Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Martes, 29 de xuño de 2021 Páx. 32817

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 22 de xuño de 2021 sobre ampliación do prazo establecido no artigo 5 da Resolución do 3 de agosto de 2020, pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de enerxía fotovoltaica, para o ano 2020-2021, cofinanciadas polos fondos comunitarios derivados do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión destas subvencións (Diario Oficial de Galicia número 161, do 12 de agosto de 2020).

O prazo máximo para resolver e notificar as resolucións de concesión deste procedemento será de catro meses, contados desde a data de finalización do período de presentación das solicitudes ou, de ser o caso, da súa emenda (artigo 23.2 das bases reguladoras).

O prazo para presentar solicitudes rematou o 2 de setembro de 2020 e, unha vez finalizado o prazo de presentación das emendas e tras o informe dos servizos técnico e xurídico, reuniuse o comité de avaliación, que elaborou unha proposta dos solicitantes propostos para obter a subvención, así como o importe da subvención e, posteriormente, notificáronse as resolucións de concesión das axudas.

De acordo co disposto no artigo 5 da Resolución do 3 de agosto de 2020 pola que se convocan estas axudas, a data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 30 de xuño de 2021.

Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), en que se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

No presente procedemento de concesión de axudas estanse a rexistrar numerosas solicitudes de prórroga por parte dos beneficiarios, motivadas polas dificultades existentes para executar e xustificar os investimentos subvencionados nas referidas datas límite, por cuestións orzamentarias, de procedemento de contratación das obras e demora nas entregas de materiais polos provedores e, ademais, non existe a posibilidade de causar prexuízos a terceiros.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificar a data límite para a execución e xustificación dos investimentos que figura no artigo 5 da Resolución do 3 de agosto de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para proxectos de enerxía fotovoltaica para as anualidades 2020-2021, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020, e se procede á selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión destas subvencións, de xeito que o prazo límite para a execución dos investimentos vinculados aos proxectos subvencionados e para a xustificación dos gastos se amplía ata o 15 de setembro de 2021.

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.gal), para os efectos previstos nos artigos 44 e 45.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Terceiro. De acordo co disposto no artigo 32.3 da LPACAP, contra o presente acordo non cabe recurso de ningún tipo.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2021

Paula María Uría Traba
Directora do Instituto Enerxético de Galicia