de acordo co establecido no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación (BOE núm. 289, do 1 de decembro) de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa.

e) Documentos xustificativos do seu pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, incorporados na mesma orde que na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior. No xustificante de pagamento constarán o número da factura obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

f) De ser o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como os xuros derivados destes, no suposto que o beneficiario tivese concedido o anticipo.

2. Non se aceptarán aquelas facturas en cuxo concepto non se establezan de maneira clara e discriminada o obxecto do ben, a obra e/ou o servizo facturado e tampouco xustificantes de gasto albarás, notas de entrega, facturas pro forma, tíckets cando sexa obrigatoria a expedición de factura, nin as facturas que non conteñan todos os requisitos citados para a súa consideración como tal ou cuxa data non se axuste aos prazos citados.

Unha partida do orzamento auxiliable poderase xustificar mediante unha ou varias facturas relativas aos conceptos de gasto incluídos na dita partida, sempre que a dita partida admita a desagregación en distintos conceptos.

3. O prazo para presentar a documentación xustificativa será dun mes desde a realización do proxecto e, en todo caso, rematará o 15 de decembro de 2021.

En ningún caso se admitirán xustificantes de pagamento con data posterior á establecida para presentar a xustificación. Exceptúanse aqueles gastos cuxos pagamentos se deban efectuar nun momento posterior por axustarse aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente) en que se reflicta o importe de retención ou cotizacións devindicadas na data de xustificación. A entidade subvencionada quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación nos dez (10) días seguintes ao de remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario.

4. Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas na resolución de concesión da subvención e responder, de xeito indubidable, á natureza da actividade subvencionada. Sen necesidade de instar procedemento de modificación da subvención, a Agadic poderá aceptar variacións nas partidas de gasto aprobadas, coa condición de que as variacións non superen en conxunto o 20 % do orzamento, que non aumente o importe total do gasto aprobado, que non desvirtúen as características do proxecto e condicións que se tiveron en conta para a resolución de concesión, coa excepción do 30 % dos gastos correntes e de persoal determinados no punto 1 da base décimo oitava.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso, a persoa titular da Dirección da Agadic ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Vixésimo primeira. Pagamento e pagamentos anticipados

1. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando se acredite que a actividade foi executada de acordo co programa e/ou proxecto presentados e se xustifique correctamente o seu emprego; todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos anticipados.

2. Poderanse realizar pagamentos anticipados, mediante resolución motivada, que supoñerán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención.

As entidades beneficiarias, unha vez ditada a resolución de concesión da subvención, poderán solicitar un anticipo do 90 % da axuda pública correspondente ao investimento, logo de autorización do Consello da Xunta, de conformidade co disposto no artigo 63.3 do Decreto 11/2009, do 6 de outubro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, e, así mesmo, os beneficiarios están exonerados da obriga de achegar garantía polo anticipo que perciban, por telo autorizado o Consello da Xunta de acordo co artigo 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Vixésimo segunda. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

a) Cumprir o obxectivo e realizar a actuación subvencionada, de conformidade co proxecto presentado ou, se é o caso, o modificado coa autorización da Agadic.

b) Xustificar, ante o órgano concedente, o cumprimento dos requisitos e das condicións, a xustificación dos gastos conforme o artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o beneficio da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Agadic, ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, para o cal se achegará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores sen prexuízo do establecido na base novena.

d) Comunicarlle á Agadic a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención. Estas comunicacións deberanse efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. No caso de agrupacións, todos os integrantes presentarán cadansúa declaración.

e) As persoas beneficiarias deberán dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos na lexislación mercantil e sectorial aplicable; coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control; así mesmo, deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos.

f) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución, resolución de concesión, así como, antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Para tales efectos, o solicitante deberá achegar certificación de estar ao día nas citadas obrigas no caso de se opoñer expresamente a que a solicite o órgano xestor, de conformidade co disposto no artigo 5.1. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dean como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase o solicitante ou beneficiario para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado. No caso de agrupacións, todos os integrantes presentarán cadansúa declaración.

g) As persoas beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

h) As persoas beneficiarias deberán comunicar á Agadic a realización dos espectáculos musicais nun prazo de quince (15) días desde a súa realización.

i) Nas accións promocionais e no material de difusión que se realice ao abeiro do proxecto, as persoas beneficiarias deberán incluír os logotipos da Xunta de Galicia e Xacobeo 21-22, seguindo as súas respectivas normativas de identidade corporativa. Así mesmo, será obrigatorio que a marca Xacobeo 21-22 sexa visible no escenario durante a realización dos concertos.

k) Subministrar á Agadic, en virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte da Agadic das obrigas previstas no título I da citada lei.

Vixésimo terceira. Modificación da resolución

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais ten a facultade de revisar as axudas concedidas e modificar a resolución de concesión no caso de alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

2. O beneficiario ten a obriga de solicitar á Agadic a aceptación de calquera modificación ou alteración relevante ou significativa sobre o proxecto subvencionado. Para que tales modificacións poidan ser tidas en conta na xustificación, deberán ser previamente aceptadas pola Agadic. As alteracións non autorizadas, ou non solicitadas, poderán dar lugar á minoración da subvención concedida ou á súa revogación.

3. Non se aceptarán modificacións que afecten os requisitos para poder optar ás subvencións, exixidos na base cuarta desta resolución.

4. En canto ao resto das modificacións solicitadas, a Agadic poderá acordar, de xeito motivado, a modificación da resolución de concesión, coa minoración proporcional derivada das alteracións.

5. A distribución de anualidades adxudicadas poderase modificar, logo de solicitude do beneficiario na cal motive suficientemente a alteración, atendendo ás dispoñibilidades orzamentarias, e mediante resolución motivada do director da Agadic. A modificación da repartición entre anualidades exixirá a tramitación da correspondente modificación do expediente de gasto, de acordo co establecido no artigo 35 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Vixésimo cuarta. Subcontratación

As entidades beneficiarias das subvencións establecidas nestas bases, como entidades executoras das actuacións subvencionables, co obxecto de garantir a adecuada execución destas, comprométense a asumir a dirección técnica e deberán proceder, en consecuencia, á asignación dos medios humanos e materiais que sexan necesarios e, de ser o caso, á subcontratación de servizos necesarios para desenvolver as actuación subvencionables, para o cal poderán subcontratar totalmente as actividades previstas e asumirán expresamente o contido dos límites e obrigas establecidos no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En todo caso, quedan fóra da subcontratación aqueles gastos en que teñan que incorrer as entidades beneficiarias para a realización por si mesmas das actividades subvencionadas.

A necesidade da subcontratación estará debidamente motivada pola entidade beneficiaria e, en ningún caso, suporá un aumento do custo da actividade subvencionada.

Os subcontratistas quedarán obrigados soamente ante as entidades beneficiarias, que asumirán a total responsabilidade da execución da actividade subvencionada fronte á Administración. As entidades beneficiarias serán as responsables de que na execución da actividade subvencionada concertada con terceiros se respecten os límites establecidos nestas bases en canto á natureza e contía dos gastos subvencionables, e exixiranlles ás/aos subcontratistas os documentos acreditativos dos pagamentos correspondentes.

As/os subcontratistas están obrigadas/os a facilitarlles aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións subcontratadas.

En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto de contratación.

c) Intermediarios ou asesores en que os pagamentos se definan como unha porcentaxe de custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades vinculadas co beneficiario, agás que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado e que se obteña a autorización previa de órgano concedente nos termos que se fixen nestas bases reguladoras.

e) Persoas ou entidades solicitantes da subvención na mesma convocatoria e programa que non obtivesen subvención por non reuniren os requisitos ou non acadaren a valoración suficiente.

Vixésimo quinta. Perda do dereito ao cobramento da axuda. Reintegro da subvención, infraccións e sancións

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver, total ou parcialmente, o anticipo percibido, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non comunicar á Agadic a obtención doutras subvencións ou axudas para o mesmo custo subvencionable.

c) Non comunicar á Agadic a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención, excepto o permitido na base vixésimo terceira, punto 2.

d) Non xustificar ante a Agadic o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

e) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a Agadic, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ao non achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Non dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

g) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

4. Procederá a perda parcial do cobramento da subvención polo incumprimento parcial, entendendo por este sempre que se cumpran os requisitos ou as condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas. A Agadic poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance aplicando a mesma ponderación que tería a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

– No caso de condicións referentes á contía da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de efectuar e, se é o caso, deberanse reintegrar as cantidades percibidas na dita proporción e os seus xuros de demora.

– No caso de incumprimento dalgunha das obrigas específicas das persoas beneficiarias establecidas na base vixésimo segunda, reducirase un 2 % por cada incumprimento o importe da subvención e, se o caso, deberanse reintegrar as cantidades percibidas na dita proporción.

5. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Vixésimo sexta. Réxime de recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao de publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2021

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file