Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Venres, 25 de xuño de 2021 Páx. 32176

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 11 de xuño de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento CT207B).

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) é unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, que ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, segundo o previsto nos artigos 3, 4 e 5 da Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais. A Axencia Galega das Industrias Culturais é o organismo en que a Xunta de Galicia, coa participación necesaria dos sectores culturais implicados, centraliza os programas de apoio destinados a reforzar o papel dos creadores individuais, empresas e industrias culturais privadas, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade. O obxectivo da Axencia é consolidar o tecido industrial no sector cultural galego para promover un tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentar a creación e potenciar a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, favorecendo a difusión da lingua e da cultura galegas como elementos singulares.

Primeira. Obxecto

Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais, que contribúa a asegurar a madureza dos produtos audiovisuais galegos, dentro do marco das competencias deste organismo, e proceder á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento CT207B).

A finalidade das subvencións é o fomento dos traballos previos á produción audiovisual, nas modalidades establecidas na base quinta, que se atopen en fase inicial de desenvolvemento, e que se prevexa que se levará a cabo nos exercicios 2021 e 2022.

Segunda. Procedemento de concesión e principios de xestión

1. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

2. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes da Administración da Xunta de Galicia e de calquera outra Administración ou ente público ou privado, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade.

3. Estas subvencións son incompatibles con outras axudas polo mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e dos seus organismos dependentes.

Nos anexos desta resolución figuran as declaracións das axudas de minimis, así como doutras axudas percibidas polo solicitante que deberán cubrir as persoas solicitantes.

4. A xestión destas subvencións realizarase polo procedemento de concorrencia competitiva e de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

5. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria anual e a información requirida no ordinal oitavo do artigo 20. A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

6. A solicitude para ser beneficiario da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro público de axudas, subvencións, convenios e sancións dependente da Consellería de Facenda, dos datos facilitados na solicitude. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceira. Normativa aplicable

A normativa aplicable a estas subvencións axustarase ao disposto na Resolución pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega e se convocan para o ano 2021, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e supletoriamente, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como os preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e demais normativa de xeral aplicación, na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, na Lei 55/2007 do 28 de decembro, do cinema, e no Real decreto 1084/2015, do 4 de decembro, que a desenvolve, e demais normativa de xeral aplicación.

Cuarta. Persoas e entidades beneficiarias

1. Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas constituídas como produtoras audiovisuais independentes cunha antigüidade mínima dun ano (epígrafe IAE 9611) no momento da publicación da convocatoria, e con sucursal ou oficina permanente polo menos un ano, previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia.

Por produtor independente enténdese, para os efectos desta convocatoria, toda persoa física ou xurídica privada que teña a iniciativa e asuma a responsabilidade na produción audiovisual e non sexa obxecto de influencia dominante por parte dun prestador de servizo de comunicación/difusión audiovisual nin dun titular de canal televisivo privado nin que, pola súa parte, exerza unha influencia dominante, tal e como establece a Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, artigo 4.n).

2. Para os efectos da presente convocatoria, os beneficiarios deberán ter un contrato cun director/ou guionista para desenvolver algunha das modalidades de proxecto na base quinta; quedan excluídas as agrupacións de interese económico.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Así mesmo, quedan excluídos aqueles solicitantes que fosen beneficiarios de axudas nas convocatorias de subvencións da Agadic nos dous exercicios anteriores aos da presente convocatoria e incumprisen as bases ou as finalidades establecidas nela, sempre e cando fosen sancionados por iso. As condicións exixidas no número 1 do presente artigo deberanse manter durante todo o período de execución do proxecto subvencionado. A perda dalgunha destas condicións suporá a perda da condición de beneficiario e, de ser o caso, o reintegro das cantidades percibidas.

Quinta. Modalidades

1. As modalidades de subvención que comprende esta convocatoria son as seguintes:

a) Desenvolvemento de proxectos de ficción para cine e televisión (longametraxes, series e miniseries).

b) Desenvolvemento de proxectos de animación (longametraxes cinematográficas e series de animación para TV).

c) Desenvolvemento de proxectos de documental para cine e televisión.

d) Desenvolvemento de proxectos piloto de programas para televisión que destaquen por ofrecer formatos innovadores e alto potencial de internacionalización.

2. Para os efectos das presentes bases, terase en conta o seguinte:

– Consideraranse longametraxes cinematográficas (ficción, animación e documental) aqueles proxectos dunha duración de sesenta minutos ou superior.

– Os proxectos de documental para televisión deberán corresponder a unha duración mínima de 50 minutos e conter un marcado potencial de internacionalización.

– No caso de series de ficción para TV, os proxectos corresponderanse con primeiras temporadas de carácter autoconclusivo e estarán planeados para un máximo de 10 capítulos.

– Consideraranse miniseries de ficción para TV aqueles proxectos dun mínimo de dous capítulos de polo menos 50 minutos de duración cada un.

– Os proxectos de series de animación para TV deberán estar deseñados para ter unha duración mínima global de 80 minutos e corresponderanse cunha primeira temporada de carácter autoconclusivo.

– O director e o guionista serán considerados noveis cando no seu currículo profesional non figuren obras realizadas que se correspondan coa categoría a que se presenta a solicitude.

3. O importe máximo da subvención concedida pola Agadic non poderá superar o total do importe do orzamento subvencionable.

En todo caso, as cantidades máximas que se poderán conceder segundo o tipo de proxecto son as seguintes:

Tipo de proxecto

• Longametraxe cinematográfica de ficción

• Serie ou miniserie de ficción para TV

• Longametraxe cinematográfica de animación

• Serie de animación TV

• Longametraxe de ficción para TV

• Longametraxe documental (cine e TV)

• Piloto de programa TV

Cantidade máxima

20.000 euros

20.000 euros

10.000 euros

4. Sen prexuízo da posible presentación de varios proxectos, poderá ser obxecto de subvención un máximo de dous proxectos por solicitante.

Non poderán presentar o mesmo proxecto distintas empresas ou entidades.

Non poderá presentarse un mesmo proxecto a distintas modalidades.

5. En todos os casos, o importe que haberá que xustificar será o correspondente ao total dos custos do proxecto de desenvolvemento.

6. O importe das subvencións reguladas nesta resolución en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas ou patrocinios concedidos por outras administracións públicas ou entes públicos, autonómicos, nacionais ou internacionais, supere o 100 % do custo da actividade subvencionada que desenvolverá o beneficiario, isto sen prexuízo das particularidades e especificidades previstas para cada tipo ou modalidade de axuda nas cláusulas que seguen.

Sexta. Orzamento, imputación de créditos e contías

1. Estas subvencións terán carácter bianual e admitiranse aqueles gastos que fosen realizados dentro do período comprendido desde o 1 de xaneiro de 2021 ata a data máxima de xustificación establecida nesta convocatoria.

2. O importe global máximo das subvencións anteriormente detalladas será de 300.000 euros, suma que irá con cargo á aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.0 do orzamento de gastos da Agadic, código de proxecto 2010-0005, distribuído entre as anualidades 2021 e 2022: 150.000 euros con cargo ao exercicio 2021, e 150.000 euros con cargo ao exercicio 2022.

3. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia e tras declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda e sempre antes da resolución de concesión. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver. A alteración da distribución establecida nesta convocatoria non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

Sétima. Inicio do procedemento: presentación de solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Oitava. Prazo de presentación das solicitudes e emenda

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

2. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta, non se achegase a documentación exixida ou non se reunisen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a persoa interesada será requirida para que, no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte á notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos e, ademais, indícase que, de non o facer, se considerará que desiste na súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos na lei.

Novena. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

1.1. Certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade, se a persoa solicitante é persoa xurídica.

1.2. Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro mercantil ou o que corresponda.

1.3. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

2. Ademais, achegarase ordenadamente, segundo se detalla, a seguinte documentación técnica:

2.1. Documentación relativa á empresa, na cal deberá constar:

2.1.1. Historial creativo, profesional da empresa produtora. No caso de compañías de recente creación, historial da persoa que exerza a produción executiva no proxecto.

2.1.2. Documentación que acredite a traxectoria das obras realizadas pola empresa e que se correspondan coa modalidade a que se presenta a solicitude, de ser o caso, en canto a: presenza en festivais nacionais e internacionais de prestixio, distribución en salas, vendas internacionais, repercusión en televisión. Se se trata de compañías de recente creación, traxectoria nese aspecto da persoa que exerza a produción executiva no proxecto.

2.2. Documentación relativa ao proxecto, que deberá conter:

2.2.1. Acordo asinado co guionista e/ou director para a realización das tarefas de desenvolvemento.

2.2.2. Datos identificativos do proxecto.

2.2.3. Copia da documentación acreditativa de que o proxecto é obra orixinal e/ou de posuír os dereitos suficientes do guión, obra literaria ou calquera outro medio que requira a obtención de dereitos ou opción de compra sobre eles.

2.2.4. Información sobre a obra audiovisual proposta, intencións artísticas e público obxectivo e orzamento global de produción estimado.

2.2.5. Sinopse argumental cunha extensión máxima dunha páxina.

2.2.6. Guión ou, de ser o caso, tratamento secuencial do proxecto de non menos de 20 páxinas

2.2.7. Currículo e historial profesional do guionista e do director propostos en que se deberán detallar os traballos audiovisuais previos, especificando aqueles que se correspondan coa modalidade a que se presenta a solicitude.

2.2.8. Estratexia de desenvolvemento, cronograma do proceso de desenvolvemento e calendario desagregado de gasto para a execución.

2.2.9. Orzamento dos traballos de desenvolvemento para o cal se solicita a subvención, segundo o modelo que figura no anexo II destas bases.

2.2.10. Relación e currículo dos profesionais e/ou empresas propostas para levar a cabo os traballos de desenvolvemento obxecto da subvención, de ser o caso.

2.3. Calquera outra documentación que a persoa solicitante xulgue conveniente para a mellor defensa do proxecto

3. As seguintes declaracións e/ou compromisos responsables, recollidos no anexo I:

3.1. Declaración responsable de ser empresa de produción independente, así como de ter sucursal ou oficina permanente polo menos un ano, previo a esta convocatoria e desenvolver a súa actividade habitual en Galicia, de conformidade coa cláusula cuarta.

3.2. Declaración en que consten as obras realizadas pola empresa solicitante ou, de ser o caso, produtor executivo, que se correspondan coa mesma modalidade a que se presenta a solicitude e cumpran algunha das seguintes condicións: presenza en festivais ou outros certames nacionais e internacionais de prestixio, distribución nacional, vendas internacionais e/ou repercusión en televisión.

3.3. Declaración en que consten as obras realizadas polo director proposto que se correspondan coa mesma modalidade a que se presenta a solicitude.

3.4. Declaración en que consten as obras realizadas polo guionista proposto que se correspondan coa mesma modalidade a que se presenta a solicitude.

3.5. Declaración en que conste a antigüidade de máis de dous anos de residencia en Galicia do director proposto, de ser o caso.

3.6. Declaración en que conste a antigüidade de máis de dous anos de residencia en Galicia do guionista proposto, de ser o caso.

3.7. Compromiso en que figuren os nomes das mulleres que desempeñarán os postos de directora, guionista e produtora executiva, de ser o caso.

3.8. Declaración relativa á condición de novel do guionista e/ou do director, segundo a consideración das presentes bases.

3.9. Declaración en que consten os proxectos rematados pola empresa solicitante nos últimos catro anos e que recibisen previamente unha axuda ao desenvolvemento da Agadic ou da Xunta de Galicia.

3.10. De ser o caso, declaración responsable de que o guión proposto tivo subvención da Agadic á creación audiovisual.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décima. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

– Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas coa Comunidade Autónoma.

– Consulta de concesións de subvencións e axudas.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

– Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo primeira. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Décimo segunda. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo terceira. Instrución do procedemento e competencia para a avaliación das solicitudes

1. A dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1.1. Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

1.2. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resulte de obrigado cumprimento.

1.3. Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.

2. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderáselles pedir información complementaria ás persoas interesadas, así como a outros servizos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, ou aos profesionais ou expertos consultados.

En todo caso, a dirección da Agadic poderá requirirlles aos solicitantes para que proporcionen calquera información aclaratoria que resulte necesaria para a xestión da súa solicitude.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levar a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que deriven destas bases.

Para estes efectos, as persoas beneficiarios deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención.

3. A Comisión de Valoración avaliará as solicitudes consonte os criterios de valoración establecidos nestas bases, emitirá un informe motivado relacionando os proxectos examinados por orde de prelación, indicará a puntuación asignada a cada un deles e fará unha proposta dos que se consideren subvencionables.

4. Unha vez entregado o informe preceptivo por parte das comisións de valoración, a dirección da Agadic elaborará a proposta de resolución e indicará o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas.

Décimo cuarta. Comisión de Valoración

1. Para a avaliación dos proxectos presentados constituirase unha Comisión de Valoración que será nomeada polo director da Agadic e que será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes, de acordo cos criterios fixados na base seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A Comisión de Valoración estará formada polas seguintes persoas, nomeadas pola Dirección da Agadic: tres profesionais de recoñecido prestixio nos ámbitos audiovisual e/ou cultural en xeral dos que un exercerá como presidente, e un profesional pertencente ao cadro de persoal da Agadic de entre os grupos I, II e III. Actuará como secretaria ou secretario unha persoa do cadro de persoal da Agadic.

3. A condición de vogal da comisión ten carácter persoal e non pode actuar por delegación nin ser substituído en ningún caso. Os membros da comisión declararán por escrito non ter relación cos solicitantes ou, se é o caso, cos partícipes das persoas xurídicas solicitantes na correspondente convocatoria.

4. A comisión puntuará cada un dos criterios e para cada unha das solicitudes, de forma motivada, fará a proposta dos proxectos subvencionables.

Previamente á súa cualificación concretará cada un dos criterios subxectivos para aplicalos de forma homoxénea; a dita concreción será incorporada na acta redactada polo secretario/a e, unha vez examinados os proxectos, emitirá informe motivado das puntuacións de cada un dos proxectos.

5. O resto das actuacións subvencionables quedará en reserva para seren atendidas ben co crédito que quede libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións.

Décimo quinta. Criterios de valoración

Na valoración realizada pola Comisión de Valoración teranse en conta os seguintes criterios (máximo 85 puntos):

Puntuacións obxectivas

45 puntos

A) Contribución cultural

Máximo 10 puntos

A1. Valoraranse os seguintes aspectos: a achega do proxecto ao enriquecemento da cultura audiovisual galega; a súa contribución a salientar o talento creativo e artístico galego; estar baseado nunha obra literaria galega e/ou escrita orixinalmente en lingua galega; que a trama narrativa verse sobre personaxes reais ou de ficción residentes en Galicia ou na Unión Europea; que aborde temas referidos á realidade cultural, social ou política de Galicia ou da Unión Europea; que a acción se desenvolva en Galicia ou na Unión Europea; que contribúa a situar Galicia como territorio idóneo en canto a localizacións e desenvolvemento de rodaxes, ou que utilice o patrimonio arquitectónico, arqueolóxico e natural galego ou de calquera outro territorio da Unión Europea.

10 puntos para aqueles proxectos que cumpran 2 dos aspectos mencionados

Puntuacións obxectivas

45 puntos

B) Promoción do talento creativo galego, novo talento e contribución á igualdade

Máximo 14 puntos

B1. Residencia acreditada en Galicia. Non puntúa coautoría inferior ao 50 %. Cando a dirección e o guión recaian na mesma persoa, a puntuación máxima será de 3 puntos.

Máximo 4 puntos

– Director/a residente en Galicia.

2 puntos

– Guionista residente en Galicia.

2 puntos

B2. Primeiro proxecto para os/as autores/as, sempre que o traballo se realice integramente. Se a dirección e o guión recaen na mesma persoa, a puntuación máxima será de 3 puntos.

Máximo 4 puntos

– Primeiro proxecto do/a director/a.

2 puntos

– Primeiro proxecto do/a guionista.

2 puntos

B3. Dirección e guión a cargo de mulleres sempre que o traballo se realice integramente. Se dúas ou as tres funcións recaen na mesma persoa, a puntuación máxima será de 4 puntos.

Máximo 6 puntos

– Directora.

2 puntos

– Guionista.

2 puntos

– Produtora executiva.

2 puntos

C) Solvencia

Máximo 21 puntos

C1. Historial da compañía e/ou do/da produtor/a executivo/a baseado no número de obras realizadas que se correspondan coa modalidade do proxecto presentado e cumpran algunha das seguintes condicións: que fosen seleccionadas en festivais e outros certames audiovisuais de recoñecido prestixio, que acadasen distribución fóra de Galicia, que se vendesen internacionalmente a máis de dous países, que tivesen repercusión en televisións e principais plataformas VOD que operen en España. 1 punto por cada obra que cumpra algunha das condicións detalladas.

Máximo 3 puntos

C2. Experiencia e traxectoria dos/das autores/as con base en anteriores traballos que se correspondan coa modalidade do proxecto presentado e a súa repercusión. Só se considerarán coautorías ao 50 %. 1 punto por cada traballo previo. Se as dúas funcións recaen na mesma persoa, só se poderá acadar un máximo de 3 puntos.

Máximo 4 puntos

– Director/a.

Máximo 2 puntos

– Guionista.

Máximo 2 puntos

C3. Guión subvencionado nalgunha convocatoria de Agadic de axudas á creación audiovisual.

5 puntos

C4. Proxectos da empresa ou do/da produtor/a executivo/a rematados nos últimos 6 anos que recibisen previamente unha subvención da Agadic-Xunta de Galicia ao desenvolvemento. 1 punto por cada proxecto realizado.

Máximo 4 puntos

C5. Compromiso de realizar unha presentación audiovisual do proxecto (teaser/tráiler) dun mínimo de 2 minutos de duración.

5 puntos

Puntuacións subxectivas

40 puntos

D) Calidade do proxecto

Máximo 20 puntos

D1. Calidade e orixinalidade do guión ou do tratamento secuencial achegado: terase en conta o interese e creatividade da proposta, a presentación narrativa, a súa contribución á diversificación do panorama audiovisual galego ou calquera outro aspecto diferenciador con respecto a obras xa existentes.

Máximo 20 puntos, que se outorgarán con motivación en relación cos aspectos citados

Puntuacións subxectivas

40 puntos

E) Viabilidade de produción e internacionalización e contribución ao fomento do sector audiovisual galego

Máximo 20 puntos

E1. Relación entre a obra audiovisual proposta e a estratexia de desenvolvemento prevista, adecuación do orzamento aos traballos de desenvolvemento, potencial achega ao sector audiovisual galego en canto a localizacións e recursos de produción previstos, posibilidades de coprodución nacional e internacional, potencial de difusión e comercialización exterior.

Máximo 20 puntos, que se outorgarán con motivación en relación cos aspectos citados

Décimo sexta. Resolución da convocatoria

1. Instruído o procedemento, o órgano instrutor, á vista do expediente, da documentación requirida e unha vez entregado o informe preceptivo por parte da Comisión de Valoración, ditará a proposta de resolución, indicando o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas, que elevará á presidencia do Consello Reitor da Agadic.

2. A presidencia do Consello Reitor da Agadic, por delegación do Consello Reitor segundo a disposición adicional do Acordo do 24 de xullo de 2012 (DOG nº 164, do 29 de agosto), deberá ditar resolución expresa, no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución. A citada resolución deberase ditar e notificar no prazo máximo de cinco meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública, será motivada e fará mención expresa das persoas beneficiarias, da contía da axuda e dunha desestimación xeneralizada do resto dos proxectos solicitantes.

3. Deberá comunicarse ás persoas interesadas o importe da axuda (en equivalente bruto de subvención) e o seu carácter de axuda de minimis exenta en aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

4. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que as persoas interesadas poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

5. A resolución da convocatoria porá fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a presidencia do Consello Reitor da Agadic, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

Décimo sétima. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo oitava. Aceptación da subvención

1. Unha vez notificada a resolución, os beneficiarios comunicarán á Agadic a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

2. A entidade beneficiaria deberalle remitir á Agadic o orzamento (anexo II), adaptado á subvención concedida (só no suposto de que a subvención recibida sexa inferior á solicitada e, como máximo, pola diferenza entre ambas as cantidades).

A dita documentación deberase remitir no prazo máximo de 10 días, contados desde a notificación da resolución de concesión.

Décimo novena. Gastos subvencionables

1. Só se consideran gastos subvencionables aqueles que respondan á natureza da actividade subvencionada, resulten estritamente necesarios e se realicen no prazo establecido nesta convocatoria, e que se detallan a continuación, nos seguintes capítulos:

Capítulo 1. Dereitos e asesorías relacionadas co guión ou concepto.

1.1. Adquisición de dereitos de autor.

1.1.1. Obra preexistente.

1.1.2. Obra orixinal.

1.2. Adaptación e diálogos.

1.2.1. Guionistas.

1.2.2. Dialoguista.

1.2.3. Asesor/a de escritura de guión

1.3. Asesores especialistas.

1.3.1. Márketing.

1.3.2. Produción.

1.3.3. Outros (deberanse especificar e xustificar).

1.4. Outros dereitos.

1.4.1. Imaxes de arquivo.

1.4.2. Fotografías e documentación.

1.4.3. Documentos sonoros.

1.4.4. Outros (deberanse especificar e xustificar).

1.5. Tradutores (excepto para o español ou galego).

Capítulo 2. Produción en desenvolvemento.

2.1. Materiais de produción e promocionais.

2.1.1. Elaboración de teaser-trailer do proxecto (máximo 20 % do orzamento subvencionable).

2.1.2. Elaboración de piloto (formatos TV).

2.1.3. Storyboard.

2.1.4. Web.

2.1.5. Dossieres.

2.2. Outros (deberanse especificar e xustificar).

Capítulo 3. Gastos de transporte e aloxamento e acreditación e foros profesionais de negocio e/ou desenvolvemento.

Deberá estar plenamente xustificada a relación destes gastos co desenvolvemento do proxecto, tanto no relativo ao seu contido como ao período de execución. Quedan excluídas as participacións en foros en que a Agadic promova delegación de empresas e aquelas polas que se recibisen achegas públicas sobre os mesmos conceptos. Quedan excluídas as axudas de custo.

3.1. Viaxes nacionais.

3.2. Viaxes internacionais.

3.3. Hoteis.

3.4. Acreditacións e inscricións.

Capítulo 4. Gastos xurídicos e asesoramento contable.

4.1. Asesoramento xurídico.

4.2. Actos xurídicos.

4.3. Asesoramento contable.

Capítulo 5. Gastos de xestión do desenvolvemento (máximo 20 % do importe correspondente á suma dos capítulos 1-4).

5.1. Persoal da empresa.

5.1.1. Salarios.

5.1.2. Seguridade Social.

5.2. Outras contratacións externas non recollidas nos capítulos anteriores.

Capítulo 6. Gastos xerais.

6.1. Gastos xerais: límite dun 10 % sobre o total dos capítulos 1-5.

2. Non serán gastos subvencionables:

a) O importe do imposto sobre o valor engadido e outros impostos de carácter recuperable.

b) Os gastos suntuarios, as gratificacións, as provisións de gastos e as capitalizacións.

c) Gastos facturados por empresas vinculadas á entidade solicitante.

Vixésima. Pagamento e xustificación

1. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando se acredite que a actividade foi executada de acordo co proxecto presentado e se xustifique correctamente o seu emprego, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos á conta.

2. A Agadic, consonte o previsto no artigo 62 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia, poderá realizar pagos á conta da anualidade 2021, que poderá supoñer a realización de pagamentos fraccionados que respondan ao ritmo de execución das accións subvencionadas e se aboen por contía equivalente á xustificación presentada e que non suporá mais do 10 % da subvención concedida.

3. Así mesmo, a Agadic, consonte as previsións estipuladas no artigo 31.6 da Lei de subvencións de Galicia, e no artigo 63.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, poderá aboar como pagamento anticipado –que suporá entregas de fondos con carácter previo á xustificación como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención– e sen que supere o 50 % da subvención concedida á anualidade 2022 sempre que se solicite entre o 1 de xaneiro de 2022 e antes do 31 de maio de 2022.

Para facer efectivos os pagamentos, o beneficiario deberá enviar unha declaración de axudas e unha memoria do estado de execución do proxecto, e na resolución da súa concesión deberá constar a súa motivación, baseada na súa necesidade, e os gastos que se xustifiquen deberán realizarse dentro do exercicio orzamentario do seu libramento.

En calquera caso non se poderán realizar pagamentos anticipados nin parciais aos beneficiarios de se atoparen nalgunha das circunstancias previstas nos puntos 6 e 7 do artigo 31 da Lei 9/2007.

4. Os beneficiarios que reciban pagamentos anticipados, cando estes excedan a cantidade de 18.000 euros, deberán constituír unha garantía, mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá cubrir o 110 % do importe do anticipo e dos pagamentos á conta, e deberá alcanzar como mínimo ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación. Quedan exonerados da constitución de garantía os beneficiarios e nos casos establecidos no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O importe restante será aboado tras o cumprimento dos requisitos enumerados nestas bases.

5. O prazo de xustificación da subvención rematará o 15 de agosto de 2022. Transcorrido este prazo sen que se presente a xustificación ante a Agadic, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de xustificación neste prazo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

6. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención outorgada mentres o beneficiario non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e coa Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha outra débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega; a Agadic está autorizada para proceder á comprobación e conseguinte verificación destes datos sen prexuízo do disposto na base décima e, no suposto de pagamentos anticipados, non se poderá estar incurso en ningunha das situacións previstas no artigo 31.6 da Lei de subvencións de Galicia.

7. Será requisito necesario para o pagamento da subvención outorgada a entrega dunha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos, así como das axudas concedidas en réxime de minimis pola entidade beneficiaria nos tres últimos anos (anexo III).

8. O órgano concedente da subvención terá a obriga de comprobar que o beneficiario cumpriu os requisitos establecidos nas bases reguladoras para proceder ao pagamento das subvencións, incluíndo no expediente un certificado acreditativo da verificación realizada e o alcance das comprobacións practicadas, de conformidade co artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No suposto de que o importe correctamente xustificado sexa inferior ao orzamento presentado coa solicitude, a contía da subvención reducirase proporcionalmente, tal e como establece o artigo 60.1 do Decreto 11/2009.

Vixésimo primeira. Documentación xustificativa da subvención

A persoa beneficiaria deberá presentar electronicamente no Rexistro, tendo de prazo máximo ata o 15 de agosto de 2021, a conta xustificativa da realización do desenvolvemento do proxecto subvencionado, que conterá a seguinte documentación:

1. Memoria final:

1.1. Guión no caso de longametraxe e guión de dous capítulos no caso de series de TV.

1.2. O contrato definitivo de compra dos dereitos de guión.

1.3. Xustificante de inscrición do proxecto no Rexistro de Propiedade Intelectual.

1.4. Plan de financiamento coas diferentes entradas comprometidas ou en negociación, debidamente xustificadas.

1.5. Orzamento de produción.

1.6. Calendario de produción.

1.7. Materiais de produción e promoción elaborados, se os gastos están consignados no orzamento presentado coa solicitude.

1.8. Plan de márketing, se o gasto está consignado no orzamento presentado coa solicitude.

1.9. Memoria explicativa dos contactos realizados durante a fase de desenvolvemento, situación actual e evolución do proxecto.

1.10. A proposta de equipo técnico-artístico, que incluirá, como mínimo, a identidade do director e o produtor executivo e tamén a listaxe dos xefes do equipo técnico e unha proposta do elenco. Achegaranse, sempre que sexa posible, cartas de aceptación/interese por parte dos profesionais incluídos nestas listaxes.

1.11. Na modalidade de pilotos de series de animación para televisión e programas de televisión, copia en DVD da produción final en que figure a imaxe corporativa da Agadic.

2. Memoria xustificativa, que conterá:

2.1. Memoria descritiva das actuacións realizadas.

2.2. Relación numerada e ordenada por capítulos de gastos que inclúan o número de documento, identificación do acredor, o importe e a data de emisión, a suma parcial (folla por folla) e a suma do total da relación de gastos, excluído o IVE.

2.3. Contratos mercantís e relativos á adquisición de dereitos.

2.4. Xustificantes do ingreso na Facenda pública das cantidades retidas á conta do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondentes aos contratos formalizados, de acordo coas porcentaxes de retención legalmente establecidas, así como, se é o caso, os xustificantes de pagamento das cotas da Seguridade Social correspondentes aos ditos contratos.

2.5. Facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, nóminas e, se é o caso, contratos, que acrediten os custos de servizos, subministracións e calquera outra prestación que non sexa de persoal contratado directamente pola empresa produtora, así como o xustificante de ter efectuado a declaración das facturas ante a Facenda pública nos casos en que así o exixa a súa normativa específica.

2.6. Billetes, facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, xustificativos dos gastos de viaxes, aloxamento e inscrición en foros profesionais.

En todo caso, deberá enviarse a documentación xustificativa do pagamento. Non se terán en conta os pagamentos en efectivo.

3. Declaración actualizada sobre subvencións solicitadas, percibidas ou concedidas e pendentes de percepción para o mesmo obxecto por outras administracións públicas, así como declaración das axudas concedidas en réxime de minimis durante os dous últimos exercicios fiscais e durante o exercicio fiscal en curso (anexo III), ou ben declaración de que a información facilitada ao respecto na solicitude non sufriu variacións desde a data da súa presentación.

Os gastos deberán corresponder ao período subvencionable, que comprende desde o día 1 de xaneiro de 2021 ata a data máxima de xustificación establecida na convocatoria, 15 de agosto de 2021.

Vixésimo segunda. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Sen prexuízo das obrigas dispostas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias das subvencións quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o que foron concedidos.

2. As producións subvencionadas deberán axustarse fielmente ao proxecto presentado. Calquera alteración relevante do proxecto, cambio de título, modificación substancial de contidos ou trocos nos responsables do equipo técnico deberalle ser notificada con anterioridade á Agadic, que adoptará as medidas que considere procedentes.

3. Na futura documentación do proxecto (materiais de promoción e distribución) e nos títulos de crédito da produción resultante, páxina web, farase constar que recibiu unha subvención ao desenvolvemento da Xunta de Galicia e do Xacobeo 21-22. Se a obra resultante chegase a ter axuda posterior á produción por parte da Xunta de Galicia, bastará que esta información figure nun único cartón.

4. No caso dos pilotos de series de animación e formatos de programas de TV, nos títulos de crédito iniciais da produción deberá figurar en cartón único: «coa subvención da Xunta de Galicia e Xacobeo 21-22», de conformidade coa normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

5. O beneficiario en ningún caso poderá concertar a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos previstos no artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Vixésimo terceira. Control

1.Os solicitantes e beneficiarios quedan sometidos ás actuacións de comprobacións e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, ou polo Consello de Contas ou Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.

2. Ademais, deberá facilitar á Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) toda a información e documentación complementaria que esta considere necesaria para a concesión ou pagamento do importe da subvención.

Vixésimo cuarta. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras subvencións, axudas ou recursos –ou doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras–, poderá dar lugar á modificación da resolución inicial de concesión co límite disposto no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro e, eventualmente, á súa perda do dereito á obtención da axuda nos termos establecidos na súa normativa reguladora, e a Agadic poderá, en tal caso, proceder á reclamación e conseguinte reintegro, total ou parcial, da suma concedida á compañía adxudicataria nos termos anteriormente estipulados.

2. Procederá a nulidade e revogación das subvencións concedidas, así como o reintegro total ou parcial das contías percibidas e a exixencia dos xuros de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos de incumprimento das obrigas anteriormente sinaladas, nos casos e termos establecidos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como polo título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en particular, polo incumprimento de calquera dos requisitos e obrigas estipulados nesta convocatoria pública.

Vixésimo quinta. Perda do dereito ao cobramento da axuda e procedemento de reintegro

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos e termos establecidos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como polo título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en particular, polo incumprimento de calquera dos requisitos e obrigas estipulados nesta convocatoria pública.

2. Producirase a perda do dereito ao cobramento da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a axuda concedida, así como os xuros de demora correspondentes.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Vixésimo sexta. Réxime de recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o seguinte ao da publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, de 13 de xullo reguladora da xurisdición contencioso-administrativa ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2021

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia
Galega das Industrias Culturais

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file