Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Xoves, 1 de xullo de 2021 Páx. 33509

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 18 de xuño de 2021, do tribunal nomeado para cualificar o proceso selectivo extraordinario de consolidación para o ingreso na categoría 006 do grupo I, titulado/a superior psicólogo/a, de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, convocado mediante a Orde do 4 de novembro de 2019.

En sesións que tiveron lugar o 3 de marzo, o 20 de maio e o 18 de xuño de 2021, o tribunal nomeado polas resolucións do 19 de outubro de 2020 (DOG núm. 250, do 14 de decembro) e do 17 de decembro de 2020 (DOG núm. 262, do 31 de decembro) para cualificar o proceso selectivo extraordinario de consolidación para o ingreso na categoría 006 do grupo I, titulado/a superior psicólogo/a, de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, convocado mediante a Orde do 4 de novembro de 2019 (DOG núm. 213, do 8 de novembro),

ACORDOU:

Primeiro. Ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, anular as preguntas número 17, 30, 31, 32, 57, 58, 123 e 183 do primeiro exercicio deste proceso selectivo realizado o 20 de marzo de 2021. Utilízanse as preguntas de reserva núm. 181, 182, 184,185 e 186. Desta forma, o número de preguntas que se van valorar é de 48 na parte xeral e de 130 na parte específica.

Así mesmo, acórdase modificar o modelo de corrección de respostas na pregunta núm. 59, en que a correcta é a alternativa d), e na núm. 80, en que a correcta é a alternativa d).

Desestímanse na súa totalidade as restantes reclamacións realizadas ao dito exercicio.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria, superarán o primeiro exercicio do proceso selectivo as persoas aspirantes que obtivesen unha puntuación mínima de trinta puntos (30 puntos).

O exercicio divídese en dúas partes e para superalo será necesario obter, unha vez efectuados os descontos correspondentes, un mínimo de 10 respostas correctas na parte xeral e de 26 respostas correctas na parte específica. Tendo en conta que na parte xeral as preguntas que se van valorar son 48 en lugar de 50, mantense a dita proporción exixida e requírese finalmente un mínimo de 9,6 respostas correctas para a superación desta parte.

De conformidade coas bases da convocatoria, en sesión do 3 de marzo de 2021, este tribunal estableceu os criterios de corrección, valoración e superación do primeiro exercicio do proceso selectivo, e acordou que superarán o primeiro exercicio do proceso selectivo todas as persoas aspirantes que obteñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de 22 aspirantes, coa condición de que contestasen correctamente o 50 % das preguntas do cuestionario consideradas válidas e tendo en conta que por cada resposta incorrecta se descontará un cuarto dunha pregunta correcta. As preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación.

Todas as persoas aspirantes con idéntica puntuación a aquela persoa aprobada coa nota de corte se consideran igualmente aprobadas, aínda que se supere o número de 22 aspirantes anteriormente indicado.

Asignaráselles a valoración de 30 puntos ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada. O resto das persoas declaradas aptas terán unha cualificación distribuída entre os 30 e os 60 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. Do mesmo xeito, asignaráselles a puntuación proporcional que corresponda ás persoas aspirantes declaradas non aptas.

Realizada a corrección en sesión do 20 de maio de 2021, obtivo a puntuación mínima de 30 puntos un total de 10 aspirantes e fixouse en 89 o número de respostas correctas para acadar a dita puntuación, unha vez efectuadas as deducións correspondentes segundo o establecido na base II.1.1.1 da convocatoria.

Terceiro. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas que superaron o primeiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso, na categoría 006 do grupo I, titulado/a superior psicólogo/a, de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal. Así mesmo, publicar a relación das persoas aspirantes presentadas que non acadaron os mínimos establecidos na base II.1.1.1 da convocatoria.

Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, os aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. De acordo co disposto na base II.1.1.2 da convocatoria, as persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para presentaren a documentación xustificativa de estar en posesión do Celga 4 ou título equivalente debidamente homologado de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

Sexto. De conformidade co disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada, ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2021

Alberto Gutiérrez Piñeiro
Presidente do tribunal