Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Luns, 28 de xuño de 2021 Páx. 32581

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

EXTRACTO da Orde do 11 de xuño de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións para compensar as empresas de transformación dos produtos pesqueiros e da acuicultura que tivesen perdas de produción entre o 1 de febreiro e o 31 de decembro de 2020 como consecuencia do brote da COVID-19, independentemente do seu tamaño, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento PE201G).

BDNS (Identif.) : 571563.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas e entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas, xurídicas ou pluralidade de persoas físicas que sexan empresas do sector de transformación dos produtos pesqueiros e da acuicultura.

Segundo. Finalidade

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións para compensar as empresas de transformación dos produtos pesqueiros e da acuicultura titulares de centros produtivos en Galicia, que visen reducida a súa produción entre o 1 de febreiro e o 31 de decembro de 2020 como consecuencia da pandemia da COVID-19, sempre que as perdas sexan de polo menos un 20 % en relación cos ingresos medios para o mesmo período nos 3 anos anteriores (2017, 2018 e 2019). No caso de empresas con menos de tres anos de actividade, estas deberán ter actividade durante, polo menos, o ano natural 2019 completo.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 11 de xuño de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións para compensar as empresas de transformación dos produtos pesqueiros e da acuicultura que tivesen perdas de produción entre o 1 de febreiro e o 31 de decembro de 2020 como consecuencia do brote da COVID-19, independentemente do seu tamaño, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código do procedemento PE201G).

Cuarto. Importe

Para o ano 2021 as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.723A.771.1 correspondente á Consellería do Mar para 2021. Os importes máximos das subvencións que se concedan no dito exercicio orzamentario serán de 4.000.000 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes contado desde o día seguinte ao da publicación da orde.

Entenderase como último día do prazo para a presentación de solicitudes o correspondente ao mesmo ordinal do día da súa publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2021

Silvia Cortiñas Fernández
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar