Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Xoves, 1 de xullo de 2021 Páx. 33470

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 14 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento TR358A).

O artigo 19 da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, establece que as asociacións de persoas traballadoras autónomas son as titulares dos dereitos de carácter colectivo para exerceren a defensa e tutela colectiva dos intereses profesionais das persoas traballadoras autónomas.

O traballo autónomo ten unha importancia fundamental na creación de emprego e riqueza, no cal descansa boa parte da estabilidade do sistema económico de Galicia. Por iso, o fomento do asociacionismo no sector do autoemprego contribúe á consolidación do colectivo das persoas traballadoras autónomas.

A Consellería de Emprego e Igualdade, a través da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, ten adscritos os rexistros correspondentes ás asociacións profesionais de autónomos e, polo tanto, é de grande interese o apoio ao desenvolvemento das funcións destas asociacións.

Neste contexto, esta orde establece en réxime de concorrencia competitiva, nos termos establecidos no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, axudas para o financiamento dos gastos xerais de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas para que poidan desenvolver de forma eficaz o cumprimento da súa finalidade e fortalecer a súa estrutura.

De acordo co disposto no Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; no Decreto 130/2020, do 1 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade, correspóndelle a esta o desenvolvemento das funcións que lle atribúan as normas de desenvolvemento en Galicia da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo.

Esta orde tramítase de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; no que resulte de aplicación, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), e demais normativa de aplicación.

Polo exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Intervención Delegada, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Obxecto, normativa aplicable e principios

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2021 das subvencións destinadas a sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas máis representativas de Galicia de persoas traballadoras autónomas, coa finalidade de apoiar de forma eficaz a consecución e o cumprimento dos fins que lles son propios, a través do programa de axudas ás entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas (código de procedemento TR358A).

2. Esta axuda ten por finalidade sufragar os gastos de organización interna e funcionamento das entidades asociativas máis representativas de persoas traballadoras autónomas de carácter intersectorial, coa finalidade de apoiar a consecución e o cumprimento dos fins que lles son propios.

3. Para os efectos deste programa, enténdese por entidade asociativa máis representativa de Galicia de persoas traballadoras autónomas de carácter intersectorial aquela que conte con membros en, polo menos, dous sectores económicos entre os da agricultura, industria, construción e servizos.

Artigo 2. Orzamento

1. No exercicio económico de 2021, as subvencións reguladas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 11.04.322C.481.3, código de proxecto 2015 00494, cun crédito de 200.000 euros, que figura na Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A concesión das subvencións estará condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente neste programa no momento da resolución de concesión.

Artigo 3. Principios de xestión

A xestión destes programas realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Emprego e Igualdade.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 4. Normativa aplicable

As solicitudes, a tramitación e a concesión destas subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e, no que resulte de aplicación, na Lei 38/2003, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, e nesta orde.

CAPÍTULO II

Axudas ás asociacións de persoas autónomas

Artigo 5. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta orde as entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas de carácter intersectorial cuxo ámbito de actuación comprenda todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e non sexa superior ao da Comunidade Autónoma.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Requisitos das entidades beneficiarias

1. As entidades solicitantes, para seren beneficiarias, deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Ter personalidade xurídica propia e independente.

b) Estar inscritas no Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia na data de publicación desta orde.

c) Desenvolver a súa actividade exclusivamente no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Ter o seu domicilio social e a sede na Comunidade Autónoma de Galicia, entendendo por tal dispoñer dunha oficina permanente nela.

2. Non poderán solicitar as subvencións reguladas neste programa aquelas entidades que formen parte de confederacións, federacións e unión de asociacións que igualmente presentasen unha solicitude de axudas ao abeiro deste programa.

Artigo 7. Gastos subvencionables

1. Serán subvencionables os gastos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada, realizados no período comprendido entre o 1 de novembro de 2020 e o 31 de outubro de 2021. En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

2. Consideraranse gastos subvencionables os seguintes gastos xerais:

a) Gastos de persoal. Neste concepto só se terán en conta o salario base e as cotizacións sociais, incluídas as pagas extraordinarias.

b) Arrendamentos de locais.

c) Servizos profesionais independentes.

d) Primas de seguros.

e) Publicidade e propaganda.

f) Material de oficina, fotocopias e imprenta.

g) Gastos de subministracións eléctricas, de telefonía, de gas, de auga, de limpeza dos locais e aloxamento e mantemento da web.

h) Cotas de subscrición a publicacións e inscrición en actividades e pola pertenza a outras organizacións autonómicas ou estatais.

i) Gastos de organización ou participación en congresos, seminarios, xornadas e outras actividades de natureza semellante, incluídos os gastos de desprazamento e manutención. A contía da subvención polos gastos de desprazamento e manutención, por participar nestas actividades, non poderá superar o 50 % do seu custo.

j) Gastos ocasionados pola elaboración de estudos e publicacións, pola realización de actividades de formación en Galicia ou pola implantación de proxectos ou programas de promoción do emprego autónomo en Galicia, en particular o programa de remuda xeracional dos negocios dos autónomos, incluídos, neste suposto, os gastos de desprazamento e manutención. A contía da subvención polos gastos de desprazamento e manutención por participar nestas actividades non poderá superar o 50% do seu custo.

k) Gastos de arrendamento financeiro sen opción de compra (renting).

3. En ningún caso serán subvencionables os seguintes gastos:

• Os gastos de persoal e os gastos por servizos profesionais que poidan derivar da contratación dalgún membro dos órganos de goberno da entidade solicitante.

• Os tributos considéranse gasto subvencionable cando a entidade beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda.

Artigo 8. Subcontratación das actividades subvencionadas

1. Autorízase a subcontratación con terceiros ata unha porcentaxe máxima do 80 % do custo total para as actividades recollidas nas letras i) e j) do número 2 do artigo 7, coas condicións establecidas no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tendo en conta as circunstancias sinaladas no artigo 43 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. No suposto de que a subcontratación se realice con persoas ou entidades vinculadas coa entidade beneficiaria da subvención, será necesario que á solicitude de subvención se xunte unha petición de autorización ao órgano concedente para que se poida efectuar a dita subcontratación.

A petición de autorización deberase presentar xunto cunha memoria en que se describa a parte da actividade que vai ser obxecto de subcontratación, as persoas ou entidades vinculadas coas cales se vai subcontratar, con indicación do tipo de vinculación existente, así como do importe da subcontratación prevista, e co detalle das cantidades que vai percibir cada unha das persoas ou entidades coas cales se realice a subcontratación.

Así mesmo, deberanse indicar as razóns sobre a necesidade de realizar a subcontratación coas persoas ou entidades vinculadas.

En ningún caso o importe da actividade subcontratada con persoas ou entidades vinculadas poderá superar o 70 % do importe da actividade subvencionada, e o importe por persoa ou entidade vinculada non poderá ser superior ao 50 % do custo total da actividade subvencionada.

Artigo 9. Contía das subvencións

1. Poderase subvencionar ata o 90 % dos gastos subvencionables establecidos no artigo 7 e, en todo caso, o 10 % restante será por conta da entidade beneficiaria.

2. A contía máxima da subvención non poderá exceder a cantidade de 65.000 €.

3. Para a determinación das contías individualizadas das subvencións, unha vez ordenadas as solicitudes de maior a menor puntuación, iranse adxudicando ata esgotar o crédito dispoñible, de acordo cos seguintes criterios de gradación:

a) Á solicitude que obteña a maior puntuación adxudicaráselle a contía máxima da subvención.

b) Para o resto de solicitudes, adxudicarase unha contía en proporción á súa puntuación e á da solicitude que obteña a maior puntuación.

Na asignación dos criterios anteriores, teranse en conta as seguintes consideracións:

1. As entidades que obteñan a mesma puntuación consideraranse incluídas nun mesmo grupo para os efectos de aplicación da proporcionalidade referida. Se no proceso de asignación das subvencións se chega a un grupo de solicitudes que obteñan a mesma puntuación e non se dispón de crédito suficiente para asignar a todas elas a contía que lles correspondería pola puntuación obtida, a contía que se asignará será a que esgote o crédito dispoñible.

2. Se, ao aplicar estes criterios de gradación, resulta crédito sobrante, adxudicarase ata que se esgote entre as solicitudes con maior puntuación que non acadasen o importe máximo da subvención.

3. Segundo establece o artigo 55 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, se o crédito consignado nesta convocatoria é suficiente para atender as solicitudes, unha vez rematado o prazo de presentación non será necesario fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos nesta orde de axudas. Neste caso, a cada solicitude corresponderalle a contía máxima prevista neste artigo.

4. Notificada a resolución de concesión da subvención polo órgano concedente, se algunha das entidades beneficiarias, no prazo de dez días, renuncia de forma expresa ao seu dereito de percepción da subvención, poderase adxudicar o crédito liberado, segundo o procedemento establecido neste artigo, entre as solicitudes que, acadando a puntuación mínima exixible, non obtivesen a condición de subvencionables polo esgotamento do crédito orzamentario e en proporción á súa puntuación.

CAPÍTULO III

Competencia e procedemento

Artigo 10. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes das subvencións previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade, corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

Artigo 11. Solicitudes e prazo

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades presenta a súa solicitude presencialmente requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365 ).

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

Artigo 12. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Estatutos da entidade.

b) Memoria das actividades realizadas pola entidade e dos servizos prestados ás súas persoas asociadas no exercicio 2020, que inclúa unha breve historia da entidade e a descrición da súa implantación territorial e do seu carácter intersectorial.

c) Memoria das actividades previstas para o exercicio 2021.

d) As últimas contas anuais aprobadas, acompañadas da certificación acreditativa do dito aspecto expedida polo representante legal.

e) Orzamento de ingresos e gastos do exercicio 2021.

f) Para o suposto de subcontratación con persoas ou entidades vinculadas coa entidade beneficiaria da subvención, xuntarase unha petición de autorización para que se poida efectuar a subcontratación, así como a memoria co contido sinalado no segundo parágrafo do número 2 do artigo 8.

g) Libro de rexistro das persoas asociadas á entidade e das que o son a través de entidades asociadas, debidamente actualizado ao ano corrente.

h) Declaración responsable do representante legal da entidade do número de sedes que figuren inscritas no Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia ou cuxa inscrición fose solicitada con carácter previo á presentación da solicitude de subvención, acompañada dos títulos de propiedade, contratos de arrendamento ou contratos de cesión de uso en vigor.

2. Ademais, para acreditaren os criterios de valoración establecidos no artigo 19 desta orde, as entidades solicitantes deberán presentar a documentación específica que a continuación se relaciona e que servirá de fundamento para a concesión da subvención:

a) Contratos de traballo das persoas traballadoras que prestan os seus servizos na entidade.

b) Documentos de cotización á Seguridade Social, documento RNT (relación nominal de traballadores) e documento RLC (recibo de liquidación de cotizacións), correspondentes ao exercicio 2020.

c) Escritura de poder suficiente para actuar en nome da entidade ante a Administración pública, agás que a capacidade de representación se recolla nos estatutos.

d) Acta de constitución da entidade.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola entidade interesada ante calquera Administración. Neste caso, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideren obter os citados documentos, poderaselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

4. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requerirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante da entidade.

c) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

d) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

e) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia.

f) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 14. Emenda das solicitudes

A sede electrónica remitirá as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán a persoa interesada para que nun prazo improrrogable de dez (10) días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará que a persoa ou entidade interesada desiste da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

Artigo 15. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Transparencia e bo goberno

1. Deberase dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 17. Instrución, tramitación e procedemento de concesión

1. O órgano instrutor será a Subdirección Xeral de Emprego da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego e Igualdade, que realizará as actuacións necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. O procedemento de concesión das subvencións previstas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos establecidos no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

4. Unha vez efectuados o exame e a avaliación das solicitudes de cada un dos programas desta orde, someteranse a informe da comisión de avaliación, que terá a seguinte composición:

Presidente: a persoa titular da Subdirección Xeral de Emprego.

Vogais: a persoa titular do Servizo de Emprego Autónomo e unha persoa técnica da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social designada polo seu titular, que actuará como secretaria.

4. O órgano instrutor, á vista dos expedientes e do informe da comisión de avaliación, formulará a correspondente proposta de resolución.

Artigo 18. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia Notifica.gal.. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta do correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude.. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido; entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 19. Criterios de valoración das entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas

1. A valoración das solicitudes presentadas ao abeiro do programa de axudas ás entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas efectuarase de acordo cos seguintes criterios:

a) Número total de persoas asociadas á entidade solicitante. A asociación que acredite o maior número de persoas asociadas valorarase con 35 puntos, a segunda con 30 puntos, a terceira con 25 puntos, a cuarta con 20 puntos, a quinta con 15 puntos e o resto de asociacións con 10 puntos.

b) Media do cadro de persoal da entidade no exercicio 2020. A asociación que acredite un maior número de persoas traballadoras no seu cadro de persoal valorarase con 28 puntos, a segunda con 23 puntos, a terceira con 18 puntos, a cuarta con 13 puntos e o resto de asociacións con persoal contratado con 8 puntos.

c) Postos de traballo ocupados por persoas traballadoras con contrato indefinido con que conta a entidade na data de presentación da solicitude. A asociación que acredite un maior número de persoas traballadoras con carácter indefinido valorarase con 25 puntos, a segunda con 20 puntos, a terceira con 15 puntos, a cuarta con 10 puntos e o resto de asociacións con persoal contratado con carácter indefinido con 5 puntos.

d) Número de sedes. A asociación que acredite o maior número de sedes valorarase con 20 puntos, a segunda con 17 puntos, a terceira con 14 puntos, a cuarta con 11 puntos, a quinta con 8 puntos e o resto de asociacións con 5 puntos. Só se terán en conta aquelas sedes que figuren inscritas no Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia ou aquelas das cales conste no expediente a súa solicitude de inscrición.

e) Antigüidade. A asociación que acredite máis antigüidade valorarase con 15 puntos, a segunda con 13 puntos, a terceira con 11 puntos, a cuarta con 9 puntos, a quinta con 7 puntos e o resto de asociacións con 5 puntos.

f) Orzamento de ingresos e gastos do exercicio 2021. A asociación que acredite o maior orzamento de ingresos e gastos valorarase con 7 puntos, a segunda con 6 puntos, a terceira con 5 puntos, a cuarta con 4 puntos e o resto de asociacións que acrediten este concepto con 1 punto.

2. Para o caso de que se produza un empate nas puntuacións obtidas en aplicación destes criterios, terá preferencia a entidade solicitante que declare e xustifique o emprego da lingua galega nos actos de promoción, así como nas distintas actividades que vai realizar.

3. Para a comparación das solicitudes presentadas, establécese unha puntuación máxima de 130 puntos co fin de establecer unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración establecidos no punto anterior e adxudicar, co límite fixado na convocatoria dentro do crédito dispoñible, aquelas que obteñan maior puntuación. As entidades solicitantes terán que obter, como mínimo, 55 puntos para accederen ás subvencións reguladas neste programa.

Artigo 20. Resolución e recursos

1. Logo da fiscalización por parte da Intervención da proposta emitida polo órgano instrutor, as resolucións serán ditadas polo órgano competente para resolver, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade, e deberanselles ser notificadas ás entidades interesadas. As resolucións, concesorias ou denegatorias, serán sempre motivadas.

2. O prazo para resolver e notificar a resolución será de tres meses, que se computarán desde o día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei de subvencións de Galicia.

3. Notificada a resolución polo órgano competente, as entidades interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación. Transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderase formular, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 21. Xustificación e pagamento

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación no prazo, nos termos e na forma que se estableza na resolución de concesión, da documentación que se exixa de forma expresa nela, xustificativa da realización da actividade para a cal se concedeu a subvención, entre a cal deberá figurar:

a) Memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) Certificación expedida pola persoa representante da entidade, que inclúa unha relación clasificada dos gastos da actividade, con identificación da persoa acredora e do documento, o importe, a data de emisión e, de ser o caso, a data de pagamento, xunto coas facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa e a documentación acreditativa do seu pagamento.

c) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto ou actividade, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o modelo do anexo II.

2. Considerarase gasto realizado o que fose efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

A xustificación do pagamento dos gastos obxecto das subvencións desta orde deberase acreditar mediante transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario de pagamento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificadas a persoa receptora e a emisora do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo. Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria.

3. As entidades beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa para o pagamento no prazo establecido na resolución de concesión e, en todo caso, ata o 15 de novembro de 2021. Excepcionalmente, este prazo poderá ser prorrogado en quince (15) días de forma extraordinaria e por causas debidamente xustificadas.

4. Se da documentación presentada pola entidade beneficiaria queda xustificada unha contía inferior á da subvención inicialmente concedida, emitirase a correspondente resolución revogatoria.

5. Non se poderá realizar, en ningún caso, o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e fronte á Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro.

Artigo 22. Pagamentos á conta

1. Poderanse realizar pagamentos á conta da subvención concedida, que suporán a realización de pagamentos fraccionados que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas e se aboarán por contía equivalente á xustificación presentada.

2. O importe dos pagamentos á conta que, se é o caso, se concedan non poderá ser superior ao 80 % da subvención concedida.

3. De conformidade co disposto no artigo 65.4.f) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan eximidas da obriga de constituír garantías.

CAPÍTULO IV

Incompatibilidades e obrigas

Artigo 23. Incompatibilidades e concorrencia

1. As subvencións reguladas nesta orde serán compatibles con calquera outra clase de subvencións, axudas ou ingresos obtidos para a mesma finalidade.

2. Non obstante o anterior, en ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o custo total dos gastos subvencionables imputados á subvención.

Artigo 24. Obrigas das entidades beneficiarias

Son obrigas das entidades beneficiarias das subvencións:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Emprego e Igualdade, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicar ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberase efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Estar ao día nas súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para darlle publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Emprego e Igualdade.

i) Reintegrar os fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 25. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 26. Revogación e reintegro

1. Procederá a revogación das subvencións establecidas nesta orde, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente, desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

2. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións serán os seguintes:

a) No caso de incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a subvención, dará lugar ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

b) No caso de obter a axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que a impedirían, procederase ao reintegro total.

c) No caso de incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención, procederase ao reintegro en proporción á parcialidade incumprida, cun mínimo dun 5% sobre o total do importe concedido.

d) No caso de incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente, nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e das normas reguladoras da subvención, procederase ao reintegro total.

e) No caso de incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no número 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, procederase ao reintegro do 5% sobre o gasto subvencionado.

Artigo 27. Devolución voluntaria da subvención

Segundo o establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES 82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente unha copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 28. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Emprego e Igualdade levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento do programa.

Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Emprego e Igualdade para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

2. A Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, as entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Disposición adicional primeira

A Consellería de Emprego e Igualdade poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nos diferentes programas desta orde.

Disposición adicional segunda

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade na persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas entidades beneficiarias, respecto das resolucións concesorias de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da Consellería.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2021

María Jesus Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file