Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Luns, 28 de xuño de 2021 Páx. 32463

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 23 de xuño de 2021 pola que se establecen os criterios técnico-deportivos para a obtención das condicións de persoa deportista de alto nivel, alto rendemento deportivo e rendemento deportivo de base, e os criterios deportivos para o recoñecemento dos núcleos de adestramento deportivo especializado.

Conforme a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, entre as competencias da Administración autonómica atópanse a de «regular e fomentar o deporte e os e as deportistas de alto nivel de Galicia e as categorías de deportistas, así como os requisitos para seren incluídos/as nestas e os seus beneficios», e «establecer e, de ser o caso, recoñecer os centros de alto nivel deportivo da Comunidade Autónoma. (…)»: artigo 5.1, letras m) e q).

No tocante ás persoas deportistas, e de acordo co artigo 34 da mesma norma, «Terán a consideración de deportistas galegos de alto nivel, ou doutras categorías que se poidan establecer, aqueles/as deportistas que reúnan os requisitos establecidos regulamentariamente e sexan recoñecidos como tales pola Administración autonómica en función dos seus resultados, proxección, nivel deportivo, expectativas de progreso e interese para o deporte galego». Así mesmo, e de acordo co disposto no artigo 32.2 da lei «Atendendo a criterios de rendemento e mérito deportivo, os deportistas poderán ser de alto nivel ou doutras categorías que poidan establecerse regulamentariamente».

En desenvolvemento destas previsións legais, aprobouse o Decreto 165/2020, do 17 de setembro, polo que se regula o deporte de alto nivel, de alto rendemento e de rendemento deportivo de base de Galicia (DOG do 29 de setembro), que derrogou o Decreto 6/2004, do 8 de xaneiro, polo que se regula a cualificación dos deportistas galegos de alto nivel e os programas de beneficios dirixidos a estes (DOG do 19 de xaneiro).

Os artigos 5 e 33 do Decreto 165/2020, do 17 de setembro, establecen respectivamente os requisitos das persoas solicitantes das condicións de alto nivel e alto rendemento deportivo, e de deportista de rendemento deportivo de base. Nos primeiros supostos, no caso do alto nivel e do alto rendemento deportivo, o artigo 5.1 da norma exixe con carácter xeral nacer en Galicia ou ter a veciñanza administrativa nun municipio galego ininterrompidamente desde, polo menos, un ano antes da obtención dos méritos deportivos en que se fundamente a solicitude; ter 16 anos feitos na data de presentación da solicitude; ser titular dunha licenza deportiva en vigor expedida por unha federación deportiva galega; non estar cumprindo sanción disciplinaria deportiva firme na vía administrativa pola comisión dunha infracción de carácter grave ou moi grave, sanción administrativa firme en materia administrativo-deportiva pola comisión dunha infracción de carácter grave ou moi grave, nin sanción administrativa firme na vía administrativa por dopaxe; ter domicilio fiscal en España; non estar cumprindo condena en virtude de sentenza xudicial firme pola comisión dun delito, ou non ter condena en virtude de sentenza xudicial firme pola comisión dun delito relacionado co ámbito deportivo ou coa violencia de xénero, así como por delitos contra a liberdade e a indemnidade sexuais; e finalmente, e para o caso concreto das persoas adestradoras e técnicas, estar en posesión do título de grao ou licenciatura en Ciencias da Actividade Física e o Deporte ou equivalente ou técnico deportivo superior ou equivalente.

Similares requisitos establécense no artigo 33.2 do Decreto 165/2020, do 17 de setembro, para o caso das persoas solicitantes da condición de deportista de rendemento deportivo de base. Aquí a norma establece, de forma xenérica, nacer en Galicia ou ter a veciñanza administrativa nun municipio na Comunidade Autónoma ininterrompidamente desde, polo menos, un ano antes da obtención dos méritos deportivos en que se fundamente a solicitude; ser titular dunha licenza deportiva vixente expedida por unha federación deportiva galega; non estar cumprindo sanción disciplinaria deportiva firme na vía administrativa pola comisión dunha infracción de carácter grave ou moi grave, sanción administrativa firme en materia administrativo-deportiva pola comisión dunha infracción de carácter grave ou moi grave, nin sanción administrativa firme na vía administrativa por dopaxe; ter domicilio fiscal en España; e non estar cumprindo condena en virtude de sentenza xudicial firme pola comisión dun delito ou non ter condena en virtude de sentenza xudicial firme pola comisión dun delito relacionado co ámbito deportivo ou coa violencia de xénero, así como por delitos contra a liberdade e a indemnidade sexuais.

Xunto a estes requisitos xerais que se veñen de relacionar para cada unha das distintas categorías, o Decreto 165/2020, do 17 de setembro, establece tamén a necesaria concorrencia de criterios técnico-deportivos que poidan acreditar o nivel deportivo axeitado segundo o obxecto do decreto, atendendo ás distintas particularidades das modalidades e especialidades deportivas existentes, e tanto nas probas olímpicas e paraolímpicas, como respecto das que non se encadren nestas categorías. Estes criterios técnico-deportivos, segundo establece a propia norma, serán aprobados por orde da persoa titular da consellería competente en materia de deporte (artigos 5.2 e 33.3).

Pola súa parte, e co obxecto de abarcar as distintas realidades da preparación da alta dedicación deportiva existente na Comunidade Autónoma, o Decreto 165/2020, do 17 de setembro, desenvolveu a nova categoría dos núcleos de adestramento deportivo especializados (en diante, núcleos ou NADE).

Neste ámbito, o artigo 40.1 do decreto recolle como requisitos xerais para o recoñecemento dos núcleos: ofrecer unha dispoñibilidade de espazos e instalacións axeitados ás necesidades da programación deportiva; contar cun equipo técnico cualificado; dispor do uso dun centro para levar a cabo o seguimento médico-deportivo; dispor dun proxecto de preparación técnico-deportiva orientada ao alto nivel e ao alto rendemento deportivo para a modalidade deportiva correspondente, de acordo co interese estratéxico deportivo da propia Comunidade Autónoma, encamiñado á participación dos deportistas galegos e das deportistas galegas en xogos olímpicos ou paralímpicos, campionatos do mundo, campionatos de Europa e outras competicións internacionais de máximo nivel; e non estar cumprindo, a entidade solicitante, sanción disciplinaria deportiva firme na vía administrativa pola comisión dunha infracción de carácter grave ou moi grave, ou sanción administrativa firme en materia administrativo-deportiva pola comisión dunha infracción de carácter grave ou moi grave. Xunto a estes requirimentos, a letra f) do artigo 40.1 establece tamén a necesidade de acreditar o nivel e os requisitos deportivos que se requiran para os efectos deste recoñecemento, establecéndose que estes requisitos deportivos deberán ser aprobados por orde da persoa titular da consellería competente en materia de deporte.

En desenvolvemento do apuntado, é obxecto da presente orde regular os criterios técnico-deportivos necesarios para o recoñecemento das condicións de deportista de alto nivel, alto rendemento deportivo e rendemento deportivo de base, así como tamén regular os criterios deportivos dos núcleos de adestramento deportivo especializados; criterios, todos eles, fixados en atención á experiencia acumulada e ao desenvolvemento nacional e internacional do deporte competitivo para cada unha das modalidades e especialidades deportivas existentes. Asemade, e respecto dos NADE, actuando sobre a base da habilitación contida na disposición derradeira terceira do Decreto 165/2020, do 17 de setembro, a presente norma dispón tamén a facultade de comprobación dos requisitos e obrigas que exixen o decreto e a propia orde, garantíndose así a súa axeitada adecuación á normativa que os sustenta.

Para a tramitación da presente orde seguiuse o procedemento establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e cumpríronse, ademais, os trámites previstos na normativa en materia de transparencia mediante a participación da cidadanía en xeral, e dos axentes e entidades deportivas afectadas en particular, nomeadamente as federacións deportivas galegas.

En consecuencia, e de conformidade co estipulado nos artigos 5.2, 33.3, 40.1.f) e na disposición derradeira terceira do Decreto 165/2020, do 17 de setembro, polo que se regula o deporte de alto nivel, de alto rendemento e de rendemento deportivo de base de Galicia,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto establecer os criterios técnico-deportivos para a obtención das condicións de persoa deportista de alto nivel, alto rendemento deportivo e rendemento deportivo de base, así como establecemento dos criterios deportivos para o recoñecemento dos núcleos de adestramento deportivo especializado. Xunto a estes criterios, a presente norma regula tamén as facultades de comprobación da Administración deportiva sobre núcleos de adestramento deportivo especializado.

Artigo 2. Recoñecemento das condicións de alto nivel, alto rendemento deportivo e rendemento deportivo de base, e dos núcleos de adestramento deportivo especializado

Xunto aos criterios establecidos na presente orde, as persoas solicitantes das condicións de alto nivel, alto rendemento deportivo ou rendemento deportivo de base, e de núcleo de adestramento deportivo especializado, deberán cumprir os demais requisitos, obrigas e disposicións establecidas no Decreto 165/2020, do 17 de setembro, polo que se regula o deporte de alto nivel, de alto rendemento e de rendemento deportivo de base de Galicia.

Artigo 3. Conceptos e regras xerais para a aplicación dos criterios técnico-deportivos

Para a aplicación dos criterios técnico-deportivos recollidos nesta orde, atenderase aos seguintes conceptos e regras xerais:

1. Terá a consideración de categoría absoluta a categoría de idade en que se desenvolve a competición deportiva de máis alto nivel na modalidade, especialidade ou proba deportiva.

2. Terá a consideración de categoría previa á absoluta a categoría de idade en que se desenvolve a competición deportiva anterior á categoría absoluta.

3. Terán a consideración de categorías anteriores á previa á absoluta as categorías de idade en que se desenvolven as competicións deportivas anteriores á categoría previa á absoluta.

4. Terá a consideración de proba individual aquela en que unha soa persoa deportista é responsable, a través da súa execución, do desenvolvemento e do resultado na competición deportiva. Tamén se considerarán individuais aquelas probas que se desenvolvan de maneira simultánea de ata 4 compoñentes e aquelas que constitúen un agregado de 2, 3 ou 4 deportistas que integran un equipo executando unha acción repetitiva e semellante (barcos de remo e piragüismo de máis dun tripulante, probas de persecución de equipos de ciclismo,...).

5. Terá a consideración de proba de equipo aquela en que se compite en parella, trío ou con máis compoñentes que non inclúa as características reflectidas no artigo 3.4 (fútbol, baloncesto, balonmán, ...).

6. Terán a consideración de probas olímpicas/paralímpicas as incluídas no programa do ciclo olímpico/paralímpico en curso, e de probas non olímpicas/non paralímpicas as non incluídas no programa do ciclo olímpico/paralímpico en curso.

7. Consideración dos campionatos de España. No caso de competicións de clubs de deportes colectivos dos que se celebre máis dunha competición con denominación de Campionato de España para a mesma proba e categoría de idade, a Comisión galega de avaliación do alto nivel deportivo, do alto rendemento deportivo e do rendemento deportivo de base, identificará o de maior nivel deportivo, que terá a consideración de Campionato de España, excepto nos supostos de dualidade existente entre os campionatos de España en idade escolar convocados polo Consello Superior de Deportes e os correspondentes campionatos federativos, e os campionatos e casuísticas especificamente incluídos na presente orde.

Respecto dos campionatos de España por seleccións autonómicas de probas individuais ou por equipo previa á absoluta, terán a consideración de campionatos de España, salvo que no citado campionato non se outorgue o título de campión de España individual ou por equipo, ou que exista outro campionato susceptible de ser considerado como campionato de España individual ou por equipo.

As copas de España, independentemente do seu formato, non terán a consideración de campionatos de España, salvo que así se estableza na presente orde, ou que non exista o correspondente campionato de España.

Os Xogos Olímpicos da Xuventude terán igual consideración que os campionatos de España.

8. Consideración dos campionatos de Europa. No caso de competición de clubs de deportes colectivos dos que se celebre máis dunha competición con denominación de Campionato de Europa para a mesma proba e categoría de idade, a Comisión galega de avaliación do alto nivel deportivo, do alto rendemento deportivo e do rendemento deportivo de base, identificará o de maior nivel deportivo, que será o que terá a consideración de Campionato de Europa.

Para os efectos da presente orde, equipáranse os Xogos do Mediterráneo e os Xogos Iberoamericanos aos campionatos de Europa. Tamén sucede esta equiparación no caso das copas de Europa sempre que conten cun mínimo de 8 probas e se celebren en distintas datas, atendéndose á clasificación final do conxunto das probas que integran a Copa.

9. Consideración dos campionatos do Mundo. No caso de competición de clubs de deportes colectivos dos que se celebre máis dunha competición con denominación de Campionato do Mundo para a mesma proba e categoría de idade, a Comisión galega de avaliación do alto nivel deportivo, do alto rendemento deportivo e do rendemento deportivo de base identificará o de maior nivel deportivo, que será o que terá a consideración de Campionato do Mundo. As copas do Mundo terán igual consideración que os campionatos do Mundo sempre que conten cun mínimo de 8 probas e se celebren en distintas datas, atendéndose á clasificación final do conxunto das probas que integran a Copa

10. No ámbito dos Xogos Olímpicos e Xogos Paralímpicos, serán obxecto de valoración as probas olímpicas/paralímpicas incluídas no programa dos Xogos.

11. Número de participantes e grao de participación. Para os efectos da aplicación da presente orde, terase en consideración o número de participantes e o grao de participación nos seguintes termos:

a) Número de participantes: na valoración dos méritos terase en consideración e exixirase un número mínimo de participantes por proba. En campionatos que teñan fases clasificatorias para acceder á fase final, teranse en conta as persoas/equipos participantes do conxunto de todas as fases. Cando o regulamento do campionato ou ránking limite a participación a deportistas que previamente obtivesen un determinado nivel de rendemento, teranse en consideración os participantes nas fases previas.

Para valorar un resultado deportivo, será requisito que exista unha federación galega que teña recoñecida entre as súas probas aquela pola que o deportista presenta o resultado e, no caso de non existir federación galega, deberá haber federación española.

En campionatos onde a participación depende da consecución dunha marca ou puntuación mínima en competicións clasificatorias previas, a Comisión galega de avaliación do alto nivel deportivo, do alto rendemento deportivo e do rendemento deportivo de base estudará a posibilidade de non aplicar o establecido no artigo 4 no relativo ao número de participantes.

O número de participantes nas probas de equipo refírese ao número de equipos.

b) Grao de participación da persoa deportista. Terá a consideración de participante aquela persoa deportista que figure inscrita na acta da competición que pretenda achegar como mérito, e non será suficiente o feito de ter sido convocada para a proba ou competición, salvo que acuda como membro da selección española nos Xogos Olímpicos, Xogos Paralímpicos, campionatos de Europa ou do Mundo de probas olímpicas, supostos en que que si será mérito suficiente e que suporá, ademais, o recoñecemento como deportista de alto nivel ou alto rendemento ou de rendemento deportivo de base, nos termos establecidos no Decreto 165/2020, do 17 de setembro.

En deportes non colectivos, unicamente serán avaliables os resultados das persoas deportistas que participen do desenvolvemento dalgunha proba, e non será suficiente con acudir como convocado ao campionato. Soamente se valorarán os resultados nas copas do Mundo e de Europa cuxa organización conte cun mínimo de 8 probas que se celebren en distintas datas, e cando a persoa deportista participe, polo menos, no 50% das probas da Copa.

En deportes colectivos, consideraranse persoas membros do equipo todas as persoas deportistas oficialmente inscritas na acta; se o campionato se celebra en varias fases, unicamente se considerarán persoas membros do equipo aos xogadores e xogadoras participantes na súa fase final. Non se avaliarán os resultados de probas de equipo que se calculen como a suma dos resultados individuais das persoas deportistas compoñentes cando, ademais da clasificación por equipos, haxa unha clasificación individual.

12. Ránking oficial. Terá a consideración de ránking oficial o elaborado polas federacións deportivas españolas ou polas federacións deportivas internacionais recoñecidas polo Comité Olímpico Internacional ou polo Comité Paralímpico Internacional. Aos ránkings oficiais das diferentes federacións daráselles o mesmo valor que aos campionatos.

Para os efectos de acreditar os méritos deportivos, será oficial o ránking que publique cada federación ao finalizar o ano natural, sempre que se elabore con base nos resultados obtidos durante todo ese período. Se a federación conta cun ránking oficial por tempada deportiva, terase en consideración a clasificación final do ránking ao remate da tempada, se non existise ránking para o ano natural.

Serán puntuables os ránkings por categorías, pero non os ránkings que engloben deportistas dun único ano de nacemento.

13. Competicións non avaliables. Para os efectos da aplicación da presente orde, non serán avaliables as probas ou distancias olímpicas/paralímpicas incluídas no programa dos Xogos como deporte de exhibición, os campionatos de España, de Europa ou do Mundo por clubs a que se acceda sen clasificación (acceso libre), e os campionatos organizados polas federacións deportivas galegas.

Artigo 4. Criterios técnico-deportivos para as persoas deportistas

1. O recoñecemento das condicións de deportista de alto nivel, deportista de alto rendemento e deportista de rendemento deportivo de base estará suxeito aos criterios técnico-deportivos definidos no anexo.

2. Para os efectos do recoñecemento da condición de deportista de alto nivel, considéranse equiparables aos resultados descritos no anexo os seguintes méritos deportivos:

a) Ser integrante da selección española nos Xogos Olímpicos, nos Xogos Paralímpicos, nos campionatos de Europa ou do Mundo de probas e distancias olímpicas, así como ser recoñecido como deportista de alto nivel polo Consello Superior de Deportes.

b) Na modalidade de ciclismo, procede a equiparación no caso de participación no Tour de Francia, Giro de Italia, La Vuelta Ciclista a España ou Tour del Porvenir, ou figurar no ránking oficial da UCI entre os 100 primeiros clasificados da especialidade correspondente.

c) Na modalidade do golf, procede a equiparación no caso de participación nalgunha das probas do Grand Slam, da Ryder Cup ou dos torneos da Orde de mérito do circuíto europeo, no suposto de figurar no ránking oficial da PGA entre os 100 primeiros clasificados, ou cando se acaden resultados destacables nas competicións amateur do máximo nivel.

d) Na modalidade do montañismo, procede a equiparación nos supostos de ascensión a cumes de máis de 8.000 metros, escaladas en xeo cuxa dificultade sexa igual o superior a IW6 ou M6, escaladas en rocha ou grandes paredes cuxa dificultade sexa 7A en diante ou A4, e en escalada libre, superar vías de grao 8C+, e nas grandes ascensións avaladas polo informe técnico federativo.

e) Na modalidade do surf, procede a equiparación no caso de figurar entre os 50 primeiros postos no ránking de máximo nivel mundial de categoría absoluta, a International Surf Association e World Surf League.

f) Na modalidade do tenis, procede a equiparación no caso de participar nalgún dos 4 torneos de Gran Slam, na Copa Davis ou na Copa Federación, cando se figure ao rematar a tempada entre os 200 primeiros clasificados nos ránkings ITF Júnior ou ATP/WTA, cando se participe nun mínimo de 2 probas internacionais recoñecidas por Tenis Europe ou ITF, ou polos organismos que os substitúan, ou cando se acaden resultados destacables nas competicións do máximo nivel.

Para os efectos do presente punto, as persoas deportistas que soliciten a equiparación deberán obter idéntico posto ou resultado a que se exixe na presente orde na competición coa cal se pretende a equiparación.

3. Para os efectos do recoñecemento da condición de deportista alto rendemento, considérase equiparable aos resultados descritos no anexo a participación na máxima categoría da competición estatal durante 3 anos consecutivos, nas competicións en formato de liga de modalidades deportivas olímpicas.

4. Para os efectos do recoñecemento da condición de deportista de rendemento deportivo de base, considérase equiparable aos resultados descritos no anexo o recoñecemento polo Consello Superior de Deportes da condición de deportista de alto rendemento.

5. Non se valorarán os méritos deportivos regulados no presente artigo cando se obteñan como integrante dunha selección distinta á española.

6. No caso de modificación dos regulamentos de competición con motivo de recoller o deporte inclusivo, a Comisión galega de avaliación do alto nivel deportivo, do alto rendemento deportivo e do rendemento deportivo de base resolverá estas circunstancias extraordinarias.

Artigo 5. Criterios técnico-deportivos para as persoas adestradoras ou técnicas

1. O recoñecemento da condición de persoa adestradora ou técnica de alto nivel estará reservado ao adestrador ou adestradora principal dunha persoa deportista de proba individual, ou dun equipo pertencente a unha entidade deportiva ou dunha selección nacional, na competición, proba ou campionato en que obtivese algún dos seguintes resultados:

a) Nos campionatos de Europa ou continental equivalentes de probas olímpicas/paralímpicas: un dos tres primeiros postos e coa participación mínima establecida no anexo.

b) Nos campionatos do Mundo de probas e distancias olímpicas/paraolímpicas: un dos cinco primeiros postos e coa participación mínima establecida no anexo.

c) Nos Xogos Olímpicos ou Paralímpicos: o diploma olímpico.

2. A acreditación da condición de adestrador ou adestradora principal que obtivo algún dos resultados recollidos no número anterior deberá realizarse mediante a presentación de certificado expedido pola federación deportiva nacional ou, de ser o caso, pola autonómica correspondente.

Artigo 6. Criterios técnico-deportivos para as persoas xuíces-árbitros

Terán dereito a solicitar o recoñecemento como persoas xuíces-árbitros de alto nivel aquelas persoas que acrediten ter participado como xuíces-árbitros en Xogos Olímpicos/Paralímpicos, campionatos do Mundo de probas olímpicas/paralímpicas ou campionatos de Europa de probas olímpicas/paralímpicas e coas participacións mínimas establecidas no anexo.

A Comisión galega de avaliación do alto nivel deportivo, do alto rendemento deportivo e do rendemento deportivo de base poderá considerar o recoñecemento, no caso de modalidades deportivas olímpicas en formato de liga, de ter participado como xuíces/árbitros durante 3 anos consecutivos na máxima categoría de competición.

Artigo 7. Criterios deportivos para os núcleos de adestramento especializado

1. Para o recoñecemento da condición de núcleo de adestramento deportivo especializado (en diante, núcleo ou NADE) deberán cumprirse os seguintes requisitos deportivos:

a) No caso de ser xestionado por unha federación deportiva, o núcleo deberá ser o lugar de adestramento habitual de persoas deportistas galegas pertencentes aos programas de tecnificación deportiva da federación correspondente.

b) No caso de ser xestionado por un club ou unha sociedade anónima deportiva, o núcleo deberá ser o lugar de adestramento habitual de, polo menos, dúas persoas deportistas de alto nivel e/ou alto rendemento.

2. En ambos os casos, o proxecto de preparación técnico-deportiva do NADE, recollido nos artigos 40.1.d) e 42.1.b) do Decreto 165/2020, do 17 de setembro, polo que se regula o deporte de alto nivel, de alto rendemento e de rendemento deportivo de base de Galicia, deberá detallar as actividades necesarias para acadar os obxectivos previstos para cada persoa deportista que, como mínimo, serán o programa deportivo de especialización e desenvolvemento do nivel técnico e competitivo do rendemento futuro das persoas deportistas de alto rendemento, o programa deportivo de desenvolvemento e mantemento do rendemento deportivo das persoas deportistas de alto nivel, e o programa de apoio pedagóxico necesario para a conciliación da vida deportiva coa formación académica e/ou orientación laboral. O proxecto orientarase á mellora do alto nivel e o alto rendemento deportivo da Comunidade Autónoma de acordo cos seus intereses estratéxicos deportivos.

Artigo 8. Facultades de comprobación dos NADE

1. Co fin de velar polo cumprimento dos preceptos contidos en relación cos núcleos de adestramento deportivo especializados no Decreto 165/2020, do 17 de setembro, polo que se regula o deporte de alto nivel, de alto rendemento e de rendemento deportivo de base de Galicia, así como na presente orde, a Administración deportiva autonómica poderá efectuar as inspeccións, controis e recoñecementos que considere convenientes sobre NADE, sen prexuízo das facultades de comprobación que, sobre aspectos destes que afecten a lexislación sectorial, teñan atribuídas as demais administracións públicas competentes.

2. Nomeadamente e sen prexuízo doutras actuacións de comprobación que se poidan establecer, o titular do NADE informará sobre os aspectos que lle requira a Administración deportiva en relación co desenvolvemento do programa deportivo do núcleo, detallando en todo caso:

a) O grao de consecución dos obxectivos marcados para o NADE e as persoas deportistas que o integran.

b) As actuacións realizadas para a incorporación da efectiva consideración do principio de igualdade real e efectiva entre mulleres e homes.

c) As actuacións realizadas para o fomento da participación das persoas deportistas con discapacidade.

Disposición transitoria única. Procedementos en tramitación

Os procedementos iniciados con anterioridade á entrada en vigor da presente orde tramitaranse e resolveranse conforme a normativa vixente no momento da presentación da solicitude.

Como excepción ao anterior, os criterios técnico-deportivos contidos na presente orde poderán ser aplicados retroactivamente aos procedementos xa iniciados e non resoltos cando resulten máis favorables para as persoas interesadas.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Sen prexuízo do establecido na disposición transitoria desta orde, queda derrogada a Orde do 30 de maio de 2005 pola que se establecen os criterios para o recoñecemento dos deportistas galegos de alto nivel, en desenvolvemento do Decreto 6/2004, do 8 de xaneiro.

Disposición derradeira primeira. Habilitación

Autorízase o titular da Secretaría Xeral para o Deporte para ditar cantos actos e instrucións sexan necesarios para a correcta aplicación da presente orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2021

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo

ANEXO

Criterios técnico-deportivos para as persoas deportistas

Probas

ALTO NIVEL. Categoría absoluta e previa á absoluta

Campionato
de España

Campionato de Europa

Campionato do Mundo

Xogos
Olímpicos

Xogos
Paralímpicos

Posto

Nº mínimo participantes

Posto

Nº mínimo participantes

Posto

Nº mínimo participantes

 

Olímpicas

Individual

3

-

16

-

Participar

-

Participar

Equipo

3

-

Participar

-

Participar

-

Participar

Paralímpicas

Individual

3

-

5

-

8

-

Participar

Equipo

3

-

4

-

8

-

Participar

Non olímpicas

Individual

3

15

8

15

16

20

Equipo

3

10

4

10

8

15

Non paralímpicas (discapacidade)

Individual

3

10

5

15

8

20

Equipo

3

10

4

10

8

15

Probas

ALTO RENDEMENTO. Categoría absoluta e previa á absoluta

Campionato
de España

Campionato de Europa

Campionato do Mundo

Posto

Nº mínimo participantes

Posto

Nº mínimo
participantes

Posto

Nº mínimo
participantes

Olímpicas

Individual

6

-

21

-

Participar

-

Equipo

4

-

Participar

-

Participar

-

Paralímpicas

Individual

6

-

8

-

12

-

Equipo

4

-

8

-

Participar

-

Non olímpicas

Individual

6

15

12

15

Participar

20

Equipo

4

10

8

10

16

15

Non paralímpica (discapacidade)

Individual

6

10

7

15

12

20

Equipo

4

10

8

10

16

15

Probas

RENDEMENTO DEPORTIVO DE BASE. Categorías anteriores á previa á absoluta

Campionato
de España

Campionato de Europa

Campionato do Mundo

Posto

Nº mínimo
participantes

Posto

Nº mínimo
participantes

Posto

Nº mínimo
participantes

Probas oficiais

Individual

6

15

Participar

15

Participar

15

Equipo

4

10

Participar

10

Participar

10

Discapacidade

Individual

6

15

Participar

15

Participar

15

Equipo

4

10

Participar

10

Participar

10