De conformidade co disposto no artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, dáse publicidade á seguinte encomenda coas seguintes características:
Resolución do 11 de xuño de 2021, da Axencia Galega de Infraestruturas, pola que se encarga ao medio propio Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga), a roza, corta e axardinamento de zonas verdes, retirada, asteladura ou amoreamento e venda da madeira das árbores situadas no dominio público das marxes das estradas de titularidade autonómica de Galicia.
– Actividade: os traballos que se van realizar baixo a cobertura desta encomenda consistirán no roza de vexetación e arbustos e corta de árbores situadas na zona de dominio público das estradas da Rede de estradas de Galicia, incluíndo a corta polo pé, retirada e/ou amoreamento de residuos e tamén a venda da madeira aproveitable. Ademais, realizaranse traballos de axardinamento de zonas verdes.
– Natureza e alcance da xestión encomendada: encomenda de xestión a medio propio, ao ter a Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga) a consideración de medio propio e de servizo técnico da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ao abeiro do establecido nos artigos 10 e 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
– Prazo de vixencia: doce (12) meses.
– Modalidade de financiamento: esta encomenda tramítase con cargo aos orzamentos da Axencia Galega de Infraestruturas para o ano 2021, aplicación orzamentaria 09.A1.512B.610.1.
– Orzamento: 1.499.805,08 €.
Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2021
Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas