Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Xoves, 1 de xullo de 2021 Páx. 33425

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 16 de xuño de 2021 pola que se convocan os premios de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e á superación persoal correspondentes ao curso 2020/21 (código de procedemento ED311E).

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece entre os seus principios o de proporcionar unha educación de calidade para todo o alumnado independentemente das súas condicións e circunstancias, xunto coa equidade que garanta a igualdade de oportunidades para o pleno desenvolvemento da personalidade a través da educación. Así mesmo, determina que o sistema educativo se orientará, entre outros fins, á consecución dunha educación baseada na responsabilidade individual, no mérito e no esforzo persoal, e ao desenvolvemento da capacidade do alumnado para regular a súa propia aprendizaxe, confiar nas súas aptitudes e coñecementos, así como para desenvolver a creatividade, a iniciativa persoal e o espírito emprendedor.

O Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, dispón no seu artigo 9 que a educación secundaria obrigatoria ten por finalidade lograr que os alumnos e as alumnas adquiran os elementos básicos da cultura, nomeadamente nos seus aspectos humanístico, artístico, científico e tecnolóxico; desenvolver e consolidar neles/as hábitos de estudo e de traballo; preparalos/las para a súa incorporación a estudos posteriores e para a súa inserción laboral, e formalos/as para o exercicio dos seus dereitos e das súas obrigas na vida como cidadáns e cidadás.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade, consciente da importancia de recoñecer e valorar publicamente os méritos baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou e rematou a educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, convoca os premios de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e á superación persoal.

En consonancia co anterior, en exercicio das competencias atribuídas no Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, por proposta da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, e de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Convócanse na Comunidade Autónoma de Galicia os premios de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e á superación persoal (código de procedemento ED311E) correspondentes ao curso 2020/21.

2. A finalidade destes premios é dar recoñecemento público ao esforzo e á dedicación do alumnado desta etapa educativa, reforzar aqueles aspectos que inciden na mellora do sistema educativo e xuntar excelencia con equidade, igualdade de oportunidades e posibilidades de desenvolvemento persoal.

Artigo 2. Número, orzamento e características dos premios

1. Poderanse conceder ata un máximo de 20 premios.

2. Cada premio estará dotado con 800 €, con cargo á aplicación orzamentaria 10.30.423A.480.1 da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, dos orzamentos do ano 2021, cunha dotación global de 16.000 €. A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado para este fin.

3. Estes premios de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e á superación persoal son compatibles con calquera outro tipo de premios, bolsas ou axudas concedidos por algunha Administración pública competente ou por calquera ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou organismos internacionais.

Artigo 3. Requisitos das persoas participantes

Poderá optar aos premios de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e á superación persoal o alumnado que reúna as seguintes condicións:

1. Ter cursado durante o ano académico 2020/21 cuarto curso de educación secundaria obrigatoria no réxime ordinario en calquera dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Estar proposto polo equipo docente para a expedición do título de graduado en educación secundaria.

3. Os alumnos e as alumnas que sexan persoas candidatas ao premio deberán merecer un especial recoñecemento pola dedicación e polo esforzo demostrado ao longo da etapa en superar as súas dificultades, ben de tipo persoal, educativas e/ou da contorna familiar e sociocultural, polo que se fan merecedores de optar a esta modalidade de premios.

O perfil obxecto destes premios correspóndese con alumnado que procede de contornas socioculturais desfavorecidas ou de contornas familiares disfuncionais que supoñan desvantaxe manifesta cara conseguir rematar os seus estudos ou en proceso de superación de enfermidades crónicas ou con discapacidades que condicionan o seu rendemento escolar, a súa relación persoal e a súa inserción social.

Artigo 4. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na aplicación informática PremiosEdu (https://www.edu.xunta.gal/premiosedu/) accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou directamente desde a propia aplicación PremiosEdu.

Opcionalmente poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As solicitudes subscribiranas directamente as persoas interesadas con plena capacidade de obrar ou, se é o caso, os/as representantes legais das persoas solicitantes.

3. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal

Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico premios@edu.xunta.gal

A simple presentación da solicitude leva implícita a aceptación plena de todas as bases desta convocatoria e constitúe unha manifestación expresa de que a persoa solicitante reúne os requisitos exixidos para participar no procedemento, así como de que son veraces os datos que consigne nela.

O prazo de solicitudes será dun mes; comezará o día 24 de agosto de 2021 e rematará o día 23 de setembro de 2021.

Artigo 5. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas que cursasen os seus estudos en centros privados que non teñan todo o seu expediente recollido na base de datos da aplicación XADE e subscriban a súa solicitude de participación mediante unha persoa representante, deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

Acreditación da representación por calquera medio válido en dereito.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas Administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Expediente dos estudos de educación secundaria obrigatoria cursados pola persoa solicitante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

e) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel, efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Procedemento dos centros educativos

1. Os centros educativos enviarán, de cada alumno ou alumna que presente solicitude, os documentos que a seguir se relacionan:

a) Certificación académica dos estudos de educación secundaria obrigatoria (só no caso de que o alumnado non teña todo o seu expediente de educación secundaria obrigatoria recollido na base de datos da aplicación XADE), onde se reflicta a cualificación final media, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/a director/a do centro en que se atope o expediente académico.

b) Informe do perfil da persoa solicitante redactado de acordo co indicado no artigo 12 desta orde. O dito informe será elaborado pola Comisión establecida no artigo 11 desta orde e nel darase conta das especiais condicións da escolaridade da persoa candidata ao premio.

2. Os centros educativos enviarán un correo electrónico por cada persoa solicitante dirixido ao enderezo premios@edu.xunta.gal do Servizo de Avaliación do Sistema Educativo, seguindo o seguinte procedemento:

No asunto da mensaxe indicarase a lenda Procedemento ED311E-Premios ESO ao esforzo e á superación persoal 2020-2021. No corpo incluirase o código da persoa aspirante da cal se envía a documentación e a relación de documentos (certificación académica, cando proceda, e informe do perfil da persoa aspirante). O código da persoa aspirante será o que resulte de substituír por asteriscos os díxitos correspondentes ás posicións 3ª, 4ª, 5ª, 6ª e 7ª do seu DNI. Estes documentos enviaranse nun único arquivo adxunto comprimido cifrado cun contrasinal, que será acordado previamente co Servizo de Avaliación do Sistema Educativo, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

Artigo 10. Instrución do procedemento e exposición de listaxes provisionais para emenda de solicitudes e documentación

A publicación da relación provisional do alumnado admitido e excluído realizarase nos lugares relacionados no artigo 18 desta orde.

De acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, unha vez publicadas as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas, requiriranse as persoas interesadas para que, nun prazo de dez (10) días, emenden a falta ou presenten os documentos preceptivos para a reclamación ou emenda das carencias ou deficiencias detectadas na documentación achegada. De non o faceren, consideraranse desistidas da súa petición e arquivarase esta logo de resolución que se deberá ditar nos termos do artigo 21 da citada lei.

A publicación da relación definitiva do alumnado admitido e excluído realizarase nos lugares relacionados no artigo 18 desta orde.

Artigo 11. Comisión de centro para elaborar o informe do perfil da persoa aspirante

1. Nos centros educativos constituirase unha Comisión formada pola dirección do centro, a xefatura de estudos, a xefatura do departamento de orientación e o/a titor/a da persoa candidata durante o curso 2020/21 ou na ausencia deste/a, un/unha profesor/a, preferentemente da persoa candidata, nomeado/a pola dirección do centro educativo.

2. Esta comisión será a encargada de informar do perfil da persoa que solicita participar neste premio, tendo en conta o esforzo persoal realizado e as súas dificultades persoais, educativas e/ou a contorna familiar e sociocultural. O informe realizarase sobre a base a que se refire o artigo 12 desta orde.

3. O acordo reflectirase en acta, que quedará arquivada no centro educativo.

Artigo 12. Informe do perfil da persoa aspirante

Co fin de que a Comisión de Selección prevista no artigo 13 desta orde poida valorar os méritos das persoas solicitantes, no informe do perfil da persoa aspirante previsto no artigo 9.1.b) desta orde farase constar:

1. As dificultades persoais, educativas ou da contorna sociofamiliar da persoa candidata que ao xuízo do equipo docente dificultaron o seu desenvolvemento educativo.

2. As medidas de apoio adoptadas polo centro educativo en relación coas necesidades educativas da persoa aspirante e a súa repercusión no progreso escolar.

3. A persistencia da persoa aspirante no logro das competencias e dos obxectivos da etapa e a valoración do esforzo persoal para acadalos.

4. A descrición de calquera outra circunstancia que, a xuízo da Comisión do centro docente, mereza ser tida en conta.

Artigo 13. Comisión de Selección das persoas candidatas ao premio

1. Para valorar os méritos das persoas participantes, a persoa titular da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional designará unha comisión formada por un presidente ou unha presidenta, e ata un máximo de seis vogais, coa categoría de subdirector/a xeral, xefe/a de servizo ou inspectores e inspectoras de educación.

O presidente ou a presidenta deberá ser un subdirector xeral ou unha subdirectora xeral, ou un inspector ou unha inspectora de educación.

Actuará como secretario/a, con voz e sen voto, un/unha funcionario/a da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

2. A Comisión de Selección, tendo en conta o informe requirido no artigo 12 desta orde, valorará as propostas presentadas atendendo ás dificultades persoais (ata 10 puntos):

a) Situacións relacionadas coa saúde e/ou o desenvolvemento en xeral, ata 4 puntos.

b) Reunir algunha das circunstancias especificadas nos artigos 26, 27, 28 ou 31 do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, que regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, presentar dificultades educativas derivadas da contorna sociofamiliar e/ou atoparse en risco de exclusión social, ata 3 puntos.

c) Aproveitamento e esforzo, ata 3 puntos:

Ata dous puntos poderán acadarse coa nota media das cualificacións obtidas na etapa de educación secundaria obrigatoria. Para estes efectos computarase a nota media multiplicada por 0,2.

Un punto por acreditar a continuidade dos seus estudos.

3. A valoración final expresarase con dous decimais, redondeada á centésima máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior, e será o resultado de sumar as valoracións acadadas no punto 2 deste artigo.

4. Para poder aspirar ao premio deberase obter, como mínimo, unha puntuación de cinco puntos na valoración final a que se refire o punto 2 deste artigo.

5. A Comisión de Selección resolverá os empates tendo en conta:

I. Maior puntuación no punto 2.c deste artigo.

II. Maior puntuación no punto 2.a deste artigo.

III. Maior puntuación no punto 2.b deste artigo.

6. De persistir o empate, a Comisión de Selección poderá realizar un sorteo.

7. A Comisión de Selección poderá declarar premios desertos.

Artigo 14. Puntuacións provisionais

1. A Comisión de Selección fará públicas as puntuacións obtidas polas persoas candidatas nos lugares relacionados no artigo 18 desta orde.

2. O alumnado participante, ou os seus pais/nais ou representantes legais, poderá presentar reclamación contra a puntuación obtida, no prazo de dez (10) días a partir do seguinte ao da súa publicación.

A reclamación presentarase preferiblemente por vía electrónica a través do anexo II dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, a reclamación poderase presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Ademais, poderase adiantar o envío por correo electrónico ao enderezo premios@edu.xunta.gal

Artigo 15. Resolución

1. Unha vez resoltas as reclamacións, a Comisión de Selección elaborará a acta coa proposta de adxudicación dos premios. Os resultados coas puntuacións definitivas das persoas aspirantes publicaranse nos lugares relacionados no artigo 18 desta orde. A acta orixinal quedará arquivada na Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

As reclamacións entenderanse resoltas e notificadas coa publicación das puntuacións definitivas.

2. A persoa titular da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional elevará a proposta feita pola Comisión de Selección á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, quen emitirá a correspondente orde de adxudicación para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. As persoas aspirantes estarán identificadas por un código alfanumérico.

3. O prazo máximo para resolver este procedemento será de cinco (5) meses desde o día seguinte ao da finalización do prazo de inscrición. Transcorrido o prazo sen que se notificase a correspondente resolución, a persoa interesada poderá entender rexeitada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 16. Recurso

A devandita orde de adxudicación dos premios poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, por delegación de competencia establecida na Orde do 9 de febreiro de 2021 (DOG núm. 31, do 16 de febreiro), no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

1. O alumnado que obteña premio ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 3 de xuño, de subvencións de Galicia. O importe do premio estará suxeito ás retencións que legalmente correspondan.

2. A persoa gañadora debe facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar sobre a veracidade dos datos relativos á devandita conta en que se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do premio, segundo o modelo de anexo III.

Este anexo, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), presentarase preferiblemente por vía electrónica, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada.

Opcionalmente, poderase presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. A persoa beneficiaria destas axudas ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indican os artigos 14.1.j) e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Publicación e información

A relación de alumnado admitido e excluído e as puntuacións obtidas polas persoas candidatas publicaranse no portal educativo https://www.edu.xunta.gal e na páxina de inicio da aplicación https://www.edu.xunta.gal/premiosedu, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Cada persoa participante estará identificada por un código alfanumérico. Este código comunicaráselles á persoa participante e ao centro docente.

Poderase solicitar información no enderezo de correo electrónico premios@edu.xunta.gal

Artigo 19. Modificación da orde de adxudicación

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión do premio, conforme o artigo 17.4 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional primeira. Efectos económicos do Comisión de Selección

Para os efectos previstos no artigo 26 do Decreto 144/2001, a Comisión de Selección aterase á categoría correspondente que determine a Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda e Administración Pública.

Disposición adicional segunda. Publicación na Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional para adoptar os actos e as medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade
P.D. (Orde 9.2.2021; DOG núm. 31, do 16 de febreiro)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Universidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file