Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Xoves, 1 de xullo de 2021 Páx. 33504

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 21 de xuño de 2021, da Dirección Xeral de Administración Local, sobre reclasificación do posto de traballo de secretaría de clase segunda do Concello de Meis a secretaría de clase terceira e clasificación dun posto de colaboración denominado adxunto a secretaría-intervención, reservado a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

Vista a solicitude presentada polo Concello de Meis sobre reclasificación do posto de traballo de secretaría de clase segunda en secretaría de clase terceira e creación e clasificación do posto de colaboración denominado adxunto a secretaría-intervención, emítese resolución con base nos seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro e único. O 11 de maio de 2021 o Concello de Meis presentou no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia unha solicitude dirixida á Dirección Xeral de Administración Local de reclasificación do posto de traballo de secretaría de clase segunda a secretaría de clase terceira e clasificación do posto de colaboración denominado adxunto a secretaría-intervención. Xunto con esta solicitude achegou, polo que agora interesa, a seguinte documentación:

– Certificado do Acordo do Pleno do Concello de Meis, do 26 de marzo de 2021, polo que se aproba inicialmente a modificación do cadro de persoal para reclasificar o posto de traballo de secretaría de clase segunda a secretaría de clase terceira, eliminar o posto de traballo de intervención clase segunda e crear o posto de traballo de adxunto a secretaría-intervención.

– Memoria xustificativa da reclasificación da secretaría de clase segunda en secretaría de clase terceira e da creación do posto de adxunto a secretaría-intervención.

– Certificado da publicación no taboleiro de anuncios do Concello de Meis do anuncio de información pública publicado no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra nº 64, do 7 de abril de 2021, relativo á aprobación inicial da modificación do cadro de persoal, desde o 8 de abril de 2021 ata o 29 de abril de 2021.

– Certificado de non presentación de alegacións no período de información pública citado no parágrafo anterior e de aprobación definitiva da modificación do cadro de persoal e da súa publicación no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra nº 85, do 6 de maio de 2021.

– Certificado de aprobación definitiva do orzamento xeral do Concello de Meis para o exercicio 2021.

– Certificado do número de habitantes en 1 de xaneiro de 2020.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 92 bis, número 4, da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (en diante, LRBRL) dispón que o Goberno, mediante real decreto, regulará as especialidades da creación, clasificación e supresión de postos de funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, así como as que poidan corresponder ao seu réxime disciplinario e de situacións administrativas.

As previsións contidas no citado precepto foron obxecto de desenvolvemento en virtude do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional (en diante, RD 128/2018).

Segundo. O artigo 8 do RD 128/2018 preceptúa que os postos de traballo de secretaría das entidades locais serán clasificados polas comunidades autónomas nalgunha das clases que se detallan, establecendo o punto 1.c) do citado artigo que teñen o carácter de secretaría de clase terceira as secretarías de concellos de poboación inferior a 5.001 habitantes cuxo orzamento non exceda os 3.000.000 de €.

Dado que da documentación achegada se constata que o Concello de Meis ten 4.754 habitantes en 1 de xaneiro de 2020 e que o seu orzamento para o exercicio 2021 é de 2.972.743,31 €, a citada entidade local cumpre cos requisitos para poder reclasificar o seu posto de traballo de secretaría de clase segunda como posto de traballo de secretaría de clase terceira, reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional.

Terceiro. O artigo 11.2 do RD 128/2018 establece que nas entidades locais cuxa secretaría estea clasificada en clase terceira as funcións propias da intervención formarán parte do contido do posto de traballo de secretaría, salvo que os municipios respectivos se agrupen para os efectos de manter o posto de intervención. En consecuencia, a reclasificación do posto de traballo de secretaría de clase segunda como posto de traballo de secretaría de clase terceira do Concello de Meis comporta necesariamente a supresión do posto de traballo de intervención de clase segunda da citada entidade local.

Cuarto. O artigo 15 do RD 128/2018 regula os postos de colaboración reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional que poden crear discrecionalmente as entidades locais para o desenvolvemento de funcións de colaboración inmediata e auxilio ás de secretaría, intervención e tesourería baixo a dependencia funcional e xerárquica dos titulares dos últimos postos de traballo mencionados.

A clasificación destes postos de colaboración correspóndelles á Comunidade Autónoma de acordo cos criterios sinalados no citado artigo 15.3 do RD 128/2018, que na súa letra d) indica que nas entidades locais con postos de secretaría de clase terceira estes postos de colaboración unicamente poden ser clasificados de clase terceira, adscritos á subescala de secretaría-intervención.

O Concello de Meis considera necesario a creación deste posto de colaboración debido ao elevado volume de traballo que debe desempeñar o posto de secretaría-intervención (subministración periódica de información, contratación electrónica, control interno...) e á ausencia de persoal técnico cualificado no cadro de persoal do Concello. E todo iso coa finalidade de realizar un traballo máis profesional e especializado e poder levar a cabo un control e unha fiscalización da xestión económico-financeira e orzamentaria municipal máis adecuada e rigorosa, que favoreza unha visión da Administración pública local máis transparente, eficaz e eficiente e que, en definitiva, sirva con obxectividade aos intereses xerais.

Quinto. A disposición adicional primeira do RD 128/2018 e o artigo 10.7 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos funcionarios con habilitación de carácter nacional, regulan as modificacións na clasificación ou forma de provisión de postos de traballo, indicando que non afectarán os destinos de quen os viñese desempeñando con carácter definitivo, aínda que non pertenzan á subescala e categoría correspondente.

Sexto. O RD 128/2018 atribúelles ás comunidades autónomas, no seu respectivo ámbito territorial, a competencia para clasificar os postos reservados aos funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional, e regula o artigo 10 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, as normas xerais para clasificación de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional.

O artigo 22.3.g) do Decreto 214/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, atribúelle á Dirección Xeral de Administración Local a execución das competencias que, con respecto ao persoal funcionario con habilitación de carácter nacional, lle correspondan á Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do anteriormente exposto, e tendo en conta o informe emitido polo subdirector xeral de Réxime Xurídico Local,

RESOLVO:

Primeiro. A reclasificación do posto de traballo de secretaría de clase segunda do Concello de Meis como posto de traballo de secretaría de clase terceira, reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, coas seguintes características:

Denominación: secretaría-intervención de clase terceira

Subescala: secretaría-intervención

Categoría: sen distinción de categoría

Forma de provisión: concurso

Nivel de complemento de destino: 30

Complemento específico: 20.334,58 € anuais (14 pagas).

Segundo. A supresión do posto de traballo de intervención de clase segunda do Concello de Meis, reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, coas seguintes características:

Denominación: intervención de clase segunda

Subescala: intervención-tesourería

Categoría: entrada

Forma de provisión: concurso

Nivel de complemento de destino: 30

Complemento específico: 20.334,58 € anuais (14 pagas).

Terceiro. A clasificación do posto de colaboración do Concello de Meis denominado adxunto a secretaría-intervención, reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, coas seguintes características:

Denominación: adxunto a secretaría-intervención

Subescala: secretaría-intervención

Categoría: sen distinción de categoría

Forma de provisión: concurso

Nivel de complemento de destino: 30

Complemento específico: 20.334,58€ anuais (14 pagas).

Cuarto. A adscrición de María Carmen Merino Moina, funcionaria de Administración local con habilitación de carácter nacional pertencente á subescala de secretaría-intervención, titular do posto de secretaría de clase segunda do Concello de Meis, ao novo posto de secretaría de clase terceira do Concello de Meis.

Quinto. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e remitir a publicación á Dirección Xeral de Función Pública do Ministerio de Política Territorial e Función Pública para os efectos oportunos.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, os interesados poderán interpor recurso administrativo de reposición, ante este órgano directivo, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015. Así mesmo, a entidade local poderá presentar previamente requirimento no prazo de dous meses conforme o disposto no artigo 44 da dita Lei 29/1998.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2021

Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local