Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 2 de xullo de 2021 Páx. 33956

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 9 de xuño de 2021, do tribunal nomeado para cualificar o proceso selectivo extraordinario de consolidación para o ingreso na categoría 020 do grupo II, terapeuta ocupacional, de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, convocado pola Orde do 4 de novembro de 2019, pola que se dá publicidade a diversos acordos.

En sesións que tiveron lugar o 7 e o 8 de xuño, o tribunal nomeado pola Resolución do 30 de setembro de 2020 (DOG núm. 201, do 5 de outubro), para cualificar o proceso selectivo para o ingreso na categoría 020 do grupo II, terapeuta ocupacional, de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, convocado pola Orde do 4 de novembro de 2019 (DOG núm. 213, do 8 de novembro),

ACORDOU:

Primeiro. Ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, anular as preguntas número 14, 131, 135 e 148 do primeiro exercicio deste proceso selectivo. O seu lugar pasa a ser ocupado polas preguntas número 151, 154, 155 e 158, respectivamente. Desestímanse na súa totalidade as restantes reclamacións realizadas ao devandito exercicio.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria, superarán o primeiro exercicio do proceso selectivo as persoas aspirantes que obtivesen unha puntuación mínima de trinta puntos (30 puntos). O tribunal acordou asignar a valoración de 30 puntos no exercicio ás persoas aspirantes que obteñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de aspirantes presentados, e sempre que se alcancen os mínimos fixados para a parte primeira (8 respostas correctas) e segunda (22 respostas correctas) do exercicio, unha vez feitos os descontos correspondentes, para o que se terá en conta que cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta. Non será posible compensar os acertos que excedan nunha parte cos que falten na outra. As preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación.

Para estes efectos, de conformidade coas bases da convocatoria, por Resolución deste tribunal, do 24 de febreiro de 2021, pola que se dá publicidade aos parámetros para a cualificación do primeiro exercicio, estableceuse que superarán o primeiro exercicio as persoas aspirantes coas mellores puntuacións, e sempre que se alcancen os mínimos fixados para a parte primeira (8 respostas correctas) e segunda (22 respostas correctas) do exercicio, unha vez feitos os descontos correspondentes.

Terceiro. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas que superaron o primeiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso na categoría 020 do grupo II, terapeuta ocupacional, de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, convocado pola Orde do 4 de novembro de 2019 unha vez feita a corrección o día 4 de xuño de 2021. Do mesmo xeito asignarase a puntuación proporcional que corresponda ás persoas aspirantes declaradas non aptas.

Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, os aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas en relación coas puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. De acordo co disposto na base II.1.1.2 da convocatoria, as persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio dispoñerán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para presentar a documentación xustificativa de estar en posesión do Celga 4 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

Sexto. De conformidade co disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra estes acordos poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2021

Felipe García Calvo
Presidente do tribunal