Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Venres, 25 de xuño de 2021 Páx. 32214

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 15 de xuño de 2021 pola que se dá publicidade ao convenio marco entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo e as entidades financeiras que queiran colaborar na xestión da recadación dos recibos de facturación emitidos polo citado organismo relativos a vivendas e locais e na xestión do depósito e devolución de fianzas por arrendamentos de predios urbanos, e pola que se abre o prazo para a presentación de solicitudes para a subscrición do dito convenio.

O artigo 3 da Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do Instituto Galego de Vivenda e Solo (en diante, IGVS), atribúelle ao citado organismo a realización da política de solo e vivenda da Xunta de Galicia, co fin de garantir os dereitos constitucionais a unha vivenda digna e adecuada, especialmente para os sectores con menos capacidade económica, e a unha utilización do solo de acordo co interese xeral, erradicando a especulación e actuando como elemento de regulación do mercado inmobiliario e de mellora da calidade ambiental.

De conformidade co artigo 4.1 da citada Lei 3/1988, do 27 de abril, entre as funcións do IGVS figura a administración, xestión, conservación e disposición do seu patrimonio de solo, vivendas, locais de negocio, edificacións complementarias e terreos da súa propiedade, urbanizados ou non; a constitución dun parque público de vivenda no ámbito da Comunidade Autónoma; o fomento da construción de vivendas de protección oficial, así como a administración e xestión directa, ou mediante concertos, das fianzas legalmente establecidas nos supostos de arrendamento de vivendas e locais de negocio.

Así, dunha parte, dentro das actividades ordinarias do organismo atópase a administración, xestión, conservación e disposición do seu patrimonio de vivendas e de locais de negocio, coa finalidade de que os bens que constitúen o seu patrimonio estean no tráfico xurídico. Para estes fins, o artigo 50 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, regula os modos de acceso á vivenda de promoción publica, distinguindo os seguintes supostos: compravenda; dereito de superficie; acceso diferido á propiedade; arrendamento e arrendamento con opción de compra ou calquera outro admitido no ordenamento xurídico vixente. Neste senso, o Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo IGVS, regula o réxime do solo adquirido polo citado organismo e das súas edificacións e, en particular, das vivendas de promoción pública nas súas distintas modalidades e dos seus locais comerciais. A súa disposición adicional terceira prevé que o IGVS poderá asinar convenios de colaboración con entidades financeiras ou de crédito para xestionar o cobramento dos recibos das vivendas que estean en facturación directa.

Doutra parte, a citada Lei 8/2012, do 29 de xuño, en desenvolvemento do artigo 4.1.ñ) da Lei 3/1998, do 27 de abril, regula nos seus artigos 29 e 30 a constitución e o depósito de fianzas, establecendo que no momento da formalización do contrato de arrendamento de predios urbanos que se destinen a vivenda ou a uso distinto do de vivenda será obrigatoria a exixencia e prestación de fianza en metálico, que as persoas arrendadoras e subarrendadoras deberán depositar no IGVS, conforme o procedemento previsto para tal fin no Decreto 42/2011, do 3 de marzo, polo que se establece o procedemento para o depósito das fianzas dos arrendamentos relativos a predios urbanos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Deste xeito, dentro das actividades do organismo está tamén a de xestión do depósito e de devolución destes depósitos.

O elevado volume, tanto de vivendas e locais comerciais que integran o parque inmobiliario xestionado polo IGVS, como dos depósitos e devolucións de fianzas que ten que xestionar o citado organismo, así como a vontade de establecer un sistema máis eficiente no desenvolvemento destas funcións, determinan a necesidade de contar coa colaboración de entidades financeiras para, deste xeito, proceder á recadación ordenada e eficaz da correspondente facturación e da xestión dos depósitos de fianzas, ofrecendo aos adxudicatarios e aos depositantes, a través dunha plataforma informática que pode operar con conexión a tempo real coas oficinas bancarias, un sistema de xestión áxil, cómodo e eficaz.

Para o establecemento desa canle de colaboración faise preciso un convenio, co carácter de convenio marco, de xeito que calquera entidade financeira que cumpra os criterios especificados nel poida subscribilo e actuar como entidade colaboradora do IGVS en relación coas actuacións que constitúen o seu obxecto.

De conformidade co exposto e segundo o disposto no artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do IGVS,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o convenio marco de colaboración entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo e as entidades financeiras que queiran colaborar na xestión da recadación dos recibos de facturación emitidos polo citado organismo relativos a vivendas e locais e na xestión do depósito e devolución de fianzas por arrendamentos de predios urbanos.

Segundo. Dar publicidade ao convenio indicado no parágrafo anterior mediante a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e a publicación do dito convenio marco na páxina web do IGVS http://igvs.xunta.gal/web/igvs/convenioscolaboracion e no Portal de transparencia e goberno aberto.

Terceiro. Declarar aberto o prazo para que calquera entidade financeira poida presentar ante o IGVS unha solicitude en que exprese o seu interese na subscrición do indicado convenio e acredite o cumprimento dos requisitos nel establecidos.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo